sábado, 29 de abril de 2017

Antonio Concheiro Iglesias

  Antonio Concheiro naceu en Ordes o 25 de febreiro de 1904. Era fillo de Antonio Concheiro Rodríguez, médico forense de Ordes e subdelegado de Medicina do distrito desde 1909, e Asunción Iglesias Rápela, matrimonio que tivo numerosos fillos.

  Antonio foi un bo estudante, especialmente en aritmética e xeometría (levou matrícula no Instituto Xeral e Técnico de Santiago en 1915). Logo estudou a carreira de Medicina onde tamén destacou (no curso 23/24 levou un premio en anatomía descritiva e matrícula ao final). Fixo as prácticas co cirurxán Puente Castro. En 1926 rematou a carreira.
  Non comezou a exercer en Ordes senón en Carral, onde se instalou en 1927, e un ano despois casou con Euduvigis Carro Viqueira, filla do industrial coruñes Manuel Carro, coa que tería dous fillos: Antonio e Luis.

  Xa en Ordes, compaxinou o traballo con diversas actividades como xogar ao fútbol (compartindo equipo co seu inimigo político García Gerpe), ser presidente da banda de música (onde tamén estaba Gerpe) e, por suposto, participar na convulsa vida política da época.
  Convertido no líder da dereita, foi alcalde de Ordes durante a II República (de 1931 a 1936). A esquerda acusábao de usar as festas e as ceremonias relixiosas como armas contra as ideas republicanas. A victoria da Fronte Popular en febreiro de 1936 obrígao a deixar a alcaldía. Segundo Gerpe, entregou as chaves "con lágrimas de rabia y desesperación".
  Non foron bos tempos para el pois ata foi detido algunha vez por reunión ilegal. Temendo pola súa vida agochouse nunha casa no lugar de Vilar (Mercurín).

  A situación cambiou co alzamento militar. Despois da guerra loitou por ser de novo o "home forte" do concello, pero non o logrou inmediatamente: en 1944 foi multado con 1000 pesetas por criticar a Rafael Mariño, xefe local do "Movimiento"
  Unha anécdota daqueles tempos era que como había tres Antonios na familia, o seu pai era don Antonio, el era Toñito, e o seu fillo era Tonecho.

  Morreu o seu pai (1942) e montou ao ano seguinte o "Sanatorio Concheiro" -no edificio adxacente ao actual-. Pouco despois foi un dos médicos que atenderon ao guerrilleiro Foucellas cando este estivo ferido.
  En agosto do ano 1950 inaugurouse (con bendición do mesmo arcebispo) o novo sanatorio, que hoxe aínda pervive.
 
   En 1953 retomou outra das súas grandes paixóns: foi presidente do club de fútbol de Ordes, a SD Órdenes, durante os seus anos máis gloriosos. 
  Neses tempos (anos 50) era alcalde Juan Liñares Castro, fillo dun curmán e íntimo seu, o que lle permitía gobernar na sombra.
  En 1963 foi nomeado forense de 1ª categoría do xulgado de Ordes.
 
  No ano 1968 volveu a ocupar o posto de alcalde. Dous anos despois, en xaneiro de 1971, morreu a súa muller case ao mensmo tempo da súa entrada na Deputación da Coruña. Na alcaldía vive os anos de crecemento da vila.
  Co fin da ditadura ten a honra de recibir aos reis de España nunha curta visita en 1976. Enrólase na UCD de Adolfo Suárez e participa nas primeiras eleccións municipais da nova democracia. Gaña cun 55 % dos votos e logra 10 de 17 concelleiros.
  Daqueles tempos data a famosa anécdota de que, indo a pedir o voto porta a porta, unha señora pouco maior ca el estrañouse:
- Pero vostede, don Antonio, ós seus anos ...
  El respondeu:
- ¿Qué le voy a hacer? Si en casa no hay nadie que quiera coger la alcaldía.
  O descalabro da UCD con Landelino Lavilla no ano 1982, alonxouno da 1ª liña política e non se volveu presentar ás eleccións. Morreu o 2 de marzo de 1991 aos 87 anos.

 
  Os seus dous fillos, tamén son médicos. Antonio Concheiro Carro continuou en Ordes e Luis estableceuse en Santiago onde é unha figura moi reputada.
 Tomaron o seu relevo político dous netos: Antonio Concheiro Coello, farmacéutico, que foi concelleiro en Ordes e parlamentario galego (1995-2004), e Gonzalo, alcalde de Boimorto polo PP durante só nove meses entre os anos 2015 e 2016.

 Unha das futuras rúas proxectadas que irá desde Alfonso Senra (a carón da casa de Higinio) ao centro médico levará o seu nome. Comezou a explanarse en abril de 2017. 

martes, 25 de abril de 2017

Eleccións de 1907

 As eleccións de abril de 1907 foron moi importantes para España. Despois dunha etapa liberal e a súa correspondente crise, o conservador Antonio Maura convocou eleccións para dotarse dunha maioría ampla. O seu ministro da Gobernación Juan de la Cierva, para contentar ás diferentes faccións conservadoras, adxudicou no "encasillado" aos liberais un número de deputados menor do habitual (253 "adictos" fronte a 74 liberais), o que supoñía un incumprimento do pacto que tiñan os dous partidos turnistas.
  Pero quizais o máis significativo foi o triunfo de Solidaridat Catalana, encabezada polo republicano Nicolás Salmerón, que obtivo 41 dos 44 deputados cataláns. A Cuestión Catalana comezaba nese momento a ser un dos problemas máis preocupantes da vida política española. 


  E Ordes?
  Despois da paréntese de 1905, o gañador das eleccións en Ordes decidiuse de novo en Madrid, pero houbo un chisco de incerteza polas presións dos liberais gassetistas.
  O ex-presidente da Deputación Provincial, Ramón Tojo Pérez, e un deputado provincial, Faustino Rodríguez Montero, desprazáronse a Madrid para acompañar ao ex-ministro Rafael Gasset nas súas xestións. Celebraron distintas entrevistas co Marqués de Figueroa, ministro de Gracia y Justicia (tamén galego), para solicitar que se lles adxudicasen os distritos de Ordes e Arzúa (este último Gasset queríao para o seu pasante Francisco Prieto Mera). A resposta foi que o goberno necesitaba ambos os dous distritos e que o único que podía facer era non destruír as organizacións de Arzúa sempre que se comprometesen a votar ao candidato oficial.
  Rafael Gasset, máis tarde, conferenciou co Marqués de Figueroa contraofertándolle o distrito de Ordes en lugar do de Arzúa. Todo foi inútil.
  O último cartucho de Gasset foi unha reunión co propio Maura que era o que, obviamente, tiña a última palabra. Esa entrevista celebrouse o 1 de abril e Gasset pediu os distritos de Noia, Padrón, Arzúa e Ordes. Maura rexeitou a petición. Reserváballes aos gassetistas só os distritos de Noia e Padrón, máis un posto no Senado para o irmán de Rafael, Eduardo Gasset, pero Ordes e Arzúa eran para os seus candidatos.
  Gasset non se deu por vencido e buscou a mediación do conservador galego Eduardo Dato que tampouco lle deu resultado.
  Aínda que ameazou logo con presentar batalla en Arzúa contra o candidato do Goberno, Rafael Gasset sabía que iso significaría a perda do cargo de senador para o seu irmán e que as súas corporacións de Arzúa se visen "tocadas", así que ao final aceptou a xogada.

  Deste xeito José Lombardero Franco, o candidato do Partido Conservador, un avogado e xornalista coruñes, gañou, esta vez sen sorpresa, as eleccións no distrito de Ordes arrasando (8.023 de 10.474 votos -case o 80 %-) como era habitual. 

sábado, 22 de abril de 2017

O Camiño por Buscás

  Buscás é unha parroquia duns 13 km2 situada ao sur de Ardemil. A súa zona nordeste é a de maior altitude, superando os 400 m. Esta altitude vai descendendo cara ao sur e especialmente cara ao suroeste por onde discorre o río Cabrón.
  Antigamente esa zona noroeste foi unha parroquia de seu -Santa Eulalia de Faramilláns- aínda que a súa matriz era Buscás e compartían o mesmo crego.
  Son terras fértiles e poboadas desde a antigüidade como deducimos pola existencia do Castro de Buscás, apenas a 100 m ao norte da Rúa, a capital parroquial, o que demostra de paso o continuismo do poboamento ao longo da historia. Tamén moi preto da Rúa e do Camiño Inglés estaba a Torre de Buscás, da que practicamente só queda o lugar, moi apropiadamente chamado Agra da Torre.

  A principios do século XVII (ano 1607) o cardeal Jerónimo del Hoyo afirmaba que Buscás tiña 63 fregueses, a mesma cantidade que Ardemil (mentres que Poulo tiña 48 e Ordes 44).
  A mediados do século XIX, o "Diccionario de Madoz" (1846) dicía que Buscás tiña 42 veciños -230 habitantes- e Faramilláns 40 -226 habitantes-, que as terras producían millo, centeo e trigo e que había tres muíños en Buscás e un en Faramilláns.
  Actualmente hai 25 entidades de poboación que, entre todas, non chegan aos 500 habitantes. 


  Despois da Carballeira (Ardemil) o Camiño Inglés abandona o asfalto e discorre por corredoiras ata uns 300 metros antes da Rúa onde se incorpora á estrada que ven do Mesón do Vento.
  Na vila, o camiñante atopa na beirarrúa leste o "Café bar Novo", xusto fronte a "Dona María", unha casa rural excelentemente restaurada, a carón da cal está o cruceiro, interesante, pero que, contrariamente ao caso anterior, sufriu unha controvertida intervención.
  Un pouco máis adiante, despois da primitiva escola (hoxe casa particular fermosamente restaurada) atopamos a igrexa de San Paio. De orixe románica como outras da zona, a diferencia con elas é que conserva aínda eses elementos. Con todo, o que probablemente máis chame a atención do camiñante é a macabra estatua de San Paio (ano 1737) na xanela da ábsida que o mostra no momento de ser degolado.


  Tamén podemos tomar o último café na terraza do "Bar Liñares - A Rúa" contemplando o local social da parroquia (antiga escola unitaria) co seu patio onde se celebra o Santísimo Sacramento (16 de xuño), as festas patronais na honra de San Paio (26 de xuño) e a festa de San Agustín (último fin de semana de agosto).

  A ruta descende ao longo duns 1000 metros cara a Vilariño e uns 250 metros despois volve saír da estrada cara ao leste. Atopamos a Ponte do Cubo e un pequeno tramo que conserva as lastras do vello camiño. Aquí o terreo, sempre en subida, pode estar cheo de lama moitos meses do ano. Estamos entrando xa na parroquia de Poulo.

viernes, 14 de abril de 2017

Unionistas e solidarios

  A Ley de Sindicatos Agrícolas de 1906 trouxo como consecuencia a aparición de numerosas asociacións agrarias por toda Galicia. A comarca de Ordes no foi allea a este bum e xa en xuño de 1907 viu nacer "La Honradez" no propio Ordes e outras como a "Liga de Propietarios y colonos" (Frades), a "Sociedad de Labradores" (Mesía) ou o "Sindicato Agrícola" de Trazo. Julio Pol Caamaño (1860-1941), criado nas ideas republicanas, foi o principal impulsor do agrarismo na nosa comarca.
  Na provincia da Coruña as asociacións agrupáronse en dous movementos que, curiosamente, non tiñan orixe campesiña pero que aspiraban a lograr o seu apoio con moi distinta finalidade política.

- A Unión Campesina, de ideoloxía anarquista, apareceu en setembro de 1907 na Coruña e tiña como dirixentes máis destacados a Manuel Martínez Pérez, formado en Cuba, que dirixira a sección de "Oficios varios" da CNT coruñesa, e José Moreno Bello, labrador da Grela.
  A Unión (ao contrario que a súa competidora, Solidaridad Gallega) non participaba na política municipal e defendía o abstencionismo. Centrábase na eliminación dos foros e de certos tributos, de modo especial os fielatos que había nas entradas das cidades. Os seus métodos incluían as folgas, boicots e a violencia (mesmo mortes).
  Tivo un éxito breve e limitado. Aínda que chegou aos 14.000 asociados no ano 1908, só tivo presencia na comarca coruñesa e no concello de Ordes. A maioría dos seus asociados uníronse á Solidaridad Gallega e, en 1910 xa non contaba nada. 


- A Solidaridad Gallega nace, a imitación de "Solidaritat Catalana" (que tivera bos resultados electorais en abril), coa intención de participar na política tanto municipal como estatal, por parte de sectores excluídos do turnismo restaurador.
  Era unha complicada mestura de carlistas (Juan Vázquez de Mella), católicos (Ramón Bernárdez, abade da Colexiata de Santa Mª), galeguistas (Manuel Murguía, Galo SalinasEugenio Carré Aldao, Manuel Lugrís Freire...), republicanos federais (Segundo Moreno Barcia) e certos republicanos (José Rodríguez Martínez "Médico Rodríguez", Rodrigo Sanz López, Santiago Casares Quiroga...) que serían os dirixentes da sección agraria.   
  O Manifiesto Solidario de agosto de 1907, orixe do movemento, foi firmado por 42 persoas (8 catedráticos, 6 avogados, 10 comerciantes, 5 propietarios, 1 banqueiro, 3 médicos...). O anticaciquismo e a mellora das condicións dos campesiños eran dúas das súas prioridades. Non pedían nada revolucionario: redención dos foros, ampliación dos arrendamentos, adiantos de sementes ...
  A pesar da súa orixe cidadá, o éxito foi sorprendentemente rotundo entre os campesiños, o que demostraba ata que punto estes estaban desexosos de facer oír a súa voz. En decembro de 1907 case chegaban a 200 as asociacións adheridas a ela, en xaneiro de 1908 xa eran 250 (entre elas as da comarca de Ordes antes mencionadas) e no seu momento de esplendor chegaron a 400.
  Tamén na política municipal, a pesar das trabas dos caciques, chegaron a lograr 258 concelleiros en 1909. Especialmente exitosos foron na zona de Betanzos, Pontedeume e Ferrol.
  Pero tamén chegaron pronto os problemas. Moitos campesiños tiñan moito rancor acumulado e empezaron a escapar do control da asociación. As asambleas que se celebraban co obxectivo de sentar as bases para un entendemento entre propietarios e labregos eran anuladas en cada concello e parroquia por un furor campesiño que non admitía a menor concesión.
  Xa en 1908 hai unha actuación do xuíz de Ordes contra a asociación "La Honradez" por "supuestas extralimitaciones". En Frades produciuse o suceso máis grave do noso entorno: un atentado contra a Casa Consistorial que tamén destruiu parte das casas do alcalde e o secretario, noticia que alcanzou repercusión nacional. Non foi un caso illado aínda que os outros incidentes foron menores.
  Pero os feitos máis graves con talas e queimas de moitos montes teñen lugar en 1909 en Betanzos, a praza forte dos solidarios. "La Mano Negra en Betanzos" proclamou a prensa, comparando os sucesos cos atentados da famosa organización anarquista.
 
   Quizais por iso quebrou a Solidaridad tan rápido, incapaz de superar as súas propias contradicións de orixe e de dar unha resposta coherente ás demandas dos campesiños fronte aos gobernantes e ao ministerio do interior, casualmente dirixido por un galego, o Marqués de Figueroa (que precisamente era un dos grandes propietarios da época).

  Os sectores máis moderados foron abandonando o barco mentres distintos grupos loitaban polo poder. Rodrigo Sanz rematou por ser o lider ... dun barco á deriva. En 1911  só 85 asociacións permanecían afiliadas á organización e en 1912 estaba practicamente morta. O agrarismo en Galicia xa só tiña unha voz: Basilio Álvarez.

martes, 11 de abril de 2017

As mallas dos nosos avós

  Este artigo é un excelente traballo escolar feito por varios alumnos de 6º curso do entón CP Mesón do Vento e publicado na revista escolar "A FONTIÑA" en maio de 1995.

  Onte estiven falando coa miña avoa e contoume como se facían as mallas hai moito tempo. Outros compañeiros tamén preguntaron nas súas casas e entre todos sabemos agora algo máis de como se vivía noutros tempos.
  Miña avoa dicíame que antes da malla o primeiro que se facía era xuntarse uns poucos veciños para ir segar o trigo dunha casa, que logo habíase traer para a eira. O trigo segábase cun lampo ou gabillo.
  Logo atábano en moullos, que viñan ser vinte feixes segundo soubo un compañeiro de Froxil, e poñíanse en medeiros nas leiras (doce moullos embaixo e oito enriba) onde se deixaban secar de oito a quince días.
  Máis tarde traíase para a eira e poñíase nunha meda, ata o día da malla para que non se mollara.
  O día da malla subían aos rapaces á meda para tirar os moullos. Daquela mallábase a man cun manle cada home. A Lucita contáronlle que ás veces nas eiras de mallar enterraban potes vellos que ao zoupar resoaban e daba máis ánimo.
  Logo levantábase o trigo cun cribo para limpalo porque o aire levaba as pallas máis pequenas. Había que espilir a palla para que o trigo caera, logo rodábase (pasábase cun rodo) e finalmente barríase cunha xesta. O trigo carrexábase para a limpadora que separaba o gran do cano, e logo o gran ía para as huchas.
  A trilladora, cun motor e dúas poleas coa súa correa, fixeron que se deixara de mallar a man. Metíanse os monllos e saía por un lado o trigo e por outro a palla. Os homes cunhas galletas movían a palla ata faceren palleiro.
  Para as mallas xuntábanse todos os veciños da aldea, polo menos un de cada casa.
  Nas pausas dábaselle aos malladores caña, viño e pan. Ao rematar facíase unha comida, normalmente patacas con carne ou pemento, pero tamén se poñían patacas con bacallau ou papas de arroz con leite...
  Cando remataba a malla había unha festa e logo baile na mesma eira para celebrar o día da malla. A xente marchaba para a súa casa sobre as dúas ou tres da mañá.
                                               Lucía Iglesias Barreiro e outros alumnos/as de 6º
 
 

sábado, 8 de abril de 2017

O Camiño por Ardemil

  Ardemil cos seus 21,8 Km2 é a parroquia máis extensa do concello de Ordes e tamén a máis setentrional. A zona norte, onde está o Mesón do Vento (cos seus 300 habitantes, o lugar máis poboado) é unha meseta que supera os 400 metros de altura, mentres na zona sur, apropiadamente denominada A Baixa de Ardemil, o terreo vai descendendo suavemente ata os 285 metros na confluencia do río Cabrón co rego Portomanteiga.


  Máis aló da lenda popular sobre o seu nome (mil sarracenos queimados polos cristiáns), Ardemil acumula máis historia que a capital municipal.
  Foi habitada desde os tempos máis antigos, como testemuña o xacemento castrexo do Coto da Croa, que aínda presenta restos de defensas artificiais no seu lado oriental e que podemos atopar a un quilómetro ao leste do Camiño Inglés.
  Na Idade Media, foi berce da nobre familia dos Moscoso (de feito aínda hai tres lugares asi denominados) pero da fortaleza do fundador, Lope Sánchez de Moscoso, (a 1,5 km ao oeste do Camiño) xa non queda nada. Logo, a mediados do século XIV construíron a Torre de Morgade, que foi destruída totalmente nas Guerras Irmandiñas e da que só queda o lugar.
  No verán de 1836 a parroquia de Ardemil integrouse oficialmente no Concello de Ordes (antes pertencía á xurisdición de Mesía).

  O Camiño Inglés percorre de norte a sur a parroquia ao longo de pouco máis de 5 km todos en descenso agás o primeiro quilómetro e os últimos 400 metros.
  Comeza no Seixo, unha pequena aldea de apenas 10 casas na fronteira con Bruma. Aos 2,5 km chégase a Cabeza de Lobo, o centro parroquial onde está a igrexa de San Pedro. Como anécdota este é o lugar de nacemento do lobo Ardemiro, a mascota do colexio do Mesón do Vento.

  A igrexa con fachada de cantería granítica, o cemiterio anexo e, sobre todo, o cruceiro que está poucos metros antes, a carón do campo da festa, son os monumentos máis antigos e interesantes da parroquia.


  Uns 600 metros ao sur, no cruce coa estrada que vai a Leira os viaxeiros poden tomar un café no tradicional "Bar Porto" ou no máis moderno "Café Bar Uzal" e admirar as esculturas e dinosauros propiedade de Orencio Uzal. Neste lugar, desde o ano 2006 a asociación "Castro da Croa" celebra a principios de agosto a "Festa da Malla".
  Aos 4,2 Km do comezo da ruta, o nome da aldea de Mámoas demostra que podemos atopar eses monumentos prehistóricos nas proximidades.
 
 
  Medio quilómetro despois, o Rego de Portomanteiga é o punto máis baixo (285 metros de altura) da ruta. Ascende logo a estrada ata a aldea da Carballeira onde o camiñante ten que deixar o asfalto e seguir por corredoiras xa na parroquia de Buscás.

martes, 4 de abril de 2017

Agrarismo en Galicia

  Ao longo de todo o século XIX o campo galego, sempre ao bordo da fame, viviu en continua efervescencia.
  O campesiño pobre, traballador de terras alleas ou de minúsculas leiras de seu, era o elo máis débil da cadea: sempre en desvantaxe fronte aos fidalgos, os grandes propietarios, a Igrexa, o exército coas súas quintas, os recadadores, os prestamistas, os avogados e procuradores nos xulgados e os tratantes nas feiras.
  Todo iso foi creando un clima de progresivo malestar onde a resignación foi mudando en enfado e, durante o primeiro terzo do século XX, deu paso aos estalidos de ira.

  Dous eran os temas que focalizaban este malestar:
- Os caciques vistos como elementos que impedían o desenvolvemento do mundo rural manténdoo artificialmente atrasado para favorecer os seus propios intereses económicos, e, por extensión todo o sistema político da época da Restauración que eles simbolizaban.
-  Os foros, anacronismo de orixe medieval aos que achacaban gran parte dos males do agro galego.
 

  O agrarismo como movemento social naceu nas comarcas costeiras de Pontevedra no último terzo do século XIX (a primeira mutua naceu en Caldas de Reis en 1886) e ata 1906 foi un fenómeno especificamente pontevedrés xustificado pola súa especialización na exportación de gando a Inglaterra e Portugal.

  En xaneiro de 1906 aparece da man de Rafael Gasset a Ley de Sindicatos Agrícolas que supuxo o pistoletazo de saída para a creación dun gran número de asociacións agrarias a través das cales os campesiños (e en moitos casos outros pescadores en río revolto) puideron expresar as súas reivindicacións.
  Na primeira década do século XX, tres foron as tendencias principais:

- Solidaridad Gallega, unha estraña mestura entre dereita carlista, galeguistas e republicanos (todos eles fóra do sistema político da Restauración) que naceu como movemento cidadán en agosto de 1907, imitando o exemplo catalán. A pesar da súa orixe cidadá prendeu con forza no campesiñado. Paralelamente naceu "A Nosa Terra", o voceiro da organización.

Unión Campesina, de orientación anarquista, fundada en setembro de 1907 tamén na Coruña. Foi menos exitosa e só tivo forza na comarca coruñesa e tamén no noso distrito, Ordes.

- O Directorio Antiforista de Teis, fundado en decembro de 1907, foi un movemento radicado sobre todo na provincia de Pontevedra e logo en Becerreá (Lugo), que facía da loita contra os foros a súa razón de ser. Contou durante os seus primeiros pasos coa simpatía do Partido Liberal.


  Todos estes movementos, afogados polas súas contradicións, esmoreceron rapidamente. A Unión Campesina desapareceu en 1910, coas súas asociacións uníndose á Solidaridad Gallega, pero esta tamén morreu un par de anos despois, en 1912. O Directorio de Teis, perdido o apoio dos liberais cando as súas posicións se radicalizaron, tampouco resistiu.

  O substituto de todos eles foi Acción Gallega, fundada en 1910 ... en Madrid! polo controvertido e carismático Basilio Álvarez que sería a principal figura do agrarismo galego durante as dúas seguintes décadas do século XX.

sábado, 1 de abril de 2017

Bruma (Mesía)

  Bruma é unha moi pequena parroquia (111 hectáreas, pouco máis de 1 km2) que pertence ao concello de Mesía, do que está separada por territorio de Carral e Abegondo. É un lugar alto (entre 390 e 420 m sobre o nivel do mar) e que xustifica o seu nome cun clima húmido e habitualmente desapacible. O rego dos Outeiros, que máis ao sur é chamado río Traveso, serve de fronteira coa parroquia de Vizoño.


   Conta cun único núcleo de poboación: Hospital de Bruma, que está a pouco máis de 1.200 m a voo de paxaro do Mesón do Vento e que debe o seu nome ao antigo hospital de peregrinos aquí construído, o único documentado nas terras interiores do Camiño Inglés tras os existentes en varias localidades costeiras. Este emprazamento debeuse a que na Idade Media Bruma xa era o principal punto de encontro das dúas ramas do Camiño Inglés (procedentes da Coruña e de Betanzos), aínda que algúns peregrinos tamén confluían nas parroquias de Ardemil e Buscás (Ordes), ou no lugar das Travesas (Carral) onde se atopan a capela e o cruceiro de San Roque.

     En 1124 menciónase a existencia de covas de ladróns por estas paraxes. Dedicábanse a asaltar peregrinos e viaxeiros. Co obxectivo de atallar esta situación xurdiu o hospital, impulsado pola Igrexa compostelá e a nobreza local, que fundaron tamén os templos de Santa María de Braña Longa e San Nicolao, patrón dos camiñantes. Na zona asentouse unha comunidade de cóengos regulares de San Agustín.

  Está confirmada unha mención de 1175 deste hospital cando xa dependía da Igrexa compostelá. Era lugar habitual de parada para facer noite porque desde aquí podíase chegar a Santiago ao día seguinte. Actualmente non se conserva ningún vestixio del.  Acostuma considerarse como pertencente a este recinto hospitalario a actual igrexa de San Lourenzo, á saída da aldea polo Camiño.
  Crese que nel fixo noite o emperador Carlos I o 13 de abril de 1520, en viaxe de Santiago á Coruña para embarcar a Alemaña onde sería coroado emperador.

 Tamén é citado o lugar como "Hospital de Bruño" polo erudito Frei Martín Sarmiento na súa viaxe por Galicia de 1745.
  O "Diccionario de Madoz" de 1846 di que Bruma tiña 15 casas cuns 65 habitantes. Hoxe segue habendo máis ou menos as mesmas 15 casas pero os habitantes non chegan a 40.


  O monumento máis destacado é a pequena igrexa de San Lourenzo na que resaltan as súas escuras pedras. Como é habitual o cemiterio parroquial está ao lado. O que non hai é o acostumado cruceiro porque foi derrubado a finais dos anos 60 e nunca foi reposto.
 Hospital de Bruma dispón desde 1999 dun albergue público para peregrinos en recordo do histórico establecemento doutros tempos. Desde 2016 os peregrinos tamén poden comer en "Casa Graña" moi preto da igrexa. En abril de 2021 abriu o "Albergue San Lorenzo de Bruma" de propiedade privada.

 
  Camiñando apenas uns 300 metros pola estrada cara ao sur xa estamos na aldea do Seixo, en terras de Ardemil.