Segundo testemuñas orais e noticias dos
xornais a familia Troche foi unha das máis importantes na vila durante o
primeiro terzo do século XX, pero despois esvaecéronse na escuridade e non queda
ningunha pegada deles, nin unha triste lápida no cemiterio. Logo, parafraseando
unha famosa película de 1962 ...
Que foi dos Troche?
Case con total seguridade os Troche procedían
do concello de Carral, da parroquia de Santa Mariña de Beira, pois tiñan
terras en Herves. A mediados do século XIX naceron os 7 irmáns Troche Rodríguez, 4 homes
(Manuel, Nicolás, Juan e Enrique) e 3 mulleres (Vicenta, Luisa e Jacoba -desta
última sabemos que casou co capitán Andrés Pedreira Pérez e que faleceu en 1880
deixando un fillo chamado Enrique-).
O que nos interesa é Juan Troche Rodríguez porque foi
o que se estableceu en Ordes. En 1875 foi nomeado administrador da
Estafeta da vila e tamén actuaba de secretario do concello. En 1893 foi
recadador do imposto sobre cédulas persoais nos concellos de Buxán (actual Val do
Dubra), Tordoia e Trazo e en 1894 contratista da subministración de bagaxes ao
Concello de Ordes. Como vemos era un
funcionario e empresario ben relacionado. Estaba casado con Valentina Rivas Mosquera
(1846-1918), coa que tivo polo menos 4 fillas (Esperanza, Elvira, Enriqueta e Gloria) e 5
fillos varóns (Juan, Froilán, Valentín, Antonio e Carlos).
De Gloria só sabemos que foi mestra e non temos máis información.
Esperanza Troche Rivas casou en 1915 co inspector de policía Rafael Astray Mato. Con el tivo 4
fillas: Carmen, Valentina, Esperanza (Patita Astray)
e Dolores. Morreu en 1931 de nefrite.
Elvira Troche Rivas naceu o día 2 de setembro de
1873. En 1888 foi mestra de Mercurín con
250 pesetas de soldo anual. Estivo alí ata 1933. Casou con Andrés del Río Rodríguez (1873-1916), secretario do Xulgado, co que tivo 6 fillos:
Eugenia, Milagros, Roberto, Antonio, Carlos e Elvira del Río Troche. Morreu en 1947.
Enriqueta Troche Rivas foi mestra en Montaos
en 1909. Tamén estivo nos anos 20 en Tordoia e rematou na Rúa Travesa da
Coruña. Casou co capitán de Infantería Andrés
Pérez Gómez con quen tivo 7 fillos: Juan (funcionario e policía de tráfico),
Alfredo, Argimira (a da foto), Marina, Laura, Andrés (capitán de Cabalería) e
Aida Pérez Troche.
Juan (ou Juan José) Troche Rivas estudou a carreira
de veterinaria nos anos 90 do século XIX e morreu o 15 de decembro de 1900. Froilán tamén estudou
veterinaria nos primeiros anos do século XX. Tanto el como o seu irmán Valentín,
prófugo do servizo militar en 1910, desapareceron da vila e nunca máis a familia
soubo deles.
Antonio Troche Rivas foi o que máis tempo
permaneceu na vila. Aínda que en 1918 era secretario do Xulgado da Audiencia na
Coruña, nos anos 20 comezou a ter moita actividade en Ordes. Era propietario do famoso Salón Cine Troche (onde hoxe está o Bar Saloon nos
Parques Municipais) e en 1928 foi o presidente da comisión de festas. En 1929 foi
recadador de impostos sobre bebidas e nos anos 30 recadador de impostos sobre
cédulas persoais. Non sabemos que casara e debeu morrer antes ou arredor de
1940.
Carlos Troche Rivas (1877-1958), igual que outros irmáns seus, foi veterinario. En 1905 tiña a
subministración de bagaxes ao Concello e era inspector de carnes. En 1909 tamén
foi fiscal e en 1915 subdelegado de veterinaria. En 1916 produciuse a súa marcha a Coruña onde foi nomeado veterinario
municipal e ao ano seguinte era tesoreiro do Sindicato Rexional de
Veterinarios. En 1921, no mes de agosto, casou con Isabel Palacios Saenz, filla de Francisco
Palacios e Patrocinio Saenz Rioja (m.1932). Na época da Ditadura de Primo
ingresou, como moitos outros profesionais, no partido do Réxime, a Unión
Patriotica. Tamén chegou a ser
vicepresidente do Colexio Oficial de Veterinarios. Faleceu en novembro de 1958 e foi soterrado en Oleiros. Do seu
matrimonio con Isabel Palacios, tivo dous fillos: Mª Isabel e Carlos Troche
Palacios.
Mª Isabel Troche Palacios (1922-2014) casou en
1946 co médico de Mera Eugenio Bermúdez Piñeiro co que tivo 4 fillos: Isabel,
Juan, María e Paloma.
Carlos Troche Palacios (1925-2012) casou dúas
veces, con Antonia Posse Doval, filla do médico de Oleiros Juan Posse, e con Margarita Lorenzo Muñiz. Coa primeira tivo
2 fillos. Isabel (xa falecida) e Carlos Troche Posse. Este casou con Mª
Purificación Matos Temprano e tivo varios fillos que son os últimos
descendentes co apelido Troche.
No hay comentarios:
Publicar un comentario