sábado, 30 de junio de 2018

José Ferreiro Recouso

  Hoxe vou recordar un dos membros da miña familia que, como tantos outros ordenses, tivo que emigrar e labrarse un futuro fóra, aínda que el tivo a sorte -ou a obstinación- de vivir en Galicia.
  José Ferreiro Recouso -dos Faberos, non dos Ramechos- naceu o 20 de outubro de 1892 en Vilar. Foi o primeiro dos 6 fillos de Juan Ferreiro Franqueira e Manuela Recouso del Río.

  José tivo dúas cualidades que destacaron sobre as demais: unha xenética privilexiada que lle permitiu chegar aos cen anos sen case ter enfermidades e un carácter firme e serio que impoñía respecto.
  As duras condicións de vida da época axudárono a forxar ese carácter. Xa contei que nalgunha ocasión tivo que vir da Coruña a Ordes a pé e que chegara case ao mesmo tempo que a Ferro-carrilana. A economía na súa casa non estaba ben e viuse obrigado a emigrar sendo un mozo de 20 anos. Estivo en Buenos Aires (onde coincidiu co seu pai), en Montevideo, en Brasil e case dous anos e medio en Cuba. Pero ningún destes lugares o convenceu. A pesar de ter a 4 dos seus irmáns tamén emigrados en Arxentina, el decidiu volver.
  Instalouse na Coruña onde logrou traballar en Telégrafos e logo no Ministerio de Facenda e por pouco tempo en Agricultura.
  Casou con Mª Concepción Taboada coa que tivo 6 fillos: Juan, Manola, José, Roberto, María e José Antonio. Pese ao seu carácter adusto encantáballe bailar, especialmente o vals, e sempre recordou con agarimo as funcións no Pavillón Lino.
  Cando tiña 33 anos comezou a traballar de bedel no instituto Eusebio da Guarda, onde viviu e criou á familia. No instituto traballou ata a súa xubilación aos 70 anos, converténdose nunha figura sumamente coñecida entre varias xeracións de coruñeses que lle tiñan máis medo a el que aos profesores e ao director.
  Longos paseos pola cidade e partidas de dominó (que era a súa maior afección) no Círculo Recreativo de Artesanos ocuparon os seus últimos anos.
  Cando era centenario os antigos alumnos e profesores do instituto ofrecéronlle unha homenaxe multitudinaria que aceptou "por cortesía" e que demostrou que conservaban o seu recordo a pesar das moitas décadas pasadas.
  Un ano despois, en 1993, faleceu aos 101 anos de idade.

  Xa faleceran dous dos seus fillos: José, enrolado na División Azul, morreu na 2ª Guerra Mundial en Alemaña, e Juan, que seguiu a carreira militar, en Zaragoza.
  Manola e José Antonio "Chucho" emigraron a Cuba, pero despois da revolución, trasladáronse a Miami. Roberto "Cuco" foi un trotamundos e rematou por instalarse en Santander.
  María "Piruca" foi a única que quedou na Coruña e a que coidou del os últimos anos. Cando era moza, nos anos 40-50, viña a miudo a Ordes de vacacións e traía a todos os mozos de cabeza. Por que sería? 

2 comentarios:

  1. Muy interesante. En un libro de reciente edicion denominado "Solo muere el Olvidado" se habla someramente de sus hijos Juan y Jose durante su estancia en Rusia

    ResponderEliminar