Velaquí unha relación das festas que apareceron
na prensa no ano 1945.
En maio, o día 31 celebrouse en Buscás o Santísimo
Sacramento, festa custeada nesta ocasión polo veciño das Pombas José Couto
Manteiga (ao que lle tocou a quenda como era costume naqueles
tempos). Contratou a unha "afinada banda" e gran cantidade de fogos
artificiais, moitos deles lanzados xa o día anterior. Don Manuel Martínez Iglesias oficiou
a misa cantada, antes da procesión ata o cruceiro onde se cantou a Salve
popular en acción de grazas polo fin da 2ª Guerra Mundial en Europa.
O día 24 de xuño celebrouse en Ordes a festa
do Carme, custeada polos veciños dos lugares do Bidueiro, Casal, Darefe, O
Balado, O Alto e Gosende. Non se puido celebrar como era costume na capela do
Bidueiro por falta de sacerdote, pero si gozaron logo pola tarde da festa
campestre no lugar amenizada por unha "afinada" banda e por gaitas do
país.
O día 26 tivo lugar o San Paio de Buscás,
custeado por todos os veciños da parroquia que contrataron música, fogos e
figuras "de caprichosas formas".
O 29 tivo lugar en Ordes a festividade do Sagrado Corazón. A imaxe foi restaurada
ese ano grazas ás aportacións dun descoñecido devoto. Predicou o franciscano padre Cándido sobre
o inquietante tema "Vine a traer
fuego sobre la Tierra". A igrexa fora adornada "con exquisito
gusto" pola presidenta da asociación Mercedes
Salgueiro de Valdés, auxiliada polas señoritas de Acción Católica,
Concheiro e del Río. Houbo unha solemne procesión, onde portou o estandarte o
mozo Alfredo Calvo Abeijón, que
estivo presidida polo concelleiro Eduardo Somoza del Río*, quen leu a consagración da vila ao Sacro Corazón.
En xullo houbo unha novena dedicada á Virxe do Perpetuo
Socorro e o día 7 comezou outra na honra da Virxe do Carme, custeadas polos
devotos.
O primeiro domingo en Montaos celebrouse a
festividade da Virxe do Carme, custeada polo veciño de Fosado Francisco
Remuiñán, marido de Manuela Bermúdez, que contratou á Banda de San
Mamede e a un "distinguido orador". Pola tarde os autobuses levaron a
moitos ordenses á festa.
En agosto fíxose unha exposición de labores e
traballos manuais realizados polos alumnos do Colexio do Sagrado Corazón, rexentado
pola mestra Mª Carmen del Río. O día 10 celebrouse unha misa de comuñón.
A comisión organizadora das festas patronais
estivo presidida por Viriato Lamas,
sendo os outros membros Luciano
Concheiro, José Mariño e Antonio del Río.
Comezaron o martes día 14. Ás 12 da mañá un
grupo de gaitas percorreu as rúas da vila. Logo, de 10 a 2 da madrugada verbena na
Alameda con iluminación á veneciana.
O mércores 15, día grande, comezou xa... ás 8
da mañá! con dianas a cargo da renombrada orquestra American
Jazz de Marín e pola Banda
da Garabanxa. Ás 12 tivo lugar a misa solemne oficiada por suposto polo sacerdote
don Joaquín Andrade pero onde o
predicador foi o párroco de San Miguel dos Agros de Santiago, don Miguel Louro
Louro, seguida dunha non menos solemne procesión presidida polas
autoridades. Ás 5 da tarde gran partido de fútbol no campo da Reverencia. Pola
noite verbena.
O
xoves 16, misa cos mesmos párrocos e procesión como no día anterior, pero esta
vez na honra de San Roque. Verbena nocturna.
Finalizaron as festas o venres 17 con xira
campestre e... sesión de cantos flamencos! (para que falemos agora de
innovación).
En setembro como sempre foi o momento da festa da
Virxe da Mercé en Poulo.
En outubro tiveron lugar solemnes funerais polos "Caídos por Dios y por España",
presididos polo alcalde accidental Manuel
Verea e polo xuíz comarcal Juan Liñares Castro. A misa de Requiem foi oficiada polo párroco de Leira don Ramón Pérez Rajoán,
auxiliado polo de Pulo e por don José Barreiro Uzal, e acompañada ao armonio
polo párroco de Ordes don Joaquín Andrade.
Do día 26 ao 28 celebrouse un tríduo. A
exposición maior da súa Divina Maxestade ao anoitecer rematou cunha colecta
pública para os gastos das misións en "tierras
de infieles".
En novembro
celebrouse a festa de San Clemente en Mercurín e o día 30 o Santo André de Lesta,
ambas as dúas parroquias rexentadas por don Lino Caramés García.
O día 30 en Ordes comezou unha novena
dedicada á Virxe Inmaculada con misas pola noite.
Por certo que ese mes, a corporación
municipal acordou soster a 20 nenos estranxeiros, e o alcalde, Manuel Verea, un
do seu propio peto.
* Eduardo Somoza del Río (1899-1965)
pertencía a unha distinguida familia coruñesa con casa de campo en Palavea.
Era fillo de Eduardo Somoza e Luisa del Río. Unha das súas irmás, Julia,
estaba casada co aristócrata sevillano Hernán Martín de Barbadillo, conde de
San Félix e alcalde da Coruña en 1937. Outra, Luisa, co avogado
Pedro López Sors y Freire de Andrade.
Eduardo foi xuíz comarcal en Ordes e concelleiro.
Casou con Mª
Carmen Viqueira, irmá de Mundito,
coa que tivo 3 fillos: Mª Carmen, Mª Luisa e Eduardo Somoza Viqueira.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario