lunes, 13 de noviembre de 2017

Tempos duros, tempos salvaxes

  1912 foi un ano pródigo en altercados violentos no concello de Ordes (doutra banda nada fóra do común naqueles tempos). O de maior gravidade acabou coa morte de Lorenzo Iglesias (Leira) e a detención de Antonio Gómez Calvo, José Gestal Louro, Manuel Silva, Jesús Candal, Manuel Gestal e Manuel Vilariño Souto (Ardemil).

  Na parroquia de Ardemil tiveron lugar a maioría de sucesos. Juan Candal Gómez feriu gravemente ao seu veciño José Ramos Gómez e José Botana xunto con Manuel Louro mallaron solidariamente a José Garaboa de volta da feira da Adina.
  Incluso as mulleres recorrían á violencia como demostrou en "Horta do Chan" a moza de 17 anos Casilda Gómez quen, en compañía doutra moza da mesma idade, apedrou a Cecilia Bello Uzal. Esta non fuxiu ante o ataque (cabe deducir que a puntería das mozas non era boa) pero si a agresión a distancia foi inefectiva, non ocorreu o mesmo coa de proximidade: Casilda colleu a fouce de Cecilia e atacouna con ela producíndolle un gran corte no antebrazo. Claramente, en Ardemil en 1912 podía cantarse "Las chicas son guerreras" con toda a razón do mundo.

  As leas de veciños non quedaban en meras discusións. José Gaudeoso viu como a noite do 27 de maio ardía a súa casa e o seu horto de repolos, trigo e patacas quedaba coma se lle pasase por enriba unha manda de búfalos. Foron detidos varios veciños de Ardemil: Pedro Rosende, Andrés Gómez, Manuel Noya e Bernardo Couto (entre outros).

  Quizais o suceso que involucrou a máis cantidade de xente foi unha pelexa que houbo en Leira o domingo 21 de abril.
  Resulta que había unha duradeira inimizade entre mozos de Leira e de Carral, así que estes últimos fixeron unha "quedada" (sen necesidade de ter whasap!) e presentáronse na festa que había ao final dunha tasca de liño na casa de Antonio Candal, no lugar de Castro, convenientemente equipados de armas (paus, pedras, coitelos e mesmo pistolas).
  A pelexa foi feroz, practicamente unha batalla campal grazas ao gran arsenal despregado. Oíronse tiros, voaron pedras e choveron golpes e coiteladas. Parece que Jesús Veiras Vázquez, por parte de Carral, e Lorenzo Iglesias Barral, por parte de Leira, dirixían as operacións. Á fronte das súas tropas (como os antigos caudillos) recibiron a maior parte dos golpes. 
  Ao final, cando se considerou que xa estaba suficientemente defendido o honor (parroquial) patrio e as hostes abandonaron o campo de batalla, quedaron alí tendidos os líderes acompañados de Manuel García Calvo e Andrés Mosquera Liñares.
  Chegadas as noticias a Ordes, viñeron o xuíz accidental D. José García Barros, o oficial D. José Sánchez e o médico Antonio Concheiro Rodríguez (un dos grandes beneficiados economicamente destes conflitos), máis a consabida parella da Garda Civil.
  Foron detidos Jesús Veiras Vázquez, José Garaboa e Jesús García.
  O número total de feridos foi imposible de saber porque a maioría curáronse secretamente nas súas casas para evitar o indesexado contacto coa xustiza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario