1953 foi un ano crucial para
o fútbol en Ordes. Rematou a construción do novo campo de
Vista Alegre e a nova directiva afrontaría o seu primeiro ano completo.
Comezou a súa etapa presidencial o home forte
da vila, o médico Antonio Concheiro Iglesias. Precisamente el tivo moito que ver, dada a súa ascendencia sobre
o alcalde Juan Liñares Castro, en
que o Concello afrontase os gastos de adquirir o terreo e construír o estadio que acabaría costando 300.000 pesetas.
O vicepresidente sería o tamén médico e primo do alcalde Fernando Concheiro García, un dos solteiros de ouro da vila que casaría
ese ano no mes de outubro. O secretario técnico era Segismundo Viqueira Mundito,
director da sucursal do Banco de La
Coruña en Ordes e anterior presidente do equipo. Os tres foran futbolistas
do Órdenes FC, Antonio e Mundito nos
anos 20 e 30 e Fernando Concheiro nos 40 pois tiña apenas 30 anos.
O adestrador era Ignacio Castro Ramos que xogara no
Santiago* a principos dos 40 e de quen Manuel Astray opinaba que lle faltaba
algo de carácter. A liña defensiva estaba composta polo porteiro Lito, Pedro Losa,
Janito e Julián Marcos. Os volantes
eran dous xogadores reconvertidos: o pequeno Luis Astray, antes defensa lateral
dereito, e Antonio Álvarez, antigo interior ou dianteiro centro. Na dianteira
destacaban o lonxevo extremo esquerdo Antonio del Río Pampín Toniño
(o capitan do equipo) que tamén xogara no Sporting Ciudad da Coruña, o coruñés
con raíces ordenses Jesús Mª García del Río Fefé e Chicho Losa que tiña tal
calidade que posteriormente xogaría no Arenal e no Pontevedra do "Hai que
roelo".
Os equipos rexionais participaban entón en
numerosas competicións semi-oficiais e era habitual que algúns xogadores doutros
equipos os reforzaran de forma puntual.
O 15 de agosto de 1953, día grande das festas patronais, inaugurouse, aínda sen
rematar de todo, o campo de fútbol Vista Alegre. Disputábase a un só partido o 2º Trofeo Viriato (doado polo entón recentemente chegado comerciante Viriato Lamas Gutiérrez). Era unha proba de lume, aínda que o rival fose o FC
Bergantiños, naquel tempo un equipo non demasiado potente. Para a ocasión o Órdenes FC reforzouse cos xogadores
santiagueses Milucho,
procedente do Santiago e anteriormente da Ponferradina, e Carlos Rodríguez
Martínez Chispa,
vinculado ao Vista Alegre. Non defraudaron e tiraron do carro coa súa calidade.
O partido acabou cunha vitoria rotunda por 4-0. Álvarez e Fefé fixéronse os
donos do medio campo e enlazaron á perfección co interior Chispa. Os 4 goles
foron obra de Chispa, Pepiño, Gelos e Toniño.
Ao día seguinte, San Roque, xogouse o trofeo Monplet. Nesta ocasión o rival era un Arzúa FC moito máis duro
porque tamén incluía reforzos alleos. O Ordes xogou practicamente co mesmo
equipo, cambiando na portería a Milucho por Lito e a Gelos por Losa II. Novamente a
estrela foi Chispa que cunha asistencia a Losa II despois de sortear a varios
contrarios propiciou o primeiro gol. O partido acabou con 2-1.
O
Ordes seguiu xogando contra outros equipos como o Riveira SD ao que
venceu por 0-4 en Frións ou o Club Deportivo Pazos de Padrón ao que gañou 2-1.
Pero o partido amiglable máis importante foi o que o enfrontou ao Arenal de
Santiago (equipo co que se ía atopar logo na competición oficial). Aí tería lugar a
presentación dos seus novos xogadores: o definitivamente contratado porteiro Milucho,
os defensas Nando e Vila, o medio Cuca e os dianteiros Félix e Moncho. O
partido tamén se saldou con vitoria por 0-2 e foi unha subida de autoestima e a
confirmación de que poderían competir sen defraudar na categoría. Aínda
chegaría posteriormenete un novo xogador, Mauro Rodríguez Ferreiro Merrellas, tamén procedente do
Vista Alegre compostelán.
E chegou por fin a inscrición na Serie A Rexional -Grupo Norte- (o que hoxe sería unha
4ª división) e iniciou así a historia oficial da SD Ordes (aínda que naquel tempo non se usaba o de SD e sempre se falaba do Órdenes). Participaban
10 equipos: Astano e Esteiro do Ferrol, Numancia de Ares, Villalbés de Vilalba,
Eumesa de Pontedeume, Brigantium de Betanzos, Fabril da Coruña, Órdenes, Arenal
de Santiago e Flavia de Padrón.
O primeiro
partido oficial do equipo foi tamén o primeiro do novo campo Vista Alegre.
Tivo lugar o domingo 6 de decembro de
1953 comezando ás tres e cuarto da tarde despois da bendición do estadio
polo párroco D. Joaquín Andrade.
O campo estaba abarrotado e podíase dicir que
o pobo enteiro pechara as portas das súas casas e estaba presente para ver o
debut do seu equipo. O Ordes aliñou para a ocasión a Milucho, Janito, Nando,
Vila, Luis Astray, Cuca, Félix, Merrellas, Moncho, Álvarez e Toniño. O rival
foi un durísimo Astano que puxo en
tantos apuros ao equipo local que o máis destacado foi o defensa Nando. Aínda
así o primeiro gol oficial caeu na conta do Ordes aos 22 minutos cun certeiro
cabezazo de Moncho. Pouco durou a
alegría porque o interior Ricardo empatou rapidamente. A partir de aí dominou o
Ordes pero de forma infrutuosa e ese primeiro partido acabo 1-1.
O seguinte domingo, día 13, o Ordes visitou
Santiago para enfrontar en Santa Isabel ao Arenal, equipo que contaba agora co
ex-ordense Chicho Losa, que aproveitou para meternos un gol. Outra vez o
partido rematou 1-1, grazas a un gol de Astray tirando unha falta.
O domingo 20 o Ordes recibiu a visita do
Flavia de Padrón e para a historia quedou a primeira vitoria en competición oficial por 3-2. Neste partido
debutou del Río (ex-Brigantium) e marcou os tres goles (e outro anulado) do
Ordes que bailou ao Flavia no primeiro tempo pero que acabou "pedindo a
hora" no segundo.
A visita a Vilalba saldouse con outro empate
1-1 con gol de Pedro Losa e outro recibido do vilalbés a tres minutos do final,
e así rematou ese ano 1953.
Esa primeira tempada oficial sería bastante
boa. O equipo ordense estivo imbatido durante moitas xornadas pero logo
acusaría as lesións e o cansazo e concluiría no 7º posto. O gañador final da competición sería o
Fabril da Coruña.
*No
1953 o Santiago era o club máis importante da cidade compostelá e competía no
primeiro grupo da terceira división, pero non lle ía moi ben. O Arenal xogaba
en categoría rexional. O actual Compostela non existía naqueles tempos pois
desaparecera nos anos 30. En 1962 renaceu (despois da desaparición do
Santiago) e fusionouse co Arenal, que pasou a ser o seu filial. Outro club
moi coñecido da cidade, o Vista Alegre, a principios dos 50 era un equipo da
liga de modestos, pero nel apareceron moitos xogadores que aproveitarían outros
equipos como Chispa, Merrellas, Cuca, Nando...
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario