Anastasia
Pisonero Ramos, máis coñecida como Tasina, naceu en 1927 en Villalón de Campos, pequena vila do norte da provincia de
Valladolid, no seo dunha familia ilustrada. O seu tío, o sacerdote don Eulogio Ramos
Gangoso (1883-1966) foi profesor de filosofía do Instituto de Ensino
Medio de Vigo e autor de varios libros.
A súa nai morreu moi nova sen deixarlle
ningún recordo. Como nos contos de fadas, o seu pai volveu casar e a súa
madrastra foi con ela fría e distante. Con 9 anos de idade trasladouse co
matrimonio e a súa irmá Ana María Luisa a Vigo, onde estudou interna no colexio
das Carmelitas ata os 16. Posteriormente cursou Maxisterio en Pontevedra. Alí
coñeceu a Viriato Lamas Gutiérrez
(1924-1993) que tiña un comercio de confección na cidade a medias cun tío seu.
Acabada a carreira de Maxisterio comezou a dar clases en Tui.
En 1951 casou con Viriato, quen decidira
independizarse da tutela familiar cambiando Pontevedra por Ordes, lugar que
coñecía xa que levaba anos residindo nel outro tío seu: Viriato o Vello.
Naqueles tempos practicamente todo se vendía
nas feiras pero non había comercios modernos como nas cidades. Puxeron unha
tenda na esquina de Alfonso Senra coa entón rúa Directorio (onde hoxe está
Froiz) que causou unha revolución na zona. A forma de levar o negocio era innovadora e o escaparate
inmellorable.
Viriato comezou adquirindo as prendas de punto na
Coruña, pero, coñecendo perfectamente o custo da la e da confección,
ocorréuselle comprar unha máquina e contratar a dúas mozas para facer as pezas.
Tasina tiña unha proposta para dar clases nunha academia pero rexeitouna e preferiu
acompañar no traballo empresarial ao seu marido.
Pronto ampliaron a maquinaria comprando unha devanadora de 4 púas para atender a
crecente demanda. Tasina lembraba que un pedido de 60 xerseis para Vigo
pareceulles unha auténtica tolemia.
Nese momento construíron a casa, unha nave e
compraron varias máquinas, o que foi o paso definitivo cara á produción
industrial deixando o comercio minorista de lado. Iso implicou a contratación
de moitas máis traballadoras. As mulleres da comarca, afeitas ao duro traballo
do campo, aínda que con mans tan rudas que lles eran difíciles as tarefas
delicadas, responderon con entusiasmo. “Para ellas fue una liberación, hasta
el punto de que preferían venir también los sábados porque en sus casas las
obligarían a hacer las faenas agrícolas”. En menor cantidade tamén houbo homes: contrataron a mecánicos de coches
e recicláronos para coidar a maquinaria téxtil. Tratábase de xente afeita a
unha vida dura, e que diante da oportunidade que se lles brindou, dérono todo. O patrimonio humano en Viriato foi moi importante: “Si no fuera por esta gente y su forma de
hacer, Viriato no existiría”. Había bo ambiente e moita colaboración. Viriato
era ao principio como unha gran familia. O matrimonio sempre se sentiu responsable
dos seus traballadores e tanto Tasina como o seu marido coñecían a todos
persoalmente.
Quizais por esa infancia tan triste e a falta de amor materno deu
moita importancia á familia, compaxinándoa perfectamente co traballo. Tivo 9 fillos, o último cando pasaba bastante dos 40 anos.
Foron Mª Luisa, Victoria, Beatriz, Ana, Amparo, Víctor, Viriato, Anastasia e
Pablo. Pero o seu marido dicíalle que
tiña un décimo fillo máis: a empresa.
Tasina sempre foi
unha persoa moi versátil no seu traballo, e tanto se encargaba da mostraxe como
dos provedores ou do persoal. Ademais realizaba viaxes para ver os avances que
había en países como Escocia, Alemaña e Italia, e para traer materia prima.
Aínda que o seu traballo era máis aparente e Viriato dedicábase máis aos papeis
e estaba moito tempo no despacho, ela sempre recoñeceu que el era o espírito e
a forza impulsora da empresa.
“Lo difícil fue el primer cliente. luego se
corrió la voz y vino todo rodado”. A fábrica chegou a
ter arredor de 500 empregados e a fabricar 5.000 prendas diarias. O lema de Viriato era “Vendemos mucho porque vendemos barato, y vendemos barato porque
vendemos mucho”. Nos 70 e 80 era un imperio que fabricaba para El Corte Inglés, Galerías Preciados ou Cortefiel.
Máis da metade dos xerseis de punto que vestiron millóns de españois
fabricáronse en Ordes.
Tasina a posteriori comentou que quizais foi
un erro medrar tanto. O ambiente de familia dos primeiros tempos desapareceu e
coa enfermidade de Viriato "Todos
los hilos de aquel maravilloso entramado que él había tejido se fueron
deshaciendo. No hubo nadie que pudiese recomponer lo que solo él
supo crear". Obviamente a morte
do seu marido en xuño de 1993 foi un
duro golpe para ela e para a empresa, que acabaría en mans do
"arxentino" de Cestaños Francisco
Ríos.
Tasina foi recoñecida xunto ao seu marido en 1998 como fillos predilectos de Ordes e
tamén recibiu o Escudo de Ouro de Pontevedra (sen ser galega).
O feito de quedar sen a empresa Viriato non
detivo a súa actividade. Con máis de 90 anos seguía cosendo na súa casa da
Coruña e dedicando 6 horas a supervisar o produto que fabricaban os seus fillos
Pablo e Víctor Lamas coas firmas Maslamas e Pisonero.
Morreu
o martes 3 de xaneiro de 2023 aos 95
anos de idade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario