domingo, 29 de marzo de 2020

Panfletos políticos en Ordes

  Os anos 90 foron unha época marcada politicamente na Comunidade de Galicia polo liderado indiscutible de Manuel Fraga. O mesmo pasaba en Ordes a escala máis pequena: o PP, encabezado por Teodosio Martino, dominaba a vida local aplastando aos seus rivais nas eleccións (sacaba sempre máis do 50 % dos votos).
  Isto non significaba que houbera acomodo. O histórico PSOE e o novo BNG loitaron contra esa supremacía e tamén entre si con todas as súas armas. Unha delas foi o lanzamento de "boletíns informativos", ou sexa panfletos de propaganda, explicando aos cidadáns as súas propostas e criticando o labor de goberno do Partido Popular.

  O primeiro destes boletíns, chamado "O Portavoz" foi sacado pola Agrupación Socialista de Ordes en decembro de 1992. Eran 8 páxinas fotocopiadas cun saúdo do consello de redacción, unha editorial asinada polo voceiro do PSOE, comentarios sobre a comisión de goberno do concello, noticias breves, información sobre unha sesión extraordinaria e propostas varias.
  Non tivo continuidade e o relevo tomouno o BNG.

  O BNG estaba vivindo un momento de puxanza, tanto en Ordes como en Galicia. Despois dun histórico mitin de Xosé Manuel Beiras na Biblioteca Municipal (que naqueles tempos estaba no baixo da Casa do Concello) constituíuse unha asemblea local.
  Esta 2ª formación do BNG (no ano 1979 cando se denominaba BNPG xa houbera lista electoral), estaba maioritariamente composta de mozos de vinte e poucos anos que procedían da ARO, aos que se engadiron xente como Ramiro Recouso, Manuel Recouso ou o veterano Victorino Cores.
  Nas eleccións de 1995 acadaron 4 concelleiros por 3 do PSOE. Produciuse o "Sorpasso" en Ordes dous anos antes que no resto de Galicia.


   Un par de meses despois, en agosto, saiu o primeiro "B.N.G. Informa" que era unha simple folla A4. O número 2 en febreiro de 1996 xa era un A3 dobrado formando 4 páxinas que sería o formato habitual a partir dese momento.

  No número 3 apareceu por primeira vez unha viñeta satírica de Xan Ferreiro. Estas viñetas, normalmente con caricaturas de Martino ou González, eran moi celebradas e serían un dos sinais de identidade do boletín. Outro sería a tinta azul (en vez de negra) que apareceu por primeira vez no número 5 en xuño de 1997.
  Os números do 5 ao 9 son os máis recordados, os que podemos considerar "clásicos".


  Gran parte da confección dos boletíns recaía na xente da antiga ARO, que xa tiña experiencia en publicacións. Sobre todo o complicado tema da maquetación era a especialidade de Xorxe Pulleiro (futuro propietario de ATX).
  Os entusiastas militantes repartían os boletíns polos edificios de toda a vila (non só bares ou comercios), o que asegurou unha amplísima difusión en Ordes que ningunha outra publicación foi capaz de superar.
  Pero as tensións foron medrando dentro da asemblea. Despois dos decepcionantes resultados das eleccións de 1999, a maioría dos antigos membros da ARO deixaron silenciosamente o partido. Isto afectou ao boletín porque eran a parte máis importante na súa confección e distribución.

  A partir dese momento as publicacións espaciáronse no tempo e ata mudaron de nome pasando a ser "BNG ORDES" pero nunca volveron ter a presenza que tiveron nesa segunda metade dos 90.


  O PSOE volveu á carga e, en marzo do ano 2006, lanzou outro boletín "de información al ciudadano" xa en cor e papel satinado. Durou varios números pero tivo moi escasa difusión.


  Hoxe en día, coa omnipresenza da Internet, parecen pasados os tempos dos panfletos poíticos. Ou non?
  No ano 2015 José Ismael García Areoso publicou e distribuíu un artigo con nada menos que 16 páxinas! cheas de detalladas críticas ao alcalde Regos. 
  O 20 de xaneiro de 2016 saiu "O Centinela" (publicación cara e con publicidade) centrada sobre a aprobación do PXOM.
  Hai algo que nos fai valorar máis o que lemos sobre un papel que o que se ve nunha pantalla. Pode ser simplemente que sabemos que imprimilo ou fotocopialo custou cartos.
  O tempo dos panfletos periódicos pasou, pero é posible que en determinadas ocasións, fagan como Lázaro, saían da súa tumba e anden (por pouco tempo) de novo.

jueves, 26 de marzo de 2020

Fútbol en 1932 e 1933

  O fútbol daqueles tempos deixounos episodios curiosos.

  O sábado 19 de marzo de 1932 tivo lugar un partido entre o Órdenes e o Deportivo Carral que xa arrastraban unha gran rivalidade. Segundo La Voz de Galicia o Carral foi recibido con pitos pola hinchada local. Comezou o partido ás 4 da tarde e o Carral dominou todo o primeiro tempo, pero logo ... "Gracias al desconocimiento de lo que es arbitrar [..] los de Órdenes consiguieron la victoria por dos a uno, después de consentir que se dedicaran a la caza del hombre con toda clase de alevosías. Es una pena que salgan a arbitrar señores que no tienen nociones de lo que es esto".
  Curiosamente no mesmo xornal hai outra reseña do partido, 4 días despois da anterior, onde menciona que "Durante todo el partido dominó el Órdenes quien tuvo embotellado al Carral" e non fala de incidentes de ningún tipo. Está claro que os dous correspondentes non viron o mesmo partido.

  Xa no verán (o 22 de xuño) nun partido contra o Carballo ao que derrotou por 0-3, o correspondente expresa unha paradoxal opinión: "Aún cuando ganó el Órdenes el Carballo realizó un juego más práctico (?) y de mejor cohesión, mereciendo ganar, cosa que no ha conseguido, por la desdichada labor de su portero y la parcialidad del árbitro que perjudicó en todo momento al equipo local".

  Tamén había tempo para os partidos amigables. O xoves 26 de maio no Laranxal houbo un entre o Barrio de Arriba e o de Abaixo arbitrado polo colexiado Tucho que acabou en merenda. No Barrio de Arriba reforzado polos veteranos Antoñito* e Malé de Calvo (que era o capitán) formaban: Gerpe, Celestino, Eliseo, Amor, Trompa, Benigno, Titoba, Pampero* e Mariano. No Barrio de Abaixo reforzado polos veteranos Fernaducho, Manolo Mariño (porteiro) e Ezequiel (o capitán) formaban tamén: Julián, Mundito, Cacheno, Paco Mariño, Luis, Louro, Ángel Mariño e Conejo.

  O 29 de maio, volvendo aos partidos oficiais, o Órdenes masacrou ao Sigüeiro por 10-1. Na primeira parte xa acadou tres goles pero na segunda "embotellou" totalmente ao equipo rival que só logrou un solitario gol de honra. A formación do Órdenes era: Pali, Eliseo, Chacheno; Louro, Luis, Pepe, Pedrín (1 gol), Paquito (1), Segis (5), Paco (3) e Marculeta.

  As novas sobre fútbol non acabarían aquí: en outubro de 1932 nace un novo equipo na vila, o "Progresista", moitas veces chamado Progresista Infantil.
  Estaba composto por Galán, Moncho, José Mª, Olimpio, Alfredo, Suárez, Amador, Paco, Pedro, Joaquín e Manolo, sendo o adestrador Segundo* Viqueira. O presidente honorario era o ex-alcalde Manuel García Rivas, o presidente efectivo e ademais tesoureiro Julián Marcos Arenas, o secretario Ramón Galán e os vogais Olimpio Liñares, Joaquín Verea, Ramón del Río, Manuel Fuentes e Alfredo Calvo.

  Segundo El Ideal Gallego o seu primeiro partido sería o 2 de outubro pero non temos información sobre o resultado. Si sabemos doutros varios que xogaron despois.
  O 1 de novembro xogou contra o Mercurio FC de Santiago no Laranxal e perdeu por 2-3. A súa formación foi: Policarpo, José Mª, Café, Olimpio, Concheiro, Joaquín, Enrique, Alfredo, Pedro, Chucho e Amador.
  En xaneiro de 1933 xogaron cun equipo de Carballo ao que derrotaron amplamente. A semana seguinte enfrontaron ao "Arenas del Tambre" de Negreira e aplastárono cun 7-0, cousa que non impediu que logo ambos os dous equipos o celebraran amigablemente no Bar Liñares, invitados por Julián Marcos. Segundo a prensa "De la culta villa de Negreira se trasladaron a esta para presenciar el partido infinidad de familias de lo más prestigioso".
  En febreiro de 1933 temos noticia doutro partido que xogou no Laranxal contra o Minerva de Santiago no que de novo sufriu unha derrota por 1-2. Segundo El Pueblo Gallego "En este último tiempo los minervistas se emplearon a fondo para conseguir la victoria. A causa de esto el árbitro tuvo que castigar duramente a los forasteros por su juego sucio". A formación do Progresista foi a seguinte: Policarpo, Alfredín, Planeta, Olimpio, Joaquín, José María, Café, Suárez, Manolito, Amador e Pedro.

  O 26 de marzo tamén houbo un partido en Ordes de dous equipos forasteiros. O Celta de Rutis e o Sporting de Eirís, campión e subcampión do Torneo das Aldeas, quixeron dirimir as súas diferenzas en campo neutral. A paixón que levantaba o fútbol fixo que numerosos afeccionados de toda a comarca coruñesa se achegasen a Ordes. O saque de honra estivo a cargo da fermosa Clotilde Viqueira que era "Miss Órdenes". O partido ía 3-1 a favor do Eirís na 2ª parte cando foi suspendido polo árbitro "sin motivo alguno" segundo La Voz de Galicia. Como no caso anterior iso non foi obstáculo para unha festa posterior. Esa noite o Progresista celebrou un baile para os forasteiros que foi, como non, todo un éxito.

* Antoñito: Posiblemente Antonio Concheiro Iglesias, o alcalde.
  Pampero: Posiblemente César Pol Crespo que estivera emigrado en Arxentina.
  Segundo Viqueira: Pode ser un erro e referirse a Segismundo Viqueira Mundito

martes, 24 de marzo de 2020

Nomes na comarca de Ordes

  Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), o nome feminino indiscutible líder na comarca é por suposto María (1.009 portadoras e número 1 en todos os concellos). O segundo son as diversas combinacións de María con Carmen (Mª del Carmen e Mª Carmen, que xuntas teñen 832 portadoras) e o 3º posto ocúpao Carmen en solitario (479 portadoras). Esta terna de nomes lévanos un total de 2.320 mulleres na comarca (un 12 % do total).

 (Preme na imaxe para ver máis grande)

  Obviamente no século XXI as cousas están cambiando.
  Poñendo un exemplo que teño a man, no colexio do Mesón do Vento o curso 2020-2021, entre 55 rapazas non hai ningunha Carmen e só unha María.

  De todas formas, segundo o IGE, María foi o 11º nome máis posto ás nenas no ano 2018 en Galicia e, tendo en conta o cambiante das modas e a gran variedade de nomes que se manexan na actualidade, creo que polo menos durante un par de xeracións, as Marías e Carmes seguirán reinando na comarca. 

  Igual que hai unha raíña, tamén hai un rei: Manuel con 1.485 portadores, aínda ten un liderado máis forte co de María. O seguinte na lista é José con 1.058 portadores, e o 3º é a combinación de ambos os dous, José Manuel, que suma 850 portadores.
  É dicir: 3.393 homes na comarca (case o 19 % -ou sexa, case un de cada cinco!-) levan algún destes dous nomes en solitario (ou os dous xuntos).
  Non demasiado lonxe de José están Jesús (728 portadores), José Antonio (702) e Antonio (684).
  No ano 2018 Manuel foi o 7º nome máis posto aos nenos en Galicia. Posiblemente o dominio de Manuel na comarca aínda dure máis tempo co de María.

sábado, 21 de marzo de 2020

Jesús Rama Louro

  Este artigo baséase principalmente nunha entrevista que Jesús concedeu a Carmelo Lisón Tolosana en 1965 (que me foi enviada por Carlos C. Varela, o autor de Aldeias de Ordes).

  Nos anos 80, no meu primeiro traballo como mestre na provincia de Pontevedra, coñecín a unha compañeira da Estrada que me preguntou de onde era eu. Cando lle respondín que "de Órdenes" (naquel tempo aínda non diciamos Ordes), o seu comentario inmediato foi:
 -Ah! o pobo do meigo.
  Así de famoso era entón Jesús Rama Louro. Era habitual que coches con matrículas doutras provincias parasen en Alfonso Senra e preguntasen como se chegaba á casa do "doctor", que non era fácil de atopar porque estaba na Travesía de Campeiras, aínda que para facilitar a súa procura tíñaa pintada de cores rechamantes.
 
  Jesús, chamado Chucho da Robada na súa xuventude, era o quinto fillo de Jesusa Rama Louro (1885-1995), unha muller moi vital (chegou aos 100 anos). Do seu primeiro matrimonio naceron José, María, Andrés e Antonio e logo tivo a Jesús (1922).
  Casou en segundas nupcias con Ricardo Robado Mayoral (1876-1941), un castelán que traballou de porteiro no Xulgado -entón no edificio Rama de Alfonso Senra- e que xa tiña 6 fillos dun matrimonio anterior con Dolores Lois. Deste matrimonio veulle o alcume da Robada e con el tivo outro fillo, Rodrigo Robado Rama -que sería pai de Mª Paz Robado, moitos anos directora do CEIP Castelao-.
  Á morte do seu marido en 1941, Jesusa aínda tería un fillo máis, Juan da Inclusa, (porque o trouxo da Inclusa).

  Obviamente era unha casa pobre e Jesús tivo que buscarse a vida. Marchou para Santiago e traballou na catedral (tocaba as campás e outras tarefas miúdas que non lle gustaban nada). O seu xefe era un señor que tiña varios fillos. Un deles estudaba para practicante e Jesús foi con el ao hospital moitas veces, nacendo así a súa afección ás artes da curación.
  O seu soño era chegar a enfermeiro (non contaba chegar a máis por falta de cartos) e para iso estudaba nos libros do fillo do seu patrono.
  Un día, unha muller faloulle sobre uns síntomas que padecía. Botando man dos coñecementos adquiridos nas súas lecturas Jesús propúxolle un remedio e funcionou tan ben que ela, abraiada, comentoulle:
- Pero, ti! Tes pauto con Dios ou co demo?
  O mesmo sucedeu un par de veces máis, cousa que o convenceu de que tiña un don e animouno a perseverar nas súas lecturas.

  A vida deulle un cambio cando a súa nai foino buscar a Santiago e pediulle que volvera a Ordes a traballar co seu medio irmán Rodrigo, que era zapateiro. El non quería (non lle gustaba vivir nunha vila pequena porque xa estaba acostumado a Santiago, onde ademais tiña opcións de acadar o seu obxectivo de ser enfermeiro), pero a Guerra Civil fíxolle cambiar de opinión e volveu a Ordes.
  Empezou a traballar nos zapatos con Rodrigo pero seguiu aconsellando a xente que estaba enferma. Os seus remedios funcionaban e a súa sona foi medrando ata que decidiu dedicarse a tempo completo á curación, aprendendo novas técnicas que pouco tiñan que ver coa enfermería e si coa psicoloxía e mesmo coa investigación detectivesca.
  Atendía na súa casa e, como outros curandeiros daqueles tempos, tamén asistía ás feiras máis concorridas a buscar pacientes e ata pasaba consulta na Coruña no "Bar Asturias".

  Casou con Manuela López Rodríguez (1927-2005), un tempo emigrada no Reino Unido, con quen tería un único fillo, Roberto Rama López (que, por certo, sería o meu profesor na auto-escola).

  Vexamos agora os apuntes de Carmelo:
  [...] Él -Jesús- confiesa en la conversación que un amigo le llama meigo. Muy hablador, algo nervioso, con cierta cultura. Tiene sobre la mesa el libro de Balzac "Un cura de aldea". Tiene otro para leer las manos y otro sobre magia en el sentido de trucos de circo. Estos son los que le veo, pero me dice que tiene más.
  Tiene una buena casa, un crucifijo grande tumbado sobre la mesa [...], un plato con la efigie de Juan XXIII, buena vajilla y vasos. Tiene confort = dinero.
  Lee y sabe cosillas de cultura. Dice que manda gente a los médicos, e incluso a veces, los acompaña porque el practicante o el auxiliar del médico son amigos suyos, o el mismo médico.
  Ha padecido muchos dolores de cabeza y desvanecimientos, sobre todo estando en altura [...].
  Se escribe con gente gallega de Órdenes, de América del Sur, y aconseja, diagnostica y receta por carta. Pone inyecciones, habla constantemente de medicinas, pastillas, inyectables, etc.[..]
  Dice que hace falta tener mucho ojo con los paisanos para ver que tienen. Mira las reacciones, la hora que vienen, etc. para tratar de averiguar que les pasa. Dice por ejemplo que uno vino temprano por la mañana y que le dijo que había estado esperando ya mucho rato. Dedujo que quería saber sobre un pleito porque un enfermo no sale de la aldea tan de mañana. Y era cierto.
  Dice que los de La Coruña [...] o no de aldea dicen para que lo van a ver, pero que los de la aldea se sientan y no dicen nada. Tiene él que adivinarlo pero ya tiene experiencia para sonsacarlos y ver que es lo que quieren.[...]

  Jesús o Meigo sabía que unha parte fundamental do seu éxito era a fe dos pacientes, por iso cultivaba esa presentación esotérica, pero tamén era un bromista. A un amigo seu, bastante escéptico, meteulle unha lagarta no transistor. De todos modos tiña claro que a enfermidade era o motor desa fe. O seu lema era: 
-Un cre cando ten necesidade, a necesidade obriga a crer.

  O caso é que esta mestura de coñecementos científicos, intuición, carisma e trucos de mentalismo funcionou á perfección e Jesús pasou dunha infancia pobre a vivir con abundancia (ata tiña chofer para o seu coche porque el non aprendeu a conducir).
  Morreu aos 83 anos o 11 de novembro de 2005 e, pouco máis dun mes despois tamén faleceu a súa muller con 78 anos de idade.

  Remato cunha anécdota que me contou o meu pai.
  Nos anos 50 Jesús foi á feira de San Luca (Trazo), onde pasaba consulta, nun autobús do Cotovío. A piques de volver, estaba a charlar co condutor Brañas e o revisor Juan de Babila, cando se lle achegou unha muller para facerlle unha pregunta. Apartáronse un pouco e falaron durante uns momentos en privado. Cando volveu ao autobús comentoulles que unha filla daquela señora saía con Moncho da Trapeira, un rapaz moi pobre do Recreo, e a señora viñera preguntarlle se era bo rapaz e de boa familia.
-E ti que lle dixeches?
-Que lle ía dicir? ... É un veciño! Díxenlle que era do milloriño de Órdenes!

jueves, 19 de marzo de 2020

O Castro de Buscás


   O castro de Buscás está practicamente na capital parroquial a só 200 metros ao norte da Igrexa de San Paio na Rúa. Está localizado no alto da costa que hai entre o Río Cabrón e o Rego de Cabo (a unha altitude de 300 metros).
  A menos de 200 metros ao leste está o antigo Camiño Inglés, agora a estrada que cruza a Rúa, e máis ao leste estaba unha fortaleza da que hoxe apenas quedan restos pero si a súa pegada na toponimia porque o lugar aínda se chama Agra da Torre.


  Segundo Elixio Vieites, que o describe na páxina de Patrimonio Galego, polo norte e leste amosa un gran foso e unha muralla de terra que podería acadar os seis metros de altura. Polo resto do recinto as defensas están moi esmorecidas, aínda que se pode ver un foso moi colmatado na zona oeste. Pola banda sur están totalmente desaparecidas e o espazo que ocuparían está integrado nas parcelas agrícolas, que se estenden ata o interior da croa.
  O recinto podería acadar os 120 metros, de NO a SE, se tomamos como referencia á muralla que se pode apreciar, e 1,27 hectáreas de superficie.

martes, 17 de marzo de 2020

1º Aniversario da República

 
  En abril de 1932 foi o aniversario da proclamación da República. A pesar de ser unha festa oficial, o Concello de Ordes pasou olimpicamente do tema. Así que os mozos organizáronse pola súa conta.

La Voz de Galicia. Abril,1932.
  Después de haber solicitado del alcalde accidental de este Ayuntamiento su cooperación para que ayudase moral y ma­terialmente a festejar el adve­nimiento de la República, la juventud republicana de esta villa se encargó con espontá­neo y verdadero entusiasmo de ocupar el vacío que habían dejado quienes por el cargo que ostentan estaban llamados a ha­cerlo. Así pues, los jóvenes conmemoraron tan fausto advenimien­to con un fraternal banquete donde reinó la más amplia solidaridad. A los postres hubo brindis alusivos al acto y mien­tras una banda de música in­terpretaba el Himno de Riego se alzaron las copas por la pros­peridad de España y la inten­sificación de una sincera amis­tad entre la juventud ordinense.
  Acto seguido los comensales, se trasladaron al Teatro Tro­che donde había de celebrarse un mitin de afirmación repu­blicana en el que hicieron uso de la palabra varios jóvenes de esta villa. El local estaba rebo­sante de público de ambos se­xos, ávido de escuchar la pala­bra de los oradores; quienes fueron presentados por don Manuel Mariño. Primeramente, habló el joven José del Río Pampín*, que esbo­zó la obra realizada por las Cortes Constituyentes. A con­tinuación, hizo uso de la pala­bra el joven estudiante Ángel Mariño, que después de estudiar el proceso revolucionario in­cubador de la República, expu­so detalles de su proclamación en Madrid y terminó pidiendo a todos optimismo para la Re­pública y confianza para los gobernantes. Seguidamente ha­bla el joven Amor Rivas que ensalza las ventajas del nuevo régimen social y defiende a la clase trabajadora; después se levanta a hablar el joven abo­gado García Gerpe quien des­pués de exponer elocuentemen­te los orígenes de la revolución y sus causas, dice que España vivirá la auténtica democracia el día que se encaje en el mar­co socialista y termina con un vibrante canto a la Juventud rebelde.
  Terminó el acto con unas fer­vorosas y sentidas palabras del letrado don Ramón Astray, encaminadas a que unamos nues­tros entusiasmos republicanos en un ideal de amistad y de cul­tura. Todos los oradores fue­ron extraordinariamente aplau­didos.
  Después se celebró un con­curridísimo baile que terminó a las dos de la madrugada den­tro del mayor entusiasmo. El comité organizador cons­tituido por los jóvenes García Gerpe como presidente, Amor Rivas como vicepresidente, y del Rio Pampín, en calidad de secretario, está siendo felicitadísimo por el entusiasmo que ha puesto en la celebración de los feste­jos mencionados.

  El Pueblo Gallego publicou o mesmo artigo (debían compartir o correspondente) con apenas un par de significativos cambios, no comezo: "Después de haber solicitado al alcalde de este Ayuntamiento pseudo-republicano", e cando se refire á asistencia onde matiza: "El local estaba rebosante de público ávido de escuchar a los oradores, predominando las mujeres".

* José del Río Pampin o Barbeiro, vinculado ao Partido Galeguista, era irmán de Manuel del Río Pampin o Carteiro (avó do profesor Manuel del Río). Ambos os dous serían fusilados en Boisaca en 1937.

sábado, 14 de marzo de 2020

Xente de 1880

  Grazas á hemeroteca podemos coñecer algúns personaxes (polo menos o seu nome) que viviron nos anos 80 do século XIX en Ordes.
  Especialmente útil para iso é o "Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración" (que me foi enviado por Carlos Calvo). Esta publicación traía unha relación de personaxes dos distintos ámbitos, aínda que -cousa comprensible- algúns figuraban con erros nos apelidos ou con eles cambiados de orde.
  Na imaxe de abaixo podedes ver unha relación de nomes do primeiro anuario, o de 1879, ano en que Ordes tiña 5.827 habitantes.


  Segundo o anuario de 1881 Ordes tiña 6.017 habitantes e o alcalde era Ángel del Río Castro, irmán de Antonio del Río, o cacique do distrito. Volvería a ocupar o posto despois dunha paréntese de 4 anos (de 1882 a 1885 o alcalde foi José Barbeito e o tenente Benito Veiras). 
  En 1883 e 1884 aparece como secretario do concello Saturnino Aller (tamén figura nas relacións como un dos avogados na vila), o futuro cacique.
  Neses anos houbo varios xuíces como Justo Fernández, Modesto Bolaño e outro persoal que non botaba moito tempo na vila.
  Aparecen tamén nos 80 Laureano Iglesias (rexistrador interino en 1885) e  Vicente Stolle Álvarez (avogado e xuíz municipal no 1885), que supoño era o pai de Pastor Stolle (futuro encargado de Correos e Telégrafos e sogro do alcalde Juan Liñares Castro). Laureano Iglesias Rodríguez (cos apelidos cambiados), avogado compostelán, tamén sería deputado provincial e desde 1883 escribán do xulgado. Estaba casado con Manuela Álvarez Freire, que morreu no ano 1882.
  José Patiño Lodeiro (cos apelidos cambiados) figura como secretario do xulgado e notario. Eulógio Patiño Pérez (igualmente cos apelidos cambiados), que foi o patriarca da familia Patiño, figura tamén como secretario do xulgado. Por suposto podemos ver a Florencio Pol Ramos (notario e famoso curandeiro, patriarca da familia Pol). Os alguacís en 1885 eran Benito Rivero Otero e Antonio Mariño.
  Entre os procuradores figuran o fradense Juan Carnota Calvo (1830-1905), pai do xornalista Vicente Carnota, e Policarpo Rivas.
  Este último, Policarpo Rivas Godoy (m. 1917), foi un personaxe importante pois tamén ostentaba o cargo de presidente do Comité do Partido Conservador no distrito. Pai de dous avogados, Policarpo Rivas Durán (m. 1890), Juan Manuel (m. 1906) e dúas fillas, María, casada co avogado José Iglesias Álvarez (m. 1918), e Adolfina que casou con Ricardo Amor del Río. Doutro matrimonio tivo a Ricardo Rivas Marzoa, secretario de Cerceda e recadador de impostos, Luis que para variar foi médico en Cerceda e casaría en 1910 con Teresa Liñares Iglesias (da familia Liñares), e Clara que casaría con Manuel Astray Mato.

  En 1886 tamén aparecía como procurador Carlos Pol Caamaño, fillo de Florencio. Os dous anos seguintes sería escribán do xulgado e desempeñaría outros cargos ata que se trasladou á Coruña en 1899 (e varios anos despois a Arxentina).
  Nos postos de secretario e administrador de correos estaban Juan e Nicolas Troche. Os Troche foron unha familia importante en Ordes: habería varias irmás mestras (Elvira deu clase en Mercurín 30 anos!), Carlos (m.1958) foi veterinario municipal na Coruña e dono do Salón Troche, e Antonio foi recadador de impostos.


  Entre os comerciantes e industriais podemos ver a José Veiras Camba, o patriarca dos Veiras de Pardiñas, Manuel Álvarez (posiblemente Manuel Álvarez Valdés), Manuel Astray López (o 1º Astray en Ordes), Juan Barreiro (que tiña unha tenda fronte á igrexa) e Ramón Calvo Vieites (o patriarca da familia Calvo). O propietario da farmacia de arriba era desde 1880 José Carballido, bisavó dos Carrasco del Río. Desde 1883 sería durante uns anos a única da vila ata que os Álvarez abriron a de abaixo.
  Ah! Segundo o anuario de 1886, Ordes tiña 5.959 habitantes (baixara con respecto aos anos anteriores).
  En 1890 no xornal La Voz de Galicia podemos ver as persoas que estaban inscritas nunha excursión a Rodís organizada pola "Sociedad de Excursionistas Científica de Órdenes". Eran: Joaquín Doménech Costa, Juan J. Durán Iglesia, Eulogio Patiño Pérez, Julián Castro Míguez, Narciso Domínguez Álvarez, Manuel García Bermúdez, Policarpo Rivas Godoy, Juan Carnota Calvo, Florencio Pol Ramos y España, Carlos Pol Caamaño, Pedro del Río Castro, José Carnota Pérez, Jesús Santaló Villar, Manuel Ruano Bello, José del Río Martínez, Manuel Martelo Doménech, Manuel Ruiz, Antonio del Río, Angel del Río, Celestino Amigo, Juan J. Vecino, Joaquín Castro, Augusto Barreiro (pai), Augusto Barreiro (fillo), Antonio Veiras, Manuel Rivas, Leoncio Limeres, Manuel Iglesias Rapela, Juan Liñares, Gumersindo Liñares, Gerardo Mª Fernández, Manuel Gómez e Félix Ruano. Moitos non eran de Ordes.
  Tamén nos anos 90, concretamente en 1892, aparecen nunha publicación Fernando Liste, o pai de Fernanducho, e Rosa Vieites a quen lles foron expropiados terreos para o campo da feira, os actuais parques municipais. Ademais a Pedro Vieites queimóuselle a eira en 1893.
  De 1888 a 1892 o xuíz de 1ª Instancia foi Pedro Castán Trallero que era sobriño do maestro de capela da catedral compostelá Juan Trallero Palmer (m.1891).
  O párroco de Leira don Constantino Iglesias López era o arcipreste de Berreo en 1890. O párroco de Ordes era don Manuel Bermúdez (o que fixo construír a igrexa parroquial actual) pero morreu repentinamente en xaneiro de 1891. O seu sucesor, don Manuel Vázquez Amarelle, tampouco durou moito e morreu en febreiro de 1894.

sábado, 7 de marzo de 2020

A familia Calvo (ferraxería)

  Como a gran maioría dos antigos comerciantes de Ordes tamén a familia Calvo, a da maior ferraxería da vila, veu de fóra, concretamente de Vilariño en Buscás.
  Ali viviu a principios do século XIX o matrimonio formado por Jacobo Calvo Rodríguez e Francisca Vieites Naveira que tivo sete fillos: Rosendo, María, José, Lucas, Ramón, Josefa e Rosa.


 O quinto, Ramón Calvo Vieites (1837-1916), foi o que se instalou na vila e montou xa nos anos 80 do século XIX un establecemento chamado "Universal" que sería unha mestura de taberna, ultramarinos, casa de comidas (como case todas naqueles tempos), fonda, ferraxería e, sorprendentemente, ata funeraria (tamén vendía ataúdes! ademais de quincalla, carbón ou sal).
  Casou nos anos 70 do século XIX con Inés Pérez del Río (1858-1928), 20 anos máis nova ca el. O matrimonio tivo sete fillos: Antonio, José, Ramón, Gumersindo, Juan, Manuel e Dolores. Ramón morrería en 1916 e a súa muller en 1928 aos 70 anos de idade.

  Antonio e José Calvo Pérez morreron ambos os dous á idade de 29 anos (un en 1907 e outro en 1911), solteiros e sen descendencia.

  Ramón Calvo Pérez (1886-1968) estableceuse pola súa conta no Recreo 67 onde non lle foi nada mal (en 1931 era o 46º maior contribuínte). Casou con Balbina Abeijón Sánchez (1896-1979) -da familia Abeijón- coa que tivo 10 fillos.

  Gumersindo emigrou a Arxentina e os que quedaron co negocio familiar, que logo derivaría cara á ferraxería, foron os últimos dos fillos varóns: Juan e Manuel.


  Juan Calvo Pérez (1892-1952) casou en 1924 (ano en que tamén chegaría a concelleiro) con Gumersinda Carnota Barreiro (1900-1972), unha moza do lugar de Parada de Arriba (Cerceda) de rica familia pois o seu pai era o propietario e ex-alcalde Juan Carnota. Unha irmá de Gumersinda, Cándida (1904-1997) que era mestra, instalouse co seu marido Ismael Arcos Prado (1899-1967), veterinario titular de Ordes, no soar ao sur da ferraxería. Este matrimonio non tivo fillos e ese soar rematou volvendo á familia Calvo e posteriormente sería vendido.
  Juan e Gumersinda tiveron 5 fillos: Carmiña, Jesús, Ismael, Manuel e Mª Teresa (Marité).

  Carmen Calvo Carnota (1925-2011), a filla maior, foi monxa na Compañía de María e tamén docente. Estivo uns anos de superiora en Cangas do Morrazo e logo no colexio en Vigo, exercendo de administradora. Os últimos anos foron no colexio da Coruña, cidade onde está soterrada (no cemiterio de San Amaro).
  Jesús (1927-1984), máis coñecido como Suso, casou con Juana Mosquera Veiras dos Mosqueiras de Montaos coa que tivo 7 fillos: Mª del Mar, Juan Jesús, Carlos, Ana, Carmen Mª, Lucía e Irene. Morreu aos 57 anos nun accidente.
  Ismael (1928-2019) casou con Herminia de Faya (1930-2022) coa que tivo dous fillos: Ismael e Jaime Calvo Faya.
  Manuel Mª e Marité casaron con dous irmáns: Julia e José Santos Bermúdez.
Manuel tivo tres fillos dos cales o máis coñecido é Manuel Anxo que é mestre no CEIP Campomaior e que durante bastante tempo foi correspondente de La Voz de Galicia en Ordes.

  Manuel Calvo Pérez Malé (1897-1949), excelente empresario, casou con María Castro del Río, da familia Castro, e non tiveron fillos. Foi o irmán que morreu máis novo, aos 52 anos.

  Dolores Calvo Pérez (1899-1989) casou en Cabaleiros con Enrique García Iglesias e tiveron 12 fillos. Algúns deles viñeron a Ordes e residiron durante bastante tempo cos seus tíos.
  Teresa casou co canario José Perdomo Afonso co que tería tres fillos: Mª Teresa, Margarita e José Enrique. Perdomo era un garda civil que vivía na bufarda da casa de Manuel dos Ramos cando coñeceu a Teresa. Chegaría a subteniente e morreu en Madrid en 1991 pero está soterrado en Cabaleiros (Tordoia).
  Segundo Suro aprendeu mecánica co seu tío político Pedro de Castro e marchou para Curtis onde instalou un coñecido taller e casou con María Sánchez, coa que tivo un fillo.
  Enrique Quique (1930-2004) casou con Hermosinda Pereiro e viviu en Pontepedra onde foi empregado municipal.
Datos e fotos: Carlos Calvo Mosquera.