martes, 11 de julio de 2023

O tráxico 1948

  Se o ano 1947, con 10 mortes, foi o máis sanguento da posguerra na comarca, 1948 non lle andou moito por detrás.
   De feito o mes de XANEIRO foi o máis tráxico de toda a década con 5 mortes.
 
O xoves día 8 no bar de Domingo, no lugar a Igrexa de Oroso, había bastante concorrencia esa noitiña. Ademais de Domingo Bermúdez Gómez, o dono do establecemento, estaban o cura don Antonio Cotos Gómez, o veterinario municipal Andrés Sexto Sánchez, o delegado local de abastos Isidro García Ródriguez e o brigada de Artillería Juan Raña Martínez, entre outros veciños.
  Unha partida de guerrilleiros procedentes da zona da vía do tren pasaron por Oroso e dous deles entraron pistola en man na taberna berrando: "Nadie se mueva. Manos arriba todo el mundo que aquí están los guerrilleros y los quemamos (a tiros)".
  O brigada reaccionou de inmediato, sacou a súa pistola e disparou contra os dous guerrilleiros que responderon. No cruce de balas caeron el e un dos asaltantes. Tamén resultou ferido nunha perna o veterinario e danados varios pipos de viño e mobiliario do local. Os guerrilleiros obrigaron aos paisanos a sacar ao ferido que morrería pouco despois nun monte próximo.
 
 
O día 18 morreu Consuelo García Meijide. O seu corpo apareceu nunha cuneta en Ponte Arderís na parroquia de Senra. Aínda que nos rexistros a causa da súa morte foi a habitual "hemorraxia interna", presentaba signos de tortura especialmente nos pés. Parece ser que colaboraba coa guerrilla, dando ou vendendo comida á partida liderada por Manuel Ponte. Así que supostamente morreu a mans da Garda Civil por non querer dar información sobre os guerrilleiros ou para servir de escarmento a outros que apoiaran aos fuxidos. Tamén o seu marido, ao igual que outros taberneiros da zona, estivo preso, acusado de colaboración coa guerrilla.
  O día 28 preto da Grabanxa, na parroquia de Moar apareceu o corpo de Leandro Carrillo morto de varios disparos. Sería levado á butilla de Moar e alí foi soterrado mentres a familia andaba a buscalo sen saber da súa morte. Inicialmente constaba como descoñecido pero descubriuse a súa identidade en abril. É posible que tivese relación coa guerrilla pois no Castro de San Migueliño (a aldea onde el vivía) agochábanse algúns fuxidos, pero tamén é posible algunha vinganza por motivos económicos ou persoais dalgún falanxista ou garda civil.
  Finalmente o día 29 apareceu na Fraga da Galiña o corpo de Manuel Balado Fuentes, un labrador de 41 anos de Beán. Manuel movíase polos montes da zona pois ás veces facía carbón. Non se sabía que tivese relación coa guerrilla, pero un día apareceron tres gardas civís que preguntaron por el e fórono buscar ao muíño da Ermida. O seguinte é que apareceu morto de varios tiros e con un pulso roto. Foi trasladado á butilla de Ordes e posiblemente soterrado no cemiterio do Piñeiro.
 
Juan Raña Martínez (1914-1948): Brigada do Rexemento de Artillería Nº 48. Nacera en Marantes (naquel tempo pertencente ao concello de Enfesta) e tiña 33 anos. Estaba casado con Pilar Bermúdez Espiñeira e deixou dous fillos, Juan e Pilar Raña Bermúdez. Está soterrado no cemiterio de Oroso.
Manuel Pardo Argüeso Trelles (1920-1948): Guerrillero nacido en Bergondo. Poucas horas despois do incidente morreu nun monte próximo. Inicialmente foi rexistrado como descoñecido, engadindo que era un home de 1,70 m de estatura, ollos azuis, pestanas longas e poboadas, dentadura completa e pelo longo castaño, peiteado cara a atrás. Vestía pantalón beixe de ante, calcetíns con escaso uso, calzón curto, camiseta de punto forte e un xersei granate novo. En setembro foi descuberta a súa verdadeira identidade.
Consuelo García Meijide Consuelo de Lata (?-1948): Nacera en Galegos. Rexentaba unha taberna na Grabanxa. Estaba casada con Pedro García Barreiro e deixou unha filla, Josefina García García.
Leandro Carrillo Cabanas (1908-1948): Natural da parroquia de Budiño, no concello do Pino e residente na aldea de San Migueliño. Labrador. Casado con María Naveiro Ramos, deixou 5 fillos, Carmen, Dolores, Raúl, Estrella e Manuel Carrillo Naveiro que tiñan 8,5,4,3 e 2 anos respectivamente. 
Manuel Balado Fuentes (1906-1948): Natural de Beán, fillo de José Balado Martínez e de Rosa Fuentes Castiñeiras. Labrador. Estaba casado con Asunción Sánchez Vilar e deixou unha filla, Dosinda Balado Fuentes.
 
 Se en febreiro houbo un respiro, o sangue volveu a correr en MARZO. O día 4 foi a quenda de Antonio Nouche Costa o Soldado de Deixebre. Un dispositivo da Garda Civil do posto de Betanzos ao mando do capitán José Méndez Villar cercou a casa de Joaquín o Chinto en Probaos na parroquia de Carres, na que se atopaban Antonio Nouche e José Blanco Núñez. Antes do enfrontamento este último logrou fuxir. A  Garda Civil matou a Antonio Nouche xunto cos habitantes da casa, Joaquín López Sánchez e a súa filla Manuela López Suárez. Tamén resultaron mortos os gardas Blas Sánchez e José Cano. Posteriormente seríalles aplicada a "lei de fugas" a outra filla de Joaquín, María López Sánchez e ao marido desta, Manuel Mosquera Moar, que vivían nunha casa próxima e que tamén eran enlaces da guerrilla.
  O xoves 17 morreu Rufino Garaboa Bello, un mozo solteiro de 27 anos de idade que vivía en Nouche, na parroquia de Beán. Parece ser que Rufino non tiña relación coa guerrilla, pero foi a pedir cartos a unha casa de Poulo como se fose un foucellas. A pesar de levar a cara tapada, foi recoñecido e denunciado á Garda Civil que se presentou na súa casa. Trasladárono a Ordes (acompañados do coadxutor don Domingo Barbeito) pero non chegou ao cuartel, porque no Paraíso, preto da casa de Modesto, aplicáronlle a lei de fugas. Sería logo soterrado no cemiterio do Piñeiro.
  Como remate dese ano sanguento, o día 20 de MAIO morreu o garda civil do posto de Ordes Manuel Gardón Castro, despois de ser gravemente ferido o día anterior. A súa morte apareceu na prensa pero sen especificar detalles: "En cumplimiento del deber rindió el tributo de su vida el guardia civil del puesto de Órdenes D. Manuel Gardón Castro, que merecía la estimación de sus superiores y compañeros, por sus condiciones personales y el alto concepto de la disciplina y valor que eran normas en él [...]". Gardón participou o día 19 de maio no asalto a unha casa no lugar de Loureiro, na parroquia de Luou (Teo) onde se ocultaban varios homes ao mando de Foucellas. A casa foi incendiada e ata 4 guerrilleiros foron abatidos. Só Ricardito e Benigno Andrade lograron fuxir. Segundo o cabo primeiro Antonio Peña, o propio Benigno Andrade foi o que disparou a Manuel Gardón. No consello de guerra de 1952 Foucellas negouno e dixo que el e Remuiñán se deran á fuga sen disparar ningún tiro.   
FONTE: "A Guerra silenciada" de Manuel Pazos Gómez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario