lunes, 26 de junio de 2023

Santa María de Beán


  A igrexa de Santa María de Beán está situada no centro pero algo ao oeste da parroquia de Beán, ao pé da estrada que vai a Oroso. Ten planta rectangular, só rachada por dous pequenos saíntes laterais. A súa lonxitude é de algo máis de 20 metros e a anchura duns 6,50 metros, ou sexa uns 140 metros cadrados, o que a sitúa nun termo medio entre as igrexas do concello en canto a tamaño.
  Está feita de cachotería revocada e pintada de cor branca, agás os resaltes das esquinas e a espadana que son de cantería granítica. O tellado a dúas augas está cuberto coa clásica tella do país. É unha das igrexas do concello que menos elementos antigos conserva, debendo o seu actual aspecto a unha gran reforma no século XIX.
  Na fachada, moi sobria, vese unha lápida de pedra entre a fiestra e a porta que di "Se hizo siendo cura D. Andrés Quintáns López año de 1880". Hai outra inscrición máis pequena de 2001 en agradecemento ao sacerdote D. Plácido Rodríguez Rodríguez. Ao carón da fachada na zona sur estaba antigamente unha pía bautismal. Diante da porta, obrigando pisala para entrar, podemos ver a tumba do reformador da igrexa D. Andrés Quintáns, tumba compartida co seu sobriño D. Andrés Míguez Quintáns, tamén sacerdote da parroquia.
 
 
  No interior o espazo está dividido por un gran arco de medio punto que separa a nave principal da cabeceira. Os muros están revocados e adornados coas imaxes dun Sacro Corazón e un San Isidro. Hai dúas grandes fornelas con retablos (razón dos saíntes laterais), cunha Virxe do Carme o do muro norte e unha Virxe do Rosario o do sur.
 

  No presbiterio vemos o retablo maior de estilo barroco con estípites do século XVIII, que é un dos elementos máis antigos do templo. Está presidido por unha imaxe da Inmaculada Concepción e na base están un San Antonio e o inevitable San Roque. A ambos os dous lados do retablo, enriba das portas de acceso a sancristía hai imaxes de San Xoán Bautista e de San Xosé.
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario