En 1928
houbo de novo unha morte violenta na comarca. O suceso afectou a dúas das máis
coñecidas familias do concello de Ordes, os Veiras de Poulo e os Bello de
Pereira (que por certo estaban emparentadas entre si).
A noite do domingo 21 de outubro Francisco
Veiras Botana, de 26-27 anos, foi a Pereira á casa de María e Dolores
García Varela. Francisco tiña unha relación sentimental con María e con ela
estivo a falar en compañía de varios mozos.
Ao saír produciuse unha discusión entre el e
outro dos galáns, Francisco Bello Pérez de 19 anos e veciño de
Pereira. O motivo exacto non o sabemos, pero no seu día especulouse que
discutiron acerca de quen era máis valente. Hoxe pode parecer unha estupidez
pero naqueles tempos era un tema de debate bastante habitual.
A discusión foi empeorando paulatinamente ata
que Veiras, fóra de si, atacou cun coitelo de cociña (de 30 cm!) a Francisco Bello,
asestándolle ata seis coiteladas no peito, costas, brazos e cabeza. Véndose
perdido, Bello sacou unha pistola automática do calibre seis e disparou dous
tiros que deixaron morto a Francisco Veiras no lugar da pelexa.
Acudiron ao ruído varios veciños e, en tanto
uns custodiaban o cadáver mentres non chegaba a Garda Civil e o xuíz, outros
levaron ao malferido Bello ata a súa casa. Alí permaneceu mentres se recuperaba
para pasar logo ao cárcere.
O xuízo tivo lugar case dous anos despois, en
marzo de 1930. Numerosos veciños de
Ordes acudiron ás sesións. Francisco Bello estivo defendido polo prestixioso
avogado Gerardo Abad Conde
(de orixe ordesa e futuro ministro na época da república), mentres que o non
menos prestixioso avogado coruñés Manuel Casás (alcalde da Coruña
naqueles momentos) exercía a acusación particular apoiando ao fiscal Sr. Alonso. Estes pedían 12 anos por
homicidio e tres meses máis 1.000 pesetas de multa por posesión ilícita de
armas, mentres a defensa pedía a absolución.
Ao final Francisco foi condenado a oito anos de prisión polo homicidio e a un mes e un día máis 100 pesetas de multa por tenencia ilícita de armas. Ao saír do cárcere continuou coa súa vida, marchou de Ordes,
casou e tivo dous fillos (María e José Antonio Bello).
No hay comentarios:
Publicar un comentario