sábado, 28 de octubre de 2017

Mapas antigos de Galicia



   O primeiro mapa centrado integramente en Galicia foi feito polo cartógrafo galego Fernando Ojea (1560-1615) cara ao ano 1600-1603 e gravado en Antwerp (Amberes, Países Baixos) no obradoiro de Joannes Baptista Vrients. Este mapa aparece no primeiro atlas moderno do mundo, o famoso Theatrum Orbis Terrarum do xeógrafo neerlandés Abraham Ortelius.
  Fernando Ojea dedicou o mapa ao máis importante nobre do Reino de Galicia, o Conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro e Andrade.

 

  Centrándonos na comarca de Ordes vemos como aparece o río Tambre tamén co seu outro nome, o Támara (por iso a nosa comarca era "Trastámara" -Tras do Tambre-). Así mesmo aparece o río Lengüelle co seu afluente, o Cabrón, pero formando unha extraña e inexistente insua.
  Os lugares que aparecen son 9: Hospital, Ençobras (As Encrobas), Villa dabao (Viladabade), Mesía, P. Sigueyro (Sigüeiro) e 4 de Ordes: Buscas (Buscás), Polo (Poulo), Parada e Montaos.

  Outros mapas do século XVII copian deste, perpetuando os seus erros e apenas quitando ou cambiando minimamente de nome algún lugar. O famoso mapa de 1611, "Gallaecia Regnum" é practicamente calcado do anterior.
  O de 1635 ten algúns cambios (desparecen Parada, Montaos e Poulo).


  O mapa de 1696 do italiano Giacomo Cantelli da Vignola no que aparecen máis montañas destaca porque varios nomes son levemente modificados e aparece Buscás por partida dobre (como Buscas e Busca).


  No século XVIII (1784) edítase o moitísimo máis completo mapa do Antigo Reino de Galicia coas 7 provincias feito por Tomás López. Aquí xa aparecen moitos lugares e vilas como Ordenes (Ordes), Leira, Ardemil, etc.


  No século XIX constatamos que moitos mapas aínda eran poucos precisos. No de 1849 vemos que á vila de Ordes sitúana ao oeste do río Lengüelle e o río Samo (no mapa chamado Marzoa) ten unha lonxitude desproporcionada.

 

martes, 24 de octubre de 2017

O Camiño por Deixebre

  Se no concello de Ordes o Camiño orixinal persiste (aínda que moitos tramos fosen convertidos en estradas asfaltadas), non ocorre o mesmo no de Oroso. Na zona de Deixebre bastante despoboada no século XIX quedou máis descoidado. Finalmente, nos anos 70 do século XX (época na que o Camiño Inglés aínda non preocupaba a ninguén) a Autoestrada do Atlántico sepultou o antigo trazado durante case 5 km. Por este motivo, despois de Baxoia, facíase pasar aos peregrinos debaixo da AP-9 e logo de 600 metros tomar unha pista de concentración forestal paralela á autoestrada. Este tramo, cunha recta de 5 km que acababa no polígono industrial de Sigüeiro, era o máis aburrido de todo o traxecto. 
  Isto durou ata setembro de 2014 en que a Xunta delimitou un novo trazado, bordeando a autoestrada, que está máis próximo ao que era realmente o antigo camiño. De todos os xeitos, como non se empezou a publicitar e a marcar sobre o terreo ata o verán de 2017, a gran maioría de peregrinos seguiron utilizando a pista forestal.


   Deixebre é a primeira parroquia que atravesamos. Ten apenas 5,6 Km cadrados e 5 núcleos habitados.
  Pertenceu historicamente á Xurisdición de Folgoso. O "Diccionario geográfico estadístico" de Sebastián de Miñano precisa que en 1828 tiña só 23 casas e uns escasos 120 habitantes. 20 anos despois, o "Diccionario de Madoz" engade algunha casa e 10 habitantes máis (130). Producía cereais (trigo, centeo e millo) gando (vacún, cabalar e lanar) caza (perdices, lebres e xabarís). Tiña dous muíños fariñeiros e comerciaba con viños do país. 
  Na actualidade a poboación rolda os 340 habitantes. 
  Os Carballos é o principal núcleo de poboación, precisamente por estar na N-550. A Igrexa parroquial de Deixebre que estaba no vello Camiño desapareceu e erixiuse outra nos Carballos ao redor de 1.917 aproveitando elementos da vella. Posteriormente nos anos 40 tamén se trasladou o cemiterio. En 1964 inaugurouse a actual igrexa, sendo párroco D. Jesús Vázquez Quintela
 

  Despois de saír da parroquia de Montaos no concello de Ordes cruzamos a estrada que ven da N-550 e atopamos a Baxoia, unha aldea lineal nacida a ambos os dous lados do camiño. Agora é unha estraña mestura na que conviven vellas vivendas (algunha ben restaurada e outras completamente estragadas) con novas edificacións de discutible gusto. 
  Ao pasar a Baxoia hai un túnel por debaixo da AP-9. Aquí hai que seguir cara ao sur sempre a carón da autoestrada. Uns 350 metros despois está o pequeno lugar de Agrelo partido en dous pola vía. Agrelo é un diminutivo de agra -campo, terra de labor-. 
  Ao oeste queda o lugar da Rúa, probablemente relacionado co Camiño ("rudus" era a penúltima capa que os romanos botaban no firme dunha calzada) e a uns 300 metros o lugar de Vilar de Arriba onde hai unha antiga medorra. 
  A uns 400 metros de Agrelo, seguindo a autoestrada chegamos ao lugar máis interesante do tramo: a Fonte da Santiña.


   Esta era unha fonte popular nos arredores e considerábase que a súa auga era boa para curar a sarna. Un pouco máis abaixo estaba outra fonte milagreira, a de Santa Margarida, boa para os males da gorxa. Esta última desapareceu coa autoestrada. 
 
  A pouco máis de 100 metros ao SE estaba a antiga igrexa de Deixebre e o cruceiro. A casa reitoral aínda existe pero habitada por un particular. Conserva un precioso reloxo de sol nunha das súas esquinas.
 
  Desde a Fonte da Santiña continuamos camiñando pouco máis de 500 metros a carón da autoestrada e entramos xa na parroquia de Oroso.

viernes, 20 de octubre de 2017

O éxodo incesante (1900-1920)

  Unha das características máis salientables de Galicia, sobre todo nos séculos XIX e XX foi a súa condición de pobo emigrante. Compartiuna con moitas outras rexións de España e Europa pero poucas a superaron en números absolutos. De feito a emigración galega de 1900 a 1970 supuxo o 38 % do total español.
  Considérase emigración masiva cando se alcanza unha taxa anual de 4 emigrantes netos por cada 1000 habitantes (4 ‰). Pois ben, Galicia superouna desde 1880 ata 1930. Calcúlase que máis de medio millón de persoas saíron en dirección a América. Que dous terzos das mesmas retornasen (unha ou máis veces) é un signo do cotián que era na Galicia daqueles tempos a emigración. Dicíao en 1912 Manuel Castro López: "Se va a Cuba como quien va a las fiestas de San Isidro en Madrid".


Por que?
  As razóns que os contemporáneos daban ían desde as individuais ata a xenérica "Galicia está probe", onde se incluía a miseria do campo, a opresión dos caciques (coa súa multitude de foros e impostos -coñecidos coma "trabucos"-) e o exceso de poboación.
  Loxicamente a pobreza é a primeira causa que nos vén á mente, porque é o acicate fundamental da maioría de movementos migratorios. Pero convén matizar esta afirmación, porque a Galicia de finais do XIX non era máis pobre que a de 100 anos atrás nin máis que outras rexións con bastante menos emigrantes. De feito a condición de pequeno propietario da maioría de campesiños galegos favorecía a emigración transoceánica porque podían custear a viaxe vendendo ou hipotecando as súas terras.
  Había outras varias razóns que se xuntaban á pobreza e que explican a magnitude das cifras do fenómeno.
  Unha era a necesidade que certos países tiñan de man de obra, polo que mandaban axentes para captar interesados nas rexións europeas. Por exemplo, Arxentina antes de 1906 pagaba a pasaxe dos emigrantes. Mesmo países tan exóticos como Panamá na época do canal ou a República Surafricana tiveron aquí axentes de captación. E por suposto non faltaban os "ganchos" das compañías de navegación.
  Outra era o efecto contaxio. O feito de haber unha ampla colonia de galegos nos países americanos facía máis fácil a decisión de marcharse porque coñecíase máis ou menos a situación que ían atopar e contábase co colchón de seguridade de ter familiares ou paisanos para os primeiros e máis duros momentos.
  Entre as razóns individuais, ademais da sede de aventuras e o desexo de mellorar había unha fundamental: escapar do servizo militar. Antes de 1909 os mozos acomodados podían evitalo pagando unha cantidade de diñeiro bastante considerable pero aos pobres non lles quedaba máis remedio que sufrilo (sobre todo porque era a perigosa época das guerras africanas). En 1909 eliminouse a exención o que aumentou o número de mozos interesados en emigrar.
  Hai numerosas noticias sobre isto. Por exemplo, en febreiro de 1908 a Garda Civil detivo a dous mozos de Tordoia e un de Ordes e ao seu axente de embarque que lles cobrara 150 pesetas a cada un deles. En 1910 o mozo ordense Juan Sanjurjo (20 anos) intentou emigrar con documentación falsa a nome de José Fuentes, pero nas oficinas de emigración os nervios traicionárono e acabou detido. E así moitos casos máis.

A onde?
  Os lugares preferidos foron os países americanos. Antes e despois de 1898 Cuba foi un dos destinos preferidos. Case un terzo da emigración galega recalou na illa caribeña. Arxentina, ou máis concretamente a provincia da Plata máis o Uruguai, con preto da metade dos nosos emigrantes substituíu a Cuba como destino preferente, converténdose na "5ª provincia" e a súa capital, Buenos Aires, na 1ª cidade en número de galegos por enriba da Coruña ou Vigo. O resto distribuíuse por outros países latinoamericanos en menor medida.

Que reaccións e consecuencias produciu?
  A emigración foi un fenómeno controvertido. Tivo gandes detractores, especialmente entre o clero e os conservadores (aínda que tampouco era unha opinión unánime) e, doutra banda, na esquerda. Nos xornais clericais e nos republicano-obreiristas  é onde atopamos as maiores queixas sobre o tema que acostumaban centrase en dous aspectos: a falta de brazos nas aldeas galegas e a miseria e os abusos que sufrían moitísimos emigrantes (en xeral con extrema esaxeración).
  En fronte non hai moitos defensores declarados pero si moita xente que sacaba partido e vía os beneficios da emigración.
  Entre eles os gobernantes, pois supoñía un alivio da superpoboación, as compañías navieiras, os bancos que prestaban diñeiro para a viaxe e recibían despois máis depósitos dos emigrantes e finalmente as familias que grazas ao diñeiro recibido podían pagar rendas, redimir foros, arranxar vivendas e comprar novas terras ou apeiros agrícolas.
  Un dos defensores da emigración, o político liberal Eduardo Vincenti (xenro de Montero Ríos), para destacar o impacto económico que supoñía, resaltou que no ano 1908 un só banco, o "Banco Español del Río de la Plata" xirou a España 96 millóns de pesetas, dos que 48 (a metade) ingresaron en Galicia.
  A emigración tamén supuxo cambios culturais: os emigrantes retornados, con novas experiencias e ideas, trouxeron un aire fresco á anquilosada política local. Ademais tiveron unha gran preocupación pola educación e, retornados ou desde América, financiaron unha gran cantidade de novas escolas, moitas das cales aínda existen.


Que cantidade?
  De Galicia saíron máis de 100.000 emigrantes na 1ª década do século XX e 400.000! na 2ª. Unha auténtica barbaridade porque estamos a falar dunha poboación de apenas 2 millóns de habitantes.
  A comarca de Ordes non foi unha excepción. Supoñendo un crecemento vexetativo similar ao de Galicia, a emigración na primeira década do século XX debeu estar entre 1.200 e 1.300 persoas, o que roldaba o 4 ‰ anual. A intensidade non era a mesma en toda a comarca. Mentres en Mesía era case inexistente, Oroso e sobre todo Cerceda tiñan un alto número de emigrantes.
  Na década de 1910-20, ao igual que en Galicia, dispáranse as cifras que roldan as 2.500 persoas, o que superaba o 7 ‰ anual.

martes, 17 de octubre de 2017

1910-14: Ventos de tormenta

  Os primeiros anos da década dos 10 foron o preludio da tempestade: nun clima cada vez máis tenso os países europeos estableceron alianzas preparándose para unha guerra que resultou ser global. Aínda que houbo moitas máis causas, a conflitiva rexión balcánica que sufriu dúas guerras en 1912 e 1913 foi a mecha do estalido. O asasinato do herdeiro austrohúngaro Francisco Fernando en xuño de 1914, cando visitaba Sarajevo, significou o inicio da 1ª Guerra Mundial, que cambiaría o curso da historia para sempre.

  Pero fóra de desastres naturais e guerras o suceso máis impactante foi a catástrofe do "Titanic". O gran buque, orgullo da enxeñería, foi afundido na noite do 14 ao 15 de abril de 1912 por un iceberg (a natureza, unha vez máis, poñendo no seu lugar ao home). Máis de 100 anos despois a historia do Titanic aínda é un dos eventos máis recordados do século XX.

  En España foi unha época de goberno do Partido Liberal. O político galego José Canalejas presidiu o país tentando unha rexeneración do sistema. Desgraciadamente foi asasinado a finais do ano 1912. Álvaro de Figueroa, o primeiro Conde de Romanones substituíuno. Ambos os dous tiveron que lidar coa Guerra do Rif. Por certo que para loitar nesa guerra chegou a África en 1912 un novato alférez ferrolán chamado Francisco Franco. Ascendería veloz no escalafón e daría que falar anos despois.

  En Galicia continuaba a tensión no campo pero nestes anos hai un cambio de eixo xeográfico e de liderado. Solidaridad Gallega que nacera en 1907 e que tivo moita forza na provincia da Coruña ata 1910 comezou unha vertixinosa decadencia. En 1911 tivo lugar a Asamblea Agraria de Monforte (a 3ª despois das de 1908 e 1910) na que foi elixido presidente Rodrigo Sanz, momento no que xa estaba moribunda.
  O relevo foi tomado no sur de Galicia por Acción Gallega que nacera en 1909 ... en Madrid! constituída por un grupo de intelectuais entre os que destacaban Alfredo Vicenti, Manuel Portela Valladares e un sacerdote semidescoñecido: Basilio Álvarez. Nas eleccións de 1910 presentaron tres candidatos e saiu elixido Portela Valladares.
  Contaron co apoio do Partido Liberal ata a morte de Canalejas. Cando Basilio Álvarez pasou a ser cura de Beiro foron os anos máis fortes do movemento (1912-13). Era un orador formidable e carismático cun tremendo radicalismo verbal que arrastraba aos campesiños e que fixo tremer ao goberno por un estalido revolucionario.
  Neste momento o inicial apoio e logo a inacción desapareceron. Comezaron os ataques xudiciais ao movemento aproveitando as súas achegas a actos de axitación e terrorismo. A Basilio Álvarez foille retirada a licenza sacerdotal e o xornal El Heraldo Gallego foi suspendido. Logo chegou o progresivo abandono dos seus compoñentes (Portela, Vicenti ...) entre asustados pola deriva radical e molestos co liderado absolutista de Álvarez.
  A loita do agrarismo galego, extraordinariamente radicalizada desde 1914, non volveu ter tanta resonancia como tivo nestes anos, pero os seus principios seguiron vivindo no movemento agrarista e rexionalista posterior.

  Pero non todo se reducía ao agro. Tamén os obreiros tiñan que dicir. En 1911 constrúese a "Casa do Pobo" de Vigo, a principal de Galicia.
  E dous anos despois, en 1913 en Pontevedra, prodúcese unha defunción moi sentida, e non, non dunha persoa, senón a do famoso loro Ravachol.

  E Ordes? Foron anos de dominio do cacique liberal Saturnino Aller. Só se lle resistía o concello de Tordoia, feudo conservador por excelencia, pero que non chegaba para discutir minimamente o seu poder.
  O progreso, en cambio, era evidente noutros ámbitos. A vila estaba cada vez mellor comunicada. En 1913 "El Noroeste" cunha viaxe diaria de Santiago á Coruña súmase ás tres que xa facía "La Regional". Ata 1919 non se lles unirá o "Castromil".
  A morte máis destacada foi a do médico Marcial Carrero Ulloa (1842-1912) en Santiago. Aínda que non era de Ordes, viña continuamente de vacacións e as súas fillas (as Marcialas) residiron despois case sempre na vila. Tamén morreu en novembro dese ano don Eugenio Girón Murias (1844-1913) párroco de Buscás, soterrado á porta da "súa" igrexa.
  E finalmente as noticias rosa: o 1 de setembro de 1912 tivo lugar a voda do xefe de telégrafos de Ordes, Pastor Stolle García, coa "simpática señorita" Angelita Ramos Botana en San Mamede dos Ánxeles (Oroso). Días despois, en Ordes, tamén contraeron matrimonio o farmacéutico e futuro alcalde Santiago del Río e Josefina Carballido Pol, ambos os dous de importantes familias. Logo dun "delicado lunch" na casa da noiva, marcharon de lúa de mel a Portugal.
  Ao ano seguinte, 1913, sería a non menos símpatica e fermosa Purificación Patiño Remuiñán, filla do escribán do xulgado Eulogio Patiño Pérez, quen casaría co "intelixente e laborioso" secretario do Concello de Trazo, José Fernández Uzal. A voda sería celebrada por don José Barreiro Uzal, parente do noivo. 

  E de propina tedes unha lista de personaxes da administración, a industria e o comercio, que apareceron no "Anuario Riera" de 1910. 

sábado, 14 de octubre de 2017

Segismundo Viqueira Ramos

  Segismundo Viqueira, coñecido na súa xuventude como Segis, Mundo ou Mundito (este último alcume foi o que perdurou), naceu en Ordes no ano 1911.
  De familia acomodada, o seu pai era o comerciante -e tamén banqueiro- Antonio Viqueira Fuentes (Antón de Simón) e súa nai Josefa Ramos Botana (1882-1955), dunha rica familia dos Ánxeles (Oroso), emparentada por matrimonio cos Stolle e Castro.
  Tivo 4 irmáns: Arturo, Mª Carmen, Mª del Olvido e Clotilde (esta última morreu moi nova aos 28 anos). A familia vivía no que hoxe é Alfonso Senra 123, a única casa de dous pisos naquela época na vila, onde tiñan un ultramarinos no que despachou durante moitísimos anos a entrañable Mariquiña (filla da tecelá de Vilar e irmá do tamén moi coñecido sancristán Antonciño).

  Na súa xuventude Mundito foi un gran afeccionado ao deporte, sobre todo ao fútbol que practicou sendo pioneiro en Ordes, xunto ao seu irmán Arturo e outros mozos de boa posición da vila como Antonio Concheiro e Manuel Gª Gerpe. De feito el era unha das figuras daquel primitivo Órdenes FC. Na súa madurez, foi durante un tempo presidente do equipo e logo secretario técnico. Igualmente gustáballe o ciclismo e, nos anos 30, foi presidente do comité local da Volta a Galicia.
  Doutra banda tamén participou en obras de teatro, comisións de festas e ata foi concelleiro durante un tempo.

  Casou con Mª del Carmen Verea Fandiño (1916 - 2011) coa que tivo 9 fillos: Mª del Carmen, Antonio Antón, Arturo, Segismundo Segis, Álvaro (morto aos 9 meses), Mª José Teté, Clotilde Tilita, Manuel e Luis Ángel Viqueira Verea.

  Dos anos 30 aos 50 (ata a chegada da Caixa de Aforros de Santiago) só había dous bancos na vila: o Banco de La Coruña (o primeiro que se instalou, en xaneiro de 1931) e o Banco Pastor (que se instalou en setembro de 1931 e do que sería director Manuel Concheiro García, Manuel de Carballo).
  Mundito foi o director do primeiro e seguiu unha política de risco: Prestou grandes sumas de diñeiro aos veciños, en moitos casos sen ningún tipo de aval, só confiando na boa vontade da xente, o que permitiu a moitas familias pobres de Ordes saír de apuros ou montar pequenos negocios. Iso gañoulle o cariño e o recoñecemento do pobo.
  En 1970 o Banco de La Coruña foi absorbido polo Banco de Bilbao (hoxe BBVA).
  4 anos despois morreu Mundito, o 8 de marzo de 1974, aos 62 anos de idade. O seu enterro, un dos máis concorridos da comarca, foi unha enorme manifestación de dó popular pois era unha persoa enormemente querida.

  Das súas 3 fillas só Mª José (1950-2021) vivía en Ordes, a maior, Mª Carmen, está en Coruña e a menor, Clotilde, é enfermeira en Santiago. Dos seus fillos varóns, Antón (casado con Clara Rodríguez) e Arturo traballaron con el no banco e xa faleceron. Segis, personaxe popular na vila, morreu con 41 anos a finais dos 80. Manuel Viqueira Verea, casado cunha moza de Pepín, Carmen Amor, é o máis coñecido da familia por ter sido alcalde nos anos 80 e dirixente do PSOE durante moito tempo. Luis está casado con Mª del Mar Recouso.


  Pouco despois da morte de Mundito púxoselle o seu nome a rúa que facía esquina co Banco de Bilbao. Antonio del Río Sánchez Somoza o Chulito e o seu irmán Emilio herdaron eses terreos dun tío avó seu (tamén propietario do Pazo de Marzoa) que morreu sen descendencia. Foron os que os venderon e abriron a rúa. Durante moito tempo estivo sen pavimentar e sen recollida de lixo o que ocasionou numerosas protestas veciñais. Tamén a dirección obrigatoria cara á rúa Alfonso Senra foi polémica.
  Finalmente en agosto de 2002, despois dunha remodelación de máis de 66.000 euros, converteuse na primeira rúa peonil da vila. Fíxose coincidir a inauguración cunha homenaxe da corporación a Mundito (e tamén ao zapateiro e escritor Víctor González Faya, ao que se lle dedicou outra rúa) con recepción oficial ás familias.

lunes, 9 de octubre de 2017

Fitotopónimos de Ordes

Os topónimos (os nomes que os nosos antergos puxeron aos lugares) teñen moitas fontes de inspiración. As características orográficas do terreo eran a máis habitual, e tamén outras como as formas do asentamento, o tipo de construcións, etc. Pero aquí imos deternos nos inspirados na flora que existía naquel momento. Este tipo de topónimos son denominados FITOTOPÓNIMOS (das palabras gregas "phytón" = vexetal, "tópos" = lugar, e "ónoma" = nome). 
Fixándonos só na toponimia maior (nomes de lugares habitados) e non na menor, atopamos no noso concello arredor duns 50 fitotopónimos o que supón un 22 % do total, posto que hai 218 lugares habitados nas 13 parroquias que o compoñen.
CARBALLO: O rei das árbores de toda a zona atlántica é loxicamente o máis aludido na toponimia. Existen Carballo (Pereira e Vilamaior), Carballeira (Ardemil e Parada) e Carballedo (Buscás). O bosque con predominio destas árbores, Fraga (Ardemil) e Fraga da Galiña (Ordes). Do seu nome latino "robur" ven "roburetu" Reboredo (Ordes) e tamén posiblemente a Reboira (Ardemil) e Rebordelos (Parada).
Outras tres árbores moi abundantes case empatan con 6, 5 e 4 topónimos:
CASTIÑEIRO: Hai Castiñeira (Leira e Ordes), Souto (Beán, Mercurín e Pereira) e Castenda de Parada, que significa "lugar abundante en castiñeiros".
PIÑEIRO: Hai 4 lugares chamados Piñeiro (Mercurín, Montaos, Ordes e Poulo) máis un co seu nome en castelán, O Pino (Barbeiros). 
PEREIRA: Aparte de dar nome a toda unha parroquia, atopamos os lugares de PereiraO Pereiro (Buscás) e As Pereiriñas (Lesta).
Outras árbores menos abundantes tamén inspiraron topónimos:
A CERDEIRA é a posible orixe de Cercedo (Beán e Pereira), o LOUREIRO de Loureiros (Barbeiros) e Loureda (Leira) e a MACEIRA do Pumariño -pequena plantación delas- (Buscás). Outros topónimos inspirados en árbores son Os Abeneiros (Lesta), A Sobreira (Montaos), O Bidueiro (Ordes) e Ameixeira (Vilamaior).


O principal arbusto inspirador de nomes de lugar é a QUEIROA que deu orixe a Queirúa (Leira), As Uzás (Buscás) e Uzal (Barbeiros). Outros topónimos sobre arbustos son A Salgueira (Ardemil) e Codeseda (Leira).
Finalmente hai unha ducia de topónimos baseados en distintas plantas silvestres: A Edra (Ardemil), Folgoso (Pereira) -do latín tardío *filicosu = terreo abundante en fieitos-, Fonte da Viña (Beán), Lesta -da lesta-, A Margarida (Buscás)] ou en vexetais xenéricos.
Os Ramos (Buscás) aluden á vexetación, Espiñeira (Leira) a plantas espiñosas, O Canedo (Ardemil) a un lugar con canas, Carracedo (Mercurín) a un lugar con carrizos, Os Carabelos (Pereira) e Vieites (Barbeiros) posiblemente a lugares onde hai arbustos que dan varas, e finalmente Senra (Poulo) a un lugar onde se cultiva trigo ou outros cereais.

miércoles, 4 de octubre de 2017

Sempre os bailes!

  Antigamente os bailes eran unha das principais fontes de conflito. Eran habituais as pelexas entre dous mozos polas atencións dalgunha rapariga agraciada, pero aínda máis habituais eran as pelexas entre grupos de mozos de distintos lugares ou parroquias, que dirimían as súas diferenzas de modo violento. Os paus recibidos eran un agravio do que se buscaba desquite no seguinte baile, o que producía unha espiral de violencia sen fin.
  Se engadimos que ese feito víase como unha fatalidade -parecido aos accidentes de tráfico na actualidade- había unha especie de permisividade social e case unha lei do silencio. As sentenzas, cando os sucesos eran tan graves que chegaban a xuízo, adoitaban ser benévolas.
  Certo que as parellas da Garda Civil esforzábanse por manter a orde e conseguíano ás veces, pero iso era nas verbenas "oficiais". Si, porque había un bo número de bailes "espontáneos" sen ningún tipo de control policial.
  A facilidade de non necesitar unha orquestra (bastaba cun ou dous gaiteiros) e a falta doutras diversións facía que houbese moitos bailes rapidamente improvisados, por exemplo despois dalgún tipo de faena comunal como a tasca do liño.

  Este suceso ocorreu precisamente nun deses bailes non oficiais, na eira particular de Josefa García no lugar de Fornelos (Calvente) do concello de Oroso.
  Era a noite do domingo 14 de agosto de 1910 e a eira estaba moi concorrida. O baile estaba no seu punto álxido e todo era diversión. Pero entón chegaron varios mozos da parroquia de Galegos (Frades).
  Pronto se viu que ían con ánimo provocador. Comezaron a facer comentarios despectivos da música, do baile e finalmente dos mozos e mozas de Fornelos. Non se necesitou máis: inmediatamente estalou a pelexa e chocaron os garrotes contra os corpos ata que de súpeto oíronse varios disparos feitos por algún ou algúns mozos de Fornelos.
  Chegou o silencio. Tendido no chan quedou o corpo sen vida de Jesús Suárez Meirás, un mozo de Galegos, que recibira un tiro na cabeza.

  A Garda Civil detivo posteriormente a catro veciños de Fornelos: Manuel Botana Mariño e Jesús Rey Ares, ambos os dous feridos na refrega, xunto con Pedro García Barreiro e José Ferreiro Pulleiro que resultaran ilesos.
  Foron deixados en liberdade provisional ata o xuízo que se celebrou en Ordes en abril de 1911.
  Aínda que considerou a atenuante de ser provocados polo defunto, a fiscalía pediu en principio unha pena de 12 anos e un día de cárcere máis unha indemnización de 2.000 pesetas aos herdeiros de Jesús que debían pagar mancomunadamente os catro acusados.
  Posteriormente no xuízo o fiscal Sr. Piernavieja retirou os cargos contra Pedro García e José Ferreiro por non atopar probas suficientes contra eles.
  O avogado defensor Sr. Patiño defendeu aos outros dous, Manuel Botana e Jesús Rey, alegando lexítima defensa e engadindo que tampouco se podía demostrar con absoluta seguridade que fose ningún deles o autor do disparo mortal.
  Como adoitaba suceder, o tribunal popular de Ordes púxose de parte da defensa e ditaminou veredicto de inculpabilidade. Os mozos de Fornelos quedaron libres para alegría das súas familias e Jesús Suárez foi unha vítima máis, o inevitable tributo de sangue que cobraban os bailes daqueles tempos.

domingo, 1 de octubre de 2017

A Ronda Leste

  A historia contemporánea do concello de Ordes está estreitamente unida á estrada N-550. As carrilanas que paraban no Mesón de Deus percorreron a vía durante o século XIX. A principios do XX, baixo a denominación de "carretera de La Coruña", aparecía inmortalizada en "La Casa de la Troya" de Alejandro Pérez Lugín.
  Pero sería dende mediados do século XX, coa proliferación do tráfico, cando a vila de Ordes gañou a súa fama como principal apeadeiro na viaxe entre A Coruña e Santiago. Un percorrido de 62 quilómetros e dúas horas de duración que convidaba a facer un alto na metade aproximada do traxecto. Establecementos hostaleiros como o Nogallás, o Túnel ou o Bar Juanito fixéronse famosos en toda a provincia e aproveitaron durante décadas este filón comercial despachando cafés, comidas, pasteis e os populares queiques aos viaxeiros.

  En setembro de 1976, este próspero negocio víase ameazado: Autopistas del Atlántico (AUDASA) daba comezo ás obras da autoestrada Santiago-A Coruña que finalmente, na tarde do 27 de abril de 1979, entraba en funcionamento. A distancia entre as dúas cidades cubríase agora en apenas 45 minutos pagando unha peaxe de 50 a 80 pesetas.
  Pero, a pesar da existencia da a AP-9, a vila de Ordes seguiu a rexistrar un alto volume de tráfico e, cando os prezos da autoestrada subiron, ese volume aumentou, incluído o de camións, cifrado no ano 2009 por fontes municipais en máis de 6.000 diarios.

  Durante as tres primeiras décadas, a inicial oposición dos comerciantes e moitos veciños a calquera medida que afectase ao tráfico foi cambiando paulatinamente debido á masificación deste. A puntilla foi cando apareceron os "Pellejeros" (os camións que levaban o lixo a Sogama) que se converteron nun grave problema de seguridade e salubridade.


 En febreiro de 2009, durante a alcaldía de Manuel Regos, asinouse un convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ordes para construír a ronda leste, unha circunvalación que costaría 2,1 millóns de euros e que tiña un dobre obxectivo: habilitar unha nova avenida urbana e rematar con ese tráfico de 4 camións por minuto en Alfonso Senra.
  En marzo de 2010 colocouse oficialmente a 1ª pedra e en agosto inaugurouse o primeiro tramo entre a N-550 e o Paraíso, de case un quilómetro, con tres carrís de circulación, carril bici e senda peonil. O custo das obras foi de 850.000 euros.
  En outubro de 2010 comezaron as obras da 2ª fase (os outros 3 km ata o polígono industrial de Merelle -divididos en 3 tramos-)  que custarían outros 1.400.000 euros.
  Houbo atrancos: as obras paralizáronse a mediados do ano 2011. Mentres o equipo de goberno culpaba á Xunta, o PP de Ordes dicía que as grandes débedas do concello, entre elas as que tiña coa empresa construtora por outros traballos, eran as responsables da paralización.
  Finalmente resolveuse o problema e o 26 de abril de 2012 foi inaugurada solemnemente a Ronda Leste, evento que contou coa presenza de Agustín Hernández, Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Como sempre, neste reino da chapuza, non faltaron os obreiros tapando baches no polígono case ata o último momento.