jueves, 28 de septiembre de 2023

Cruceiro de Lesta

 
   No lugar da Eirexe a uns 40 metros ao noroeste da igrexa de Santo André achamos este bonito e esvelto cruceiro feito totalmente de pedra.
  A plataforma cuadrangular adáptase ao desnivel do terreo. No oeste son tres graos, mentres que no leste só asoman dous. Sobre eles un pedestal rematado con chafráns duns 40 centímetros de altura. Acaroada a el polo lado sur hai unha mesa de ofrendas.
  O varal, duns 2,70 metros de altura, empeza e remata cadrado pero a maior parte é octogonal. Sobre el hai un capitel cuadrangular moldurado cunha esquina algo deteriorada.
  Os paus da cruz son circulares leñosos e con nós. Hai as dúas figuras típicas. Un cristo bastante detallado con tres cravos, cabeza á dereita, mans pechadas, coroa de espiñas e pano sen nós. Sobre a cabeza distínguese o cartel do INRI. A virxe en cambio parece moito máis estilizada, máis básica. Situada sobre unha peaña que semella unha nube, está orando coas mans xuntas e o seu vestiario é liso sen unha soa engurra.
  O conxunto debe de medir arredor duns 4 metros e medio.
  Se queredes ver máis fotos e unha vista de rúa preme en Cruceiro de Lesta da excelente web Todos los cruceiros de Galicia. 
 

lunes, 25 de septiembre de 2023

A familia Couto (Reboredo)

Os Coutos de Reboredo proceden de Ardemil, pois alí naceu Juan Couto. Tiña polo menos un irmán, chamado Bernardo, e unha irmá, María, nacida en 1885 e que por certo case foi asasinada a tiros por un ex-mozo en 1915.
Bernardo casaría con María Sanjurjo e serían os pais da centenaria Concha (1915-2015), do guerrilleiro Juan Couto Sanjurjo* (1917-1999) e do barbeiro Manuel (n.1919) que tamén estivo no cárcere por axudar á guerrilla. Outros dos seus fillos serían Evangelina, José o Moreno de Couto (1924-1996), casado con Mª Carmen Sánchez Viqueira, e Pura (1928-2021) que viviu no Canedo co seu marido José Mª Garaboa Candal.
Juan Couto Candal (1890-1968) casou con Estrella Prado Cancelada (1895-1974) e estableceuse en Reboredo.
 
Estrella si era de Reboredo, da familia Prado. Un dos seus irmáns foi José Prado Cancelada (1900-1989), pai de 7 fillos, o 2º dos cales foi o construtor Manolo Prado Moure Manolo de Prado (1934-2011). Algunha das súas irmás eran María (1897-1982) que non casou, Rosa (1906-1994) que casou para A Espenica con Andrés Iglesias Vázquez, e Jesusa (1907-1980) que casou con Vilariño de Reboredo.
 
Juan e Estrella tiveron 6 fillos: Manuel, Avelino, Mercedes, José, Andrés e Juan Couto Prado. Algúns deles na súa mocidade montaron un grupo de música tradicional.
Manuel Couto Prado casou con Antonia Santos Loureiro e estableceuse na Coruña. Tiveron dous fillos: María e Manuel Couto Santos.
Avelino (1924-2014) viviu en Reboredo coa súa muller Josefa Rivas Suárez (1928-1978), coa que tivo dous fillos: Manuel e Fernando. O primeiro morrería moi novo, aos 23 anos de idade. Avelino rematou os seus días na illa de Fuerteventura.
Mercedes Couto Prado (1926-2021), a única muller da familia, casou con Ricardo Remuiñán Ríos (1924-2010) que procedía do lugar dos Blancos, a pouca distancia de Reboredo. Alí vivía a súa nai, María Ríos Regos (1888-1973) que casou co seu criado Antonio Remuiñán Patiño (1896-1963). Mercedes e Ricardo tiveron 4 fillos: Antonio, Carlos, Manuel e Ricardo Remuiñán Couto. Antonio Cachito tivo unha tenda de motos a carón da de Higino. Manuel, o 3º, morreu moi novo aos 35 anos de idade.
José
Che (1932-2018) tivo un fillo con Emilia Franqueira da Poza de Mercurín pero casou con Carmen Castro de Vilaverde da que se acabou separando. José Antonio, o fillo, casou cunha moza de Darefe da coñecida familia Carril.
Andrés Couto Prado (1934-2021) de mozo foi barbeiro. Emigrou xunto co seu irmán Juan a América. Á volta e coa herencia asociáronse con Caxide e Alberte en negocios de construción. Casou con María Rivas Suárez (1936-2023), irmá da muller de Avelino, e acabaron vivindo no Piñeiro. O matrimonio tivo dous fillos: Mª Esther e Juan.
María Esther Couto Rivas
que naceu en Montevideo en 1960 é a máis coñecida da familia. Licenciada en Dereito, militou no PSOE e foi concelleira e portavoz do seu grupo en Ordes. Entre 2004 e 2008 sería deputada do Congreso e posteriormente entraría no Ministerio de Cultura como asesora parlamentaria do ministro César Antonio Molina. Casou co seu primo 2º, José María Couto Sánchez (o 2º fillo de José Couto Sanjurjo). O matrimonio ten dous fillos: Carlos e Natalia Couto Couto.
Juan Couto Rivas casou con Teresa Viqueira Campos, filla do construtor Manolo de Pura. Con ela tivo dous fillos: Iago e Laura Couto Viqueira.
Curiosamente Andrés Couto morrería practicamente ao mesmo tempo que a súa consogra Manuela Campos Boquete (1946-2021). El sería soterrado ás 4 e ela ás 5 da tarde do 24 de decembro de 2021.
Juan Couto Prado casou con Carmen Lago Bastos, filla de Jesús Lago Campos e Carmen Bastos Estévez, ambos os dous mortos en 1988. Tiveron dous fillos.
 

*Juan Couto Sanjurjo, coñecido como Simeón, naceu en Mámoas (Ardemil) en 1917. Traballaba como labrador e empezou a facer de enlace da guerrilla ata que foi descuberto, polo que se botou ao monte en xaneiro de 1946, incorporándose ao destacamento Manuel del Río Botana dirixido por Manuel Ponte. Participou en varias accións como o asalto a un tren cargado de armamento na liña Coruña-Santiago e no recrutamento de veciños de Ardemil para atentar contra postes de comunicacións. Ese ano tivo lugar o asasinato do párroco de Viós (Abegondo) don Juan Díaz Manso no que a súa participación foi dubidosa. Perdeu o ollo dereito ao recibir unha perdigonada nunha refrega en Oíns (Arzúa) o 6 de decembro de 1946. Na emboscada do Fontao de abril de 1947 onde morreron Ponte e dous guerrilleiros máis, el logrou escapar xunto con Emilio Pérez. Foi aguantando como puido e resistiu ata o 22 de xuño de 1952 en que a casa onde se refuxiaba xunto con Manuel Ramiro e José Galán foi rodeada pola Garda Civil. Os seus compañeiros morreron no enfrontamento e el foi detido. Sería xulgado o 6 de xullo de 1953 en Consello de guerra e condenado a morte, sendo a pena conmutada pola de cadea perpetua. Pasou polos cárceres da Coruña, Dueso en Santoña (5 anos), Alcalá de Henares (3 anos), Carabanchel e Guadalajara. Foi posto en liberdade en 1963 e instalouse na Coruña onde foi empregado de EMESA. Casou con Gloria Rivas Viqueira Gloria da Tiopeira (1924-2017) que xa tiña unha filla de solteira e coa que tivo un fillo, chamado Bernardo (como o pai de Juan). Morreu o 12 de outubro de 1999 e está soterrado en Buscás xunto á súa muller.

viernes, 22 de septiembre de 2023

Ordes 1951-1975

Comezo das obras da Casa do Concello. Voda de Mª Carmen Astray con Bartolomé Siquier. A Banda de Música do Rexemento de Infantería "Zaragoza" nas festas. Morren Antón de Xan Ferreiro, o sacerdote D. Vicente Monteagudo, Juan Liñares, Manuel Ruibal e Francisco Bello.
Comezan as obras do campo de fútbol "Vista Alegre". Atrapado o último guerrilleiro: Juan Couto. Axustizado na Coruña Benigno Andrade. Morreron Juan de Calvo e Pedro Graña Blanco.
Inauguración oficial do campo de fútbol. Federouse a SD Órdenes. Voda do médico Fernando Concheiro en Vilagarcía de Arousa. Xuízo contra o guerrilleiro Couto. Morreron a matriarca dos Astray, Carmen Mato, e Felisa Uzal Varela da Calle de Poulo.
Inauguración da Casa do Concello. Peregrinación a Santiago. Multitudinario (+ de 1000 nenos) acto de confirmación polo cardeal Quiroga Palacios. Morreron o mozo José Abeijón e Manuel Castro del Río.
Homenaxe a Vicente Carnota. Chegada da imaxe da Virxe de Fátima. Veu a Ordes o secretario xudicial Jesús Cristín Castro (ata 1971). Morreron Josefa Ramos, nai de Mundito, e José García, patriarca dos Garcías do Casal.
1956
Dolores Iglesias creou o Keike. Foise para á Coruña don Joaquín Andrade. Don Francisco Nimo Castro nomeado ecónomo da parroquia de Ordes. Visita do Padre Peyton e do Cardenal Tisserant. Marreu Ramón Prado.
1957
Novo párroco, don José Fuentes Fernández. José Neira Duro funda "Autos Garabanxa". Morreu Purificación Rendueles, viúva de Varela Tojo.
1958
Construción do Edificio do Frente de Juventudes e o de Carril. Voda de Jesusa Areoso Villaverde con Manuel Gª Varela e de Juana Mosquera con Suso de Calvo. Morren Josefa Ferreiro, viúva de Amado, o comerciante da Pontraga Ramón Cores Marzoa e o veterinario Carlos Troche.
1959
Inauguración da escola de Parada e dun lavadoiro no Mesón do Vento. En liberdade Pedro do Serrador. Morre o sacerdote de Numide e Parada don Jesús Sánchez Verdeal.
1960
Inauguración do matadeiro. Gasolineira en Alfonso Senra. Substitución do alumeado por outro de vapor mercurio. Buján pasa a ser "Valle del Dubra". Voda de Alfonso Castro Pol con Mª Pilar Cristín Pérez.
1961
Chega a electricidade a Poulo. Voda de Antonio Concheiro Carro con Mª Pilar Coello Bufill en Poio. Morreu María Castro Bao, nai do alcalde Juan Liñares.
1962
Veciñas de Mercurín apedraron a obreiros de Patrimonio Forestal. Rematan as obras de ampliación da igrexa parroquial de Ordes. Voda de José Castro Ferreiro con Marisol Mariño Franqueira e Manuel Mª Concheiro con Maite Varela Nine. 2 mortos nun pozo en Guindibóo.
1963
Gran nevada en febreiro. Instalación dun centro emisor de radio e antena no Mesón do Vento. Saíu do cárcere o guerrilleiro Juan Couto Sanjurjo. Veu para Montaos o mestre Manuel Gamallo.
1964
III Concurso provincial de tractoristas en Ordes. Voda de Mario Concheiro con Gemma Liñares e en Betanzos do mestre do Mesón Roberto Forján. Morren a mestra do Mesón Mª Candal Garaboa (atropelada) e Antonio Ramos en accidente de avioneta. Construción da igrexa do Mesón.
1965
Solemne traslado dos restos do soldado Lois. Peregrinación a Santiago. Inaugurouse o "Círculo Cultural y Recreativo". A comisión de festas foi presidida por unha muller. Gustav Henningsen en Ordes. Morreu Eduardo Somoza del Río.
1966
Morreron Rogelio Prado, Elvira Ferreiro del Río, Manuel González Corbelle e o sacerdote don Eulogio Ramos Gangoso, tío de Tasina.
1967
Electra Maruxa de Vilamaior aumentou as súas liñas. Talouse a 1ª ringleira de plataneiros da alameda. Voda de Manuel Liñares Stolle con Mª Ángeles Vieites Villaverde. Morreu José Mosquera Bello (Mosqueiras da Costa).
1968
De novo na alcaldía Antonio Concheiro. Instalouse a SEAT en Ordes (Talleres Soneira) en outubro. Voda de J.A. Cristín con Pilar Mariño García. Morreron Ángela Stolle e a mestra Doña Moncha.
1969
Crime en Mesos (Frades). Voda de Mª Carmen Somoza con Jesús Cristín Pérez. Morreu Juana Gª Mouriño.
1970
Comezaron as expropiacións para o novo Campo da Feira. Fundación de "Sementes do Arte". Morreu Antonio Verea Fandiño.
1971
Peregrinación a Santiago. Gonzalo Concheiro campión galego de tiro. Morreron Euduvigis Carro, muller do alcalde Concheiro (que entrou na Deputación ese mesmo mes), e o carpinteiro Manuel Regos Viqueira.
1972
Construción do Colexio Comarcal. Morreu D. José Mª Barreiro García, cura de Poulo durante moitos anos.
1973
Comezo das clases no Colexio Comarcal (hoxe CEIP Castelao). Rematouse o edificio de 10 pisos. Morreron Visitación Pardo, Antonio del Río Castro, Francisco Concheiro Gª e Fernando Conde do Bidueiro.
1974
Ataques de lobos preto da vila. Inauguración de Órdenes 2000. Morreron o reloxeiro Manuel Ferreiro López, pai de Mitito, Rafael Álvarez Salgueiro e Manuel Cancelada Villaverde.
1975
Inauguradas as instalacións da feira. Construción do Centro Médico. Naceu a asociación "O Terruño". Oroso cambiou a súa capitalidade a Sigüeiro. Sala de festas Josfer no Mesón do Vento. Morreu Ricardo Martínez Nogallás.

domingo, 17 de septiembre de 2023

Elite e comerciantes dos 50

 
No ano 1950 estreou o posto de alcalde o avogado Juan Liñares Castro. O secretario do Concello era Ángel Concheiro Rodríguez, pero xa se xubilaría en 1951 e ata 1956 no chegaría, grazas a unha permuta desde o Pino, o seu sobriño Ángel Concheiro Iglesias. Houbo varios xuíces como Alfonso Navascués e funcionarios que apenas duraban no posto. Os que se asentaron durante máis tempo foron o notario Alfonso Leirós Fernández que xa levaba na vila 8 anos e o secretario do xulgado Jesús Cristín Castro, que viría en 1955 e estaría ata 1971.
 
  Manuel Concheiro García era o director do Banco Pastor e futuro fundador de Macoga. O outro banco que había de antigo, o da Coruña era dirixido por Segismundo Viqueira Mundito. Ese ano 1950 instalouse unha sucursal da Caixa de aforros de Santiago na que traballou Ángel Raña Dafonte.
  Ademais do alcalde, outros avogados importantes da vila eran Juan Amigo Iglesias, Celestino Concheiro e Manuel Astray Mato (avó de Nel Astray).
  Pero o home que mandaba na sombra era o médico Antonio Concheiro Iglesias, que xa fora alcalde nos primeiros tempos da República. Nese ano 1950 cambiou de edificio o "Sanatorio Concheiro" e pronto sería presidente do -xa federado- equipo de fútbol. Outros médicos eran o ex-alcalde Genaro González e Joaquín de Juan y Casas.
  A propietaria da farmacia de arriba era Josefina Carballido (viúva de Santiago del Río) e desde 1949 (morte do seu pai Manuel) Rafael Álvarez Salgueiro era o farmacéutico de abaixo.
 
  O oco que deixou don Nicolás foi ocupado por outros nomes. Chegou José Bello Segade Pepe Bello e Manuel Picallo xa estaba en Ordes desde 1945. Outro gran mestre fóra do sistema era Mariano del Amo Algara que daba clases particulares. As mestras eran doña Maruja Carreró, doña Moncha, doña Concha, Patita Astray...
  Era párroco de Ordes don Joaquín Andrade que marcharía á Coruña en 1956, e en 1957 chegaría o muradán don José Fernández Fuentes, que empezou ben pero que acabaría sendo bastante polémico.
 

  O maior empresario e comerciante era Fernando Liste Mosquera Fernanducho, entón con 49 anos e moita vida por diante. Outro moi importante era Pedro Pardo Fandiño, de 63 anos, que tiña unha empresa de obras públicas pero case toda a súa actividade era lonxe da vila. Á súa sombra despegou en 1940 Ramón Carro Fernández, pai do Carro máis coñecido que empezou a traballar en 1954 con só 15 anos.
  Os transportistas principais eran Antonio Álvarez o Cotovío e Rogelio Prado Carnota.
  Algúns dos comerciantes máis importantes da vila eran Manuel Mariño Vilela nos Lagartos e o seu irmán, o ex-alcalde Rafael Mariño Vilela, no Recreo. A súa madrastra Ramona Iglesias tiña unha casa de comidas a carón de Manuel, e José Mariño Iglesias, un dos seus fillos, dirixía a ferraxería que tiña antigamente a familia Barreiro fronte á igrexa parroquial, pero non duraría moito tempo nela. No norte da vila dous grandes comercios eran o de Mariano Amado Ferreiro e a ferraxería de Calvo. En 1952 morrería Juan Calvo e serían os seus fillos Suso e Ismael Calvo Carnota os que levarían o negocio. Outra ferraxería, no Recreo preto do cruce, era a de Amancio Castro.
 
  Na zona máis oriental dos Lagartos (entón Calvo Sotelo) aparecería un moderno serradoiro "Viuda de Wais". Preto da vella maquía de Fernanducho estaba a carpintería de José Fernández Bello (1920-1981). Xa nos Lagartos en fronte da panadería de Victorio estaban o ultramarinos de Antonio Verea Fandiño, dono tamén dun taxi, e o bazar da súa irmá Carmiña. Tamén estaban o taller do latoeiro Segundo Costa, a fábrica de gasosas de Manuel del Río Bello, a carnicería de Buyo e o "Oriental Cinema".
  No Recreo, ademais do serradoiro, Manuel Vieites tivo unha zapatería a partir de 1951 e os Álvarez contaban tamén cun comercio de teas e las. Manuel Regos Viqueira tiña a súa carpintería, Manuel García un taller de venda e reparación de bicicletas, Manuel Castro un taller mecánico, os Graña unha maquía, o xastre Candido do Picho -o meu avó- o seu obradoiro, o Orensano unha tasca e Cándido Regos de Darefe un bar, que acabaría cedendo ao seu irmán Manuel, pai do futuro alcalde. Ramón Prado morrería en 1956 e a súa filla Luisa Prado sería a que continuaría o negocio.
  En Alfonso Senra estaban a maioría de comercios: a tenda de Casabella, a reloxería de Alfonso Pérez Graña, a carpintería de José da Calzada, o ultramarinos de Manolo dos Ramos, a zapatería "Calzados Mallorca" que levaba a muller do taxista Manuel Gómez Gende, a mercería de Fina e Pilar, o comercio de Viriato, os xastres Aller, Antonio Ramos e José Mosquera Peteiro (que ademais era barbería) e o ultramarinos de Pepa de Conde. Tamén as carnicerías de Pepe de Betanzos e de Ignacio. Julián Marcos Arenas tiña un comercio que mesturaba librería, taller de fotografía... e funeraria! Fronte a Alameda estaban tamén a mercería de Adita, a casa de comidas e panadería de Antón do Túnel, a tenda de Josefa Ramos (nai de Mundito), o Bar Juanito, a casa de comidas e "Fábrica de Chocolates" de Francisco Vilar e a droguería de Manuel Liñares xa fronte ao Nogallás. Máis ao sur, a tenda da Morena, a tasca de Enrique, o comercio de Segundo Faya e a tenda de curtidos e máquinas de coser de Víctor do Capitán, entre outras.
  Quedaban, no que hoxe son os Parques Municipais e entón o Campo da Feira, o antigo Salón, o taller mecánico de Antonio Castro del Río e a fábrica de gasosas de José Noya Vieites. Noutros lugares tamén estaban o almacén de Espiñeira e xa fóra da vila a fábrica do leite.
  Por suposto nas tres rúas principais aínda había outras tendas, tascas e casas de comida que se me escapan.
  Unha característica daqueles duros anos é que había unha gran cantidade de pequenos vendedores que compraban nalgunha tenda da vila ou de fóra e logo ían polas feiras da contorna sobre todo a da Adina que era a máis forte.
 
  Manuel Moar Manolito de Ramos: "Sempre me lembro de clientes que tiñamos na Cabra, entre elas María Antonia e Valentina, que revendían os nosos produtos, en especial o xabrón "Lagarto". Outra clienta que tiñamos era Mercedes do Piñeiro, a muller de Gumersindo dos Corbelles. Non che digo nada doutros grandes traballadores do comercio como Antonio da froitería, Amalia de Veiga, Hortensia de Candal, Angelito das Correas, Fina da Tarula ou Genoveva, que vivía na casa de Ricardiño, o sobriño do cura. Ordes ten unha grande historia e unha multitude de persoeiros que son dignos de mención. Como me vou esquecer de Pepita do Churrero que sacou adiante unha churrería con dous irmáns mudos que se chamaban Pepe (gran pescador) e Estrella".

martes, 12 de septiembre de 2023

Santo André de Lesta


  No lugar da Eirexe na parroquia de Lesta está situada esta pequena igrexa de planta rectangular e cuberta a tres augas, que debe o seu aspecto actual a unha reforma do século XIX. Cos seus 6,80 metros de anchura e 17 de lonxitude non chega nin aos 120 metros cadrados de superficie, polo que é a máis pequena de todo o concello, por diante da do Outeiro en Poulo.
 
 
  Exteriormente alterna o uso da pedra de cantería descuberta na fachada co revoco nos muros laterais e novamente cantería descuberta na parte traseira. Na fachada, moi sobria, a porta principal e o van superior teñen unha lixeira moldura, sobresaíndo do muro. Está coroada por unha sinxela espadana dun só oco (caso único no concello) e dous pináculos nos extremos do beiril. Tamén hai molduras nas fiestras e na zona traseira. Estes escasos elementos ornamentais fan que a igrexa de Lesta sexa moi austera e teña un aspecto máis neoclásico que barroco.
 

  No interior, a nave está abovedada e no presbiterio esta bóveda está recuberta de madeira. Destacan dúas pequenas fornelas cun elegante altar de granito cada unha, ambas as dúas enfrontadas, e o gran arco de medio punto que marca a entrada ao presbiterio.
  Detrás do altar maior hai un retablo neoclásico con catro columnas de fuste liso. No centro podemos ver a imaxe do apóstolo Santo André diante da cruz con forma de aspa.
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.
 

domingo, 10 de septiembre de 2023

Boas novas en 1950

  En 1949 e 1950 seguiu habendo festas, pero produciuse unha especie de "apagón informativo" e non apareceron novas delas nos xornais como era habitual outros anos.
  Aínda así sabemos que as festas patronais de Ordes de 1949 duraron 5 días, do luns 14 ata o venres 18 de agosto, e contaron coa música, iluminación, cabezudos, xogos e fogos habituais.
 

  En 1950 xa temos novas na prensa dalgunhas celebracións. Por exemplo en marzo houbo en Ordes a habitual plantación de árbores do país por parte dos veciños e os alumnos das escolas nacionais.  
  En abril tivo lugar no Mesón do Vento unha Festa da Árbore organizada polo alcalde Genaro González e o comerciante Julián Marcos co apoio da Corporación  e os señores Ángel Concheiro e José Antonio Castro Rodríguez. Contaron ademais con Federico García que deu un discurso sobre os beneficios que árbores e paxaros proporcionan á agricultura e saúde dos pobos. Os nenos foron obsequidos con peciñas de pan, figos e chocolate.
  Tamén en abril, pero en Santa Comba tivo lugar a voda de Antonio Lois del Río (1923-1999) con Elisa Blanco Blanco. O seu irmán maior Valentín e o comerciante Antonio Ramos pediran en febreiro a man da moza á súa nai Balbina Blanco "de distinguida familia de Santa Comba". O matrimonio estableceríase alí, igual que o seu irmán menor José que casou cunha irmá da noiva, Josefa Blanco Blanco. Tamén a nai dos dous, María del Río Viqueira (1901-1981) que nacera en Vilar, acabou os seus días en Santa Comba.
 
  O sábado 19 de maio tivo lugar a voda máis fastosa de 1950. Na igrexa de Santa María "profusamente engalanada" casaron Antonio del Río Rial con Elvira Pardo Villaverde, en ceremonia oficiada polo párroco don Joaquín Andrade. Os padriños foron o pai da noiva, o contratista de obras públicas Pedro Pardo Fandiño, e a tía do noivo, a mestra Amelia del Río. Representou á lei Amadeo Patiño Blanco e firmaron a acta como testemuñas, Manuel Bermúdez Rodríguez, director do Banco Español de Crédito na Coruña, o mestre José Bello Segade Pepe Bello, o inspector veterinario Manuel Reyero Gijón, o médico Fernando Concheiro García, o funcionario Jesús Peleteiro, o director do Banco de La Coruña Segismundo Viqueira Ramos Mundito e o mestre Manuel Picallo Ameijeiras. Os numerosos invitados foron obsequiados cun "espléndido banquete". Logo os noivos saíron de viaxe de lúa de mel por diversas capitais españolas.
 
  Temos novas da festa que se celebrou en Buscás o día 26 de xuño na honra de San Paio. Ademais das misas de comuñón e de ofrecer a reliquia para ser bicada polos romeiros, da misa solemne con procesión ata o cruceiro e da música (con altavoces no campo!), fogos e bombas, houbo de novidade un precioso arco con flores artificiais que foi confeccionado polos mozos e mozas da parroquia baixo a dirección das relixiosas do Colexio La Milagrosa de Santiago.
  En agosto antes das festas patronais, concretamente o sabado día 12, tivo lugar a solemne inauguración do Sanatorio Concheiro no edificio que aínda ocupa actualmente (antes estaba na casa contigua e a partir deste momento viviron nela as irmás Josefina e Pilar Martínez Pilar do Sanatorio que puxeron unha mercería). Dadas as influencias do médico Antonio Concheiro non sorprendeu que o propio arcebispo de Santiago Quiroga Palacios fose o encargado de bendicir as instalacións.
  En outubro foi inaugurada unha sucursal da Caixa de Aforros de Santiago na rúa Primo de Rivera 5 (o Recreo preto do cruce). Alí apareceron o presidente Fernando Alsina González e os conselleiros Bartolomé Varela, Fernández Fernández e Díaz de Rábago ademais de todas autoridades locais. Comezou bendicindo as instalacións o párroco don Joaquín Andrade e logo veu o inevitable discurso do sr. Alsina que agradeceu a asistencia e falou da historia das caixas de aforros e os seus beneficios. Despois de dar ao cura e alcalde donativos para os pobres da localidade, houbo a inevitable copa de viño español.
 
  En novembro foron as festas de Santa Margarida na Coruña. Houbo competicións de baile con varias parellas de Ordes premiadas: José Sousa e María Álvarez acadaron un 2º premio de 150 pesetas, Antonio Iglesias Viqueira e Luisa Prado un 3º de 100 pesetas e Nonito Prado e Nieves Franqueira un 4º de 75 pesetas.
  A última voda notoria do ano celebrouse o xoves 14 de decembro na igrexa de Santa María. Os noivos eran Ovidio Prado Iglesias, fillo de Rogelio, e a "bella señorita" Rosalía Vilar García, filla de Francisco Vilar o Chocolateiro. Oficiu a cerimonia o párroco de Marzoa don Antonio Lemos, coa intervención do Rvdo. P. Leonardo Díaz García, procurador do Convento de San Francisco. Foron testemuñas Genaro Faya Vilariño, Pedro Castro del Río e Jesús Castro Castro.