En 1916 comeza unha etapa en Ordes marcada
polo binomio Aller - Senra. O dominio que Saturnino Aller exercía no distrito era xa implacable sen ningunha oportunidade para
os opoñentes. Europa podía estar en guerra e España podía estar continuamente
en crise e cambiar de goberno cada dous por tres, pero Ordes, como un estado
medieval, estaba rexido con man de ferro polo seu señor feudal.
En 1916 mándanlle como candidato a un avogado
vigués de 39 anos, miope e de pequena estatura: Alfonso Senra. O entendemento entre ambos é total. Senra é activo
coma un esquío, móvese con soltura na xungla de ministerios, delegacións e
comisións. Escribe libros de dereito, presenta propostas, contesta alegacións
... e o máis importante, acada dotacións para obras no distrito. A iso
engádeselle que non ten inconveniente en achegarse a Ordes todas as veces que é
requirido, sexa para un acto electoral, para encabezar un banquete ou unha
procesión ou simplemente para conferenciar con Aller.
En 1916
na maioría da provincia, agás Betanzos, Corcubión e Ferrol, non houbo
eleccións pois, ao haber un único candidato, pasaba a aplicarse o Artigo 29. Alfonso Senra e os demais conseguiron a acta en abril.
Una anécdota: Saturnino Aller trouxo a Ordes en
agosto daquel ano a Alfonso Senra (e a Ramón Fernández Mato) e para celebralo
axeitadamente tamén trouxo -supostamente a cargo do seu propio peto- a máis de
200 nenos e nenas do hospicio coruñés, acompañados de varias monxas (Irmás da
Caridade), á banda do hospicio e ao director Sr. Santaló. Despois da inevitable
misa "cantada admirablemente por las
niñas acogidas" os rapaces tiveron un xantar ao aire libre e moita
diversión. O fotógrafo Ksado deu testemuña deste día cunha foto de grupo diante
da casa de Aller (hoxe o Bar Nogallás). Como dicía "La Voz de Galicia": «Es
alabado en cuanto vale el altruismo del Sr. Aller, y así lo expresaron los
tiernos invitados y el público con sus aplausos».
Nas eleccións de 1918 houbo 4 candidatos por Ordes, 2 de recheo (o inevitable Aller,
que tamén se presentaba por Padrón, e o futuro alcalde de Santiago Felipe Gil Casares) e outros dous que loitarían (ben pouco) pola vitoria e que eran Alfonso
Senra -nese momento "gassetista"- e o maurista Luis Harguindey. Aller
procuroulle a Senra o 73 % dos votos (uns 4.400 de 6.000).
En 1919
enfrontouse a Jacobo Varela de Limia Menéndez, que foi o opoñente
máis duro: Senra obtivo "só" o 64 % dos votos (4.200 de 6.500).
Os resultados das eleccións seguintes son de
chiste, sen ningunha preocupación de parecer verosímiles. En ambos os dous casos
Senra obtivo máis do 99 % dos votos. En 1920
foron exactamente 5.181 de 5.201 (o seu opoñente, outra vez Jacobo Varela, tivo
20 votos) e en 1923 foron 5.331 de
5.333 (o opoñente, Francisco Vázquez Enríquez, agrario que só se presentou para
evitar o artigo 29, tivo ... 2 votos!!!).
No hay comentarios:
Publicar un comentario