sábado, 7 de septiembre de 2024

Cruceiro de Beán


   Situado fóra do adro pero a escasos 20 metros ao norte da igrexa de Santa María da parroquia de Beán, este cruceiro destaca pola súa altura, que rolda os 5 metros, e pola diferenza no desgaste de varios elementos que delata as súas distintas idades.
  A plataforma é moderna, aparentemente de bloques de pedra (aínda que o interior podería ser perfectamente de calquera material). Consta de 3 graos, máis outro case soterrado no asfalto da estrada, cunha altura total de 80 centímetros. Sobre a plataforma hai un pedestal cúbico con remate moldurado duns 55 centímetros de altura. O varal -xunto co capitel- da mostras evidentes de ser a peza de maior antigüidade. É octogonal pero comeza e remata cadrado. Mide entre 2,70 e 2,80 metros de altura.
   O capitel ten forma troncopiramidal invertida. Inicia con astrágalo cuadrangular liso e remata nun ábaco con lados rectos. Está moi erosionado pero distínguense claramente adornos de volutas nas esquinas e pétalos.
  A cruz rectangular con remates de forma trevoada, é unha peza moderna, presumiblemente de formigón, que debe datar de finais do século XX (posiblemente a mesma idade ca plataforma). É bastante peculiar porque non contén a típica imaxe de Cristo senón só unha Santa Face, inscrita nun circulo, mirando ao norte. Cara ao sur, onde está a igrexa, hai outra imaxe tamén peculiar: unha Virxe sobre peaña, sostendo unha cruz lisa que lle chega desde o pescozo ata os pés. Detrás da cabeza varias follas de gran tamaño adornan a parte alta da cruz.
   Se queres ver máis fotos e a súa ubicación nun mapa preme en Cruceiro de Beán da excelente web Todos los cruceiros de Galicia.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario