sábado, 25 de septiembre de 2021

Ramón Carro Romero

   Ramón Carro Romero naceu o 19 de setembro de 1938. Os seus pais eran Ramón Carro Fernández (1902-1979), procedente de Xanceda, e Gloria Romero Leis (1910-1984), matrimonio que tivo 4 fillos: Dolores, Josefa, Carmen e Ramón.
  Viviron pobremente nunha pequena casa preto da Fonte Estrei. A súa sorte cambiou cando Ramón pai comezou a traballar en 1927 con Pedro Pardo Fandiño (1887-1971) que tiña unha empresa de obra civil. No ano 1940 voou pola súa conta, creando a súa propia empresa. A súa primeira obra (a Ponte da Trapa no concello de Boimorto valeu 5.227,20 pts da época).
 
   Ramón fillo comezou a traballar co seu pai en 1954 aos 15 anos. Casou con Aurora Nouche Mosquera, a segunda das tres fillas do coñecido hostaleiro Enrique Nouche (da Casa Enrique onde agora está a farmacia), e non tiveron fillos.
 
  En 1977 xa se puxo á fronte da empresa, dous anos antes da morte do seu pai.
  Baixo o seu mandato CRC Obras y sevicios SL comezou unha expansión cara a outras comunidades e ampliou o seu campo tamén a obras eléctricas. O punto de inflexión deste crecemento foi, nos anos 90, a obra da estrada a Lanzá cun presuposto inicial de 458 millóns de pesetas da época.
  No ano 2006 a empresa CRC integrouse no grupo Civis Corporación co que a dirección técnica pasou a Cataluña.
 
  Paralelamente Carro, moi afeccionado ao fútbol, tamen ostentou a presidencia do Club Ordes un par de anos desde xullo de 1991, despois da marcha de José González Pardo Pariente, que deixou ao equipo en 3ª División (e na Liga Galega de xuvenís).
 
  Aínda que os problemas entre os dous xa viñan de bastante atrás, en marzo do ano 2005 tivo un enfrontamento co alcalde Teodosio Martino que acabou nunha denuncia xudicial deste a Carro. Isto levouno a apostar decididamente por Manuel Regos Boquete. Nas eleccións municipais de 2007 o seu apoio económico e a súa influencia foron decisivos para a victoria da nova formación, UxO, sobre o PP de Martino.
 
 
  O 8 de maio de 2010 recibiu a homenaxe da corporación e foi nomeado Fillo Predilecto de Ordes (o 6º en acadar tal honor). Aínda que soaba a pago polo seu apoio, ninguén discutiu a xustiza do nomeamento posto que a súa empresa era unha das máis importantes fontes de emprego e de riqueza da comarca. Destacou a imaxe dun impávido Martino aplaudindo con cortesía pero con evidente falta de entusiasmo.
  O 2010 tamén lle trouxo a boa noticia de que o Tribunal Supremo desestimou a demanda de Martino.
  Morreu o 30 de decembro de 2012 aos 74 anos de idade.
  

  No 8º aniversario do seu pasamento, en decembro de 2020, o ano do COVID, o tramo da Rúa Nova onde el viviu as últimas dúas décadas, popularmente coñecida como "Calle dos árboles" recibiu o seu nome. No acto participou o propio presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo, a súa viúva Aurora xunto con boa parte da familia, a corporación municipal e diversos representantes públicos e da sociedade civil de Ordes e comarca.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario