Xa temos dito que a lei de 1906 que permitía o asociacionismo
agrario supuxo a aparición de numerosas organizacións e sindicatos. O que debía
ser unha vía pacífica para expoñer as reivindicacións campesiñas pronto colleu
unha senda distinta.
Case inmediatamente subiu a tensión porque moitos
campesiños, cun forte sentido de agravio, sentían que non lograrían nada por
medios pacíficos e levaron a súa loita a extremos violentos, primeiro contra os
representantes do sistema (caciques, corporacións municipais, grandes
propietarios, o clero, banqueiros...), pero logo tamén contra os propios
compañeiros que non compartían a súa visión ou os seus métodos.
Isto deu lugar a múltiples episodios
violentos no agro, que, de paso, coincidían no tempo con atentados de
organizacións proletarias (normalmente achacados aos anarquistas) nas cidades.
Os sindicalistas minimizaban os incidentes ou negábanos alegando que eran montaxes
feitas polo bando contrario para desacreditalos. En parte era certo, pero
probablemente non na maioría dos casos.
Na comarca de Ordes, moi rural, houbo
numerosos incidentes menores. Por exemplo, en febreiro de 1908 os solidarios de
Trazo queíxáronse ao Gobernador
Civil da Coruña, Crespo de Lara, de
que o alcalde, Gumersindo Liñares, lles prohibira facer un mítin. Pero, de
paso, eles foron demandados por inxurias a Liñares e por queimar varios carros
de palla a un campesiño que rexeitou integrase no sindicato.
Non obstante o suceso máis grave tivo lugar a
noite do venres ao sábado 7 de marzo de
1908 no concello de Frades.
Dúas bombas* de dinamita fixeron explosión,
unha na Casa consistorial e a outra no domicilio particular do secretario da
Corporación municipal, Joaquín Fuciños Codesido. Non houbo que lamentar vítimas
pero si considerables danos materiais, especialmente no mobiliario e casa do
secretario.
Tan pronto tivo coñecemento do atentado, Crespo
de Lara mandou que saísen para Frades as forzas do posto da Garda Civil de
Curtis con obxecto de investigar e deter, se se podía, aos culpables.
Pero, aínda que era evidente para todo o
mundo a relación coa loita agrarista, cousa distinta era atopar probas. Así que
aí quedou o tema e, aos poucos días, os números da Garda Civil volveron aos
seus cuarteis.
*Os atentados con bombas non eran raros.
Houbo varios ese ano no campo (Santiso, Cea, Callobre, Monforte ...). Ata había
algúns por motivos persoais e non políticos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario