Foron convocadas polo liberal ferrolán José Canalejas o 8 de maio. Por suposto, como era habitual, o partido do goberno
gañou mentres os conservadores perderon un gran número de escanos. O terceiro
partido foi unha coalición republicano-socialista comandada polo famoso
escritor Benito Pérez Galdós que
permitiu que Pablo Iglesias Posse
conseguise un histórico primeiro escano para o PSOE.
En Ordes foron unhas das eleccións máis
rifadas da historia porque Saturnino Aller aínda non lograra o control total do distrito.
En principio presentábanse 8 candidatos,
entre eles o propio Aller, os irmáns Rafael e José Gasset, Linares Rivas,
Celestino Amigo Oreiro e José Pérez Neu, todos eles para facer vulto porque a
loita era entre dous homes: o actual deputado, o conservador José Lombardero Franco, e o protexido de
Gasset, o avogado malagueño Francisco Prieto
Mera.
No concello de Ordes, que fora baleirado de
concelleiros conservadores, Prieto gañou por 739 votos a 268, pero no total do
distrito Lombardero gañou con 4.418 votos por 2.937 de Prieto a pesar de todas
as falcatruadas de Aller.
Non obstante o tema non acabou aquí:
Lombardero tamén se presentara polo distrito de Pontedeume ... e tamén gañou. Por
sorteo tocoulle ser deputado por Pontedeume, así que a praza por Ordes quedou
vacante.
Non quedou máis remedio que convocar outras
eleccións parciais que tiveron lugar o 25 de decembro. Os conservadores
tremeron ... e con razón. Nese medio ano Saturnino Aller seguira manobrando,
poñendo xente nos concellos que aínda non controlaba e o resultado final foi
moi distinto.
Presentábanse nesta ocasión dous candidatos
moi similares aos das anteriores eleccións: o conservador Julio Wais Sanmartín (avogado coruñés que estudara a carreira en Santiago) contra o liberal cunero (era alacantino) Joaquín Chapaprieta y Torregosa.
Sospeitosamente en concellos
nos que 7 meses atrás arrasara o candidato conservador agora sucedía ao revés.
Por exemplo, en Trazo (o caso máis extremo) pasouse de 573-8 a un sorprendente 8-379 e en
Oroso de 366-75 pasouse a 154-553. Estes concellos foron a base dunha apurada remontada liberal.
Ao final na reunión da Xunta electoral do
censo, entre acusacións de tongo, proclamouse a vitoria de Chapaprieta por
3.163 votos contra os 2.928 de Wais. Quedou sen escrutar (para desesperación de
Wais) Tordoia, feudo conservador, por diversas irregularidades.
Unha vez máis o nome de Ordes chegou a
Madrid. O deputado Sanjurjo protestou vehementemente no Congreso polos
atropelos cometidos no distrito. Unha vez máis non valeu de nada.
Chapaprieta ocupou o escano e Wais quedou sen
el (entraría un par de anos despois, casualmente polo distrito de Pontedeume, substituíndo a
Lombardero), pero o verdadeiro vencedor foi Saturnino Aller.
Durante os seguintes 13 anos ninguén podería sacudir o seu xugo na comarca de Ordes.
Durante os seguintes 13 anos ninguén podería sacudir o seu xugo na comarca de Ordes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario