En abril de 1928, en plena ditadura de Primo
de Rivera, foi nomeado gobernador civil da Coruña Rafael Muñoz Garde, que naquel
momento era vicepresidente da Deputación Provincial de San Sebastián (o de
chamarse Donosti quedaba moi lonxe) e conselleiro do Banco de Vizcaya.
Rafael Muñoz tiña fama de ser home afable e de
fácil trato. Como lle gustaba moito conducir, a diferenza doutras
personalidades non adoitaba levar chofer.
Nunha das súas viaxes da Coruña a Santiago ou
viceversa decidiu parar en Ordes para charlar co alcalde Manuel García Rivas xa que quería
informalo do restablecemento dunha feira que fora suprimida o ano anterior.
Ao saír topouse cuns paisanos e un deles, ao
ver o uniforme e o feito de que non houbese ninguén mais no coche, creu que era
soamente un chofer da Capitanía Xeral de Ferrol ou de calquera outra
institución.
Así que achegouse a el e ofreceulle unha
peseta por levalo ata un lugar que quedaba máis ou menos a tres Km. de Ordes. O
gobernador, sen molestarse en aclararlle quen era, seguiulle o xogo recorrendo
ao entón omnipresente regateo.
- Una peseta es muy poco para ese
trayecto.
-
Veña ho. Por tres patacóns vou no castromil.
- Será verdad, pero es que este automóvil
es más bonito y va más cómodo, pues va usted solo dentro.
-
Pois non dou máis. Se o quere, ben. Senón vostede o perde.
Vendo tal determinación o gobernador cedeu e
convidou a subir ao paisano, ao que levou ata o seu lugar de destino.
Ao baixarse do coche o paisano buscou na súa
faltriquera unhas perras gordas ata reunir traballosamente unha peseta, pero ao
ir darllas ao condutor atopouse cunha negativa:
- Lo he pensado mejor y para una peseta
no quiero nada.
O
paisano non insistiu. Metendo as moedas no peto respondeu:
-"Destonces"
moitas gracias e que haia "salude".
O coche marchou e o paisano foi saudar a uns
conveciños que alí había. Un deles preguntoulle:
-E
ti, como viñeches co gobernador?
Completamente
abraiado o home só foi quen de dicir:
-
Pero era o gobernador? O gobernador? Ai miña nai!
Esta historia (real ou inventada) foi
publicada nun par de xornais. En El Eco de Santiago a conclusión
final é bastante curiosa (sobre todo polo último adxectivo):
"Esta anécdota refleja la impresión
que nos produjo el Sr. Muñoz de ser un hombre asequible, afable y un verdadero
demócrata cristiano".
E, de propina, un chiste gráfico "El chiste malo" publicado en El Correo Gallego.
No hay comentarios:
Publicar un comentario