No lugar do Pazo a uns 200 metros ao norte da
igrexa parroquial de Santa Mariña
está situada a denominada Casa Grande de Parada, un exemplo bastante
representativo das casas señoriais da zona de agras do interior da provincia
coruñesa.
É un edificio lixeiramente trapezoidal de
dúas plantas cuns 28
metros de lonxitude (a fachada norte) e entre 7 e 8 de
anchura, polo que ten de superficie máis de 200 metros cadrados.
Como era habitual na nosa comarca os muros son de cachotería, reservando os
perpiaños para as xanelas. A cachotería logo era revocada e encalada.
Na
actualidade está restaurada e conta con algún engadido moderno como un balcón
sobre catro columnas de pedra enriba da porta principal da fachada sur,
fachada na que tamén destacan un par de escudos moi desgastados e un reloxo de
sol.
Hai máis edificios como alpendres e o fogar dos
caseiros que forman unha especie de L ao revés. A uns 50 metros ao sur podemos
ver unha xigantesca "hórrea", a máis grande do concello, duns 20 metros por cinco. O seu
aspecto xeral e o seu tellado de lousa lémbranos a orixe luguesa dos
propietarios.
Non coñecemos a antigüidade da casa nin a familia que a construíu, aínda que nos
escudos podemos ver as armas dos Moscoso, Caamaño, Montenegro e Andrade.
O que si sabemos é que a finais do século XIX o
propietario era José
Mª Eduardo del Valle Varela (m.1912) de Carraltravesa, parroquia de
Sabadelle (Chantada), casado con Manuela González. Herdouna o seu único fillo Balbino del Valle González
(m.1958) casado en 1914 con Carmen Vázquez Mariño coa que tivo 11 fillos, un
deles, José, foi alcalde de Santiago, procurador en Cortes e
gobernador civil de Lugo. Estaba en Parada durante o Alzamento e foi detido
polos membros da Fronte Popular.
A Casa Grande foi herdada por Francisco del
Valle Vázquez e hoxe é propiedade da súa viúva que a visita coas
dúas fillas do matrimonio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario