miércoles, 29 de abril de 2020

Túnel misterioso

  O luns 24 de outubro de 1994 houbo unha pequena conmoción na vila de Ordes.
  No que entón se coñecía como Chousas de Mariño, á beira da Calle Generalísimo (hoxe Rúa Nova), comezaba a construción dun novo edificio, cousa moi habitual nos anos 90. Cando a pa mecánica estaba a escavar na rocha para sentar os cimentos, os obreiros descubriron, a uns catro metros de profundidade, un túnel subterráneo, feito con cicel e cunha lixeira inclinación.


  A noticia correu como regueiro de pólvora e varios mozos da vila non deixaron escapar a ocasión de investigar e vivir unha aventura.
  Algúns, tan ousados coma imprudentes, (incluído o correspondente de La Voz de Galicia Manuel Calvo) percorreron o túnel e contaron logo que había zonas cheas de auga e que a construción era irregular con tramos de distintas alturas e anchuras. Tamén atoparon diversas entradas, todas tapadas. O túnel parecía rematar nunha galería vertical taponada con pedras.
 O outro final do túnel remataba no adro da igrexa parroquial onde había unha abertura pola que mozos e nenos entraron ata que as autoridades a pecharon debido ao perigo que podían supoñer os derrubamentos ou posibles emanacións de gases tóxicos.

  Conta Ignacio Pereiro: José de Higinio máis eu (e alguén máis) entramos o día que houbo un derrubamento a altura do Bestilleiro. Pola noite entramos polo atrio da igrexa a carón da de Pepe de Betanzos e a finca de meu avó Ignacio. A auga acumulábase no pozo da igrexa e chegábanos ao peito, pero aos poucos metros xa estaba seco. Subimos ata que non puidemos máis, porque remataba o túnel. Calculamos que estabamos na rúa das arbóres ou baixo da finca dos Concheiro. Había una trampilla trabada.

  Inmediatamente xurdiron varias teorías sobre o túnel. A maioría pensaba na Guerra Civil e nos Foucellas, razoando que debera ser feito para ocultalos, ou quizais para almacenar mercadorías na época do estraperlo. Outros, dado que parecía empezar baixo o chalé do ex-alcalde Concheiro e rematar na igrexa, buscaban explicación nisto. E finalmente non faltaba quen se remontaba ás guerras carlistas ou aínda máis atrás.
  Foi chamado o servizo de Arqueoloxía de Patrimonio para investigar. A primeira arqueóloga veu xa o martes pero non ousou entrar e declarou que, debido ás excursións dos mozos, sería difícil descubrir mostras que axudasen a datar o túnel.

  Pero entón, cando do asunto se foron enterando os maiores, comezou a verse a luz e atopar explicacións. O túnel -que tiña 179 metros- era simplemente parte dunha canle para levar auga ata o pilón da alameda. Debido á súa antigüidade e a estar oculto pouca xente coñecía a súa existencia pero non tiña nada de secreto ou misterioso. Mesmo un veciño, nado en 1925, lle contou a un arqueólogo de Patrimonio que nos anos 40 se levaron a cabo traballos de limpeza do túnel (posible explicación para un candil que se atopou nel).
  Os funcionarios do Concello remataron con todo o misterio. Buscando no seu arquivo atoparon varios documentos que demostraban a orixe e destino do túnel.

  Efectivamente era unha condución para levar auga ao pilón que, orixinariamente, estaba no sueste da alameda case no que agora é o aparcadoiro.
  A igrexa parroquial e o chafariz foron inaugurados o domingo 30 de setembro de 1877. As obras para conducir a auga tiveron que empezar moito antes pero tamén houbo outras posteriores, mellorando o xa construído.
  Parece ser que nun pleno de 1868 xa se menciona o tema, pero en 1885 atopamos a primeira referencia directa á "mina de auga" pois nesa sesión decídese a compra de tuberías de ferro para canalizar o líquido. En 1891 hai unha acta que di textualmente: «Se acuerda abonar a Policarpo Bello 450 pesetas por 150 metros de mina construida en la fuente de la villa». En 1892 faise constar «la existencia de un registro en el atrio de la iglesia», e en 1905, sendo alcalde Antonio Rodríguez Riveiro e secretario Pedro Concheiro Rodríguez*, decidiron non presentar expediente de concesión da auga ao seu paso pola casa de Saturnino Aller (que estaba onde agora o "Nogallás").
  Todos estes documentos foran compilados no Concello con motivo dunha actuación  que ía realizarse no ano 1964, sendo alcalde Juan Liñares e párroco don José Fernández.

  A pesar da limpeza dos anos 40, nos 60 a auga estaba cada vez máis contaminada polas filtracións dos pozos negros á zona freática do subsolo, así que finalmente esta auga da mina acabaría sendo desviada só para rego de parques e xardíns mentres o pilón, agora xa noutra ubicación, foi conectado á traída.

  Esta explicación tan pouco romántica non foi do agrado de moitos que non a acabaron de aceptar e seguiron imaxinando ocultos misterios. Como sempre ocorre, o paso do tempo fixo esquecer o asunto e os mozos actuais descoñéceno. Quizais dentro de 20 ou 50 anos volva saír á luz o túnel e outra xeración poida gozar desa oportunidade única na vida de vivir unha viaxe ao descoñecido. 


* Pedro Concheiro Rodríguez (1873-1922) era irmán do médico Antonio e tío do alcalde Antonio Concheiro. Casado en 1900 con Juana García Mariño, foi pai dos de Carballo: Manuel (Macoga), Choncha, Luciano, etc.

sábado, 25 de abril de 2020

San Pedro de Ardemil


   A igrexa parroquial de San Pedro de Ardemil áchase no lugar de Cabeza de Lobo. Esta situación, ao pé do vello Camiño Inglés, permite supoñerlle bastante antigüidade, pero a actual construción data dos séculos XVIII e XIX.
  É un edificio duns 19 metros de lonxitude por case 7 de fachada, en total uns 145 metros cadrados construído case por enteiro de cachotaría -pedra miúda- encalada, agás os esquinais e o frontis da fachada (ademais da espadana) que están feitos de cantería granítica coas xuntas pintadas de cor branca. No frontis hai unha sinxela fiestra.
  Aínda que ten planta rectangular duns 90 metros cadrados, detrás dela hai unha especie de ábsida (onde está a sancristía) que sobresae polo lado norte. O tellado a dúas augas está feito de tella curva do país.
  A igrexa é moi parecida en  forma e estilo de fachada á de Santa Mariña de Parada, aínda que esta última é algo máis grande. Tamén se parecen en que no muro norte ambas as dúas contan cunha porta (no caso de Ardemil con lintel curvado, elemento que mellor testemuña a orixe románica do templo).
  Unha curiosidade é que a pía bautismal está fóra da igrexa, a carón da fachada. 


  No interior podemos ver un retablo barroco detrás do altar cunha imaxe de San Pedro no centro. Hai retablos neoclásicos con imaxes a carón das paredes laterais. No muro norte tamén hai dúas antigas inscricións de difícil lectura.


  O adro da igrexa ten algunhas tumbas ciscadas, os panteóns do vello cemiterio ao seu redor e unha botilla (onde se facían as autopsias) ao leste. Ao nordeste está a zona nova do cemiterio que linda co campo da festa. Ao seu lado, xunto a estrada está o notable cruceiro de Ardemil.
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes

miércoles, 22 de abril de 2020

Festas en 1932

  Co obxectivo de recadar diñeiro para as festas e para a banda tivo lugar unha representación teatral o domingo 31 de xullo ás 9 e media no Teatro-Cine Troche. A obra representada foi "Mamá" do dramaturgo Martínez Sierra.
  Na foto podemos ver ao elenco (e nas esquinas aos apuntadores: Arturo Viqueira e Celestino Concheiro). Na mesma velada, despois da obra teatral, a Banda de Música de Ordes ofreceu seis pezas do seu director Higinio Cambeses: o pasodobre "El Brujo", o valse "El Pi-pi", o charlestón "El Yo-yo", a xota galega "Camiño d-o matadeiro", a muiñeira "Morr-o conto" e para rematar o pasodobre "Adelante".


  A Comisión de festas estivo integrada polo habitual Ezequiel Astray Mato, secundado por Manuel García Gerpe, Ángel Concheiro, Rafael Álvarez, Segismundo Viqueira, Ángel Mariño, José Concheiro, Mariano Amado, Manuel Arceo, Manuel Mariño, Leandro Veiga e José Abeijón (o futuro alcalde de Negreira).
  Por El Pueblo Gallego (16-08-1932) sabemos que despois do día grande, luns 15, o martes 16 houbo comparsa de xigantes e cabezudos, concurso de baile amenizado pola banda local e a de Corme, carreiras pedestres e de bicicletas, cucañas e baile nocturno con "sorprendente" iluminación eléctrica.
  O mércores 17 habería concurso de bandas e gaitas do país, elección de "Miss Órdenes", "brillantísima" sesión de fogos e animada verbena ata a tres da noite.
  O xoves 18 era o tempo da xira ata o bosque do Outeiro e a última velada musical.

  O domingo 11 de setembro houbo un banquete en honor ao director da banda Higinio Cambeses, ao que acudiron os VIPs da vila: o alcalde Antonio Concheiro, o notario César Antonio Sánchez Paniagua, os avogados Manuel García Gerpe, Jaime e Celestino Concheiro Iglesias, Juan Liñares e Arturo Viqueira Ramos, o farmacéutico Rafael Álvarez, os industriais Manuel Mariño Vilela, Ezequiel Astray Mato e Manuel del Río Pampín, o xerente de "La Eléctrica de Ódenes" Ángel Concheiro Iglesias, o correspondente Julián Marcos Arenas, os membros da Banda de Música e moitos máis.
  Á hora dos discursos tomou a palabra Gerpe (secretario da Banda). Logo serían Jaime Concheiro e o notario os que loarían a figura de Cambeses rematando o alcalde Antonio Concheiro. Por último o homenaxeado respondeu agradecendo os eloxios e declarando a súa intención de lograr que a banda se puxera ao nivel das mellores.

  O domingo 25 de setembro tivo lugar a festa do Cristo da Agonía na "Calle Nueva" (Os Lagartos). Incluíu unha misa custeada polos veciños que oficiou o coadxutor D. Domingo Barbeito Veiras. Para a o casión tróuxose ao rector do Seminario compostelán D. Manuel Capón Fernández quen soltou un tremebundo sermón que versaba sobre a existencia de dous partidos: o do ben e o do mal, capitaneados por Cristo e Satanás. Loxicamente animou aos fregueses a que escolleran o bando correcto e de paso condenou a inmoralidade da muller e alabou o pudor. Despois houbo unha pequena procesión só polo adro da igrexa "ya que las circunstancias no permitieron hacerlo como el año anterior".
  Despois de tan edificante celebración os veciños foron a comer e D. Manuel foi invitado á casa das irmás Carrero Cárdelo (María, Pepita e Consuelo), fillas do famoso médico Marcial Carrero Ulloa (1842-1912).
  Pola tarde houbo festa popular na rúa, amenizada pola Banda de Ordes e pola noite verbena con luz eléctrica.  

lunes, 20 de abril de 2020

A Alameda

  É habitual dicir que os parques son os pulmóns das cidades, pero no caso de Ordes a súa alameda non é simplemente un pulmón, é o corazón, o centro sentimental da vila.

  Quizá para os mozos do século XXI, coa existencia doutros parques, paseos e diversións, a alameda xa non sexa tan importante, pero nos maiores esperta unha morea de amor.

  Non é só porque nela tivesen lugar todos os eventos importantes durante máis de 100 anos senón porque era o lugar de lecer os domingos e festivos, o lugar onde te citabas co noivo ou a noiva, onde se reunían as cuadrillas de amigos e, sentados nas varandas, contemplábanse os paseos do sexo oposto, onde os nenos xogaban despois de comprar o tebeo ou os cromos no Chocolateiro, e onde os anciáns descansaban nos bancos parolando e vendo pasar xente mentres gozaban do sol primaveral ou da sombra no estío.


 

 

Hai máis de 100 anos ...

  De feito, xa no século XIX, non sabemos exactamente cando, alguén tivo a idea de plantar tres ringleiras de árbores ao sur do edificio do cárcere.
  Si sabemos que a fonte (o pilón) foi inaugurada en 1877 -ao mesmo tempo que a igrexa parroquial de Santa María-. En 1907 esa fonte sería dedicada a Antonio del Río, antigo cacique do distrito e gobernador en Filipinas.
  A alameda converteuse no que noutras vilas é a praza maior, o lugar onde había mercado e todas as festas e celebracións. En 1925 eríxese nela a estatua de Vicente Carnota.
  Víctor González Faya recordaba como na súa infancia, antes da Guerra Civil, os domingos de feira achegábase un trileiro que barallaba tres naipes acompañado por un colega que exercía de "gancho", recordaba tamén as representacións de pequenas compañías ambulantes ou os concertos da Banda de Música local todos os primeiros domingos de mes.
  Así foron pasando os anos e apareceu un chafariz de gasolina que atendía o Sr. Velo do Churrero, un par de quioscos con froita e outros artigos que vendían Amalia de Veiga e Estrella de Blanco, e ata o cruceiro estivo colocado na zona norte antes de que o levaran para ao adro da igrexa.


O gran cambio

  En 1965, coa chegada dos restos de Manuel Lois, o lugar converteuse oficialmente na "Alameda do Soldado Lois" (nome que por suposto nunca se empregou popularmente), pero o gran cambio aconteceu en 1967 cando se talou a primeira ringleira de plátanos. Había que facer sitio para un aparcadoiro, xa que o número de coches que paraban na vila era cada vez máis alto. Logo chegou o firme de cemento que duraría moitos anos. Ordes entraba na modernidade ou así o parecía.


 A nova alameda

  Xa en tempos do alcalde Teodosio Martino a alameda foi remodelada poñendo novo firme e quitando as vellas varandas (o que foi para moitos un grave erro), pero no ano 2008 a Alameda sufriu a maior transformación: unha ampliación de 1.280 metros cadrados que custou 460.000 euros (200.000 para impermeabilizar o novo tramo e colocar un chan semellante ao xa existente no resto da praza). Tamén se derrubaron os antigos postos baixo da praza. As obras prolongáronse ata o ano 2009 e a inauguración oficial foi o 18 de setembro. Acudiu o presidente da Deputación, naqueles momentos o socialista Salvador Fernández Moreda, que recordou os 400.000 euros que aportaba o organismo que presidía. O alcalde, Manuel Regos, alabaou ao seu concelleiro de obras, Roberto González, que "foi o auténtico alma-mater deste proxecto".
  É certo que ese espazo extra de alameda serve para poñer carpas ou a pista de xeo pero, na miña opinión, a alameda perdeu intimidade e beleza, case a súa alma.



As árbores da Alameda
  Non son álamos, senón plátanos de sombra, tamén chamados plátanos de paseo.
Son fermosas plantas ornamentais, moi empregadas porque son caducifolias de rápido desenvolvemento que dan unha magnífica sombra en verán, mentres en inverno quedan totalmente núas e deixan pasar toda a luz. Por iso podémolas atopar en plantacións lineais de rúas, avenidas e xardíns, en paseos e estradas, ou, illadas, en prazas e xardíns.
De onde proveñen?
  Segundo algúns autores, os plátanos de sombra proveñen do cruzamento entre Platanus orientalis L., orixinario do suroeste de Asia, e Platanus occidentalis L., nativo da zona atlántica de Estados Unidos. Existen toda unha serie de formas intermedias entre ambos os dous, o que en ocasións fai difícil a súa determinación correcta.
Canto viven?
  Poden chegar a vivir ata 300 anos.
Que tipo de coidados precisan?
  Requiren poda de formación e mantemento (para que o exemplar manteña unha forma e densidade axeitadas; así evítase un crecemento desgarbado, unha ramaxe excesivamente frondosa e ramas desproporcionadas), podando só ramas debilitadas, rotas, que se cruzan ou enfermas. Debe evitarse podar ramas grosas e en caso necesario convén protexer os cortes con mástic.

miércoles, 15 de abril de 2020

Mortalidade polo tráfico

  Se botamos unha rápida ollada ao mapa de mortalidade de España (EL PAÍS), no que respecta aos accidentes de tráfico non é difícil chegar á conclusión de que Galicia, como era previsible, lidera esta lamentable clasificación.
  Lleida, especialmente a comarca de Urgell, séguea por diante doutras zonas como Asturias, a provincia de León, a costa de Tarragona-Castellón e varias comarcas máis.

  Obviamente, Galicia cos seus innumerables núcleos de poboación unidos por unha densa rede de pistas locais é un sitio propicio aos accidentes, pero tamén nela hai bastantes diferenzas de difícil explicación.
  A provincia de Lugo que é a menos densamente poboada vai en cabeza, especialmente a Terra Chá, onde están Rábade, Begonte, Vilalba, Outeiro de Rei, Cospeito ...
  Logo xa veñen o leste da comarca de ORDES e oeste de Bergantiños na Coruña, e o norte do Salnés en Pontevedra.


  A comarca de Ordes é unha zona de gran mortalidade por accidentes de tráfico, non obstante a zona oeste e Oroso teñen unhas porcentaxes considerablemente máis baixas sen que se poida adiviñar unha razón clara.


LA VOZ DE GALICIA
  O xornal coruñés usando datos do mesmo estudo (ANDEES) creou 4 mapas interactivos, un deles sobre os accidentes de tráfico.
  Curiosamente os resultados son bastante distintos. Segundo esta versión hai lugares fóra de Galicia con máis porcentaxe de mortes. O primeiro concello galego segue a ser Rábade pero ocupa o 12º posto dentro de España. Ségueno Cabana de Bergantiños (posto 14), O Corgo (17), FRADES (23), MESÍA (24), O Pino (30), Meira (31), Cospeito (32), Boimorto (34), A Pontenova (37) e ORDES (41).
  Quen ten razón? Como é posible que cos mesmos datos haxa distintos resultados?
  Nin idea, pero aquí queda exposto o asunto. 

lunes, 13 de abril de 2020

Alejandro Ferreiro Recouso

  Alejandro Ferreiro, máis coñecido como Janito, naceu en 1932 no seo dunha das máis coñecidas familias da vila, os Ramechos do Recreo.
  O seus pai foron os panadeiros José Ferreiro Rama o Ramecho (1894-1980) e Carmen Recouso Conde (1896-1971), matrimonio que tivo 10 fillos, dos que Alejandro foi o oitavo.

  Janito empezou a súa vida deportiva moi novo. Forte e alto para a época, con 16 anos xa disputaba partidos amigables co equipo de Ordes do que era adestrador Ignacio Castro Ramos e o xogador máis veterano Antonio del Río Toniño

  Cando a "SD Órdenes" se federou, na temporada 1953-1954, e empezou a xogar na categoria rexional, Janito era con Toniño e Luis Astray un dos referentes locais daquel equipo. Na 56-57, a primeira temporada do equipo en 3ª división, xa era o único xogador nacido na vila, no medio de moitos xogadores que viñan das canteiras da Coruña e Santiago.
  Na temporada 55-56 con 24 anos tivo a oportunidade de fichar polo Fabril, pero a SD Órdenes, entón baixo a presidencia de Antonio Concheiro, non lle concedeu a liberdade. Isto sumiuno na desilusión, non obstante refíxose e continuou xogando no Ordes, no que foron os tempos máis gloriosos do club, ata que se retirou aos 32 anos cando de novo volvían a estar en categoría rexional. 

  Aínda que sempre lle gustou o posto de interior de ataque, as necesidades do equipo fixeron que xogara case sempre de lateral coa camiseta número dous. Con bo físico e excelente xogo aéreo Janito non carecía tampouco de técnica. Recordaba con orgullo que lle marcara un gol ao Fabril de chilena desde o medio do campo.
  Despois da súa retirada non se desligou totalmente do mundo do fútbol e foi adestrador do Arzúa e do Ordes cando estaba en preferente. Tamén os seus irmáns Gelos e Jaime estiveron implicados no equipo de Ordes, tanto de xogadores como o segundo de presidente.

  Janito foi o mellor deportista dos anos 50 en Ordes. Aínda que hoxe, acostumados a ter un campión mundial como Iván Raña, poida parecer que o que acadou non foi tan importante, hai que valorar que naquela época as oportunidades para destacar nos deportes fóra das cidades eran moi escasas. El foi o referente indiscutible do deporte ordense nunha época na que a paixón polo fútbol rexional era enorme (nada que ver co de agora) e movía centos de persoas de campo en campo.
  Na súa vida persoal casou con Mª Esther Costa Alfonsín, filla do latoeiro Segundo, coa que tivo dúas fillas, Esther e Mª José, e traballou no ramo dos seguros. Morreu o 8 de xaneiro do ano 2017 aos 84 anos de idade.

viernes, 10 de abril de 2020

A primavera de 1932

  A primavera de 1932 estivo plagada de incidentes.

  O primeiro xa aconteceu antes da súa chegada oficial, o sábado 4 de marzo. Houbo un atentado con bomba na cociña da casa da escola de Beán que abriu un burato de medio metro. A hipótese máis probable era, dado que os veciños non estaban contentos co mestre Martín Pan Atañes que levaba alí desde 1917, que o estaban "animando" a pedir un traslado.
  Tamén a principios de mes morreu o mozo Gumersindo Ruíz Linares, fillo de Diego Ruíz Lago, un dos xenros do falecido ex-alcalde de Trazo Gumersindo Liñares, patriarca da familia Liñares.
  Pouco despois tivo lugar a habitual liorta nunha romaría, neste caso a Santa Lucía de Mercurín -que incluíu tiros de pistola!- e que levou ao hospital a dous mozos labradores: Antonio Varela Bermúdez (32 anos), de Mercurín, con dúas feridas de bala (no brazo e no mentón), e Ricardo García Campelo (20 anos) de Ordes, tamén con ferida de bala na íngoa.
  Doutra banda, os comerciantes andaban revoltos por un imposto sobre o consumo do viño que creara o concello. As augas volveron algo ao seu curso cando Facenda desestimou este imposto para alegría de taberneiros e consumidores.

  A finais de marzo por mor da prevista paralización das obras do ferrocarril tivo lugar unha folga xeral que comezou en Ourense e logo estendeuse a case toda Galicia. Manuel Verea Remeseiro, entón con 19 anos, tivo un aparatoso accidente no Cano (km 42 da estrada de Santiago á Coruña) dando unha volta de campá co coche do seu pai, aquel mítico Ford-A matrícula C-3413, levando de pasaxeiro a José Concheiro García. Dito así parece que foi un simple accidente, pero a causa foron uns madeiros de piñeiro colocados intencionadamente no medio da estrada polos membros dun piquete de folguistas de Vilacide (Ricardo Regueiro, Jacobo Calvo, José e Ricardo Viqueira, Jesús Cores, Manuel Brea, Eduardo Pinido?, José Sánchez e Antonio Cabanas), encargados precisamente de dificultar o tráfico. Todos eles foron detidos, aínda que pronto serían liberados.
  En abril houbo unha paréntese para celebrar o primeiro aniversario da República.

  Os comerciantes volveron a revolverse pero esta vez entre eles. O día 6 de maio tiveron un banquete no local social da "Unión Mercantil". Entre os asistentes estaban Cándido Seoane, Ramón Prado, Juan Linares Iglesias, Manuel Franqueira, Manuel Calvo, Julián Marcos ... e tamén os avogados Juan Liñares Castro e Manuel Astray Mato.
  Cando chegaron os brindes, Segundo El Pueblo Gallego (10-maio-1932), os ánimos exaltáronse. Somoza Patiño, molesto porque o acusaran de meterse en política estando á fronte do "Banco de La Coruña" dixo que sería político aínda que perdera o posto. Manuel Calvo sinalou como obxectivo da cámara acabar coa actual "política rastreira". Sousa Hermida* criticou o labor dos dirixentes e dixo que o único alcade que fixo algo foi Juan Linares porque "nunha ocasión mandou varrer a vila".
  "El inicial entusiasmo fue decayendo al extremo de producir riñas y disputas entre los concurrentes, ya que unos cuantos que estuvieron en las filas de la odiada UP pretendían hacer de la Unión un club político, lo que dio lugar a que la mayoría se opusiera y saliera del local. [...] Al querer nombrar abogado de la Unión al señor Liñares y procurador al ex-alcalde de la Dictadura señor García Rivas, ocasionándose tal escándalo que el secretario de la misma señor Astray, salió indignado como tantos otros, exteriorizándose el disgusto en la calle ante las carcajadas del público sensato que ya adivinaba en tal banquete de Unión el ardid preparado por cacicuelos de baja estofa".
  La Voz de Galicia publicou o 14 de maio unha carta onde matizaba os feitos: "Es cierto que algunos socios atacaron al imperante y odioso caciquismo que aquí padecemos, pero tales ataques no se basaron en fines políticos, sino en la censura a los dirigentes oficiales por el poco empeño y amor en logar mejoras para el comercio local, que agobiado por los elevados tributos que satisface al Tesoro, se ve oprimido, así mismo por la funesta y despiadada competencia que el comercio ambulante hace sin pagar patente ni matrícula alguna, amparado por la indiferencia de las autoridades llamadas a velar por los intereses de la Hacienda nacional a pesar de haberlo denunciado a la primera autoridad la Unión Mercantil.
   Otro de los oradores recordó el estado de salubridad que existía cuando el señor Linares ocupó la alcaldía [...]".
  Concluía o artigo de La Voz de Galicia: "[...] terminando el acto en medio de la mayor alegría y entusiasmo entre todos los asociados y acordando reunirse en otra fiesta a finales del presente mes".
  El Pueblo Gallego volveu a reafirmarse no dito noutro artigo (19-maio-1932): "Los elementos sanos y sensatos que fueron a la Unión Mercantil de buena fe, con el exclusivo objeto de defenderse contra el impuesto de vinos y alcoholes y su modo de cobrarlo, se dieron perfecta cuenta de la maniobra y concertándose por cuotas fijas con el arrendatario de contribuciones vieron logradas así sus aspiraciones, dando así un plante en plena calle a los ex-upetistas mangoneadores de la Unión Mercantil".

  No mesmo mes de maio quedou constituída en Ordes a Federación Agraria. O presidente sería -curiosamente- un obreiro de Santiago, Enrique Pérez. Tamén se aprobou o regulamento da "Sociedad de Agricultores de Sta Marina de Parada", que en xullo presumían de 400 asociados e estaban dirixidos por Jesús Raña e José Ascaso Hermesto.
 Ese mes de maio houbo outro atentado, este na estrada Ordes-Carballo. O xefe da liña da Garda Civil, o señor Alsate puido comprobar que dúas explosións fixeran un par de grandes buratos nunha pequena ponte, a "tajea de Lesta", das seis que había nesa zona. Un autobús quedou detido ata que un veciño prestou seis travesas para reparar provisionalmente a vía. Non se coñeceu autor nin motivación do atentado.
  Non foi o último dese ano. En xullo estalou unha bomba en Parada contra a casa de José Moure Noya que, supostamente, foi en castigo porque non querer unirse á sociedade agraria. A tensión seguía subindo.
 
* Manuel Sousa Hermida: Nacido en Ponte Caldelas, foi xastre e militante do Partido Socialista, mentor de Manuel Ponte. En xaneiro de 1931 casou en Tordoia con Sara Castro Mosquera (voda na que por certo un padriño foi o falangista Rafael Mariño). Participaría logo na Revolución de Asturias e na Guerra Civil. Exiliouse en México onde axudou aos revolucionarios cubanos irmáns Castro e ao arxentino "Che" Guevara.

martes, 7 de abril de 2020

Os de Julián

  O PJ en Alfonso Senra 113 é o herdeiro dun dos comercios máis antigos da vila.
 O fundador, a finais do século XIX, foi o carpinteiro José Romero Faya (1869-1933), procedente de Noia como tantos outros comerciantes da vila. Ademais de fabricar mobles e ataúdes tamén vendía calzado e tecidos. No ano 1922 ampliou o negocio poñendo ademais unha "tablajería" (como se lles chamaba entón ás carnicerías). Era, por tanto, un próspero e acomodado empresario que chegaría a ser recadador de contribucións no ano 1924 durante a ditadura de Primo de Rivera.
  Casado con Josefa Álvarez, tivo tres fillos: Pilar, Ramiro e Manuel Romero Álvarez. Logo casou en segundas nupcias con Rogelia Vieites Álvarez (que morreu en abril de 1929 con 33 anos) coa que tivo catro fillos máis: Sara -que fixo a 1ª comunión en 1928 na primeira misa oficiada polo seu medio irmán Manuel-, José, Florinda e Pura Romero Vieites. Curiosamente Sara (m.1993) e Florinda (m.2021) casaron con dous irmáns, Manuel e Jesús Vaamonde Gómez e remataron vivindo no Burgo (Cambre).

Ramiro (m. 1974), o segundo fillo, emigrou a Cuba pero volveu e montou unha reloxería na Rúa Panaderas da Coruña.
Manuel (1905-1975) ordenouse sacerdote en Tui en marzo de 1928, sendo o seu primeiro destino San Miguel de Filgueira (Oza-Cesuras). Exerceu logo en Visantoña nos anos 30 e foi o titor dos seus medios irmáns despois da morte do seu pai en 1933. Rematou como párroco en Rianxo onde morreu e onde foi soterrado (aínda que as súas cinzas repousan agora no panteón familiar en Ordes).

 A irmá maior Pilar Romero Álvarez Pilucha (1900-1987), sería a que herdaría a casa familiar e o comercio. Casou en 1931 (voda oficiada por suposto polo seu irmán) con Julián Marcos Arenas (1907-1978), un mozo de Guadalajara destinado como axudante de topógrafo en Betanzos no seu servizo militar, motivo polo que a familia sería logo coñecida como os de Julián.


  Julián continuou co negocio familiar, a carnicería "La Madrileña" -posiblemente porque a xente pensaba que el era de Madrid-, pero o da carne non era o seu e buscou outros horizontes: puxo unha librería onde se vendía La Voz de Galicia (da que era o correspondente en Ordes desde 1931) e que foi o negocio que máis tempo durou, foi fotógrafo durante os anos 30 e 40, estivo de socio no Cine Troche con Viriato o Vello, e mesmo foi durante moitos anos o único funerario da vila (seguindo a senda do seu sogro) ata que o secundou Antonio Rivas Casabella. A maiores encárgabase de organizar aquelas simpáticas competicións que había nas festas dos anos 40 e 50.


  Tivo tres fillos con Pilar: Julián (que naceu en 1931 e que foi bautizado polo seu tío), Isidro e Teresa Marcos Romero.
  Julián casou con Victoria Díaz Vázquez, filla do garda civil Ángel Díaz López (1906-1973) e irmá de Estrella (a muller de Ramón o Practicante), coa que tivo 4 fillos en Padrón onde se estableceu.
  Isidro (1932.2024), quizais polo exemplo do seu tío Manuel, ingresou no seminario e foi ordenado sacerdote pero rematou por abandonar os hábitos (gran escándalo na época) e casou con Carmen Armesto Faginas, establecéndose en Vigo e tendo 6 fillos. Morreu en xaneiro de 2024.
  Finalmente a máis nova, Teresa Marcos Romero (1935-2011), foi a que herdou o negocio familiar -a 2ª vez que se transmitía por liña materna- e casou con José González Castro Pepe de Julián (na súa mocidade o Calderillas).

Pepe procede de coñecidas familias ordenses, pois é fillo de José González Faya Pepe do Capitán -irmán do famoso Víctor- que tiña unha zapatería no Orzán e de María Castro Ferreiro (1904-1945). Esta última era filla do matrimonio formado por Francisco Castro Castro e Jesusa Ferreiro Franqueira (m.1968) dos Faberos (os Ferreiros do norte). Francisco morrería novo e Jesusa casaría logo con José Figueira Bello (1880-1973) "consumeiro" no fielato da Coruña en Monelos (cobraba o tributo que había naqueles tempos por entrar na cidade con mercadorías), co que non tería fillos. Eran veciños de Pepe do Capitán no Orzán.

  Teresa e Pepe tiveron 5 fillos: José, Mª Jesús, Mª Teresa, Isidro e Marcos González Marcos. O maior, José Pepe de Julián, é o propietario da Cervecería PJ -no local do antigo comercio- desde o ano 1999.

sábado, 4 de abril de 2020

Diccionario de Miñano

  O "Diccionario Geográfico-Estadístico de España y Portugal" publicado polo palentino Sebastián Miñano y Bedoya entre 1826 e 1829 é unha magna obra composta de once tomos, que pretendía ser un compendio de toda a xeografía ibérica.
  A principal fonte de información foron os párrocos das distintas freguesías. A obra ten moitas carencias, sobre todo se a comparamos co moito máis completo e coñecido "Diccionario de Madoz" de 1846 (20 anos despois), pero para ser unha primeira aproximación non está tan mal.

  Vede aquí as entradas dedicadas ás parroquias de Ordes, incluíndo a Faramilláns que entón era parroquia unida a Buscás. Hai datos moi sospeitosos como que Faramilláns tivese máis poboación pero menor contribución que Buscás e outros directamente errados como os da Parroquia de Parada que foi confundida coa Parada de Cerdedo-Cotobade en Pontevedra.
  A abreviatura E. que hai nalgunhas parroquias non ven explicada no primeiro tomo. Quizais signifique "eclesiástica", aínda que para iso noutros casos usa "ecl.". J.O. significa "Juez ordinario".

ARDEMIL (San Pedro de) Tomo I (1826)
Feligresía E. de España, en Galicia, provincia de Santiago, jurisdicción de Mesía. J.O. 66 vecinos, 273 habitantes, 1 parroquia. SIT: en el camino real que conduce desde la Coruña a Santiago. Dista 4 1/2 horas de la Coruña y 5 1/4 de la capital. Contr: 5.000 reales.

BARBEIROS (Santa María de) Tomo I (1826)
Feligresía secular de España, en Galicia, provincia de Santiago, jurisdicción de Folgoso. J.O. 37 vecinos, 145 habitantes, 1 parroquia. SIT: en terreno montuoso entre los ríos Marzoa (agora coñecido como Samo) y Lengulle. Confina con las parroquias de Pereira, Poublo, Abellá y Gallegos. Produce centeno, patatas, lino, pastos y ganados. Contr: 950 reales.

BEÁN (Santa María de) Tomo II (1826)
Feligresía secular de España, en Galicia, provincia de Santiago, jurisdicción de Folgoso. J.O. 53 vecinos, 222 habitantes, 1 parroquia. SIT: entre el río Lengulle y el Marzoa. Confina con las parroquias de Beigebre y Montaos. Produce centeno, lino, pastos y ganados. Contr: 940 reales.

BUSCÁS (San Pelayo de) Tomo II (1826)
Feligresía E. de España, en Galicia, provincia de Santiago, jurisdicción de Mesía. J.O. 13 vecinos, 57 habitantes, 1 parroquia. SIT: en la carretera que conduce desde Santiago a Betanzos y la Coruña, cerca del río Lengulle. Confina con las parroquias de Lesta, Mercurín, Visantoña y Villamayor. Produce centeno, lino, pastos, patatas y ganados. Contr: 930 reales.

FARAMILLÁNS (Santa Eulalia de) Tomo IV (1826)
Feligresía secular de España, en Galicia, provincia y arzobispado de Santiago, jurisdicción de su nombre. J.O. 41 vecinos, 181 habitantes, 1 parroquia. Para su situación (ver San Pelayo de Buscás a quien está unido). Dista 5 1/2 leguas de la capital. Contr: 140 reales.

LEIRA (Santa María de) Tomo V (1826)
Feligresía E. de España, en Galicia, provincia y arz. de Santiago, jurisdicción de Mesía. J.O. 96 vecinos, 480 habitantes, 1 parroquia. SIT: en el camino real que conduce desde la Coruña a Santiago, a igual distancia de ambos pueblos. Confina con Órdenes y Ardemil. Contr: 1.300 reales.

LESTA (San Andrés de) Tomo V (1826)
Feligresía secular de España, en Galicia, provincia y arz. de Santiago, jurisdicción de Folgoso. J.O. 26 vecinos, 151 habitantes, 1 parroquia. Contribuye 800 reales.

MERCURÍN (San Clemente de) Tomo VI (1827)
Feligresía secular de España, en Galicia, provincia de la Coruña, jurisdicción de Lendoño [en realidade Folgoso], arz. de Santiago. J.O. 38 vecinos, 199 habitantes, 1 parroquia. Dista 4 1/2 leguas de la capital y 5 1/2 de Santiago. Contribuye 1.157 rs. 4 mrs.

MONTAOS (Santa Cruz de) Tomo VI (1827)
Feligresía secular de España, en Galicia, provincia y arz. de Santiago, jurisdicción de Folgoso. J.O. 64 vecinos, 303 habitantes, 1 parroquia. Contribuye 760 reales.

ÓRDENES (Santa María de) Tomo VI (1827)
Feligresía secular de España, en Galicia, provincia y arz. de Santiago, jurisdicción de Folgoso. J.O. 116 vecinos, 573 habitantes, 1 parroquia. Situada en el camino real que conduce desde la Coruña a Santiago, a igual distancia de ambos pueblos; y confina con Leira y San Martín de Oroso [con Oroso non]. Contribuye 2.060 reales.

PARADA (Santa Marina de) Tomo VI (1827)
Feligresía secular de España, en Galicia, provincia y arz. de Santiago, jurisdicción de Folgoso. J.O. 56 vecinos, 263 habitantes, 1 parroquia. Situada en la margen derecha del río Pego que desagua en el río Leres, lindando por N. con Tomonde, por E. con Castrelo, por S. con Folgoso y por O. con Figueroa. Produce, granos, lino, legumbres, hortalizas y pastos. Contribuye 780 reales.

PEREIRA (Santa Eulalia de) Tomo VI (1827)
Feligresía secular de España, en Galicia, provincia y arz. de Santiago, jurisdicción de Folgoso. J.O. 66 vecinos, 330 habitantes, 1 parroquia. Contribuye 2.700 reales.

POULO (San Julián de) Tomo VII (1827)
Feligresía eclesiástica de España, en Galicia, provincia y arz. de Santiago, jurisdicción de Folgoso. J.O. 69 vecinos, 342 habitantes, 1 parroquia. Contribuye 4.300 reales.

VILLAMAYOR (Santiago de) Tomo IX (1828)
Feligresía secular de España, en Galicia, provincia y arz. de Santiago, jurisdicción de Folgoso. J.O. 66 vecinos, 306 habitantes, 1 parroquia. Contribuye 1.000 reales.