martes, 4 de abril de 2017

Agrarismo en Galicia

  Ao longo de todo o século XIX o campo galego, sempre ao bordo da fame, viviu en continua efervescencia.
  O campesiño pobre, traballador de terras alleas ou de minúsculas leiras de seu, era o elo máis débil da cadea: sempre en desvantaxe fronte aos fidalgos, os grandes propietarios, a Igrexa, o exército coas súas quintas, os recadadores, os prestamistas, os avogados e procuradores nos xulgados e os tratantes nas feiras.
  Todo iso foi creando un clima de progresivo malestar onde a resignación foi mudando en enfado e, durante o primeiro terzo do século XX, deu paso aos estalidos de ira.

  Dous eran os temas que focalizaban este malestar:
- Os caciques vistos como elementos que impedían o desenvolvemento do mundo rural manténdoo artificialmente atrasado para favorecer os seus propios intereses económicos, e, por extensión todo o sistema político da época da Restauración que eles simbolizaban.
- Os foros, anacronismo de orixe medieval aos que achacaban gran parte dos males do agro galego.
 

  O agrarismo como movemento social naceu nas comarcas costeiras de Pontevedra no último terzo do século XIX (a primeira mutua naceu en Caldas de Reis en 1886) e ata 1906 foi un fenómeno especificamente pontevedrés xustificado pola súa especialización na exportación de gando a Inglaterra e Portugal.

  En xaneiro de 1906 aparece da man de Rafael Gasset a Ley de Sindicatos Agrícolas que supuxo o pistoletazo de saída para a creación dun gran número de asociacións agrarias a través das cales os campesiños (e en moitos casos outros pescadores en río revolto) puideron expresar as súas reivindicacións.
  Na primeira década do século XX, tres foron as tendencias principais:

- Solidaridad Gallega, unha estraña mestura entre dereita carlista, galeguistas e republicanos (todos eles fóra do sistema político da Restauración) que naceu como movemento cidadán en agosto de 1907, imitando o exemplo catalán. A pesar da súa orixe cidadá prendeu con forza no campesiñado. Paralelamente naceu "A Nosa Terra", o voceiro da organización.

Unión Campesina, de orientación anarquista, fundada en setembro de 1907 tamén na Coruña. Foi menos exitosa e só tivo forza na comarca coruñesa e tamén no noso distrito, Ordes.

- O Directorio Antiforista de Teis, fundado en decembro de 1907, foi un movemento radicado sobre todo na provincia de Pontevedra e logo en Becerreá (Lugo), que facía da loita contra os foros a súa razón de ser. Contou durante os seus primeiros pasos coa simpatía do Partido Liberal.


  Todos estes movementos, afogados polas súas contradicións, esmoreceron rapidamente. A Unión Campesina desapareceu en 1910, coas súas asociacións uníndose á Solidaridad Gallega, pero esta tamén morreu un par de anos despois, en 1912. O Directorio de Teis, perdido o apoio dos liberais cando as súas posicións se radicalizaron, tampouco resistiu.

  O substituto de todos eles foi Acción Gallega, fundada en 1910 ... en Madrid! polo controvertido e carismático Basilio Álvarez que sería a principal figura do agrarismo galego durante as dúas seguintes décadas do século XX.

No hay comentarios:

Publicar un comentario