sábado, 6 de noviembre de 2021

A Batalla do Cano

   Durante a primeira metade do século XX eran frecuentes as pelexas entre mozos de parroquias veciñas. Arredor de 1947 ou 1948 tivo lugar unha das máis multitudinarias, contada aquí por Victorino Cores.
 
  Nos derradeiros anos corenta e principios dos cincuenta a vida en Galicia non era moi doada. Aínda que durante a Guerra Civil no territorio galego non se loitara abertamente, había fame e miseria, pero a finais dos anos corenta e principios dos cincuenta as liortas eran o pan de cada día e era rara a romaría, pandeirada, fía ou tasca que non remataba a lamboirazos. Había mozos que se dedicaban a desfacer as festas e buscar liorta. Falábase de moitas liortas habidas na bisbarra, pero  a más soada de todas, e que aínda hoxe hai quen a lembra ou ten escoitado falar dela, foi a “Batalla do Cano”. Alí os de Santa Cruz e os de Trasmonte libraron un feroz batalla. Todos os que podían soster un pau na man foron requiridos á loita.
 
  O motivo da liorta era moi sinxelo: un mozo de Fosado, da parroquia de Santa Cruz de Montaos, ía a Trasmonte ás mozas, e os mozos de Trasmonte non vían con bos ollos que un mozo doutra parroquia lles viñera cortexar unha veciña. Pasaba en moitos sitios e ás veces o mozo desistía e deixaba á rapaza en paz, pero neste caso o mozo non se amedrentou e fíxolles fronte. Seguiron tratando de intimidalo para que deixara de cortexala e uns días máis tarde xuntáronse uns poucos máis e ameazárono con baldalo se seguía petando naquela porta.
 
  Houbo unha xuntanza de mozos na taberna en Santa Cruz e acordaron desafiar aos de Trasmonte no Cano de Ribadas, onde está o límite entre as parroquias de Trasmonte e Santa Cruz. Os de Trasmonte aceptaron o desafío e entre ambos puxeron día e hora. Todos os que podían soster un pau na man foron requiridos á loita, cortaron paus na fraga e á beira da noite marcharon cos paus ao lombo cara ao Cano de Ribadas, coma os soldados cara á fronte. A columna pechábaa un mozo coxo que se apoiaba en dúas muletas.

 

  Chegados ao Cano de Ribadas, dialogaron un pouco os portavoces de cada grupo, pero a sorte xa estaba botada e non houbo acordo. Comezou a loita e pronto empezou a verse sangue nos rostros dos combatentes a cada paso. Os de Trasmonte recuaban e os de Santa Cruz acurralábanos. Aos feridos que caían ao chan o coxo zoupaba neles coas muletas. Os de Trasmonte eran algúns menos e despois de máis dunha hora de loita, pelexando corpo a corpo, os de Trasmonte foron fuxindo por onde puideron. Os de Santa Cruz seguíronos ata Castro berrando: "Imos tomar Trasmonte!"
 
  Durante unha tempada falouse moito daquela liorta, que foi bautizada como a “Batalla do Cano”.
  O mozo de Fosado, casou coa moza de Trasmonte e dende entón, foi respectado e querido polos veciños.
Victorino Cores Liste

No hay comentarios:

Publicar un comentario