Dúas familias de
Oroso, emparentadas entre si, xogaron un importante papel no Ordes de
principios do século XX. Foron a familia Iglesias e a familia Castro.
A familia Iglesias
Rápela eran coñecidos popularmente como Rapela ou Rapelas e vivían na casa grande de Vilar de Abaixo (Deixebre) preto dos Carballos. O patriarca foi Jacobo Iglesias
Moscoso (1814-1884), "licenciado
en derecho civil y canónico" como fixo poñer orgullosamente na súa
tumba. Foi alcalde de Oroso durante moitos anos e deputado provincial. Do seu
matrimonio con Teresa
Rápela Varela (1839-1890) que era 25 anos máis nova ca el tiveron varios fillos, algúns dos cales como Juan morreron moi cedo. As súas fillas (bastante
fermosas, se damos crédito ás crónicas da época) casaron con membros de varias
familias de posición da comarca.
Encarnación morreu en 1893, pero Carmen
casou con José Castro Rosende, Concepción con Celestino Amigo -tamén deputado
provincial-, Pilar
con G. Liñares e Asunción con Antonio Concheiro Rodríguez.
Tamén tiveron tres
fillos varóns (polo menos). Jaime,
avogado e xuíz, tivo ademais inquietudes literarias (de feito foi
membro da RAG) que o levaron a editar a revista "Claroscuro" e xa en Ordes o xornal "La Tribuna". Morreu en 1917. Tamén avogado foi Santiago do que só sabemos que tivo que deixar o cargo de xuíz municipal de Ordes en 1909 por prevaricación.
Manuel Iglesias Rapela
(1859-1924), médico, foi un home influente na política local de Oroso e Ordes.
Casou con Babila
Romero Astray (1869-1936) coa que tivo catro fillas, Teresa, Ángela (que foi monxa), Babila e María, e dous fillos varóns tamén médicos, Manuel que permaneceu en Sigüeiro e
Jaime Iglesias Romero (m.1977) que casou en 1933 con María Lugrís Porto e residiu na Coruña, abandonando a comarca.
Manuel Iglesias Romero (1897-1968) exerceu en Sigüeiro e casou con Celsa Amigo Lera (da familia Amigo de Val do Dubra) coa que tivo 9
fillos. A filla máis nova, Celsa, está casada co coñecido empresario da
construción Eulogio Viñal Fernández.
José Castro Rosende foi xuíz municipal de Oroso a
finais do século XIX e propietario do Pazo de Meimixe en San Mamede dos Anxos. Emparentou
cos Rapela polo seu matrimonio con Carmen Iglesias. A parella tivo varios
fillos (dos cales dous tiveron relación con Ordes).
Francisco Castro Iglesias foi o herdeiro do pazo (e tamén do cargo
como xuíz municipal de Oroso, labor que exerceu nos anos 20). Do seu matrimonio coa fermosa Concepción Ramos Botana* (1891-1971)
tivo 10 fillos, os Castro Ramos (un par deles foron mestres), que xa non viviron en Oroso, senón en Santiago, aínda que a maioría foron soterrados na
parroquia dos Anxos.
A súa irmá Encarnación casou en 1923 co procurador (e logo avogado) Manuel García Rivas -alcalde de
Ordes de 1925 a
1929 e tío de Domingo García Sabell. Viviron, antes de marchar para
Santiago, na que fora casa de Saturnino Aller e hoxe o bar Nogallás.
Ignacio Castro Iglesias (m.1965) foi médico de
Ordes máis de 15 anos, por iso os sete fillos do seu matrimonio con Mª
Josefa García Rodríguez naceron na vila. A familia trasladouse a Santiago
en 1925. Mª Carmen, Javier, Mª Teresa, Jaime, Ignacio, Luis e Antonio
seguiron distintos camiños. Os máis destacados foron o avogado e xuíz Jaime "de" Castro e o tamén
avogado Antonio Castro que chegou a
ser alcalde de Santiago.
Jaime Castro Iglesias, tamén médico, casou con Mª Silva
Martínez (1898-1985).
Ramiro, o irmán máis novo, oficial de teléfonos, despois de casar
en 1922 coa moza de Curtis (do pazo de Vilarullo) María Vázquez García e
enviuvar en 1924, casou de novo en 1926
con Mª Santa María e foi destinado a Madrid.
* Os Ramos eran unha rica familia dos Anxos: Concepción era irmá de Josefa, muller de Antón de Simón e nai de Mundito, de Ángela, muller do xefe de telégrafos de Ordes Pastor Stolle García, de Segunda, de Celsa e do mestre Antonio Ramos Botana.
No hay comentarios:
Publicar un comentario