O ano 1919
comeza coa Conferencia de Paz de Versalles que celebraron os vencedores da 1ª GM (os vencidos non puideron
asistir). O tratado, que se asinou en xuño, caracterizouse por un esaxerado ánimo
de desquite: despezáronse os territorios dos perdedores e impuxéronselles
cuantiosas indemnizacións de guerra. John Maynard Keynes, economista británico,
advertiu que estas causarían estragos na economía mundial e que o Tratado en
si, máis que un acordo de paz, era unha declaración de guerra. A hiperinflación
alemá de 1923 e a depresión mundial de 1929 daríanlle a razón.
Como contrapartida creouse a Sociedade de
Nacións co utópico obxectivo de eliminar as guerras, mentres ao mesmo tempo en
Moscova fundouse a III Internacional, co ben diferente obxectivo de propiciar a
revolución mundial.
En cambio foi un bo momento para as mulleres
que viron como en decembro de 1919
a británica Nancy Astor obtivo un escano na Camara dos
Comúns e, en agosto de 1920, lograron o voto nos Estados Unidos. Pero xa antes
demostraron a súa forza sendo as principais impulsoras da Lei Volstead, a
popular "Lei Seca" que propiciaría o gangsterismo no país.
España, mentres tanto, seguía instalada na
crise. A conflitividade social era enorme, sobre todo en Cataluña e aínda máis en Barcelona. En 1919 unha folga paralizou a cidade durante máis
dun mes e foi un enorme éxito (especialmente para a CNT) pois cando finalizou
conseguíronse melloras salariais, readmisión de obreiros, liberación de presos
e... unha xornada laboral de 8 horas.
A reacción non se fixo esperar: peches
patronais, "Lei de Fugas", pistoleirismo... Aínda así as agrupacións
obreiras seguían medrando pero tamén entre elas había tensións. En 1920 naceu o
PCE ao escindirse do PSOE algúns integrantes da Federación de Juventudes Socialistas.
Este estado de crise permanente impediu a
estabilidade dos gobernos. Houbo eleccións en 1919 e en 1920 que gañaron as
distintas faccións conservadoras pero ninguén era quen de resolver o problema
de fondo.
Non obstante non todo eran penas no país.
Outubro de 1919 viu acabados os primeiros 2,5 km do metro madrileño
entre a Porta do Sol e o barrio de Cuatro
Caminos.
En Galicia, as organizacións obreiras eran
bastante débiles e o agrarismo estaba moi fragmentado. O nacionalismo era moi
minoritario pero deu algún paso importante. En 1919 reuniuse en Santiago a
Asemblea das Irmandades da Fala que acordou comezar a celebrar o Día Nacional de Galicia
o 25 de xullo do ano seguinte. Aínda así houbo que esperar ata mediados dos
anos 20 para que este día se celebrara en case toda Galicia e nos centros da
emigración, principais difusores da ideoloxía galeguista e a tradición galega
mediante a música e ás súas publicacións. Tamén en 1920 tivo lugar un fito do galeguismo: a aparición da revista "Nós" en Ourense.
En xaneiro de 1919 a empresa Castromil, que o ano anterior comezara as viaxes de Santiago a Pontevedra, inaugura a súa liña Santiago-Coruña. Os castromiles desde 1924 serán os dominadores da principal estrada da Galicia atlántica.
A cidade da Coruña sufriu a desaparición do seu maior referente no campo do lecer e a cultura: o moi recordado Pabellón Lino, que comezara a súa andaina no 1906, queimouse completamente en 1919, un ano despois da morte do seu fundador, o empresario Lino Pérez.
En xaneiro de 1919 a empresa Castromil, que o ano anterior comezara as viaxes de Santiago a Pontevedra, inaugura a súa liña Santiago-Coruña. Os castromiles desde 1924 serán os dominadores da principal estrada da Galicia atlántica.
A cidade da Coruña sufriu a desaparición do seu maior referente no campo do lecer e a cultura: o moi recordado Pabellón Lino, que comezara a súa andaina no 1906, queimouse completamente en 1919, un ano despois da morte do seu fundador, o empresario Lino Pérez.
No ano 1920 naceu en Santiago o xornal "El compostelano" de ideoloxía conservadora. Nel apareceron numerosas noticias de Ordes, pois o correspondente na vila era o mestre Nicolas del Río.
A poboación galega nese 1920 era de 2,1 millóns de habitantes, o 9,9 % da española, que chegaba aos 21,4 millóns.
E en Ordes, concello no que vivían 7.600 almas, nada cambiou a nivel político. Saturnino Aller seguiu mandando placidamente a pesar de que os conservadores día tras día anunciaban a súa caída inminente. A repetición de eleccións só conseguía que o deputado Alfonso Senra viñese máis a miúdo ao distrito.
En 1919 morreron en Montaos Josefa Mosquera Liste e, en Ordes, Dolores Platas* e o farmacéutico José Mª
Carballido. O adro da Igrexa estaba tan cheo que ese ano decidiuse construír un
cemiterio novo no Laranxal (o cemiterio do Piñeiro). En 1920 comezaron as obras. Tamén se arranxou o deteriorado tellado da igrexa grazas a unha dotación acadada (como non!) polo noso deputado. A finais do ano Manuel García construiu un edificio (onde hoxe está Froiz) que alugou ao Estado como novo cuartel da Garda Civil, un dos mellores nesa época. Fernando Liste Caramelo e Manuel Gª Franqueira compraron un camión para o traslado de mercancías.
Ese mesmo ano
morreu en Santiago o xornalista Vicente Carnota e en Mesía Estrella Rodríguez Alonso, matriarca da familia Concheiro. En Ordes faleceron o médico
Augusto Carballido Pol, cuñado do farmacéutico Santiago del Río, e o mestre de Leira durante 40 anos José del Río Martínez. A voda notable foi a do avogado Domingo A. Moar Veiras con Pura Viqueira (1896-1990). Só uns días despois morrería o seu sogro, o comerciante José Viqueira Vieites (1871-1920).
E, despois da terrible epidemia de gripe de dous anos
antes, Ordes sufriu varios casos de encefalite letárxica (especialmente en
Leira e Ardemil) que ocasionaron algunha vítima e dispararon todas as alarmas pero
afortunadamente non tivo a mesma gravidade e pronto remitiu.
* Dolores Platas Piñeiro: irmá da mestra de Montaos Francisca Platas Piñeiro (m.1937) e muller de Ricardo Trasmonte Mosquera, dono da taberna e fonda "La Pinta". Foron pais de Ricardo e Rosita Trasmonte Platas (m. 1977 na Coruña).
* Dolores Platas Piñeiro: irmá da mestra de Montaos Francisca Platas Piñeiro (m.1937) e muller de Ricardo Trasmonte Mosquera, dono da taberna e fonda "La Pinta". Foron pais de Ricardo e Rosita Trasmonte Platas (m. 1977 na Coruña).
No hay comentarios:
Publicar un comentario