lunes, 4 de diciembre de 2017

A familia Álvarez (Cotovío)

  Curiosamente as dúas familias do mundo do motor en Ordes, os Prado e os Álvarez procedían de Frades. Os Prado de Santaia de Moar e os Álvarez de Abellá.
  Os Álvarez foron 9 irmáns: Antonio, Pedro, José, Josefa, Dolores, María, Manuela, Jesús e Jesusa. Deles, 3 varóns (Antonio, Pedro e Jesús) e unha muller (Josefa) emigraron a Cuba, pero volveron a Galicia nos anos 20.
  O único que non retornou foi Jesús. Quedou en Cuba, en San Antonio de los Baños onde tiña unha empresa de condimentos chamada "La Teresita". Coñeceu persoalmente a Fidel Castro. Tiña dous fillos estudando nos USA cando Fidel entrou na Habana e no ano 1960 marchou para New Jersey. Foi quen doou un Sagrado Corazón que hai na igrexa de Abellá (e tamén outro á igrexa do seu pobo cubano).

 

  Antonio Álvarez Mosquera (1888-1963), coñecido como o Cotovío, alcume que non lle gustaba nada, instalouse no Recreo, fronte ao campo da feira (hoxe o parque) e montou a empresa cun forito que trouxo de Cuba. Casou con Andrea Méndez Rodríguez (1898-1968) coa que tiña tamén unha tenda de teas. Logo fixeron a casa no sur do parque onde tiñan os garaxes.
  O Cotovío facía honor ao seu alcume, sempre inquedo e traballando. Ao revés que os Prado, máis calmados, nos autos Álvarez (con el) sempre había presa. É fama que unha vez deixou á súa propia muller en Coruña por chegar tarde ao autobús.
 Tiveron 8 fillos: Isabel, Manuel, Mª de los Ángeles, Basilisa, Atilano, Antonio, Andrea e Fernando.
  As mulleres traballaban na tenda, agás Basilisa "Basi" que facía as faenas agrícolas e coidaba o gando. A maior, Isabel, casou con José Antonio Landeira Yrago (1923-1995), director de "El Correo Gallego" e do "Faro de Vigo". Mª de los Ángeles e Andrea "Lita" emigraron a Brasil. Basi (1927-2020) casou e viviu na Coruña.
  Os varóns traballaron na empresa familiar pero fórona deixando ata que ao final (como tamén pasou cos Prado) quedou en mans do fillo máis novo, Fernando, que se iniciara na administración dela.
  Manuel (1925-1979), a quen o seu pai chamaba Manulo, viviu no Recreo 29-31. Casou coa súa veciña Carmen da Maquía e morreu novo aos 54 anos.
  Atilano (1932-2013) marchou para a Coruña, onde seguiu no mundo do motor.
  Antonio (1934-2014) casou con Luisa Prado, filla de Ramón da Ponte.
  Finalmente Fernando (1942-2011) continuou coa empresa ata a súa morte.

  Numerosos empregados pasaron por "Autos Álvarez": Manolo de Puente (que logo traballou en Castromil), Herminio Iglesias (cuñado de Rogelio con quen traballara antes), Picinín de Pereira, Campio de Faya, Luis da Tarula, Brañas ... 


   O 2º irmán, Pedro Álvarez Mosquera (m.1961), estivo en Cuba e, cando volveu, instalouse no sur de Alfonso Senra sobre 1928. A súa tenda era a actual "Casa das medias". Tamén vendía nas feiras (naqueles tempos todos o facían). Foi militante do Partido Galeguista. Casou con Josefa Mosquera Rodríguez (m. 1956) coa que tivo 3 fillos (cos mesmos apelidos que o pai):
  José (Pepe o Cozo) que traballou co Cotovío nos autobuses e emigrou a Brasil.
  Manolo que se estableceu na Coruña.
  Teresa, a herdeira da tenda, casou co taxista Manuel Hervés Parada (1935-2007) co que tivo 3 fillos. O maior, Pedro, é o xerente da coñecida empresa "Brea Hervés". A menor, Ana, é a que leva a tenda ademais de ser presidenta da Asociación de Comerciantes de Ordes "Acordes".
 
  Josefa Álvarez Mosquera (1893-1975) que tamén emigrou de nena a Cuba. Foi unha muller instruída porque alí estudou o equivalente a bacharelato. De volta en España coñeceu a José Pedreira Rico (que viña de Arxentina) con quen casou. Nos anos da República foi a 1ª muller que estivo nunha mesa electoral de Frades. Acolleu durante un tempo a Manuel Ponte Pedreira na súa casa cando lle morrera a nai e, despois da súa morte, foi a que logrou que fose soterrado no cemiterio de Abellá.
  O matrimonio tivo 4 fillos: Celia, Manuel, Jesús e Maruja.
  O 3º, Jesús Pedreira Álvarez (1927-2004), que de novo tocou na "Orquesta Sol" de Abellá, logo veu á casa do seu tío, o Cotovío, para traballar na empresa, primeiro de revisor e logo de condutor. Casou con Generosa Mirás Blanco (1932-2007). Máis tarde establecéronse en Santiago, na Rúa do Home Santo, onde tiñan un restaurante. Tiveron 3 fillos: Jesús (enfermeiro e concelleiro en Ordes polo PSOE), José Antonio (que rexenta a Librería Pedreira en Santiago) e Manuel (que traballa en Agaca).

  Outras irmás como María, Dolores, Manuela e Jesusa non emigraron.
  Jesusa (1904-1997), a máis nova, casou no Mesón do Vento con Manuel Gómez Manteiga (1908-2002), alcumado, por mor do seu oficio, o Ferreiro. Tiveron 4 fillos, dos cales os dous maiores emigraron a Venezuela. Manuel, alí quedou, pero o segundo, Ramón Gómez Álvarez (1938-1997), retornou e montou en 1973 o coñecido "Restaurante Canaima". O máis novo, Toniño, é o propietario da famosa "Discoteca Josfer" e dun taller de maquinaría agrícola.

No hay comentarios:

Publicar un comentario