sábado, 5 de agosto de 2017

O rexurdimento de Aller

  1910 foi o ano do cometa Halley que, como cada 75 anos, pasou preto da Terra sen producir a catástrofe que moita xente esperaba.
  En España era presidente o liberal Segismundo Moret que, perdida a confianza do rei Alfonso XIII, viuse obrigado a dimitir e foi substituído polo tamén liberal Canalejas. Durante o goberno deste tomáronse decisións como permitir que as mulleres estudasen na Universidade (8 de marzo) e permitir o culto público de calquera relixión (11 de xuño) o que causou enorme malestar entre o clero católico e os elementos máis reaccionarios.
  En Madrid iniciábanse os traballos para a construción da Gran Vía.

  En Galicia continuaba a axitación agraria. Especialmente na zona de Betanzos os solidarios tiñan gran apoio pero as súas vitorias nas eleccións municipais eran despois anuladas pola comisión da Deputación.

  En Ordes a gran noticia de 1910 foi o retorno de Saturnino Aller ao poder. Lembremos que, por mor da súa vitoria nas eleccións de 1905, Aller púxose a mal coas dúas familias do seu partido na provincia, os monteristas e os gassetistas. A vinganza foi inmediata: os seus partidarios nos concellos foron destituídos e a fonte do seu poder quedou moi danada. Pero en política tres anos son moitos e o inimigo de onte é o teu mellor amigo hoxe. Aller, á súa volta de Madrid, fíxose perdoar porque era un activo impagable para o Partido Liberal. Esquecidos os agravios, foi recompoñendo aos poucos a súa rede de contactos, colocando partidarios seus nos concellos do distrito.
  1910 marca o fin da súa travesía polo deserto. En xaneiro a comisión da Deputación, dominada polos liberais, anulou votos e actas dos concelleiros conservadores no concello de Ordes, o que implicou a entrada neste de varios concelleiros alleristas.
  Por certo que unha das primeiras decisións desta corporación foi suprimir a iluminación pública que custaba 600 pesetas anuais. Con ironía tomaron algúns a medida: "Para ver ciertas cosas es mejor vivir a oscuras".
  Para acabar de redondear a faena, antes das eleccións de maio foron suspendidos de funcións os concelleiros conservadores e postos no seu lugar concelleiros interinos (tamén en Cerceda outra corporación interina tomou o mando). 
  José Faya Fernández, irmán do propietario da fábrica de curtidos, logrou chegar á alcaldía, collendo o posto de Antonio Moar Veiras pero non lle duraría moito a alegría.
  Posteriormente tamén se destituíu ao secretario, Jesús Cubeiro, que foi substituído por Pedro Concheiro Rodríguez e houbo un cambio de alcalde: Faya viuse obrigado a deixar o seu posto a Juan Barreiro Ríos, rico negociante e banqueiro que tiña un comercio fronte á igrexa.
  As eleccións de decembro demostraron que Saturnino Aller xa era de novo, sen ningún asomo de dúbida, o home máis poderoso do distrito.

  Como curiosidade, nese ano Manuel Bascoy Pedreira foi nomeado mestre interino da escola de Mercurín cun soldo anual de 311,50 pesetas! (a maioría de escolas do rural tiñan ese soldo porque eran dadas aos mestres máis baixos no escalafón).
   Para que teñamos referencias, en España, de media, un quilo de pan de centeo valía 29 céntimos (o de trigo 37), un de patacas 15 céntimos e un de arroz 59. O quilo de carne de vaca valía 1,73 pesetas e o de porco 2 pesetas, mentres que unha ducia de ovos valía 1,10 pesetas.
  para rematalo, Galicia era unha das rexións máis caras, onde os prezos podían ser ata un 60 % máis altos ca media nacional. Claramente a frase "pasar máis fame ca un mestre de escola" non era ningunha esaxeración.

No hay comentarios:

Publicar un comentario