sábado, 26 de septiembre de 2020

Francisco Ríos Seoane

   Se hai un ordense cunha vida chea de luces e sombras, digna dunha película de Hollywood, ese sería Francisco Ríos Seoane.

  Naceu en outubro de 1934 en Cestaños, un pequeno lugar da parroquia de Parada. Foi o fillo maior do matrimonio formado por Ricardo Ríos del Río (1908-1989) e Jesusa Seoane Noya (1911-1983), que logo terían outros 3 fillos máis: Manuel, Lino e Pilar.

  Como toda a súa xeración, Francisco viviu os durísimos anos 40 na pobreza, e para saír dela, como tantos outros, cando cumpriu os 18 anos de idade, en 1952, emigrou a Arxentina onde xa vivía unha tía súa.

  Os primeiros tempos foron duros, traballou lavando copas nun bar próximo ao Congreso e outros oficios mal pagados pero o seu espírito emprendedor fíxoo saír adiante. Pronto puxo unha confitería e logo outra, e outra... ata as 180. Tamén se introduciu noutros negocios como a construción e chegaría a ser propietario do Hospital Español. No ámbito sentimental casou con Silvia Freijo Varela coa que tería dous fillos: Fernando e Alejandro Ríos.

  Gran afeccionado ao fútbol fíxose socio en 1960 do Club Deportivo Español de Buenos Aires (fundado en 1956 no Centro Betanzos), o equipo co que durante décadas se identificou a emigración galega. En 1978 chegou á presidencia (na que estaría ata 1996). Esa década dos 80 foi máxica. Xa en 1979 o club foi campión de 1ªC. En 1981 construíu o Estadio España con capacidade para 18.000 espectadores. En 1984 quedou campión da 1ªB e ascendeu á 1ª división (onde estaría por 14 anos), tamén aumentou en 25.000 persoas a súa masa social. Ríos converteuse nunha figura pública admirada en Arxentina e España. Mesmo os presidentes Felipe González en 1987 e José Mª Aznar en 1994 acudiron a algunha das súas famosas festas. José Batista, mundialista uruguaio, ídolo daquel equipo, declaraba: "Nunca te negaba nada. Te podía organizar el cumpleaños de tus hijos, lo que le pidieras. Y cualquier inconveniente de salud de algún conocido, ponía a tu disposición el Hospital Español".

   Todo cambiou nos anos 90. Aí comezaron as sombras: O "self made man" que era admirado e mesmo idolatrado por moitos compatriotas e siareiros do club foi tamén aquel que figurou en máis de 30 procesos xudiciais por calumnias, lesións, quebra fraudulenta, estafa, fraude e ata homicidio!

   En xullo de 1994 Ignacio Torres, suboficial retirado da Armada e integrante da oposición na Comisión Directiva do club contra o que Ríos tivera fortes palabras, foi queimado mentres atendía un bar da súa propiedade. Roberto Bravos Llanos, empregado do club e do Hospital Español, propiedade de Ríos, foi o autor material. Ríos foi acusado de instigador e detido en abril de 1995 cando pretendía fuxir nunha lancha ao Uruguai. Pasou 87 días no cárcere pero non houbo probas suficientes e tivérono que soltar. Ata ingresou nun psiquiátrico alegando incapacidade mental antes de ser procesado. O caso aínda coleou un par de veces máis pero nunca se chegou a probar nada.

  Con toda esa mala publicidade en Arxentina, iniciou o desembarco na súa terra. Naquel mesmo ano 1994 a familia Lamas vendeulle Viriato SA polo simbólico prezo de 24 millóns de pesetas (a débeda coa Administración roldaba os 700 millóns). Tamén adquiriu os hoteis Ensenada de Vigo e Sada da Coruña e o Taller San Cristóbal. En 1995 compra a empresa asturiana Chocolates Cibeles. Pronto controlou un holding denominado Grupo Ríos con dúas sociedades "Cestaños SA" e "Alameda de Ordes SL" como cabeceiras de moitas empresas hostaleiras e inmobiliarias.

  En Arxentina as cousas continuaron indo mal. Quixo fusionar o Club Español con outras dúas entidades pero a operación non saíu adiante polas sospeitas de fraude fiscal. En 1997 foi suspendido pola Asociación de fútbol ao recoñecer que primara a outro equipo. En 1998 o Español entrou en quebra e baixou á 3ª división. Tivo que pechar no 2000 e estivo abandonado o campo moitos anos.

  Tampouco en España as cousas foron ben. As empresas xestionadas polos seus fillos non acabaron de funcionar e en 2011 a xusticia condenouno a pagarlle case un millón de euros a Juan Mosquera Veiras que, non obstante, non falaba mal: "Le hice un préstamo hace muchos años. Es un hombre que tuvo una vida muy ajetreada, cayo enfermo ... Yo lo conozco desde niño y espero cobrar algún día. Él incluso llegó a ofrecerme un edificio importante de Santiago y tierras. Tiene locales, viviendas y terrenos aquí aún".

  A súa saúde empeorou e ingresou nun psiquiátrico onde morreu o 23 de setembro de 2015 aos 80 anos de idade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario