jueves, 23 de noviembre de 2023

O cura Duro

    Na primeira metade do século XX cando case ninguén tiña radio (a primeira emisión foi en 1924) e a televisión e por suposto Internet eran meros soños, a xente tiña que buscar maneiras de divertirse. Unha desas maneiras era gastar bromas (máis ou menos pesadas) que ademais despois eran moi comentadas nas tabernas e nas lareiras. Algúns coma Estevo de Cestaños fixéronse famosos entre a veciñanza por ser moi trangalleiros e inventar algunhas bromas lendarias das que se falou durante décadas. Máis sorprendente é que outro destes personaxes fose un cura. Sí, don Antonio Duro Cotón, sacerdote das parroquias de Montaos e Pereira nas catro primeiras décadas do século XX, tamén era un gran bromista segundo nos conta Victorino Cores.
 
  Antonio Duro Cotón naceu no século XIX na parroquia de Caleiro (Vilanova de Arousa). Primeiro foi coadxutor de Pereira en 1893 e desde 1894 foi párroco de Montaos (e tamén de Pereira) durante 42 anos! Retirouse á súa casa en Caleiro, onde morreu o 26 de decembro de 1938.
 
  O cura Duro seica era moi amigo do viño, das trangalladas e da baralla. Sendo eu rapaz, téñolle escoitado a xente que o coñeceu anécdotas moi divertidas del.
  Unha vez seica estiveran el e outros tres xogando ás cartas toda a noite e de paso bebendo uns grolos de caña do Ribeiro. Pola mañá, cando estaba misando no altar, volveuse cara aos fregueses presentes na igrexa e sorprendeunos dicindo:
- Trunfa en copas!
Loxicamente escachizáronse coa risa.
 
  Noutra ocasión fixo unha aposta cun xastre que había en Santa Cruz a quen lle gustaba o viño tanto como el.
- Se despois de media noite sobes á figueira e permaneces nela máis de media hora, gañas unha carta de viños. Senón tes que pagala ti.
- Feito! - aceptoulle o xastre, ignorante de que Duro non pensaba xogar limpo.
  A figueira estaba na horta do cura, chea de nabal, detrás dos primeiros panteóns que se fixeran no cemiterio.
  Á hora acordada o xastre gabeou á figueira a esperar que o tempo pasase axiña para logo enchouparse de viño.
  O cura estaba alertando no adro a catro mozos agachados e cubertos con manteis vellos da igrexa.
- Se non colle medo coas garatuzas que lle fagades, zorregádeslle un lamboirazo e tirádelo da árbore abaixo que non quero que ese farfallán me gañe o viño - díxolle o cura aos mozos.
  Meu dito, meu feito. As "pantasmas" saíron do escondite cunha saba collida na man e foron apañando nabizas cara á figueira e cantando a coro:
- Cando estabamos vivos, comíamolas cocidas, e agora que estamos mortos comémolas coma os porcos. E ti que vas na dianteira, colle ese que está na figueira!!!
  Cando o xastre viu que se dirixían cara a el, tirouse abaixo e saíu correndo cara ao mesón. O cura berráballe:
- Eh, valente! Volve aquí, ho, ou toleaches?
 
  Outras veces tiña mandado porlles medo aos que ían ao muíño e mesmo a un criado seu, que era de Queis, tamén mandou asustalo. Pero o criado non colleu medo e fixo fuxir ás "pantasmas" a cardeñazo limpo. Desde entón Duro sempre presumiu de teren un criado valente.
Victorino Cores Liste

No hay comentarios:

Publicar un comentario