No século XIX e principios do XX
practicamente todo o mundo tiña terras e gando, incluso os VIP da vila, fosen
médicos, avogados ou empresarios posuían leiras e vacas, só que no seu caso
podían permitirse criados ou xornaleiros para traballalas.
Por suposto fóra da pequena zona urbana
había familias campesiñas con grandes cantidades de terreo. Estas familias
ricas* tentaban acumular sempre máis terra de forma que buscaban emparentar entre si e
procuraban repartir as herdanzas o menos posible.
Unha desas familias poderosas eran os Bello, os maiores propietarios da
parroquia de Pereira, tanto que
chegaron a ter nove caseiros. A casa principal, co seu notable hórreo,
está a uns 250 metros
ao sueste da igrexa parroquial. Alí viviron no século XIX Manuel Bello Pulleiro e a súa muller ? Garaboa Recouso. O seu fillo Antonio Bello Garaboa colaborou economicamente na restauración da igrexa polo que o seu nome aparece
na fachada. Casou con Josefa Suárez Señarís, tamén de Pereira,coa que tivo un fillo que herdaría a casa
familiar e tres fillas que casaron con membros doutras ricas familias
campesiñas dos arredores.
Manuela
Bello Suárez (1864-1956) casou con Andrés Mosquera Uzal (1860-1934) dos
Mosqueira da Costa de Poulo co que tería cinco fillos.
Francisca
casou con Jesús Veiras Pérez, o patriarca dos Veiras de Pardiñas (Poulo), co que tivo igualmente cinco fillos.
Dolores
casou para Buscás con José Moar Veiras (1869-1930), da rica familia Moar dos Ramos -tamén emparentada cos Veiras de Pardiñas-, e viviron na casa que hoxe é coñecida
como a da Bella da Rúa.
O herdeiro principal, Francisco Bello Suárez (que por certo tivo en 1909 un pleito coas súas tres irmás e cuñados a causa do testamento), casou con Mª Josefa Pérez Ramos (doutra
familia de grandes propietarios, os Peres de Barbeiros) coa que tivo 6 fillos.
María (1904-1997) casou con Antonio Martínez,
descendente doutra gran familia campesiña, os Martís do Casal. Antonio morreu
en 1945 a
mans dos foucellas cando ía cara ao Mesón cobrar os impostos da feira da Adina.
Dos catro fillos do matrimonio o máis coñecido é José Antonio
Martínez Bello, o propietario da "Auto-escuela Órdenes" onde aprendeu a conducir
gran cantidade da xente do concello.
Antonio (1906-1984) herdou a casa principal.
Do seu matrimonio con Elvira Botana Varela tivo catro fillos, do que o último,
tamén de nome Antonio, que non casou é o que permanece na casa.
Francisco, que cometeu un homicidio na súa xuventude, viviu lonxe e
deixou dous fillos. De
Manuel Jesús
cremos que morreu novo.
Asunción (1918-2013) casou con Antonio Cañón León (1930-2022), un
electricista que reparaba televisores, matrimonio que non tivo fillos.
Houbo outra filla máis da que non coñezo o
nome que casou en Sigüeiro para a casa coñecida como de Rivera da Ulloa e que morreu no parto da súa filla Nieves Rivera. Esta
última casou para a casa de Matías de
Lavandeira con Pedro Villaverde.
Por certo que o seu pai casou en segundas
nupcias con Mª Veiras Mosquera, filla de Carmen Mosquera Bello (curmá da súa
primeira muller, por ser filla de Manuela Bello). Todo quedaba en
familia.
FONTE: Julio Lino Mosquera Ríos.
* Non eran ricas no
sentido que lle damos hoxe de ter unha vida luxosa, pero si vivían con folgura
e sen medo aos percances (como unha enfermidade ou a morte dunha vaca) que á
inmensa maioría dos campesiños podían arruinalos e deixalos sen nada, converténdoos
no que entón se chamaba "os caseteiros" que vivían case nunha choza e
gañaban malamente a vida indo ao xornal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario