O ano 1917 está marcado polo comezo da Revolución Rusa, suceso que cambiaría a
face do mundo e determinaría todo o século XX. Pero tamén é o ano da entrada de
USA na guerra, crucial para a victoria dos aliados.
En España é un momento de gran crise. A 1ª Guerra Mundial provocou un gran
crecemento económico grazas ao auxe da exportación, pero isto, á súa vez,
ocasionou unha imparable inflación que dificultou aínda máis a vida das clases
menos favorecidas que se radicalizaron ante este desigual reparto dos
beneficios. Todo xunto derivou nunha crise que tivo tres ámbitos: militar,
parlamentario e social.
-
Os numerosos oficiais do exército que tiñan que aparentar posición cun soldo
moi baixo, descontentos coa política de ascensos que premiaba aos "africanistas"
(os que combatían na Guerra de Marrocos), crearon as Juntas de Defensa que ían
contra a disciplina militar e a subordinación do exército ao poder civil. O
gabinete de García Prieto dimitiu pero
o seu sucesor, o conservador Eduardo Dato, someteuse á imposición militar e aceptounas.
-
70 deputados e senadores da Lliga Regionalista,
republicanos, socialistas e mesmo algún membro do Partido Liberal constituíron
en Barcelona unha Asamblea Nacional de Parlamentarios que demandou un cambio de
goberno e a convocatoria de Cortes Constituíntes, o que supuxo unha crise
parlamentaria sen precedentes.
-
A Folga Xeral de agosto. As
organizacións obreiras medraran enormemente grazas ao descontento social. A CNT
e a UGT
(organizacións de masas) convocaron unha folga, en principio laboral pero coa
clara finalidade de derrubar o goberno. Foi un gran éxito xa que tivo un amplo
seguimento nas cidades pero, paradoxalmente, tamén foi un fracaso pois as
consecuencias foron as contrarias ás pretendidas. Ante a ameaza de revolución
obreira, e co exemplo ruso na mente, as Juntas
de Defensa abandonaron as súas peticións e apoiaron unha feroz represión
contra os folguistas. A folga acabou cun centenar de mortos e miles de detidos.
Doutra banda, a dimisión de Eduardo Dato e a formación dun goberno de coalición
coa participación da Lliga Regionalista
trouxo a inmediata desactivación da Asamblea
de Parlamentarios.
En Galicia, pouco industrializada, a folga non
tivo tanta repercusión pero ata en Santiago, capital do conservadurismo, as
leiteiras negáronse a subir o leite aos pisos dos señoritos. Comezou en maio en
Barreras (Vigo) e estendeuse por toda Galicia, adquirindo máis importancia ao
unirse os ferroviarios. O momento máis forte foi entre o 13 e 18 de agosto en
que as cidades estiveron bastante afectadas.
Neste ano 1917 naceu na cidade da Coruña "El Ideal Gallego", de ideoloxía católica e con simpatías agraristas. Foi o seu primeiro director Alfredo García Ramos.
En Ordes quedaban lonxe estes problemas
(excepto o da inflación que se sufría como todo o país) así que a xente
entretíñase coa vida social que incluía algunha voda de postín, enterros e
sucesos varios como algún chamativo roubo.
A voda máis comentada do ano foi a do médico
de Trazo, Francisco Liñares Iglesias (da poderosa familia Liñares) coa moza do Mesón do Vento Concepción Ramos Insua, irmá do
adiñeirado propietario da pousada, Antonio Ramos
Insua, e de Celsa (que sería ata a
súa morte en 1977 a
muller máis rica do Mesón). A cerimonia tivo lugar na igrexa de San Pedro de
Ardemil e foi oficiada por D. Pascual Couce Pico. As mellores familias de
Ordes (Liñares, Concheiro, Astray, Castro, Amigo, Iglesias, Stolle...)
asistiron ao convite, incluído o presidente da Deputación Saturnino Aller.
En marzo morreu o acaudalado propietario Manuel Álvarez Valdés, en xuño o xuíz Jaime Iglesias Rapela dunha adiñeirada e ben relacionada familia (era cuñado dos Amigo, Castro, Concheiro e Liñares) e en setembro o
gran enterro foi o do procurador, antigo recadador de contribucións e presidente do comité do Partido Conservador no distrito, Policarpo Rivas
Godoy, pai de Luis Rivas (médico de Cerceda casado con Teresa
Liñares), de Ricardo Rivas (secretario de Cerceda e tamén recadador) e sogro de
Ricardo Amor del Río, do avogado José Iglesias Álvarez (que morrería ao ano
seguinte) e de Manuel Astray Mato.Tamén morreu en Ordes Efigenia Cárdelo Vilarelle, viúva do médico Marcial Carrero e nai de María, Pepita e Consuelo, coñecidas como as Marcialas.
O roubo foi no serradoiro que posuía en Ordes Celestino Amigo. En novembro foi asaltado e roubaron ferramentas por valor de 105,25 pesetas. O sospeitoso principal foi José María García Vázquez pero sería absolto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario