O martes 14 de setembro de 1954 a vila de
Ordes viviu un dos eventos máis destacados da súa historia: a inauguración da
nova Casa do Concello que coincidiu
cunha homenaxe ao heroe local Manuel Lois.
A vila apareceu engalanada para a ocasión con
bandeiras españolas en balcóns e fiestras, especialmente no novo palacio
consistorial. Moita xente foi enchendo a alameda e arredores para ver ás
autoridades e ás tropas desfilando. Para satisfacción de todos a bruma matinal
deu paso a un sol brillante e limpo.
Pouco
despois das 10 o batallón do Tercio Norte de Infantería de Mariña, que
peregrinou a pé a Santiago e retornou a Ordes do mesmo xeito, formou con
escuadra de gastadores e banda de música diante da Alameda.
Foron chegando entón as autoridades que presidirían
os actos e esperándoas o alcalde Juan
Liñares Castro, acompañado do secretario Concheiro. Os primeiros en
presentarse foron os máis próximos, os alcaldes das vilas do contorno entre os
que estaban o compostelán Enrique Otero Aenlle, o padronés Ramón Pázos Jiménez
e o negreirés José Abeijón Sánchez, nativo de Ordes (era tío de Kilé).
Chegarían logo o resto de autoridades: o xefe
do Tercio da Garda Civil Enrique Pueyo del Val, o Capital Xeneral do Departamento Marítimo do
Ferrol e ex-ministro da Mariña almirante Regalado
Rodríguez, o entón ministro de Mariña almirante Salvador Moreno Fernández e o cardeal arcebispo de Santiago doutor Quiroga Palacios. Tamén estaba o
presidente da Deputación provincial Diego
Delicado Marañón, representando ao gobernador civil Cristóbal Graciá Martínez que
chegaría a última hora a incorporarse ao acto.
Pero a lista de asistentes era enorme: o tenente coronel Pablo González Anguiano
representando ao gobernador militar da Coruña, o
delegado de Facenda Teodosio Gobernado Parrado, o presidente da Audiencia Territorial Cándido Conde
Pumpido, o fiscal xefe Antonio Codesido Silva, o
inspector xefe de Traballo Antonio Núñez Rodríguez representando ao delegado de Traballo, o delegado de Información e Turismo Francisco Serrano Castilla, o
subxefe provincial do Movimiento
Eugenio López y López, o delegado provincial de Sindicatos Carlos Bruquetas Saurín, o fiscal da
Vivenda Jesús Molina Paz, o inspector provincial do Movimiento Guillermo del Valle Ordieres, o procurador en Cortes Miguel Rodríguez Bautista, o
presidente do Consello Provincial do instituto Nacional de Previsión Eduardo Sanjurjo de Carricarte, o deputado provincial Manuel Gila Lámela, o tenente alcalde da Coruña
Leopoldo Sánchez Tella e algúns máis de menor importancia.
As estrelas do acto foron chegando aos
poucos. O almirante Regalado pasou revista ás tropas. Pouco despois chegou o
cardeal. Cando se presentou o ministro de Mariña tamén pasaría revista ás tropas ao son
do himno nacional.
A continuación tivo lugar unha misa de
campaña na avenida Alfonso Senra oficiada polo capelán de primeira de
Infantería de Mariña padre San Miguel. A banda tocou diversas pezas durante a
misa, rematando coa emotiva "Salve marinera".
O coronel do Tercio Norte Suárez Abelleira
recordou entón o heroísmo de Manuel Lois e púxoo como exemplo aos infantes de
mariña. Contestoulle o alcalde agradecendo a asistencia dos presentes. Foi
depositada despois unha coroa de loureiro diante da placa de bronce que había
no muro e onde se rememoraba a heroica morte de Manuel Lois. Rematou o ministro
de Mariña que ponderou de novo a figura de Lois e o papel da Armada.
Celebrouse despois a solemne inauguración do
novo "palacio municipal" que foi bendecido polo cardeal Quiroga. No
salón de sesións foi colocada tamén unha imaxe do Sacro Corazón de Xesús.
Finalizou o acto co esperado desfile das tropas diante das autoridades colocadas no balcón do consistorio e do entregado
público ordense.
Pero a mediodía aínda houbo unha comida con
que o concello obsequiou ás autoridades e aos xefes e oficiais do Tercio Norte.
E como non pode haber unha alegría tan
completa, un triste épilogo sería que nas maniobras que a tropa realizou preto
de Ordes morreu atropelado o soldado Eugenio Yáñez Pedreira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario