viernes, 28 de julio de 2017

Eleccións Municipais: Curiosidades

  Desde o comezo da democracia, celebráronse en toda España 12 eleccións municipais, as primeiras no lonxano 1979 e as últimas en 2023. É tempo de repasar a historia e coñecer algunhas curiosidades das de Ordes.

  As primeiras eleccións de 1979 foron as de menor participación: non chegaron a 3.800 votantes os que se achegaron ás urnas (o 46,11 % do censo). Nos anos 80 e 90 a participación xa pasou do 60 ao case 70 %.
  No século XXI a participación nunca baixou do 70 %. O record téñeno as eleccións de 2011 nas que votaron case 8.600 persoas (o 80,42 % do censo), non obstante, as eleccións onde houbo máis alto censo e maior participación absoluta foron as de 2007 cun total de 8.718 votantes.

  Nestas catro décadas o único partido que participou en todas as eleccións foi o PSOE. O seu mellor resultado obtívoo en 1991, sendo o seu Nº 1 Manuel A. Viqueira Verea, cun 26,63 % dos votos que lle valeron para lograr 5 concelleiros, aínda que a maioría absoluta do PP fixo esa cifra irrelevante.
  Nas eleccións de 2003 obtiveron o seu número máis alto de votos, 1.664, pero nesta ocasión só lles proporcionaron 3 concelleiros.
  O peor resultado, tanto en porcentaxe coma en números absolutos, tivérono en 1999, sendo o seu cabeza de lista José Luis Díaz Hermida. Só lograron 477 votos, o 6,29 % do total.

  O PP só faltou nas primeiras eleccións. Logo presentouse a todas (aínda que na década dos 80 como Alianza Popular) e gañou a maioría delas. O seu mellor resultado foi en 1991, con Teodosio Martino á cabeza, con máis de 3.700 votos (o 61,38 %) e 11 concelleiros. Non obstante, en números absolutos, o record teno o ano 2023 no que José Luis Martínez Sanjurjo obtivo 3.922 votos, seguido de 2019 con 3.917 e de 2003 con 3.852 votos.
  O peor resultado foi no ano 2007, con Martino, cando só obtivo un 19,82 % dos votos, aínda que o seu menor número absoluto (1.138) foi nas eleccións de 1987 como Alianza Popular.

  O BNG participou nas primeiras municipais cando era visto como un partido moi radical e só obtivo 155 votos. Tras unha longa paréntese de 16 anos participou nas últimas 8 eleccións, obtendo o seu 2º mellor resultado en 1999 onde acadou 1.823 votos (o 24,02 %) e 4 concelleiros. Ramiro Recouso Liste era o cabeza de lista. Logo nunca mellorou esa marca ata o ano 2023 no que, liderado por Pablo Vidal, alcanzou 2.362 votos (case o 32 %).
  Das últimas seis eleccións, o peor resultado foi o de 2011 con só o 11,51 % dos votos totais.

  UxO, o partido de Manuel Regos Boquete, participou en catro eleccións, gañando dúas  e rozando a vitoria nas de 2015 onde a diferencia co PP só foi de 7 votos. Sempre estivo por enriba do 23 %, agás nas de 2019 que quedou nun 16 %. O seu mellor resultado foi no ano 2011 cun 37,35 % dos votos.


CURIOSIDADES
  O político máis exitoso da democracia, numericamente falando, foi Antonio Concheiro. Só se presentou unha vez e gañou a alcaldía. Ségueo Teodosio Martino que gañou 5 eleccións (con 3 partidos diferentes!) pero perdeu as de 2007 fronte a Regos. De feito baixou 2.159 votos (-56%) do 2003 ao 2007.
  Martino tamén ten o record de maior tempo na alcaldía con 20 anos!

  O Partido Galeguista de Victorino Cores obtivo o peor resultado de sempre cun 2,28 % dos votos no ano 2007. Aínda así superou en votos absolutos os 155 do BNG en 1979.
  Por certo, Victorino é un dos políticos que se presentou por máis formacións distintas, aínda que sempre con matiz galeguista.

  Se falamos dun partido sen éxito temos que mencionar ao PSG-EG (Esquerda Galega) que se presentou a dúas eleccións seguidas a finais dos 80 e non logrou ningún concelleiro. A razón é que a maioría dos seus integrantes eran de Ardemil e nada coñecidos nas outras parroquias polo que nunca pasaron dos 300 votos.
  Parecido caso sucedeu en 2019 con Cs que obtivo 336 votos insuficientes para lograr un concelleiro.

  Só un voto de diferenza (877 por 876) deulle un concelleiro máis que o PSOE e, finalmente a alcaldía, á CG-CIGA de Manuel Viqueira no ano 1983. Tamén foi a única vez que non gobernou o partido máis votado.

  O ano que máis candidaturas (7) se presentaron foi o 2007, superando as 6 que se presentaron en 1987. Con todo, a pesar do gran número de partidos e cambios de persoal nos mesmos só houbo 5 alcaldes desde 1979.

lunes, 24 de julio de 2017

A Casa do Concello


  Antigamente a casa consistorial estaba nun edificio ao lado norte da igrexa actualmente desaparecido. Logo instalouse no hoxe chamado Edificio Rama (Alfonso Senra 50) que era o xulgado e que compartiu as dúas funcións (o xulgado na planta baixa e o concello nas superiores). 

  Nos anos 40 comezouse a pensar en facer un novo consistorio. En 1944, sendo alcalde Rafael Mariño Vilela, a corporación aprobou o plano do arquitecto Adolfo de la Vega, que por certo, como se ve no debuxo, non incluía a torre do reloxo. Pero eran os tempos da miseria e non había un peso, así que houbo que esperar aos anos 50 para pasar das ideas ás obras.

  O proxecto recibiu un novo impulso co alcalde Genaro González que xestionou un préstamo de 464.000 pesetas por parte do Banco de Crédito Local (do que era director José Fariña Ferreño). Nos anos 50, sendo alcalde Juan Liñares, comezaron as obras que incluíron derrubar o vetusto cárcere que estaba ao norte da alameda e que ocupaba o espazo do futuro consistorio. Tamén se derrubou a panadería de Andrés Gaudeoso, o que permitiu abrir unha vía máis ancha para entrar ao campo de feira (actuais parques). A partir dese momento os presos foron albergados durante algúns anos no Edificio Rama e, posteriormente, na casa do garda municipal Alfonso Noya Cachorro.
  O custo das obras aproximouse ao millón de pesetas da época, logradas co préstamo do Banco de Crédito Local e con aportacións personais. O construtor foi José García Varela do Casal.
  Segunto comentarios dos obreiros usouse moi pouco ferro no formigón, motivo da debilidade estrutural que se descubriu moitos anos despois.
  En 1952 xa estaba practicamente rematado o exterior e contaba coa torre e o reloxo de 4 caras. Instalouse a praza de abastos no baixo ao mesmo tempo que se facía a explanación do campo da feira (hoxe parque infantil). En marzo de 1953 remataron as obras, pero a inauguración oficial, inicialmente prevista para abril dese ano, aínda esperaría ata o 14 de setembro de 1954. Aproveitouse para facer unha homenaxe ao Soldado Lois e, deste modo, contouse coa presenza do mesmo ministro da Mariña, o almirante Salvador Moreno, ademais do arcebispo de Santiago Quiroga Palacios e multitude doutras autoridades menos importantes.
   Acostumados ás vellas casas feitas de pedra e barro e de pouca altura, os ordenses da época quedaron admirados da modernidade e maxestuosidade do novo edificio (axudaba o feito que, xunto coa igrexa, era o máis alto do lugar). Coincidiu ademais no tempo coa desaparición das cartillas de racionamento, o que axuda a asocialo co comezo dunha nova época, aínda dura, si, pero xa lonxe dos anos da miseria.


  O consistorio converteuse no símbolo da vila. A foto tomada desde o sur onde se ve a alameda e a súa inconfundible silueta é unha imaxe icónica que lle ven á mente a calquera cando se fala de Ordes.
  Unha anécdota graciosa daqueles anos 50 é que o novo reloxo de catro caras nunca coincidía co que había na fachada da igrexa. Os chistes eran habituais e duraron ata 1962 cando o párroco don José Fernández Fuentes, farto deles, aproveitou a remodelación da igrexa para suprimir o seu reloxo.
  O consistorio pasou 60 anos sen grandes cambios, agás cando a praza de abastos deixou paso á biblioteca municipal nos baixos do edificio, en tempos do alcalde Manuel Viqueira Verea.

 Xa no século XXI, sendo alcalde Manuel Regos Boquete, fíxose unha ampliación (realmente un novo edificio separado pero con acceso ao vello). 
  Descubriuse entón que a estrutura estaba en pésimo estado, así que en setembro de 2012 comezaron unhas moi polémicas obras de remodelación que lles puxeron os pelos de punta a moitos, sobre todo cando desapareceu a torre do reloxo. 
  Concluídas as obras en 2013, houbo un suspiro de alivio. Agora, aínda que é practicamente novo, o edificio segue a conservar o seu antigo aspecto.

viernes, 21 de julio de 2017

Juan Ferreiro Franqueira

  Juan Ferreiro, máis coñecido como Juanito da Fabera, naceu en Ordes en 1870. Era fillo de José Ferreiro Noya (un irmán máis novo de Juan -Xan Ferreiro-, únicos varóns que chegaron á idade adulta) e de Vicenta Franqueira Martínez. A pesar de medir pouco máis de 1,61 m. era valente e arroutado (quizais demasiado). De feito, en 1907, cando xa non era un mozo, "visitou" o cárcere por agredir e ameazar de morte... ao seu irmán maior Luis!
  Casou con Manuela Recouso del Río de Vilar, filla de Francisco Recouso Viqueira e de María del Río Noya.  
 
  Tamén Manuela tiña un carácter "difícil". Un neto -o meu pai- contaba que, cando se enfadaba, tiráballe a primeira cousa que tivese a man de rebolos. Tiveron 6 fillos: José, Carmen, Juan, Dolores, Manuel e Babila Ferreiro Recouso. Esta última, Babila, foi a miña avoa paterna.

  Juan era canteiro e todos os cartos que gañaba dedicábaos a comprar terra. Tamén se meteu en política, ámbito no que atopamos o episodio máis interesante da súa biografía, que tivo lugar en xaneiro de 1908. Nese momento era o presidente da Xunta Municipal do Censo do distrito de Ordes, da que era secretario Agapito Zamaloa.
  O 17 de xaneiro acordouse que o sorteo sería ás tres da tarde para os contribuíntes do territorial e ás catro para os industriais. Pero a Juan e Agapito debíaselles facer tarde, así que celebraron os sorteos e escribiron as actas ao seu gusto e capricho. Cando chegaron os contribuíntes, primeiro quedaron pasmados e logo protestaron con vigor. Pero Juan coma se oíse chover. Deron as catro e coa chegada dos industriais a discusión subiu de ton. Pronto chegaron os insultos e ameazas pero afortunadamente esta vez o sangue non chegou ao río. 
  Un tanto acougados os burlados contribuíntes decidiron proceder xudicialmente contra Juan Ferreiro e Agapito Zamaloa e para iso recorreron ao letrado Manuel Durán García. Ano e medio despois tivo lugar o xuízo. O letrado sostiña que había falsidade de documento público (as actas dos sorteos) e pedía para ambos os dous 14 anos, 8 meses e un día de condena máis 1.750 pesetas de multa.
  Pero das 21 testemuñas citadas a declarar só apareceron 4... que non aclararon nada. A acusación desinflouse mentres algún se preguntaba que se fixera daqueles que tan indignados estaban o ano anterior. Misterios da política municipal!
  En decembro dese mesmo ano, 1909, o novo alcalde declaraba non poder pagar os impostos a Facenda porque o depositario dos fondos municipais (adiviñades quen era?) negábase a render contas.

  Caído en desgraza despois de todas estas leas, Juan emigrou a Arxentina (tamén o fixeron 5 dos seus 6 fillos) onde traballou de carpinteiro.
  Regresou e de novo dedicouse á construción. Na súa cuadrilla estaba José García do Casal (que posteriormente faría a Casa consistorial nos 50) Andrés da Robada, Ricardo de Xaniño, un par de Mariños do Casal...
  Das obras que fixo aínda quedan algúns panteóns do cemiterio e o muro de Brandón.
 

  Este último merece una explicación máis longa:
  Hoxe pode parecer sorprendente pero antigamente moita xente de posición veraneaba en Ordes (viñan gozar de noso "salutífero clima de montaña"). Un deses distinguidos veraneantes era o avogado e político José Mª Méndez Gil Brandón, quen comprou o que hoxe é Alfonso Senra 41 a Rogelio. Alí edificou un chalé, con todos os adiantos da época, construído por obreiros coruñeses, pero contratou para facer o muro ao seu veciño Juan Ferreiro.
  De todos os xeitos, cando vía aos canteiros colocar as pedras, preguntou desconfiado:
- Señor Juan, ¿está usted seguro de que el muro aguantará?
- Tranquilo. Estará en pé cando vostede e eu esteamos na tumba.
  Non faltou á verdade nesa ocasión. Máis de 80 anos despois o muro segue en pé.

  Juan Ferreiro Franqueira morreu en 1940 e está soterrado no cemiterio vello de Ordes. A maioría dos seus descendentes viven en Arxentina.

lunes, 17 de julio de 2017

O Tesouriño de Buscás

  Un dos máis descoñecidos achados que se produciron en Ordes foi o dunha colección de moedas medievais nos anos 60.
  O suceso está cheo de interrogantes: non sabemos nin o lugar, nin a data exacta. Tampouco sabemos quen atopou as pezas e cantas eran realmente, pois sospéitase que había máis, atendendo ás moi distintas pátinas que observamos nas moedas. Así, por exemplo, dous exemplares presentan zonas verdes que non traspasaron a ningún outro (nin unha pequena mancha).
  Sabemos que o 2 de xuño de 1967 este grupo de moedas ingresou na colección do Museo Arqueolóxico Provincial de Lugo. O doador foi o director do museo naquel tempo, Manuel Vázquez Seijas. Tamén quen dixo que a procedencia do achado era Ordes, máis concretamente a parroquia de San Paio de Buscás, pero non deu máis precisións.
  En todo caso considérase un achado extraordinario, tanto polo número como polo estado de conservación e a rareza das pezas. Consta de 16 moedas, 14 dineros leoneses e 2 meajas* da época do rei Alfonso IX de León (1188-1230), todos do tipo león e cruz á dereita. (Nun estudo recente, Pablo Núñez Meneses di que son 13 dineros e 3 meajas).
  O máis extraordinario son as meajas de extrema rareza. As cecas dos exemplares son: Compostela (polo menos 3 meajas e 5 dineros), Extremadura, Ciudad Rodrigo, León, e unha que non sabemos asociar a ningún lugar.
  Supónse que foron soterradas entre os reinados de Alfonso IX e Fernando III, que é o momento da súa acuñación (1200-1256).
  No ano 1999 foi exposta no Pazo de Xelmírez en Santiago. No catálogo da exposición figura un estudio de J. Suárez Otero: «Tesorillo de Buscás (Ordes, A Coruña)».


* Antiga moeda que circulaba e acuñaba no reino de Castela e León. valía a sexta parte dun dinero ou equivalía aproximadamente a medio maravedí burgalés ou 5 maravedís normais.

sábado, 15 de julio de 2017

Os Ramechos

  Estudo feito por Xorxe de Xan Ferreiro (JLP) coa colaboración de Carmen Ferreiro Villaverde e o seu pai Jaime Ferreiro.

  Una das máis coñecidas familias da vila son os Ferreiro Recouso do Recreo. Como a maioría dos ferreiros descenden do famoso Xan Ferreiro do século XIX, Juan Ferreiro de Noya, e da súa muller Jacoba Pérez Soneira, concretamente do menor dos seus 8 fillos, Francisco (m.1928) que casou con Manuela Rama.
 
   Un dos seus fillos, José Ferreiro Rama o Ramecho (1894-1980) foi o famoso panadeiro do Recreo. A súa panadería aínda segue a funcionar no Recreo Nº 30, pero xa non está a cargo da familia. As dúas casas contiguas tamén formaban parte do seu patrimonio e, posteriormente, comprou terras (naquel tempo de pouco valor) na zona oeste de Alfonso Senra que hoxe bordean a Rúa Reconciliación e a Rúa Compostela, onde se instalaron algúns descendentes.
  Do seu matrimonio con Carmen Recouso Conde (1896-1971) naceron 10 fillos coñecidos como os Ramechos. Curiosamente as primeiras foron todas mulleres e os últimos todos homes.
 
 
Pilar Pilucha (1920-1979), casou co vinculeiro de Deixebre, Antonio Gende.
Carmen (1921-2010) casou con Jesús Castro del Río, dunha coñecida familia de varios mecánicos.
Manuela Lela (1922-1998) casou con Manuel Liste sen descendencia.
Concepción Chita (1924-2004) casou cun mozo vido de Arzúa, Ignacio López Camino e montaron unha coñecida carnicería a carón da igrexa parroquial.
Francisco morreu moi novo con 13 anos.
José Terete (1928-2018) foi taxista e casou cunha prima segunda, Josefa Ferreiro Carballido (1935-2016), da familia de Antón de Xan Ferreiro. Viviron na Rúa da Igrexa.
Manuel (1930-2018) quedou na casa como panadeiro e casou con Celia Couselo Queijo. Foi concelleiro polo PP nos anos 90.
Alejandro Janito (1933-2016) foi o mellor futbolista no club de Ordes nos anos 50. Posteriormente traballou en seguros. Casou con Mª Esther Costa Alfonsín.
Ángel Gelos (1936-2020) montou unha tenda de motos preto da panadería. Casou con Josefa Grobas Lavandeira, unha moza de Pontecarreira que veu a Ordes para aprender a ser perruqueira.
Jaime, o menor, traballou na venta de aves. Moi coñecido pola súa participación no equipo de fútbol, en comisións de festas e na política municipal (foi concelleiro e mesmo cabeza de lista nos anos 90 polo PSOE). Casou con Mª del Carmen Villaverde Presedo.

domingo, 9 de julio de 2017

A peregrinación de 1909

   Aínda que a finais do século XIX volven facerse peregrinacións a Santiago, é no século XX cando se popularizan de verdade, grazas sobre todo ao impulso que lles deu o arcebispo José Martín de Herrera de la Iglesia.
  Destaca esta política de promoción xacobea durante o ano santo de 1909. Os 36 arciprestados son instados a organizar a peregrinación dos seus fieis a Santiago para o que se negocian rebaixas nas tarifas de transporte, tanto en ferrocarril como en compañías de autobuses, así como nos prezos da Cociña Económica compostelá.
  A finais de setembro peregrinaran case 80.000 persoas da propia arquidiocese, un éxito espectacular pero restrinxido ao ámbito local pois ata 1926 non hai unha peregrinación desde outra diocese allea.
  Os peregrinos do sur de Santiago adoitaban chegar en tren e os do norte en autobús ou a pé.  Concentrábanse no Hórreo ou na Alameda (onde ás veces eran recibidos polas autoridades do cabido e do concello). O seu percorrido polas rúas podía ir acompañado de música das bandas da cidade (retribuídas con 75 pesetas) e na catedral cantábase o "Himno do peregrino" e víase funcionar o botafumeiro. Non podía faltar a multitudinaria foto nas escaleiras da Quintana para lembrar o acontecemento.
 
 
A peregrinación do arciprestado de Berreo de Arriba (entidade que constaba de 16 parroquias -13 matrices e 3 anexas- pertencentes aos concellos de Cerceda, Ordes* e Oroso) tivo lugar o venres 17 de setembro e foi organizada polo seu arcipreste, o párroco de Buscás, D. Eugenio Girón Murias (1847-1913).
 
  Durante a noite anterior máis de mil persoas, a maioría delas a pé, dirixíronse a Santiago. Algunhas xa asistiron a unha misa (ás 5 da mañá!!!) oficiada en Santa Clara polo coadxutor de Ordes, D. José Oubel Salgado.
  Ás 10 da mañá organizouse a procesión que comezou no tramo comprendido entre os conventos do Carme e Santa Clara e que se dirixiu ao Obradoiro pasando por San Roque, a Algalia, Cervantes e Acibechería.
 
  Primeiro ían os homes, pouco máis de 400, en filas de 4. Diante o estandarte que en principio ía levar o xuíz de 1ª instancia de Ordes, Policarpo Fernández Costas (tivo que ausentarse pola morte do seu pai), e que finalmente portou o presbítero de Ordes, José Barreiro Uzal, en compañía de Juan Barreiro Ríos -o seu pai- e Manuel Pazos (os que levaban as cintas).
  Despois a Banda Municipal e logo o estandarte das mulleres portado por Carmen Barreiro Uzal en compañía de Justa Torrero Míguez e Gumersinda García Iglesias.
  A continuación 820 mulleres presididas polo arcipreste Girón, acompañado polo concelleiro de Santiago Ángel de Acosta.
  Durante o traxecto repicaban as campás das igrexas. Chegados á catedral, os homes entraron pola Porta da Epístola e as mulleres pola Porta do Evanxeo, segundo o costume da época. No presbiterio foron recibidos polo arcebispo, a súa eminencia José Martín de Herrera de la Iglesia.
  Despois da misa oficiada polo párroco de Oroso, D. Joaquín Ordóñez, e do rosario oficiado polo de Sta Mª de Betanzos (anteriormente de Ordes), D. Felipe Gómez Muñoz, o propio arcebispo subiu ao púlpito e falou aos presentes, deulles a benvida e agradeceu a súa defensa da fe. Tamén agradeceu os actos de desagravio que se fixeran contra os sucesos de Barcelona (a Semana Tráxica) e pediu oración polos combatentes en Marrocos. Bendiciu as medallas e deu por rematada a peregrinación.

  Logo chegou a hora dos saúdos e das fotos. E un dato para a historia daquel día: sabemos que o primeiro en confesar e comulgar e, por tanto, gañar o xubileo foi o veciño de Buscás José Suárez Gómez. 

* Das outras catro parroquias de Ordes, Parada pertencía á diocese de Berreo de Abaixo, e Barbeiros, Beán e Vilamaior á de Barbeiros

martes, 4 de julio de 2017

O ano 1909

  O ano 1909 foi un dos máis importantes na historia recente de España, cunha serie de acontecementos (a maioría deles no verán) que aínda repercuten no noso presente.

  Quizais o máis importante prodúcese o 28 de xuño cando o Goberno establece o ensino elemental obrigatorio. O obxectivo era acabar coa explotación e o analfabetismo entre os nenos de 6 a 12 anos, que deberían acudir a unha escola -pública ou privada- ou recibir clases nos seus domicilios. Os pais serían os responsables do seu cumprimento e os concellos tiñan que publicar cada ano a lista dos nenos que debían escolarizarse. Para disuadir aos absentistas cada falta non xustificada castigábase cunha multa que ía dos 5 céntimos ás 20 pesetas.

   Outra medida de gran repercusión social foi a eliminación do imposto que permitía librarse do servizo militar. A partir do 4 de agosto de 1909 foi obrigatorio para todos os homes, acabándose cun dereito que era cualificado como o «impuesto de sangre para los pobres y de dinero para los ricos», xa que supoñía comprar e vender o risco para perder a vida. Tal medida permaneceu vixente ata a supresión da mili durante o goberno de José María Aznar, no ano 2001.

  Non menos importante foi a legalización do dereito de folga, que máis aló do seu innegable valor social, trouxo consigo, tamén neste verán de 1909, unha das revoltas máis importantes do século: a Semana Tráxica de Barcelona.
 As protestas en Cataluña, entre o 26 de xullo e o 2 de agosto, pola decisión do Goberno de enviar reservistas á Guerra de Marrocos, deixaron na Cidade Condal un saldo de máis de 80 mortos, medio milleiro de feridos e máis de 100 edificios incendiados, ao que despois sumouse unha dura represión que acabou con centos de detidos, a execución do dirixente catalanista Francisco Ferrer i Garda e máis de 2.000 exiliados.
  Pero ademais, aínda por riba, un día despois de que comezasen as revoltas en Barcelona, o Exército español sufriu na Guerra de Marrocos unha das derrotas máis importantes da súa historia, o Desastre do Barranco do Lobo, nun lugar próximo a Melilla, onde máis de 1.300 soldados perderon a vida. «En el Barranco del Lobo hai una fuente que mana sangre de los españoles que murieron por la patria», dicía pouco despois unha copla popular. 
  Outro episodio pouco coñecido desa guerra foi a heroica carga do tenente coronel Cavalcanti con 65 xinetes do 2º escuadrón do Rexemento Alfonso XII. 72 anos despois eu cumpriría o meu servizo militar nese laureado escuadrón.


  En Galicia podemos destacar a Exposición Rexional Galega en Santiago que colocou de novo a cidade no mapa despois de perder a capitalidade provincial nunha reforma administrativa de 1833 e que, sobre todo, trouxo o impulso da modernidade. A exposición, que ocupaba 30.000 metros cadrados, urbanizou os terreos do que máis tarde sería o Campus Sur. O propio rei Alfonso XIII, entón un mozo de 24 anos, visitouna en xullo. O domingo 25, marchou de Santiago a Ferrol. Segundo narra "El Eco de Galicia" a comitiva real debía saír ás dúas da tarde, pero eran máis das tres cando saíron no medio do fervor popular: "Se repitieron las ovaciones en todos los pueblos, distinguiéndose Órdenes en cuya carretera se había congregado todo el vecindario del municipio. El balcón de la casa consistorial estaba literalmente ocupado por más de un centenar de jóvenes bellas que aclamaron a D. Alfonso, el cual, deferente con aquellas, acortó un momento la marcha".

... E o ano acabou moi mal para Galicia. Os días previos a Nadal un tremendo temporal descargou na rexión. As máis castigadas foron as comarcas ribeiregas do Miño onde a destrución foi maior. Por exemplo, en Monforte, o río Cabe subiu 5 metros sobre o nivel ordinario e, en Tui, o barrio do Arrabal quedou completamente alagado tendo que ser rescatados os seus moradores en botes. Numerosas familias quedaron sen casas e ata as comunicacións quedaron cortadas co resto de España durante algún tempo.
  Por fortuna en Ordes os danos foron menores, pero a habitual enchente do Tambre e as condicións meteorolóxicas fixeron imposible cruzar a ponte de Sigüeiro durante aquel día.
  Ese ano, o día 30 de abril, tamén morreu o médico Eduardo Amor del Río.
  De propina, feitos históricos daquela década (1906, 1907, 1908, 1909 e 1910).

domingo, 2 de julio de 2017

Benigno Andrade García

  Benigno Andrade, máis coñecido como Foucellas, é o máis lendario dos combatentes antifranquistas da posguerra, ata tal punto que o seu alcume pasou a ser a denominación popular de todos eles. O seu carácter simpático e independente, tan distinto da rixidez doutros guerrilleiros, gañoulle o aprecio popular e unha fama que os eclipsou a todos.

  Naceu o 22 de outubro de 1908 no lugar das Foucellas, parroquia de Cabrui (Mesía). Traballou no campo, nunha leitaría e posteriormente nas minas de carbón de Fabero (O Bierzo). Casou con María Pérez Mellid, con quen tivo dous fillos, Mª Josefa e Sergio. Ela traballaba na casa do médico de Curtis, Manuel Calvelo López, que xunto coa súa muller Isabel Ríos Lazcano, dirixía a célula comunista de Curtis, na que se integraron ambos.

  Posteriormente afiliouse á CNT. En 1936 traballa nunha serraría no momento en que se produce o alzamento militar en Galiza. Forma parte dunha columna que sae dende Curtis cara á Coruña en apoio das forzas leais á República. Regresa a Curtis e bótase ao monte para salvar a vida da represión que os franquistas desataron naqueles momentos. O seu mentor Calvelo foi fusilado a finais do ano.
  Durante a guerra estivo enfermo de difteria. Mantívose escondido e foi chamado a filas e declarado prófugo.
 
  En 1941 Foucellas está á fronte dun grupo da Resistencia que operaba na zona de Arzúa e Sobrado dos Monxes. En 1943 entra na IV Agrupación Guerrilleira de Galiza, convidado polo guerrilleiro ordense Manuel Ponte Pedreira. En 1944 o Partido Comunista faise co control da organización da loita guerrilleira en Galiza. Antón Seoane (xefe militar) e Xosé Gómez Gayoso (secretario xeral) regresan de Arxentina e Cuba, respectivamente, e toman o mando.
  En febreiro de 1945 Foucellas mata o cabo da Garda Civil de Curtis. Días despois férese involuntariamente coa súa propia arma que levaba no cabalo. Os seus compañeiros trasládano ao sanatorio San Nicolás da Coruña, na céntrica Praza de Vigo onde o operan baixo o nome falso de Juan Fernández.
  Pasa varios meses recuperándose nunha casa do barrio de Monelos. Asiste en varias ocasións ao estadio de Riazor, segundo a lenda, disfrazado de crego, para ver xogar ao Deportivo.
  En 1947 reincorpórase á loita armada. As discrepancias con Gómez Gayoso e Seoane, que non gustan do seu carácter anárquico, e a morte de Manuel Ponte fan que mude a súa zona de actuación. Foucellas marcha destinado a zona de Lalín, Caldas e Arousa á fronte do Destacamento Manolito Bello da V Agrupación.

  A partir do ano 1948 a guerrilla vai esmorecendo. En novembro morren executados na Coruña Seoane e Gómez Gayoso. Foucellas trasládase á zona de Betanzos e resiste ata o 9 de marzo de 1952. A Garda Civil deteno na Costa da Regueira (Oza dos Ríos), onde permanecía agochado nunha cova-refuxio, cando se ía asear ao río Mendo. Estábase a preparar para ir de festa. Un dos disparos deulle nunha perna. Torturado, confesa o nome dos seus colaboradores (entre eles moita xente de dereitas).

 
O 26 de xullo foi xulgado en consello de guerra e condenado a morte. 12 días despois, o 7 de agosto de 1952 foi executado a garrote vil no cárcere da Coruña. Os seus restos mortais repousan no cemiterio de San Amaro nunha fosa común.

    Ao contrario que outros personaxes, a súa vida é moi coñecida aínda que ás veces é difícil separar a realidade da propaganda (positiva e negativa). O indubidable é que foi unha figura que marcou a vida da comarca na década dos 40. Para coñecer máis cousas sobre a súa figura preme nesta ligazón: Benigno Andrade.