domingo, 26 de junio de 2022

Homicidio en Senra

   En 1942 a parroquia de Senra (Oroso) foi escenario dun tráxico suceso, moi propio daqueles tempos de estraperlo.
 Para os máis descoñecedores da historia, debemos lembrar que nos anos 40 os campesiños víanse obrigados a vender as súas colleitas ao estado por unha retribución moi baixa, así que moitos deles escondían parte da súa produción para vendela no mercado negro onde conseguían prezos moito máis altos. Isto era frecuente a pesar de ser perigoso porque podía carrexar grandes multas e mesmo penas de cárcere.
 
 
Gaspar Regueiro Castromil, de 48 anos de idade, casado con Rufina Botana Astray sen ter fillos, era un dos máis acomodados labradores de Oroso. De feito, nos anos 20 fora alcalde do concello. Como tantos outros gardaba celosamente unha gran parte da colleita de cereais para o estraperlo.
 
  Ás 5 da tarde do día 6 de abril de 1942 catro homes descoñecidos presentáronse na súa casa en Senra, ofrecéndolle un trato irresistible que non podería rexeitar: compraríanlle 87 ferrados de trigo a 85 pesetas o ferrado -o prezo oficial non chegaba ás 15 pesetas!-, 20 ferrados de millo a 60 pesetas e 17 ferrados de fabas a 65 pesetas, en total algo máis de 10.000 pesetas, cantidade espectacular para a época.
 
  Gaspar aceptou o trato e coa achega doutros dous veciños, Manuel Carrillo e Gumersindo Botana, quedou en transportar a mercadoría ás tres da noite en tres carros ata a estrada de Oroso á Garabanxa, ao quilómetro 8, onde os esperaría unha camioneta que levaría a carga ata Santiago de Compostela.
 
  O que Gaspar ignoraba era que os estraperlistas non tiñan ningunha intención de pagarlle. Sería un roubo limpo e sen problemas xa que ademais se os campesiños o denunciaban tamén se acusaban a si mesmos. Deste xeito, cando a mercadoría xa estaba na camioneta, apareceu un turismo que disparou contra o vendedor e os seus acompañantes para que se asustasen e fuxisen.
  Así o fixeron Manuel e Gumersindo, pero Gaspar, vendo desvanecerse o froito do seu traballo, colgouse do estribo da camioneta desde onde vociferaba reclamando o seu diñeiro. Tanto a camioneta como o coche non pararon e Gaspar non resistiu. Un quilómetro e medio despois caeu á estrada e o turismo pasoulle por enriba. Cando os seus amigos o atoparon comprobaron con horror que estaba morto, coas roupas esnaquizadas e o cranio completamente esmagado. Os ladróns chegaron despois a Ponte Albar onde venderon a mercadoría que xa tiñan previamente tratada.
 
  Non lles durou moito a alegría (se a tiñan), en só 8 horas a Garda Civil de Sigüeiro e Santiago, grazas aos datos achegados polos vendedores detivo aos 7 culpables do homicidio.
  Os tres que ían no coche eran José Rodríguez Puga, o condutor, o seu irmán Daniel Rodríguez, quen efectuou os disparos, ambos os dous veciños de Avío, e un terceiro ocupante chamado Manuel Suárez García de 33, veciño da Rúa das Hortas 50. Os catro "compradores" eran Nicanor Fontao Pereira de 33 anos, natural de Lestedo (Boqueixón) pero domiciliado en Sar, Manuel Silva Ferreiro de 28, domiciliado na Algalia de Abaixo 5 e ex-funcionario de Correos, Francisco Caamaño Antelo de 38, natural de Negreira pero domiciliado na rúa Entrerríos 15 e Generoso Fraga Fraga de 42, domiciliado no Cruceiro da Coruña.
  Todos deron cos seus ósos no cárcere mentres Gaspar era soterrado no cemiterio parroquial de Senra.

jueves, 23 de junio de 2022

Pedro Santos Canosa

   Pedro Santos naceu en Castelo, lugar da parroquia de San Martiño de Ozón en Muxía, no ano 1942. Era o fillo maior de Benigno Santos Alvite e Natalia Canosa González, matrimonio que tamén tivo outra filla, María del Carmen Santos Canosa.
  Estudou no Seminario de Santiago e foi ordenado sacerdote o 19 de xuño de 1969 en Sevilla, no VII Congreso Eucarístico Nacional. Os seus primeiros anos de carreira foron na comarca do Xallas, ocupando o posto de coadxutor en Santa Comba.
 
  O 14 de outubro de 1970, cando aínda era un mozo de 28 anos, comezaría a súa relación de case catro décadas coa comarca de Ordes. Foi nomeado ecónomo das parroquias de Albixoi e Lanzá no concello de Mesía. Máis tarde asumiría tamén as de Vitre (Frades) e Xanceda onde residiu.
  Gran afeccionado ao fútbol (era seguidor fervoroso do Deportivo, club do que foi socio moitos anos), pronto se enganchou ao Albilán, o equipo local onde xogaban moitos mozos das súas parroquias. Don Pedro tamén xogou, foi adestrador e, cando facía falta, tamén árbitro. Segundo un amigo, neste último labor non era especialmente bo porque sempre pitaba a favor dos equipos humildes.
  En Vitre, ao pouco de chegar, logrou que se volvera a celebrar, despois de moitos anos de paréntese, a romaría de merendas que acompañaba á festa relixiosa na honra da Nosa Señora das Virtudes, e que ano a ano foi acollendo máis xente.
  De gran sensibilidade social, don Pedro Santos tivo un papel imprescindible no desenvolvemento gandeiro da comarca, sendo un dos fundadores en 1972 da Cooperativa Central de Frades, entidade que comezou con só 17 socios ata chegar a case 700 e que nos anos 80 logrou ter a súa propia fabrica de pienso. Nela tamén exerceu responsabilidades directivas durante moitos anos. Segundo as súas propias palabras "A nosa filosofía é fomentar a formación de agricultores e gandeiros, pois o avance real está  no cultural, en cambiar a mentalidade da xente. A venda de produtos faina calquera almacenista pero o verdadeiramente importante é a formación".
  Entre 2004 e 2008 desempeñou o cargo de arcipreste de Barbeiros.
  No ano 2009, despois de media vida na comarca, foi enviado a Bueu en Pontevedra, en teoría para cubrir unha baixa temporal. No campo das Virtudes, para el tan querido, os paisanos de Mesía e Frades despedírono cunha homenaxe masiva. Nos anos seguintes volveu frecuentemente de visita.
 
  En 2010 foi nomeado arcipreste do Morrazo e tamén asumiu a parroquia de Cela. Pero en marzo de 2015 debeu deixar o traballo por mor dunha enfermidade e regresou a Muxía, onde aínda vivía a súa irmá Mari Carmen.
  Morrería o 21 de novembro de 2016 aos 74 anos de idade. O funeral foi multitudinario con 50 sacerdotes e numerosos asistentes, entre eles o alcalde de Mesía Mariano Iglesias Castro. Os seus restos repousan no cemiterio da súa parroquia natal de Ozón.
 
  En abril de 2017 tivo lugar unha homenaxe póstuma, de novo no campo das Virtudes, onde se descubriu unha placa conmemorativa na súa honra.
  Segundo o sacerdote Juan González-Redondo "Como párroco sempre se caracterizou pola súa gran humanidade, polo seu corazón caritativo e entregado ao débil. Cura comprensivo, capaz de conciliar aos diferentes, foi enormemente apreciado por paisanos e compañeiros".
 

jueves, 16 de junio de 2022

A morte de don Antonio

   En 1942 faleceron algúns personaxes destacados en Ordes, e o máis importante de todos foi o máis temperán: en plena noite do 5 ao 6 de xaneiro, a familia Concheiro tivo un amargo agasallo de Reis: a morte do patriarca, o médico Antonio Concheiro Rodríguez, con 65 anos de idade.
 
  Antonio naceu en 1876 en Mesía. Era o 2º dos 4 fillos do alcalde dese concello, Benigno Concheiro Porto e de Estrella Rodríguez Alonso. Antonio estudou medicina na USC e xunto ao seu irmán maior Pedro, que era procurador, estableceuse en Ordes.
  Pedro casaría coa rica herdeira Juana García Mouriño, con quen viviu onde agora podemos atopar o supermercado Froiz, mentres Antonio viviría xusto enfronte na casa que fai esquina coa Rúa da Canteira. Os fillos de Pedro e Juana, os Concheiro García, eran máis coñecidos como os de Carballo (pola tenda de teas que tiñan).
  Antonio tamén fixo unha boa voda, casando en maio de 1903 con Asunción Iglesias Rápela, fermosa moza da distinguida familia dos Rapelas de Oroso. Con ela tería 7 fillos: Antonio, Jaime, Celestino, Ángel, Asunción, Marina e Luis.
  Por certo que o principal galeno de Ordes naqueles tempos era o seu cuñado Manuel Iglesias, presidente e tesoureiro da "Xunta de Médicos do Partido", mentres Antonio era secretario.
  En 1909 foi nomeado subdelegado de medicina do partido xudicial e forense do Xulgado de 1ª Instancia de Ordes. Como forense nunca lle faltou traballo porque o número de mortos en actos violentos era bastante alto. En 1918 superou o durísimo ano da gripe: contaxiáronse todos os médicos de Ordes pero ningún morreu.
   O seu prestixio era alto porque desde finais de 1925 a 1927, tal coma un influencer ou un youtuber dos de agora, prestou o seu nome para promocionar o viño doce "Sanson" en anuncios que apareceron no Ideal Gallego e no Noroeste.
 
  Paralelamente, Antonio Concheiro foi un destacado membro da elite liberal que detentaba o poder político na comarca, ata 1923 baixo a sombra da figura de Saturnino Aller
  Logo da ditadura de Primo quedaría ao mando xunto con outros personaxes da dereita local como o avogado Domingo Antonio Moar ou o seu familiar Juan Liñares Iglesias. Nos primeiros tempos da República foi alcalde o seu fillo maior, Antonio Concheiro Iglesias.
 
  En 1931 o dirixente anarquista Manuel Rodríguez Matos deu un mítin en Ordes onde «criticó acerbamente al cacique máximo de aquella localidad, Concheiro Rodríguez, y a los curas párrocos de Tordoya, Oroso, Santaya y Gorgullos, dueños de vidas y hacienda bajo el pendón republicano».
 
  Como xa dixemos, a morte sorprendeuno a noite de Reis. O seu enterro tivo lugar o mércores 7 de xaneiro ás 11 da mañá e foi un dos eventos máis concorridos daquela época ao que non faltou ningunha autoridade militar, civil nin relixiosa. O corpo repousa no panteón familiar ao lado norte da capela no cemiterio do Piñeiro.
 
  Tres días despois, o sábado 10 de xaneiro, apareceu publicado no xornal El Compostelano un panexírico escrito polo coñecido doutor Devesa*, que por suposto ensalzaba altamente a súa figura e do que rescato un par de párrafos.
«[...] Concheiro era el más representativo, el prototipo del médico gallego, consagrado al cuidado de sus campesinos durante todo el trayecto de su vida profesional. Por eso la montaña silenciosa y solemne enmudeció de pena y dolor y se anegó en lágrimas de sincera aflicción, en el adiós y en la despedida última. Lloraban las almas y lloraba el paisaje transido de infinita amargura. Era que una vida, heroica y desvelada se extinguía para siempre, y la gratitud florecía en lo íntimo de los corazones, como un postrer homenaje. [...] Rindamos el homenaje debido de gratitud y de admiración, al espejo ejemplar de médico, al Dr. Concheiro, que ejerció de un modo paternal la medicina y en largos años fue consuelo y providencia de los vecinos de Órdenes que hoy lloran su irremediable ausencia».
 
  Non podo evitar engadir aquí a florida e hiperbólica nota que o xornal El Ideal Gallego publicou o 6 de xaneiro de 1943, un ano despois da súa morte:
  «El día 15 se celebrarán los funerales de aniversario por el alma del inolvidable médico municipal don Antonio Concheiro Rodríguez, cuyos servicios no se olvidarán jamás en esta comarca, donde se le recuerda con pena.
  La Corporación municipal, que asistirá en pleno a estos actos, ruega a todo el vecindario su presencia, a fin de conseguir del Señor un lugar de paz en la bienaventuranza eterna, como premio a sus virtudes.
  Y nosotros rogamos una oración a los suscriptores de este católico diario por el eterno descanso del llorado benefactor de la humanidad doliente».
  
* Manuel Devesa Quintáns (1890-1968): fillo do notario Manuel Devesa Gago, estudou medicina na USC e especializouse en enfermidades do estómago, fígado e intestinos. Tiña a consulta en Altamira 2 (Santiago) e traballou tamén no hospital. Con afeccións literarias, escribiu numerosos artigos sobre variados temas.

sábado, 11 de junio de 2022

División relixiosa

  A actual división eclesiástica da diocese de Compostela, á que pertence a comarca de Ordes, data de finais do ano 2009. Foi entón cando o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, asinou o decreto de remodelación de Arciprestados da diocese de Compostela en base ás circunstancias que se vivían nas súas diversas comarcas: descenso significativo da poboación, carencia de sacerdotes e mellora sensible das vías de comunicación, entre outras.
 

  Tradicionalmente a comarca de Ordes estivo dividida en tres arciprestados: Berreo de Abaixo, o máis occidental, Berreo de Arriba, no centro, e Barbeiros na zona oriental. Despois do ano 2009 Berreo de Arriba e Berreo de Abaixo quedaron unidos, constituíndo o arciprestado de Ordes, que consta de 40 parroquias: 6 de Cerceda, 10 de Ordes, 3 de Oroso, 9 de Tordoia e 11 de Trazo, máis a parroquia de Aldemunde do concello de Carballo.
O arciprestado de Barbeiros ten 34 parroquias: 12 de Frades, 11 de Mesía, 3 de Ordes e 6 de Oroso, máis Filgueira de Traba e Borrifáns, ambas as dúas de Oza-Cesuras. As parroquias orosás de Vilarromariz e Gándara, que formaron parte de Barbeiros, agora pertencen ao arciprestado de Bama.
  Das outras dúas parroquias da comarca restantes, Anxeriz (Tordoia) pertence ao arciprestado de Bergantiños e Bruma (Mesía) ao de Alvedro.
 
Os arciprestados estaban agrupados en arcediagados (arcedianatos en castelán). O arzobispado de Santiago contiña os arcediagados de Nendos, Cornado, Trastamara, Salnés e o chamado Deanasgo. Os arciprestados de Berreo de Arriba (18 parroquias), Berreo de Abaixo (22), Barbeiros (36), Bama (12), Piloño (19), Insua de Loño (9), Bembexo (18), Ferreiros (29) e Sobrado (25) pertencían ao arcediagado de Cornado.