1916 foi
un ano aciago. Nel tiveron lugar algunhas das batallas máis devastadoras da
historia: en xaneiro ingleses e franceses conclúen a catastrófica incursión en Galípoli, en febreiro comeza a batalla
de Verdún (700.000 baixas) que
durará 11 meses e en maio a contenda chega ao mar coa batalla de Xutlandia. En México son os tempos da
revolución e Estados Unidos manda 12.000 soldados para combater a Pancho Villa, mentres os patriotas
irlandeses atacan a Oficina Postal e as sedes do goberno británico en Dublin (os
"Levantamentos de Pascua").
En Rusia é asasinado Rasputín e en
Viena a morte de Francisco José I
presaxia o fin do Imperio Austrohúngaro.
España, como non, vive a enésima crise, así
que o presidente (neses momentos Álvaro de Figueroa -Conde de Romanones- do Partido Liberal) convoca eleccións en abril que, por suposto, gaña
como de costume.
Galicia ve o nacemento do movemento
nacionalista coa creación en maio, por parte dos irmáns Villar Ponte e outros intelectuais, da 1ª Irmadade da Fala na Coruña, á que seguen ese mesmo ano a de
Santiago e varias máis. O movemento agrarista e as organizacións obreiras
sacoden os cimentos do sistema político da Restauración. Algunhas protestas son
duramente reprimidas (Nebra en Porto
do Son).
Pero tamén hai tempo para o lecer e para as
novas modas como o deporte. Por exemplo ten lugar unha carreira ciclista entre
Santiago e Coruña con ... 13 corredores! seguidos por 4 automóbiles. Nun día bastante
chuvioso houbo que lamentar algún contratempo (como o atropelo dun porco por un
dos ciclistas). O gañador foi o madrileño Ramón Valentín que fixo o percorrido
de ida e volta en 5 horas e 18 minutos.
Ese mundo turbulento contrasta coa apracible
vida de Ordes. Si, os mozos séguense dando paus e acoitelando nas romarías, os
campesiños poden estar descontentos "cos de arriba" e os fregueses
cos seus párrocos pero poucos se queixan -excepto os xornais conservadores,
claro-. O dominio de Saturnino Aller
na comarca é total. Desde Madrid buscánlle un candidato a deputado vigués, Alfonso Senra, co que formará un equipo
imbatible durante varios anos.
Un dos que se queixan é o xuíz de primeira
instancia, escribindo unha carta que chega a ser lida nas Cortes de Madrid.
Despois de 1905, novamente Ordes chamando a atención nacional.
A constitución da Xunta do censo electoral permítenos saber que os maiores propietarios de terras e gando eran Andrés Martínez Castro Martís do Casal, José Caamaño Gómez de Ardemil, Juan Mosquera Soneira e Fernando Liste Caramelo, o pai de Fernanducho. Os maiores industriais eran Ramón López Calvo, o farmacéutico José Mª Carballido e Andrés Villar Santos. Nesa xunta figuraban Manuel García Bermudez e Antonio Veiras Camba, como presidente e vicepresidente respectivamente, e Julio Pol Caamaño e Domingo A. Moar Veiras como vogais.
Neste ano 1916, en maio, morreu o comerciante Ramón Calvo Vieites, patriarca da familia da máis coñecida ferraxería de Ordes.
E tamén neste ano naceron as festas do Recreo. O rico propietario Ramón Abeijón Sánchez e a súa muller Emilia Sánchez Somoza y Patiño quixeron agradecerlle á Virxe de Lourdes que o seu fillo maior Ramón (o pai de Kilé) volvera san e salvo da guerra de Marrocos sufragando todos os gastos da festa, cousa que fixeron durante varios anos máis.
Ademais vivimos por 1ª vez na historia un concurso gandeiro en Ordes. Non tivo moita participación e varios dos premios foron declarados desertos, pero os comezos sempre son difíciles. Algúns dos gañadores foron Antonio Vázquez (Montaos), Antonio Moar (Buscás), Manuel Viqueira (Barbeiros), Vicente Monteagudo (Ordes), Cándido Castro (Ordes), Manuel García (Ordes), Juan Varela (Ordes), Manuel Suárez (Abellá), Pedro Sánchez (Xanceda) e Gumersindo Liñares (Trazo).
Ah! E había premios tan curiosos como este a "los paradistas que mejor lleven las
anotaciones en los libros de saltos" que por certo gañou o ordense
Ricardo Fernández.
No hay comentarios:
Publicar un comentario