A igrexa parroquial de Mercurín ten planta rectangular, da que sobresaen a pequena
sancristía polo lado norte e unha capela polo sur. Cuns 14 metros de longo por case 7
de anchura na nave principal, a súa superficie é de só uns 130 metros cadrados, o
que a sitúa dentro do grupo das máis pequenas, xunto ás de Poulo e Lesta.
Está construída de cachotería revocada e
pintada de branco, agás a fachada que ten bloques de granito en toda a súa
superficie. O tellado, a dúas augas, está cuberto con tella do país.
Aínda
que o interior do edificio suxire bastante antigüidade, a fachada, moi sobria e
rematada nunha espadana con dúas campás, é claramente moito máis moderna,
posiblemente dunha reconstrución do século XVIII ou XIX. Un elemento distintivo
no exterior é unha especie de escudo, composto unicamente dunha torre ou un
castelo, na parede oeste da capela.
No interior hai dúas pías bautismais a ambos
os dous lados da entrada pero o máis rechamante é o arco de acceso ao
presbiterio, claramente gótico, que dá indicios de que o templo orixinal pode
datar do século XIV ou XV. En cambio na parede de entrada á
capela que está a man dereita hai un arco de medio punto. Sabemos que a capela foi
erixida no ano 1699 polo sacerdote
D. Domingo
Pedrouzo que a dedicou á Inmaculada Concepción, aínda que
posteriormente ocupouna unha imaxe de Santa Lucía, santa pola que se sente
moita devoción na parroquia. A escultura actual é de principios do século XX,
posiblemente realizada no taller de José Rivas de Santiago, para substituír outra máis antiga.
Na parede norte unhas manchas escuras sinalan
o lugar onde se queimou un altar. O revestimento do teito, moi escuro e de
estilo tradicional, tamén chama moito a atención.
Dentro do presbiterio hai un espectacular
retablo barroco con estípites que data de 1742,
momento en que foi retirado outro anterior completamente deteriorado.
Obviamente no centro figura San Clemente,
aínda que a súa imaxe non é máis grande cas outras. Na parte superior hai dous
papas e na inferior, xunto a unha pequena Virxe do Carme, están San Xosé e San
Antonio, todos eles presididos por Deus Pai en acto de bendicir. Ao parecer,
San Antonio tamén contaba antigamente cun carro e uns bois que foron vendidos
para custear a última reparación e pintado do retablo.
A cruz parroquial que se usa nas
peregrinacións foi realizada a finais do século XVIII e conta no anverso cun
Cristo crucificado e no reverso co patrón da parroquia, San Clemente.
A igrexa tivo varias restauracións, unha
despois de 1984 cando sufriu as consecuencias do Hortensia que derrubou o pináculo da espadana e estragou o tellado.
Actualmente está nun magnífico estado de conservación.
Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario