Pequenos incidentes poden ter consecuencias
fatais a longo prazo como demostra esta historia que sucedeu no lugar da Paínza, parroquia de Numide (Tordoia), a principios do século
XX.
Os protagonistas foron Joaquina Obelleiro Torres, unha muller solteira e acomodada de 33
anos, sobriña do defunto párroco de Numide (do que fora herdeira), e Francisco Liste Areosa, un mozo campesiño duns 23 anos, ex-soldado na guerra
de Cuba, que arrastraba unha reputación pouco fiable pero que traballaba como xornaleiro
para ela.
Un día el solicitoulle unha leira en arrendo.
Joaquina meditouno pero ao final rexeitou a proposta e acabou por arrendarlla a outro veciño.
Este detalle tan banal tivo tráxicas consecuencias.
Liste, un deses homes que non soportan unha
afronta (real ou imaxinaria) decidiu vingarse, así que a noite do 23 de marzo de 1902 entrou no alpendre
de Joaquina e rouboulle a carne que ela tiña nun baño de sal.
Segundo os cotilleos do pobo, despois do roubo, Joaquina
celebrou un ritual que consistía en botar un cuartillo de aceite na lámpada do
Santísimo para que, a medida que o aceite se consumise, tamén se consumise o seu
descoñecido ladrón. Liste, que se enterou diso e que cría totalmente nesas
supersticións, só tiña dúas opcións: pedirlle perdón para que desfixese o
maleficio ou matala.
Desgrazadamente a súa natureza violenta fíxoo
escoller a segunda. Na tarde do 10 de
abril de 1902 visitou a
Joaquina, foron ás cuadras coa escusa de que quería ver un porco que ela tiña e
alí golpeouna varias veces cunha macheta. Pola noite regresou á casa e
roubouna, levando as cousas á súa propia casa en varias viaxes. Finalmente puxo
uns toxos sobre o cadáver e plantoulle lume para queimar a casa e ocultar as
pegadas do crime.
Co que non contou foi que, debido a que xa
era moi de madrugada, o lume non tivo tempo de destruír a casa antes de que uns
veciños espertasen e alertasen aos demais para apagar as chamas. Cando o
lograron, descubriron o cadáver queimado pero coas feridas do asasinato ben á
vista.
Liste era o principal sospeitoso e naqueles
tempos non se necesitaban ordes xudiciais. A garda civil e o alcalde de barrio
entraron na súa casa e alí acharon restos do roubo da carne, pertenzas da morta
e sangue. Liste confesou a súa participación no roubo aínda que achacou o
asasinato a dous colegas seus: "Brincafacas" e Calviño.
O suceso causou sensación e fíxose famoso a
nivel nacional como "El crimen de Órdenes".
Os supostos cómplices foron detidos rapidamente pero demostrouse que non
tiveran ningunha participación.
Ao ano seguinte tivo lugar o xuízo de Francisco Liste do que saíu bastante ben parado pero esta xa é outra
historia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario