miércoles, 28 de marzo de 2018

A Virxe das Dores

  A imaxe de Nosa Señora das Dores da igrexa parroquial ordense, unha das máis veneradas polos fieis católicos, é de madeira e ten 145 centímetros de altura, brazos articulados e mans xuntas cos dedos entrelazados. Está colocada nunha pequena peaña, tamén de madeira.

  O máis extraordinario da imaxe é a súa orixe, pois procede de Cuba.
  No século XIX a illa caribeña era o destino preferido de miles de emigrantes galegos. Alí residía o matrimonio formado polos melidenses Andrés Pérez Buján e Rosa López (sen 2º apelido) con tres fillos.
  Despois da morte do seu marido, Rosa, que tiña entón uns 36 anos, volveu a Galicia en 1865 e nesta viaxe trouxo catro imaxes relixiosas: a da Virxe das Dores e outras tres de pequenas dimensións -30 cm- de San Antonio de Padua, a Virxe do Carmen e un neno Xesús. Actualmente son propiedade da súa bisneta Carmen Vilariño Pérez.
  Rosa casou en segundas nupcias con Domingo Rodríguez Cid, capataz de legoeiros, con quen tivo tres fillos máis. Morreu en Ordes en 1913 con 84 anos de idade.

  A imaxe que regalou á igrexa tiña en orixe un único puñal atravesando o seu corazón. A finais dos 60 foi substituído por un corazón de prata con sete espadas cravadas que fan referencia ás "sete dores" (sete episodios na vida de Xesús que a fixeron sufrir).
  Pola súa expresividade e fermosura a imaxe pronto foi obxecto de gran devoción. 
 Coas obras de ampliación da igrexa entre 1956 e 1962, sendo párroco don José Fernández Fuentes, colocouse na nave da esquerda un altar, con retablo unido, onde se puxo a imaxe e onde permanece desde entón.
  Varias "camareiras" fóronse sucedendo no coidado e adorno da imaxe e do retablo. Desde 1930 foron Purificación Viqueira (muller de Domingo A. Moar Veiras), Julia Santos Bermúdez, Belia Fernández Fuentes (a irmá do párroco) e Mª Josefa Calvo Abeijón. Esta última comezou arredor de 1970 e desempeñou ese labor ata 1995, ano en que se creou a confraría.

  A procesión do Venres Santo coa imaxe da Virxe das Dores celébrase en Ordes (como noutros moitos lugares) desde hai moito tempo. Durante os anos da República e Guerra Civil foi afectada polas tensións políticas, pero na posguerra foi sempre bastante concorrida. O 28 de marzo de 1995 creouse a confraría (primeiro Cofradía de Nuestra Señora de la Soledad e agora Cofradía de Nuestra Señora de los Dolores y la Soledad) cuns 60 membros, sendo o seu presidente José García Barreiro. Desde entón a procesión gañou participantes e aparato e a confraría membros. Hoxe xa son ao redor de 350.

  En 2007 os confrades compraron unha coroa de prata para a imaxe. De aí xurdiu a idea de solicitar en 2008 ao Papado romano a autorización para a súa coroación canónica.
  Un par de anos despois na Semana Santa de 2010 -o 30 de marzo- tivo lugar, presidida polo arcebispo de Santiago Monseñor Julián Barrio, a solemne cerimonia de coroación canónica da Virxe (recoñecemento de Roma que só tiñan 8 en Galicia). Ademais mostráronse ao público as obras de amaño da igrexa e unha nova imaxe, un Cristo Xacente, para engadir á procesión.

sábado, 24 de marzo de 2018

As festas de Ordes en 1917

  Como eran as festas de Ordes hai máis de 100 anos? Podemos sabelo lendo estes dous artigos da época, un de "La Voz de Galicia" sobre as celebracións de maio, e outro de "El Ideal Gallego" sobre as festas patronais de agosto.

EL MES DE MARÍA
  Los solemnes cultos que en honor de Ma­ría se vienen celebrando en este pueblo [...] merecen un sincero elogio.
  Al oscurecer tienen lugar en nuestro templo parroquial el rosario y el ejercicio de las flores, con asistencia numerosa de fieles, ante la imagen de la Inmaculada colocada en un elegante altar portátil, profusamen­te adornado por las señoritas que compo­nen la nutrida Asociación. A la conclusión cantó hermosos himnos de amor a la Rei­na de los Ángeles un afinado coro dirigido por la inteligente señorita Julia Salgueiro García y en el que figuran las bellas jóvenes Andrea Barreiro Uzal, presidenta de la Asociación; Piedad y María Carnota, Carolina Carballal, Claudina y Rosa Trasmonte, Ri­ta Castro, Sara y Clara Rivas, María Concheiro, Carmen y Áurea García del Río, Pi­lar Romero y Carmen del Río Barros.
  El día 27, festividad de la Virgen, canta­ron las Hijas de María una misa solemne que alabaron los concurrentes por la maes­tría con que fue interpretada. El próximo viernes, tendrá lugar en nues­tra parroquial la entronización del Sagrado Corazón de Jesús. Además habrá la comu­nión general de los niños catequistas, y será el último del Santo Precepto Pascual, acer­cándose por primera vez a la mesa eucarística los niños Rafael Álvarez Salgueiro y Carmelita, hijos del prestigioso boticario de este pueblo, D. Manuel Álvarez del Río.

LAS FIESTAS DE LA PATRONA
  A pesar de las excepcionales circunstancias* en que el país se encuentra, y de lo desapacible del tiempo, que no permitió toda la lucidez debida, resultaron las fiestas de esta villa muy concurridas y animadas.
  Tomó parte en ellas la música de San Orente de Entines* que animó los paseos con la ejecución de selectas piezas, y luciendo los cuatro días de festejos una bonita iluminación a la veneciana en la alameda, durante la cual se elevaron caprichosos globos de colores y se quemó mucho fuego de lucería.
  Dieron realce a las fiestas, con su presencia, las distinguidas familias del digno juez de este partido, Sr. Rojas; del registrador de la Propiedad, Sr. Muñoz; del administrador de la Beneficencia provincial de La Coruña, Sr. Santaló; del actuario Sr. Pose; juez municipal, Sr. Moar; de los señores Lorente y Varela Tojo, Liñares, Patiño, Astray, Carballido, Concheiro, Pol, Amor, Rivas, Stolle, Barros, Del Río, Barreiro y otras muchas familias, que sería prolijo enumerar.
  El día 15 se celebró la misa solemne en honor de la Santísima Patrona de la villa, siendo el oficiante el celosísimo párroco, señor Morgade, asistido de los párrocos comarcanos señores Vázquez y Lomba, y después del Santo Oficio verificóse la procesión, que estuvo concurridísima.
  Estos actos religiosos se repitieron el 16, en honor de San Roque.
  Mil plácemes merece la comisión organizadora, formada por los simpáticos jóvenes Ezequiel Astray, Amadeo Patiño*, Antonio del Río y José Castro, los cuales cumplieron con gran entusiasmo su cometido logrando un éxito que dejará grato recuerdo.

* Folga xeral de agosto. 
San Ourente de Entíns (Serra de Outes).
Amadeo Patiño Remuiñán, tío de Amadeo Patiño, o pai de Chicho Patiño.

martes, 20 de marzo de 2018

Amigos do alleo

  En 1917 houbo en Ordes un par de roubos bastante espectaculares e non na feira (o lugar máis habitual onde pululaban os carteiristas e estafadores que pasaban moeda falsa), senón en dúas casas moi adiñeiradas.

  O primeiro tivo lugar en maio e produciuse no comercio de Juan Liñares. Era un lugar especialmente apetecible porque o dono tamén era banqueiro, así que era de supoñer a existencia dunha gran suma de diñeiro como efectivamente así foi.
  O ladrón (ou ladróns) entrou a noite do venres ao sábado despois de perforar a porta do comercio, a pesar de estar esta revestida de ferro.
  A cantidade roubada da caixa de caudais ascendeu a un total de 6.800 pesetas! da época, das cales 1.050 foron en pezas de ouro (libras esterlinas, luises e moedas españolas de 25 pesetas), 1.500 en moedas de prata, 1.000 nun só billete, 500 noutro billete e 2.750 en billetes pequenos de 25, 50 e 100 pesetas. Aínda así, despois de rexistrar outras dependencias, o ladrón deixou un libro tirado no chan que tiña no seu interior varios billetes máis de 1.000 pesetas que non viu.
  Unha irmá de Juan Liñares durmía no piso de arriba pero non se decatou de nada. O dono durmía nunha casa contigua comunicada co comercio por unha porta interior e tampouco oíu nada.
  Inmediatamente sospeitaron dun suxeito que visitou o venres o comercio e que debeu deixar os dedos marcados sinalando os ferrollos, marca que lle serviu de referencia para tradear a porta.
  Ante a magnitude do roubo a Garda Civil de Ordes e Santiago máis os gardas municipais desta cidade puxéronse en acción e pronto chegaron as detencións. En Ordes foi detido Pedro González Calvo e posteriormente en Calo (Teo) Elvira Neira, Juana Villar, Carmen Paredes e Manuel Calvo Iglesias.

  En setembro outro roubo produciuse na casa do avogado Jacobo Amor del Río (futuro alcalde en 1925) e o resultado foi moito máis modesto: entre alfaias, roupas e outros efectos o valor do roubado era dunhas 620 pesetas (o cal, de todos os xeitos, chegaba para pagar unha viaxe de ida e volta en 3ª clase ata Cuba). Foi detido por este roubo José Nogareda.

sábado, 17 de marzo de 2018

Os contos de don Ramón

  Ramón Fernández Mato (1889-1980) foi un importante personaxe da vida pública galega e mesmo española antes da Guerra Civil. Nacido en Cespón (Boiro), estudou medicina en Santiago (onde coñeceu a Castelao e participou na tuna) e logo, ademais de médico, foi xornalista, escritor e tamén político.

  Pero... cal foi a súa relación con Ordes? Pois nos seus comezos na política, no ano 1917, foi deputado provincial polo distrito de Órdenes-Arzúa xunto co inevitable Saturnino Aller, Enrique Álvarez Mir e Ángel Aperribay, todos liberais e polo artigo 29 -é dicir sen necesidade de eleccións- porque era a época de absoluto dominio de Aller na comarca.
  Isto trouxo como consecuencia que don Ramón visitase algunha vez a nosa vila e dese algún discurso na casa de Saturnino Aller, que estaba onde agora o "Nogallás". Cando rematou esta etapa e despuntou a súa carreira política nunca máis volveu por Ordes.

  Sería logo gobernador civil de varias provincias e director xeral de Seguridade na época republicana. Exiliouse ao final da Guerra Civil e residiu en Cuba onde viviu a revolución castrista. A súa relación co rexime foi mala. Escribía para unha revista estadounidense e o goberno cubano confiscáballe todos os dólares. Cansado e sen un peso, saiu de Cuba e pasou un par de meses en Caracas na casa do seu fillo Manuel.

  E aquí reanudouse en certo modo o vínculo con Ordes, porque no luxoso ático ("penthouse" dicían alí) de don Manuel e a súa bela muller Sherly vivían tres criadas que eran irmás e galegas... concretamente do Mesón do Vento! Unha delas, Mercedes Boquete, estaba casada cun mozo de Ordes, Juan Ferreiro, tamén emigrante en Caracas. Por ese motivo a el permitíanlle durmir na casa.
  O caso é que a don Ramón o seu fillo e nora non lle facían demasiado caso, así que entretiña as tardes (cando Juan volvía do traballo) falando con el, que o escoitaba con gusto porque don Ramón era un gran narrador e cos seus contos pasábaselle ben o tempo.

  Ao saber de onde era Juan contoulle con gran desvergonza como a primeira vez que dera un discurso en Ordes non sabía nada da vila pero fixera un espectacular panexírico falando da súa beleza, do verde da paisaxe e outras xeralidades que aplicaba en todos os sitios aos que ía.
- No te metas nunca en política, Juan. Yo tuve 7 criados y mira: ahora solo tengo esta maleta...

  Outra anécdota moi divertida era dos seus tempos de médico en Boiro. Como non había dentista, el, que non tiña nin idea, tamén se atrevía coas extraccións. Un día chegoulle un paisano cun enorme flegmón...
- Hombre, esto está muy mal. Así no sé si podré quitársela.
- Estou que adoezo. Ten que tirala, doutor.
- ¡Pero le va a doler muchísimo!
- Non importa. Póñame algo de "durminte".
  O malo é que don Ramón non tiña anestésicos, así que colleu un xarope de améndoas doces que era o primeiro que tiña a man e untoulle a encía con el. Logo colleu as tenaces e tirou, tirou e tirou. Os berros do paciente oíronse por toda a Ría de Arousa.
  Por fin saiu a moa e o paciente aliviado, mentres pagaba as tres pesetas de rigor, comentou:
- Grazas a Deus polo "durminte"! Se non mo chega a poñer, non o aturaba!

  Don Ramón volveu a España en 1965 e instalouse na Mariña de Lugo, de onde era a súa muller. Morreu en 1980 en Vilagarcía de Arousa pero os seus restos repousan en Ferreira de Valadouro.

  A finais dos anos 90 fun ao Valadouro ao enterro do pai dun compañeiro de traballo. Posiblemente estiven a poucos metros da tumba de don Ramón pero naqueles tempos ignoraba que alí estaba soterrado o home que tantas tardes compartira co meu pai en Caracas. Será unha parada obrigada se de novo volvo por alí.

lunes, 12 de marzo de 2018

Pilar Martínez Viqueira

  Pilar Martínez, máis coñecida como Pilar do Sanatorio, naceu na parroquia de Mercurín o 27 de decembro de 1917. Os seus pais eran José Martínez Cancelada e Jesusa Viqueira Martínez que tiveron ... 14 fillos! (11 mulleres e 3 homes) dos cales Pilar era a 8ª. Era unha familia moi pobre que vivían no lugar de Vilar nunha casa propiedade de D. Manuel Batanero Maseda (residente en Madrid) de quen era apoderado Leis Carlés de Santiago de Compostela.

  Todos os fillos tiveron que buscarse moi cedo a vida como xornaleiros ou empregadas do fogar. Pilar, desde os 13 anos, traballou na casa do médico Antonio Concheiro Iglesias. Cun gran esforzo e dedicación, despois do traballo, foi instruíndose coa profesora Ramona Pérez Arcay (Doña Moncha) conseguindo acabar o bacharelato elemental e logo estudar a carreira de practicante.
    Foi compatibilizando as tarefas da casa coas de aprendiz de enfermeira no Sanatorio Concheiro. Esterilizaba o instrumental cirúrxico e asistía aos cirurxiáns que operaban no sanatorio, xente tan destacada como Concheiro, Baltar e os seus fillos Fernando e Luis, Fidel Taboada, Pellit, Novo González e numerosos médicos especialistas como o neurólogo Celestino Blanco, Besada, Sánchez Mosquera e Sánchez Salorio.
  Tamén atendía aos enfermos e feridos, moi numerosos entón polas leas de lindes ou augas, pelexas de mozos nas festas e accidentes de tráfico.

  Se algo tiña Pilar era tesón. Con gran esforzo logrou o título de enfermeira. Xunto con Ramón Ferreiro Regos Ramón o practicante, 6 anos máis novo ca ela, foron os máximos responsables da impensable calidade asistencial que tiña o concello de Ordes naquela época. Nos durísimos tempos da posguerra cunhas corredoiras impracticables para un coche, sen máis luz que a de carburo ou dun candil de gas e a auga dun pozo, Pilar e Ramón aparecían de día ou de noite dispostos a atender a quen fose, rico -raramente- ou pobre.
  Ao ser muller o seu labor prioritario foi o de comadroa. Pódese dicir sen temor a esaxerar que axudou a traer ao mundo a varias xeracións de ordenses. Durante tres décadas asistiu á maioría dos nacementos da zona de Ordes (máis Mesía e Cerceda onde non había parteira), especialmente os das familias máis pobres e humildes, aquelas que non tiñan medios económicos para poder levar ás mulleres aos hospitais da Coruña ou Santiago.
  Pero se a profesionalidade e a entrega de Pilar e Ramón eran similares, diferían nun punto: mentres o mal carácter de Ramón era lendario, Pilar era tranquila e apracible, ata tal punto que algúns enfermos comentaban que xa se sentían mellor só estando na súa presenza.
  En certa ocasión, atendendo a un parto nunha casa da aldea, as podrecidas táboas do piso cederon e todos caeron ao baixo. Pilar foi a máis magoada e a propia parturiente tivo que axudala a incorporarse. Como se non tivese pasado nada, Pilar continou imperturbable co seu labor e afortunadamente a criatura chegou ao mundo sen máis problemas.
  Así foi a súa vida desde a posguerra ata que logrou por oposición a praza de A.P.D. (Asistencia Pública Domiciliaria) no Concello de Frades, traballo que desempeñou ata a súa xubilación.
  Residiu a maioría da súa vida en Alfonso Senra 79 (o primeiro Sanatorio Concheiro). Durante moitos anos tamén viviu alí a súa irmá Josefina (1908-1991) que tiña unha mercería no baixo.
  Morreu o 11 de outubro de 2007 aos 89 anos de idade.


  Recordando as súas propias palabras: "A miña carreira foi froito das circunstancias, non da vocación, pero logo o meu traballo foi o máis importante para min e deume as satisfaccións máis grandes da miña vida".
  Apenas un ano despois do seu pasamento, en xuño de 2008, dedicóuselle un parque no barrio do Paraíso, pequeno honor para os seus merecementos.  
FONTE: Manuel Xosé Moar Martínez

sábado, 10 de marzo de 2018

1917: España en crise

  O ano 1917 está marcado polo comezo da Revolución Rusa, suceso que cambiaría a face do mundo e determinaría todo o século XX. Pero tamén é o ano da entrada de USA na guerra, crucial para a victoria dos aliados.

 En España é un momento de gran crise. A 1ª Guerra Mundial provocou un gran crecemento económico grazas ao auxe da exportación, pero isto, á súa vez, ocasionou unha imparable inflación que dificultou aínda máis a vida das clases menos favorecidas que se radicalizaron ante este desigual reparto dos beneficios. Todo xunto derivou nunha crise que tivo tres ámbitos: militar, parlamentario e social.

- Os numerosos oficiais do exército que tiñan que aparentar posición cun soldo moi baixo, descontentos coa política de ascensos que premiaba aos "africanistas" (os que combatían na Guerra de Marrocos), crearon as Juntas de Defensa que ían contra a disciplina militar e a subordinación do exército ao poder civil. O gabinete de García Prieto dimitiu pero o seu sucesor, o conservador Eduardo Dato, someteuse á imposición militar e aceptounas.
- 70 deputados e senadores da Lliga Regionalista, republicanos, socialistas e mesmo algún membro do Partido Liberal constituíron en Barcelona unha Asamblea Nacional de Parlamentarios que demandou un cambio de goberno e a convocatoria de Cortes Constituíntes, o que supuxo unha crise parlamentaria sen precedentes.
- A Folga Xeral de agosto. As organizacións obreiras medraran enormemente grazas ao descontento social. A CNT e a UGT (organizacións de masas) convocaron unha folga, en principio laboral pero coa clara finalidade de derrubar o goberno. Foi un gran éxito xa que tivo un amplo seguimento nas cidades pero, paradoxalmente, tamén foi un fracaso pois as consecuencias foron as contrarias ás pretendidas. Ante a ameaza de revolución obreira, e co exemplo ruso na mente, as Juntas de Defensa abandonaron as súas peticións e apoiaron unha feroz represión contra os folguistas. A folga acabou cun centenar de mortos e miles de detidos. Doutra banda, a dimisión de Eduardo Dato e a formación dun goberno de coalición coa participación da Lliga Regionalista trouxo a inmediata desactivación da Asamblea de Parlamentarios.


 En Galicia, pouco industrializada, a folga non tivo tanta repercusión pero ata en Santiago, capital do conservadurismo, as leiteiras negáronse a subir o leite aos pisos dos señoritos. Comezou en maio en Barreras (Vigo) e estendeuse por toda Galicia, adquirindo máis importancia ao unirse os ferroviarios. O momento máis forte foi entre o 13 e 18 de agosto en que as cidades estiveron bastante afectadas.
  Neste ano 1917 naceu na cidade da Coruña "El Ideal Gallego", de ideoloxía católica e con simpatías agraristas. Foi o seu primeiro director Alfredo García Ramos.

  En Ordes quedaban lonxe estes problemas (excepto o da inflación que se sufría como todo o país) así que a xente entretíñase coa vida social que incluía algunha voda de postín, enterros e sucesos varios como algún chamativo roubo.
  A voda máis comentada do ano foi a do médico de Trazo, Francisco Liñares Iglesias (da poderosa familia Liñares) coa moza do Mesón do Vento Concepción Ramos Insua, irmá do adiñeirado propietario da pousada, Antonio Ramos Insua, e de Celsa (que sería ata a súa morte en 1977 a muller máis rica do Mesón). A cerimonia tivo lugar na igrexa de San Pedro de Ardemil e foi oficiada por D. Pascual Couce Pico. As mellores familias de Ordes (Liñares, Concheiro, Astray, Castro, Amigo, Iglesias, Stolle...) asistiron ao convite, incluído o presidente da Deputación Saturnino Aller.
  En marzo morreu o acaudalado propietario Manuel Álvarez Valdés, en xuño o xuíz Jaime Iglesias Rapela dunha adiñeirada e ben relacionada familia (era cuñado dos Amigo, Castro, Concheiro e Liñares) e en setembro o gran enterro foi o do procurador, antigo recadador de contribucións e presidente do comité do Partido Conservador no distrito, Policarpo Rivas Godoy, pai de Luis Rivas (médico de Cerceda casado con Teresa Liñares), de Ricardo Rivas (secretario de Cerceda e tamén recadador) e sogro de Ricardo Amor del Río, do avogado José Iglesias Álvarez (que morrería ao ano seguinte) e de Manuel Astray Mato.Tamén morreu en Ordes Efigenia Cárdelo Vilarelle, viúva do médico Marcial Carrero e nai de María, Pepita e Consuelo, coñecidas como as Marcialas.

martes, 6 de marzo de 2018

Anfibios da comarca

  Un total de 13 especies (8 anuros e 5 urodelos) conforman a comunidade de anfibios da nosa zona. Catro destas especies son endémicas da península Ibérica, é dicir, só poden ser achadas nela.
  De todos os anfibios de Galicia só un par deles, o sapo de esporóns [sapo de espuelas] (Pelobates cultripes) e o sapiño patilongo [sapillo moteado] (Pelodytes punctatus), non están presentes na nosa comarca.

(Triturus boscai)
Tritón común
(Triturus helveticus)
Tritón palmeado
(Triturus marmoratus)
Tritón jaspeado
(Salamandra salamandra)
Salamandra común
(Chioglossa lusitanica)
Salamandra rabilarga
(Alytes obstetricans)
Sapo partero
(Discoglossus galganoi)
Sapillo pintojo
(Bufo bufo)
Sapo común
(Bufo calamita)
Sapo corredor
(Hyla arborea)
Rana de San Antonio
(Rana iberica)
Rana patilarga
(Rana temporaria)
Rana bermeja
(Rana perezi)
Rana verde


  Os urodelos son especies moi ligadas ao medio acuático sendo a píntega común (Salamandra salamandra) a máis terrestre e, por iso mesmo, a máis facilmente detectable en camiños e desgraciadamente en estradas -normalmente esmagada polos coches-. Sen dúbida a especie máis interesante do grupo é a salamántiga rabilonga (Chioglossa lusitanica), endemismo do NW ibérico, habitante de pequenos cursos de auga limpa e corrente débil con vexetación higrófila nas súas ribeiras. É pouco coñecida porque non acostuma afastarse dos cursos de auga, aínda que pode atoparse en ambientes moi húmidos en bosques caducifolios. A pesar de que ten hábitos nocturnos tamén é posible -pero difícil- vela durante o día.
  Os anuros, anfibios caracterizados pola ausencia de cola (ou sexa, ras e sapos), presentan xeralmente un menor grao de dependencia da auga que os urodelos. Por este motivo é fácil atopalos, sobre todo aos sapos, afastados de charcas e regatos. Moitos son de hábitos nocturnos ou crepusculares, e nas noites chuviosas de primavera e verán resulta familiar a imaxe de moitos sapos comúns (Bufo bufo) e sapos corredores (Bufo calamita) atravesando calquera carreiro. Ademais das ras típicas, pardas ou verdes, das cales podemos atopar tres especies na zona e do sapo raxado (Discoglossus galganoi), endemismo do occidente ibérico, tamén podemos achar a rela (Hyla arborea), coñecida polos seus costumes trepadores e a súa capacidade para cambiar a coloración da pel. Ten como hábitat masas permanentes de auga dotadas de moita vexetación nas beiras. Outra especie de comportamento peculiar é o sapo parteiro (Alytes obstetricans), caracterizado porque os machos levan adheridas ao seu corpo as postas, proporcionándolles protección fronte a perigos ambientais e posibles depredadores, comportamento que contrasta coa tendencia xeneralizada nos anfibios de ausencia ou mínimo coidado das postas. A diferenza dos urodelos, os anuros adoitan producir ruídos moi rechamantes. Ademais do croar típico da ra verde (Rana perezi) outras especies como a rela cantan á noitiña na primavera e verán, o que permite detectalas con facilidade.

viernes, 2 de marzo de 2018

A familia Astray

  Os Astray (por certo emparentados co militar golpista Millán Astray, aínda que a maioría foron de esquerdas) eran unha das familias de alta posición da vila. Non tiñan posesións pero si estudos e lucrativos postos de traballo.

  A pesar da existencia dun lugar así chamado en Mesía e da abundancia do apelido en Vilasantar, a orixe dos Astray de Ordes foi Padrón. Alí naceu en 1811 José Manuel Ramón Astray Fernández que casaría con Vicenta López de la Peña. O matrimonio tivo 8 fillos: Ramón, Vicenta, Eulogio, Manuel, Juan, Cesáreo, Mª Jesús e Esclavitud. Ramón e Cesáreo foron secretarios de concello. Eulogio foi farmacéutico en Carballo.

  Manuel Astray López (1845-1902), o 4º fillo, foi o que se instalou en Ordes. Era farmacéutico pero tiña a concesión de tabacos e comercio na "Calle Real" (agora Alfonso Senra 108 -onde esta Mabe-). Casou no século XIX con Carmen Mato González (m.1953), irmá do director do cárcere de Ordes, con quen tivo 6 fillos: Rafael, José, Manuel, Ramón, Ezequiel, Pilar e Antonio Astray Mato.
  Antonio morreu moi novo, aos 17 anos en 1916. Ezequiel (m. en 1934), que herdou o comercio, e Ramón, que foi avogado e logo xuíz en Ortigueira e Sada, non casaron.
  José estudou medicina e instalouse en Vigo onde casou cunha moza da alta sociedade, Mª Areán Estévez, e tiveron 4 fillos: Mª del Carmen, Mª Ángeles, José e Josefina.
  Pilar (1897-1979) casou en marzo de 1925 co administrador de correos de Pontedeume Gabriel Plata Agrelo (m. 1960). Viviron en Noia, vila natal do marido, desde que o trasladaron alí en 1930. Tiveron 5 fillos: Gabriel, Pilar, Margarita, Carmen e Miguel. O maior, Gabriel Plata Astray, foi un destacado catedrático de Química.


  Rafael estudou dereito e foi xuíz municipal pero rematou de inspector de policía en Coruña e Santiago. Casou en 1915 con Esperanza Troche Rivas. Os Troche eran outra das familias VIP de Ordes: había varias irmás mestras (Elvira deu clase en Mercurín 30 anos!), un veterinario e Antonio, ademais de recadador, posuía o Teatro-Cine Troche.
  Esperanza tiña mala saúde e morreu moi nova en 1931 despois de ter 4 fillas: Mª Carmen, Valentina, Esperanza e Dolores Astray Troche.
  Depurado polas súas simpatías republicanas, Rafel foi enviado a Canfrac (Girona) en 1940.
  Mª Carmen (m. 2010) e Valentina Tina (m. 2013) foron farmacéuticas. Mª Carmen posuía unha farmacia en Carballo pero as dúas vivían en Coruña. Tina casou con Constantino Velo García con quen tivo unha filla chamada Olga.
  Esperanza (m. 2011), máis coñecida en Ordes como Patita Astray casou con Ángel Villaverde Bello Ángelito de Monteiro (1918-1970) e deu clases no que agora é a rúa Parques Municipais. Tiveron tres fillas: Esperanza, Cristina e Margarita.
  A irmá menor, Dolores (m. 1979), non casou e vivía na Laracha.

  Manuel Astray Mato (m. 1964), o que continuou na vila, foi avogado, deputado provincial, xuíz municipal e, finalmente, encargado do Rexistro da Propiedade en Ordes. Do seu matrimonio con Clara Rivas Marzoa (m. 1965), filla do procurador Policarpo Rivas Godoy, tivo 5 fillos: Manuel, Mª Carmen, Mª Josefa, Antonio e Luis. Vivían nunha casa que estaba no que hoxe é a Clínica Concheiro.
  Manuel Astray Rivas, tamén avogado, rematou por ser subdirector da Oficina da Administración Pública de Ordes. Casou con Mª Ángeles Mariño Iglesias Marujita, filla do comerciante dos Lagartos Jose Mariño, coa que tivo dous fillos: Ángeles e Manuel.
  Ángeles que é funcionaria da Administración de Xustiza casou en 1974 con Ángel Suárez-Ferrín Pérez con quen viviu na Coruña e co que tivo unha filla, María. Divorciáronse e logo casou co padronés Rodolfo Ansede Martínez (m.2020) que xa tiña 3 fillos propios: Rosa, Rodolfo e Juan Ansede Bermejo.
  Manuel Nel (moi coñecido por ser dirixente do PSOE local e concelleiro en varias lexislaturas) é avogado. Casou con Ana Lorenzo Iglesias e tiveron unha filla, Paula, antes de divorciarse.

  Mª Carmen Astray Rivas, outra avogada máis, a quen chamaban Clarita a Cabra, porque era algo extravagante para a época, casou en 1952 co médico balear Bartolomé Siquier Serra. Tiveron unha filla, Mª Clara Siquier Astray, avogada como non.
  Mª Josefa Finita (1929-2012) marchou á Coruña onde casou con Luis Santos Seoane, co que tivo dous fillos: José Luis e Jaime.
  Antonio (m. 2000), avogado, casou con Mª Luisa Chacón Mariño. Viviron en Alfonso Senra e posteriormente na Coruña onde montaron un bufete. Tiveron dous fillos: Mª Pilar e Antonio Astray Chacón.
  Finalmente Luis Astray Rivas (m. 2008), oficial do Rexistro, casou en 1960 con Mª Pilar García Yrago (2009), máis coñecida como Pilarín Astray. Viviron na Rúa dos Lagartos 5 (no mesmo edificio que a carnicería de Antonio Buyo) e logo na Rúa Nova 36 e foron unha familia bastante desafortunada porque agás a súa filla maior, Luisa (que reside en Monforte), viron morrer novos aos outros fillos: Rafael, Alberto Trampallo e Juan Luis en 1999, 2003 e 2004 respectivamente.
  Alberto, María e Rafael, os tres fillos de Alberto e Ana Mª Loureda Pan (m.2018) son a última xeración da familia que aínda residen na vila.