Alfonso Sebastián Senra Bernárdez naceu en Tui (Pontevedra) o 7 de xuño de 1877. Sendo aínda neno a familia trasladouse a Vigo onde o seu pai, Ricardo Senra Fernández, foi alcalde en
dúas ocasións. Estudiou Dereito en Madrid e tamén colaborou desde moi novo coa
prensa. "El Imparcial", "La Prensa Universal", "La Época" e "La Nación" son xornais nos
que escribiu ao longo da súa vida. Así mesmo entrou en política militando no
partido liberal.
Fixou a súa residencia en Madrid e casou con Asunción Díaz Ramírez, filla de militar, coa que tivo unha ampla familia de nove fillos.
En 1913 publica a obra "Laicismo y neutralidad en los
hospitales". En 1915
pertenceu á Deputación Provincial de Madrid.
En 1916 (cando tiña 39 anos) comezou a súa relación con Ordes e co cacique comarcal Saturnino Aller. Ambos leváronse moi ben e formaron un gran equipo, ata o punto de que o partido liberal presentou a Senra durante 5 lexislaturas seguidas polo distrito de Ordes (cousa non demasiado habitual). Na primeira foi o único candidato e as outras gañounas por maiorías aplastantes.
Aller encargábase da maquinaria electoral e Senra, hábil nos corredores
do congreso, de acadar dotacións para obras que mellorasen a zona (e, segundo a
oposición, o peto do cacique). Así logrou subvencións para un cuartel da Garda
Civil, para obras nas estradas de Carballo e Trazo, 4000 pesetas para mellorar
a igrexa (á que a súa muller doou o cristo que está nun lateral) e, sobre todo,
o adoquinado da "Calle Real" en 1923,
tan ben feito que foi retirado en 1980 aínda en perfecto estado.
Isto valeulle o agradecemento do pobo. A corporación que presidía o
alcalde Manuel García Bermúdez decide
nomealo "Fillo adoptivo" e poñerlle o seu nome á rúa arranxada grazas
a el. Tamén O Recreo recibe o nome de "Saturnino Aller" (pero no ano
1936 será cambiado polo de "José Antonio", o fundador da Falange).
Alfonso Senra autodefiniuse como "un deputado de terceira"
pero sempre se preocupou do seu distrito e visitouno numerosas veces, indo moito máis
aló do que os deputados "cuneros" habituais.
Nesta etapa, entre 1916 e 1923, baixo
as ordes do ministro madrileño Rafael Gasset Chinchilla, ocuparía Senra
a súa secretaría ministerial e
posteriormente a Dirección Xeral de Minas. Tamén
formaría parte do equipo do ministro lugués Manuel Portela Valladares durante o seu paso polo Ministerio de
Fomento.
En setembro de 1923 a ditadura de Miguel Primo de Rivera remata co espírito da Restauración
e, de paso, coa relación de Senra e Ordes. Cesou nos seus cargos públicos,
pasando a refuxiarse na súa profesión de avogado e articulista de prensa en
xornais como "La Nación", onde se especializou en crónica de tribunais de xustiza. Ingresou
na Unión Patriótica, o partido que apoiaba a Primo de Rivera. Foi
nomeado vicepresidente do Ateneo de
Madrid e volveu á cámara baixa das Cortes, rebautizada polo novo orde como Asamblea Nacional Consultiva nas lexislaturas 1927-28 e 1928-29.
Tamén en 1927, un buque inglés chamado orixinalmente Blue Cross vendido á Naviera Celta foi
rebautizado co seu nome. Co tempo, o barco quedaría durante a guerra civil
baixo control republicano, pero sería capturado pouco despois e transformado en barco mercante artillado ao
servizo da Mariña nacional.
En
outubro de 1928 levou un gran
disgusto familiar: un dos seus fillos, Alfonso Senra Díaz, asasinaba a súa
noiva, Dolores Polo, porque
a rapaza o enganaba con Enrique Meleros,
director da revista "Cosmópolis", publicación na que a víctima
colaboraba como xornalista.
En
1933 publicou o seu 2º libro
"Del 10 de agosto a la Sala 6ª del Supremo".
Despois da Guerra Civil integrouse no réxime franquista e foi membro do Tribunal de Responsabilidades Políticas.
Morreu en Madrid o 10 de decembro de 1951 aos 74 anos de idade.
Alfonso Senra foi outro gran descoñecido da historia ordense, a pesar de
que o adoquinado que el conseguiu foi a imaxe da vila durante 60 anos. No ano
2000 unha publicación do "Obradoiro da Historia" aportou algo de luz sobre a súa figura. A súa
controvertida colaboración co franquismo permitiu que a rúa principal de Ordes conservase o seu nome, pero non é a única a el dedicada: comparte ese
rasgo a rúa principal de Guadarrama, vila madrileña próxima á capital.
No hay comentarios:
Publicar un comentario