A historia de Ordes está chea de grandes mestres.
Nomes como Juana Soto (doña Juanita), Ramona Pérez (doña Moncha),
Nicolás del Río, Mariano del Amo... e moitos máis son evocados con agarimo e
gratitude por alumnos que mantiveron vivo o seu recordo.
Non é o caso que nos ocupa: Manuel Gamallo é
unha das figuras máis controvertidas da nosa historia. Non ten agarimo (nunca o
buscou) pero si o recoñecemento de numerosos alumnos que consideran que
aprenderon moito con el. Doutra banda, outros consideran que a súa experiencia
escolar foi un inferno do que tardaron en recuperarse e téñenlle un odio
africano (como Anibal aos romanos).
Antes de nada precisar que o seu nome
completo era Manuel
Elpidio. Isto é importante porque en Ordes era coñecido como Manuel
Gamallo, pero realmente Manuel Gamallo Sueiro era un irmán seu máis novo (e
tamén mestre) que non tivo relación laboral coa nosa vila.
Gamallo naceu no ano 1928 en Cerdedo (un pequeno concello
da montaña pontevedresa), concretamente en San Martiño de Figueroa.
Era fillo de José Mª Gamallo Rey (1901-1998) e tivo dous irmáns menores: Sara e
Manuel.
Estudou maxisterio en Pontevedra e, como
tantos mestres naqueles anos, tivo que saír de Galicia e dar clase en Castela.
Casou cunha moza do seu concello, alta e
robusta coma el, chamada Laudelina
Bugallo Barreiro (en Ordes coñecida como doña Laura) que nos anos 70 tamén
sacararía as oposicións de maxisterio e sería mestra. Con ela tería tres
fillos: Luis, Agustín e Elpidio.
En 1963 veu de Amusquillo (Valladolid) para Santa
Cruz de Montaos e dous anos despois, en 1965, aprobou as oposicións para
lugares de máis de 10.000 habitantes e chegou
a Ordes ao que entón se chamaba Agrupación Escolar Mixta. Había aulas
repartidas por toda a vila (onde estudaban separados nenos e nenas) ata 4º de
Primaria que era entón o ensino obrigatorio. Gamallo daría clase na casa de
Manolo dos Ramos e despois nunha casiña que había detrás de "Calzados
Mallorca" onde dera clase don Ricardo Rama.
Neses tempos vivía na vila pero logo fixo
unha casa en Santa Cruz de Montaos onde residiu a familia.
Gamallo era un admirador da máxima dos
mestres romanos "a letra con sangue entra". Era unha época onde o
castigo físico non estaba mal visto e moitos profesores daban ocasionalmente
cachetes ou tiróns de orellas, pero el levábao ao extremo e tiña unha lista de
castigos que consistían desde dar vareadas nas mans ata longos tempos
axeonllados.
Eses métodos funcionábanlle: en 1968 levou o
6º premio (500 pts)
no concurso do "Cuaderno de rotación" (unha libreta na que cada día
escribía un alumno distinto da clase facendo as actividades desa xornada -foi a
clase da foto, na que estaba eu-).
Nesa época
Gamallo tamén foi o máximo dirixente da OJE
en Ordes. A OJE era unha especie de
organización similar á dos Boy Scouts americanos, pero dependente da Falange Española, e era habitual que os
mestres fosen os seus mandos, de feito o Xefe provincial de dita institución era
o mestre coruñés Jesús Grandío Rivas. Os afiliados á OJE achegaban unha cantidade mensual para manter o que se chamaba “Hogar de la OJE”, un local destinado a
aprender morse, xogar ao xadrez, artes marciais, técnicas de supervivencia,
etc. Como en Ordes non existía ese "Hogar"
Gamallo quedábase cos cartos das cuotas. Isto foi denunciado por Carmen Gaudeoso Bascoy, a muller de
Rodrigo Robado Rama. Gamallo foi destituido automáticamente pero os afiliados,
alumnos seus, pagaron os pratos rotos e sufriron logo duras represalias.
A principios dos 70 creouse o Colegio Nacional Comarcal de Ordes (actual CEIP Castelao) e alí se reuniron os profesores de Primaria baixo a dirección de Manuel Picallo (1920-2005). Son novos tempos e xa non hai castigo físico pero Gamallo segue sendo o "ogro", o profesor que ninguén quería que lle tocara. Había unha excepción: gustáballe facer as excursións e era un dos poucos profesores que se movían para recadar fondos e organizalas.
A principios dos 70 creouse o Colegio Nacional Comarcal de Ordes (actual CEIP Castelao) e alí se reuniron os profesores de Primaria baixo a dirección de Manuel Picallo (1920-2005). Son novos tempos e xa non hai castigo físico pero Gamallo segue sendo o "ogro", o profesor que ninguén quería que lle tocara. Había unha excepción: gustáballe facer as excursións e era un dos poucos profesores que se movían para recadar fondos e organizalas.
A relación con moitos compañeiros tampouco
foi a mellor, chocando con algúns deles (outros tíñanlle tanto medo como os
alumnos), especialmente con Mª Carmen
Abraira que tamén tiña un carácter forte. Este choque chegou a niveis
físicos en maio de 1990, sendo ela xefa de estudos, cando a perseguiu polos
corredores (supoño que a non demasiada velocidade porque neses tempos xa tiña
moito sobrepeso) con intencións nada amistosas. Afortunadamente o secretario
(sen dúbida un amante do perigo) púxose en medio e o sangue non chegou ao río.
Posteriormente negou que lle tivera dado unha bofetada e ambos os dous se
disculparon mutuamente diante dos compañeiros.
Os últimos anos tivo bastantes problemas de
saúde. Morreu o 3 de xuño de 2007 e está soterrado en Figueroa, a súa parroquia
natal.
O seu
fillo maior, Luis, está casado e con dous fillos. Agustín está viúvo e cun
fillo. Elpidio foi o de maior relación con Ordes porque tivo durante bastantes
anos unha óptica en Alfonso Senra.
FONTE: Xorxe de Xan Ferreiro e outros ex-alumnos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario