martes, 13 de junio de 2017

Manuel García Gerpe

  Manuel García Gerpe naceu en Ordes o 29 de abril de 1908. Era fillo de Andrés García Mouriño e de Elvira Gerpe Amigo (natural de Val do Dubra). Cando apenas tiña un ano de idade morreu o seu pai e a súa nai regresou a Bembibre deixándoo a cargo da irmá do falecido, Juana García Mouriño (esposa de Pedro Concheiro Rodríguez) e do avó, o banqueiro Manuel García Bermúdez, un dos homes máis ricos da vila, propietario da famosa tenda "Casa Carballo" (onde hoxe está o supermercado Froiz).

  Manuel criouse como un máis da rica e numerosa familia Concheiro García (tiveron 12 fillos). Estudou Dereito e licenciouse en 1931. Aprobou as oposicións convocadas para Delegado de Traballo en Coruña e máis tarde ocupou en Madrid o cargo de Inspector Provincial de Traballo.
  De variados intereses, participou na vida social de Ordes xunto con outros mozos de boa posición da vila, incluído o seu rival político Antonio Concheiro Iglesias, primo da súa familia e só 4 anos maior. Foi secretario da Banda de Música (da que Concheiro era presidente), estivo en comisións de festas, no grupo de teatro, no equipo de fútbol ...

  En 1936 tiña 28 anos e era o dirixente de Izquierda Republicana na comarca ordense. Na campaña das eleccións de febreiro creouse o Comité do Bloque Popular de Esquerdas de Ordes, do que era a cabeza visible, de aí o erro de varias publicacións dicindo que foi alcalde de Ordes cando non chegou a selo.
  O triunfo da coalición Frente Popular implicou a formación de concellos interinos ata a celebración de eleccións municipais. Oito días despois das eleccións Gerpe e o seus partidarios marcharon ata a Casa consistorial e obrigaron a Antonio Concheiro a darlles as chaves.
  Foron momentos de alegría, pero duraron pouco tempo. Só catro meses.
  Afortunadamente para el, o Alzamento do exército franquista sorprendeuno estando en Madrid, o que evitou a súa case segura morte. Compañeiros seus como José García Fernandez ou Manuel del Río Pampín foron fusilados sumariamente.
  Enrolado nas Milicias Populares, estivo na fronte de Aragón ocupando diversos cargos nos tribunais de xustiza militar. Ao final da guerra ostentaba o cargo de Capitán do Corpo Xurídico Militar do exército republicano.
  Perdida a guerra comeza o amargo camiño do exilio. En 1939 cruza a fronteira francesa e alí permanecerá 9 meses en varios campos de refuxiados. Logo consegue axuda desde Buenos Aires para el e a súa muller, a madrileña Esperanza Panadero Caballero.

  En Arxentina Gerpe continúa a súa loita contra a ditadura usando a pluma. Escribe tres libros, entre eles "Alambradas" onde rememora a súa etapa en Francia. Tamén exerceu o xornalismo político no exilio, onde fundou "El Republicano Gallego" e editou con José Tobío Mayo e Manuel Varela Buján a folla “Crisol Gallego” que saía publicada no xornal "Sábado". Partidario dunha liña de apoio decidido á guerrilla galega e á oposición antifranquista organizada en Francia, liderou o Centro Republicano Federal Gallego que esgazou da Federación de Sociedades Gallegas logo dun período de conflitividade interna arredor de 1948.

  Morreu en Buenos Aires o 4 de xullo de 1949 aos 41 anos e alí segue soterrado no cemiterio de Chacarita.
FONTE: Obradoiro da Historia.


  Manuel García Gerpe da o seu nome a unha das máis novas rúas da vila que comunica a estrada a Poulo co antigo camiño á Espenica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario