No ano 1953
houbo un par de vodas destacadas que apareceron na prensa e curiosamente
ningunha das dúas se celebrou en Ordes.
A primeira tivo lugar en agosto na bonita
igrexa de Santa María de Arbo. Os noivos eran Dolores Caamaño
García, unha xove mestra filla do practicante compostelán José
Caamaño Lojo e de Laura García Doeste, que decidiu casar nesa preciosa paisaxe co
mozo de Oroso, pero funcionario da sucursal en Ordes da Caixa de Aforros de
Santiago, Ángel
Raña Dafonte.
Bendiciu a unión o párroco don Francisco Lariño
Tojo e actuou de mestre de cerimonias o coengo da Colexiata da Coruña doutor
Lago Varela, estando a misa de velacións a cargo do arcipreste do Xiro da
cidade de Santiago, don Bernardo Louro, que dirixiu aos contraentes unha "emotiva plática" relativa
(adiviñádelo?) ao seu novo estado. Foron padriños o maior da Mariña Antonio
Lariño Varela e dona Dolores Dafonte, viúva de Raña, mentres as testemuñas
foron Amador Espiñeira Pellit, o avogado Jose Lado París e os industriais José
Seoane Castro e Domingo Lariño Varela. Representou á lei o letrado de Muros
José Fabeiro.
O banquete tivo lugar na casa da noiva. Na
lúa de mel percorreron diversas cidades españolas. Ao seu regreso viviron en
Ordes onde estiveron moitos anos e onde naceron os seus tres fillos: Loló, José
Ángel e César. Logo establecéronse en Oroso onde Ángel morreu no ano 2003 aos
77 anos de idade.
A outra voda tivo lugar na espectacular igrexa parroquial
de Vilagarcía de Arousa o sábado 3 de outubro ás 5 da tarde. A noiva era a
fermosa Mª
Esther Abal Barral, filla de Roberto Abal Vázquez (1902-1989),
industrial vilagarcián, e de Camila Barral Blanco (1905-1993), familia que veraneaba
habitualmente en Ordes. O noivo era o médico Fernando Concheiro García, o irmán máis novo dos 12 -menos José, xa falecido- que compoñían a
familia Concheiro (a rama coñecida
como os de Carballo). Tiña 31 anos, cumpridos a
principios de agosto, mes no que tivo lugar a pedida de man.
A noiva con "elegante traje de raso y encaje" ía da man do seu pai,
mentres o noivo ía acompañado pola súa nai Juana García Mouriño, viúva desde
había 30 anos do procurador Pedro Concheiro. O oficiante foi o sacerdote da parroquia don Francisco
Chantada Carro que dirixiu aos contraentes unha "sentida plática". Soaron durante a cerimonia os compases
do Ave María de Gounod.
Estendeu a acta matrimonial o xuíz José Samuel
Roveres García, presidente da Sala do Civil da Audiencia da Coruña. Asinaron
como testemuñas da noiva o avogado Manuel Silva Núñez, o seu irmán Manuel
Isidoro que era médico, e os seus primos: o mestre Leopoldo Ruibal Abal, o
funcionario do INE Eduardo Miranda Lamas, o tenente Manuel Casalderrey Calvo e
o propietario Horacio Gamarra García. Por parte do noivo asinaron o profesor da
Facultade de Medicina da USC Ángel Jorge Echeverri, o médico forense e curmán
seu Antonio Concheiro Iglesias, o avogado e alcalde ordense Juan Liñares Castro, o industrial compostelán José Gónzalez Criado (esposo da súa irmá
María), o médico Bartolomé Burguera García e os seus irmáns Manuel Concheiro,
director do Banco Pastor, e Francisco Concheiro, funcionario no mesmo banco.
Despois da cerimonia os noivos e os seus máis
de 300 invitados tomaron unha merenda no Círculo Artístico Mercantil de
Vilagarcía e a festa amenizada por unha orquestra durou ata a madrugada.
A parella saíu de lúa de mel por España e o
estranxeiro. Á súa volta establecéronse en Ordes, en Alfonso Senra (a carón da
casa da familia Calvo) e tiveron dous fillos, Fernando e Juan Miguel. O
matrimonio durou case 40 anos pois Fernando Concheiro morreu en marzo de 1993.
Mª Esther continuou vivindo en Ordes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario