sábado, 2 de octubre de 2021

A familia Vieites (Trasmonte)

   Os Vieites son xunto aos Ferreiro unha das familias máis vellas de Ordes. Tiñan terras na zona máis céntrica da vila onde estivo o antigo campo da feira (hoxe Parques Municipais) e era súa a canteira que estaba preto da rúa á que da nome. Desa familia eran Roquiño, que vivía onde logo estivo o "Mini-bar" e que malvendeu bastantes propiedades, e Pedro Vieites Quintáns (1900-1979) Pedro o Turco, casado con Jesusa Silveira Liñares e pai de Concha (1934-2017), Pedro o carteiro e José Antonio. Vivían nunha casa que daba a Alfonso Senra e ao camiño de Vilar.
 
  Pero a maioría dos Vieites da vila teñen outra orixe. Proceden de Trasmonte (Oroso), onde vivía o matrimonio formado por Pedro Vieites Veiras (1866-1968) e Dominga Vigo. Pedro foi extraordinariamente lonxevo, viviu 102 anos! e tanto el como a súa muller están soterrados no cemiterio do Piñeiro.
 Tiveron 4 fillos que chegaron á idade adulta: Manuel, Francisco, Mª Josefa e Juan Vieites Vigo.
  Mª Josefa (1912-2003) casou con Andrés Parga Liste e viviron na Coruña. Os outros 3 fillos varóns viñeron a Ordes onde se dedicaron ao negocio da madeira. Juan (1914-1976) prontro marcharía da vila, casaría con Carmen Liñares Gómez coa que tivo 4 fillos e foi o que antes morreu, aos 62 anos de idade.
  Manuel e Francisco foron os dous que viviron sempre en Ordes. Xuntos montaron o serradoiro que había no que hoxe é a esquina da rúa República Arxentina con Rosalía. Este foi un lugar histórico porque a lenda conta que no medio das súas moreas de táboas ocultáronse os foucellas que mataron a Pepe de Ramas en 1947. Posteriormente ambos os dous irmáns disolveron a sociedade, quedando Francisco con este serradoiro mentres Manuel montaba outro novo no Recreo e tamén unha tenda de calzado.
 

  Manuel Vieites Vigo (1908-1991) casou con Dolores Gómez Soneira (1910-1996) coa que tivo 6 fillos: Ángel, José, Manuel, Jesús, Julia e Ermitas Vieites Gómez.
  Ángel marchou para a Coruña, José vendeu madeira para a FINSA, Manuel montou unha marmoraría en Merelle, Jesús (despois dun breve paso por Venezuela) traballou no serradoiro familiar, Julia tamén marchou para Venezuela e Ermitas casou con Edelmiro Vilanova.
 
  Francisco Vieites Vigo (1910-1995) casou con Asunción Bascoy Garabato (1910-2007) coa que tivo 7 fillos: Manuel, Jesús, Leonor, Fulgencio, Juan, Calixto e Francisco Vieites Bascoy.
  O fillo maior, Manuel, casou con Teresa Caamaño Martínez de Tras o Río, sobriña de Pilar do Sanatorio (de feito foi a súa herdeira), con quen montou un bar na Coruña
  Os máis coñecidos na vila son os máis novos, Fulgencio o Mudo que traballaba no serradoiro, Calixto que, xunto á súa muller Lucita, montou o "Bar Doniña" un dos máis frecuentados pola xuventude dos anos 80 e 90, e Paco que levou o serradoiro pero que o deixaría para facerse cargo da exitosa "Pulpería Verde Galicia" cando os primeiros donos marcharon. Hoxe, xa sen o de "verde Galicia", segue a ser un dos restaurantes máis coñecidos da comarca.  
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario