martes, 27 de noviembre de 2018

O temporal de 1987

  Os galegos estamos afeitos a longos meses de choivas que habitualmente son rapidamente absorbidas polo noso acedo chan. Pero tampouco é raro que unha gran acumulación de precipitacións varios días seguidos dificulten esa absorción e se produzan inundacións. Os máis vellos lembran que lugares como Padrón ou Caldas saían a miúdo nos partes por este motivo e, na nosa comarca, lugares como Sigüeiro sufrían unha ou máis enchentes case todos os anos.
  De feito no século XX houbo nove anos nos que se produciron inundacións de bastante consideración (1927, 1951, 1957, 1962, 1977, 1978, 1987, 1989 e 1991). Unhas das maiores foron as de 1987.

 
  Tres anos case exactos despois de padecer o Hortensia (3-4 de outubro de 1984), Galicia volveu sufrir unha gran adversidade meteorolóxica: un dos maiores temporais de choiva e vento combinados das últimas décadas.
  Outubro de 1987 xa estaba a ser un mes chuvioso, cousa nada rara, pero a partir do martes 13 cumpriuse o dito "choveu sobre mollado". As choivas fixéronse máis fortes e os dous días seguintes foron de carácter torrencial con rexistros récord como os 218 litros por m2 no aeroporto de Lavacolla ou os 361 acumulados en Santiago entre os días 15 e 16. A iso engadíronse fortes ventos que superaron os 100 km por hora, chegando en momentos puntuais aos 120.

  A acumulación de auga fixo que a maioría dos ríos galegos, e especialmente o Tambre, Ulla e Umia baixaran completamente desbordados, deste xeito producíronse as maiores inundacións que se lembraban en Padrón onde tiveron que ser evacuadas unhas 300 persoas cara a Santiago. Na provincia de Pontevedra, as vilas de Caldas e Redondela sufriron tamén inundacións de consideración e varias persoas foron evacuadas da primeira por unidades da Escola Militar de Marín. Ao final o número de evacuados totales roldou os mil, non faltando a típica escena dun matrimonio de anciáns que se negou se non levaban tamén con eles a vaca.
  Na cidade de Pontevedra o servizo de auga potable quedou interrompido á unha da tarde debido ao desbordamento do río Lérez que levou por diante a canalización da auga e a estación de bombeo.
  En Ponte Maceira a auga case subiu 2 metros por enriba do nivel de desbordamento.

  A acción combinada da auga e do vento provocou varios accidentes. O que deixou máis feridos produciuse na noite do mércores cando descarrilou o Talgo Madrid-A Coruña nas proximidades de Santiago de Compostela. O maquinista resultou ferido de gravidade e 11 pasaxeiros tiveron lesións leves. Peor o levou o pescador Antonio Sánchez Otero que desapareceu na Ría de Pontevedra.

  As comunicacións víronse moi afectadas. O xoves 15 estiveron pechados os tres aeroportos galegos e numerosas estradas da Coruña, Pontevedra e Lugo permaneceron cortadas polas riadas de auga, desprendementos de terra e caídas de árbores. Loxicamente a nacional 550 sufriu cortes en Padrón, Caldas e Redondela. O mesmo lle sucedeu á vía férrea Santiago-Vigo tamén interrompida nestes tres lugares, mentres a de Madrid-A Coruña estivo cortada á altura de Santiago. As clases, por suposto, foron suspendidas en toda Galicia.

  E Ordes?
  A nosa comarca tamén sufriu o temporal. As riadas e a caída de árbores dificultaron o tránsito en gran parte dos concellos. Sigüeiro (Oroso) foi como era costume a vila máis afectada. A Casa Consistorial quedou asolagada e tiveron que ser evacuados algúns veciños residentes nas proximidades do río Tambre. Tamén en Oroso, no lugar da Igrexa, caeu o teito dunha escola que afortunadamente non estaba ocupada.
  Case toda a comarca de Ordes quedou sen luz desde a unha da noite do día 14 e prolongouse esta situación todo o día 15.
  No concello de Ordes houbo derrubamentos de muros, chemineas, persianas, tellas e árbores. Un veciño perdeu dúas vacas que resultaron electrocutadas ao producirse un curtocircuíto. As augas do río Mercurín (ou Mirón), canalizado na vila, chegaron aos bordos o que puxo dos nervios aos residentes na zona. A ponte Guindibó, estivo pouco transitable, aínda que non se asolagou ningunha casa das proximidades do río.
  En Tordoia estiveron cortadas varias estradas pola caída de árbores e desbordamento do río Pontepedra.
  O día 17 a situación estabilizouse pero só Frades podía considerarse en condicións normais. Gran parte do concello de Cerceda continuaba sen electricidade e os outros cinco concellos sen servizo telefónico.

sábado, 24 de noviembre de 2018

Morte no Balado

  En tempos violentos, como os anos 20, as discusións acababan moitas veces en agresión física e, dado que os homes adoitaban ir armados, era inevitable que se producisen mortes. Como ocorre hoxe cos accidentes de coche, era algo previsible que cada certo tempo alguén morrese violentamente.

  O domingo 3 de xuño de 1923 tocoulle a quenda a Ordes. O suceso foi especialmente lamentable porque os implicados eran membros da mesma familia, os Recousos de Vilar (que por certo tamén era a miña familia, pois Antonio Recouso era irmán da miña bisavoa Manuela Recouso, muller de Juan Ferreiro).
  A vítima foi José Recouso Noya* un mozo labrador de 29 anos, que ás seis e media da tarde estaba no lugar chamado Revolta da Fraga no Balado. Alí comezou unha discusión co seu curmán, Antonio Recouso del Río, labrador nacido en Vilar de 41 anos, pero que vivía no Recreo coa súa muller Rosa Boquete. Este recriminoulle que unha vacas propiedade do pai de José entraran nun prado seu.
  A discusión foi medrando en intensidade ata que Antón completamente enfurecido sacou a súa gran navalla de Albacete e deulle unha puñalada no peito que lle causou a morte case inmediata a José. Logo, sen saber ben que facer, fuxiu do lugar.
  O Xulgado de Ordes constituíuse pouco despois de ocorrer o homicidio no Balado para comezar a investigación, pero non tivo demasiado traballo porque ao día seguinte ás seis da tarde Antón presentouse na casa cuartel para confesar e ser detido. Curiosamente o encargado do cárcere negouse a detelo, ata que chegou a orde do Xulgado.

  O xuízo tivo lugar case un ano despois, a finais de xuño de 1924. Antón foi defendido polo prestixioso avogado coruñés Manuel Casás, enfrontado ao fiscal substituto señor Pardo e ao avogado da familia señor Suárez Carrero que pedían 14 anos, 8 meses e un día de reclusión e unha indemnización de 10.000 pesetas. Como acostumaba pasar, Antonio non saíu moi malparado pois tívose en conta a eximente de arrebato e obcecación, non ter intención de causar tanto dano e provocación da vítima.
 
* Nalgúns xornais, como El Ideal Gallego, aparece como José Recouso Carballido. Noutros como El Compostelano, Galicia e El Progreso é o homicida e Antonio a vítima.

Antonio Recouso del Río Antón tivo 4 fillos con Rosa Boquete Villaverde:
Antonio Recouso Boquete (1909-1946): garda de asalto en Barcelona. Logo, en Ordes uniuse as guerrillas anti-franquistas e foi abatido na parroquia de Parada en xuño de 1946.
José Recouso Boquete (1914-1996): polo contrario, estaba na escolta de Franco, da que tivo que saír por culpa do irmán. Traballou de xardineiro para Viriato e estivo casado con Carmen Fernández Barreiro -dos Fernández das Casillas-. Non tiveron fillos.
Marina Recouso Boquete (1919-2012): casada con Ramón Noya Bermúdez -irmán do municipal Cachorro- co que viviu no Recreo e con quen tivo unha única filla, Marina.
América Recouso Boquete (1921-1985): casada con Ramón Ferreiro Juncal -dos Ferreiros do Casal- foi a que quedou na casa familiar no Recreo. Tivo dous fillos, Milagros e José Antonio.

martes, 20 de noviembre de 2018

Sector forestal en Galicia

  Un informe encargado pola Axencia da Industria Forestal á Universidade de Vigo constata que no ano 2017 a facturación do sector forestal galego (máis de 2.200 millóns de €) logrou superar por fin a de 2008, ano que supuxo o inicio da crise económica.
 Con relación ao ano 2015 (no 2016 non se realizou o estudo) medraron todos os subsectores: rematantes (+7%), serradoiros (+16%), pasta-taboleiros e segunda transformación. Esta última foi a que máis subiu grazas especialmente á fabricación de mobles.
  Tamén marcou un récord a exportación (máis de 860 millóns de euros) coa zona euro como principal compradora.


  O informe tamén revela o bo rendemento en orixe, no monte. O exercicio de 2017 marca un récord no que respecta ao volume de madeira cortada en Galicia, ao superarse por primeira vez a cifra de 8,5 millóns de metros cúbicos, o que supón o 47 % de toda a madeira cortada en España.
  Por especies, o eucalipto segue a ser o rei indiscutible (representa o 59 % de toda a madeira cortada, aumentando desde o ano 2015 nun 14 %). As coníferas aínda son o 38 % pero declinan cunha caída do 9 %. As frondosas permanecen estancadas con menos dun 3%.


  A zona máis madeireira é o norte de Galicia (provincias da Coruña e Lugo). A comarca de Ordes non é das máis destacadas (a súa porcentaxe de 50 % de solo forestal está lonxe da media galega que é de 65 %). Aínda que o concello que máis terreo dedica ao monte é Trazo, o que ten maior produción é Frades, mentres que o que menos produce é Oroso.

sábado, 17 de noviembre de 2018

Adeus Aller

  O suceso máis relevante de 1923 na comarca de Ordes foi a morte de Saturnino Aller.
  O gran home levaba tempo batallando contra unha grave enfermidade. O mércores 25 de abril xa non puido asistir ao fastoso banquete na honra do deputado a Cortes do distrito Alfonso Senra (aloxado na súa casa), que contou con 300 comensais de toda a comarca e unha serenata da Banda Municipal de Santiago a noite anterior. Aller aínda resistiu catro días máis ata a tarde do domingo 29 de abril en que faleceu.

  Aínda que esperada, a súa morte causou a natural conmoción nas terras de Ordes. Fóra, os xornais conservadores mencionárona de pasada e con frialdade. Só Nicolás del Río, mestre en Ordes e correspondente de El Compostelano, saíu da norma e eloxiou a "nuestro buen amigo y jefe político" dicindo que "su muerte causará gran trastorno en esta comarca donde contaba tantas simpatías por su carácter altamente simpático, y por los múltiples servicios que había prestado al país".

  En cambio La Voz de Galicia, xornal liberal, deu gran importancia á noticia e publicou un longo panexírico no que o definía como "profundamente encariñado con su tierra [...] muy culto e inteligente aunque a primera vista no revelase su aspecto al hombre de gustos refinados y selecto espíritu que era [...] servicial y simpático, de afable trato, contaba con numerosos y buenos amigos que sentirán hondamente su pérdida". Tamén destacaba como tiña "colmado de beneficios" ás terras ordenses.

  O 1 de maio, tivo lugar o enterro, perfectamente documentado por La Voz de Galicia.
  Organizouse o cortexo diante da súa casa de Ordes (actual Nogallás). Recollían as cintas que pendían do féretro os seus excompañeiros de Deputación Rafael Llamas Tojo, Ángel Aperribay, Antonio del Moral Sanjurjo e Alejandro Barreiro. Encabezaban o dó o subsecretario de Fomento e deputado a Cortes Alfonso Senra que veu desde Vigo, o fillastro de Aller, Carlos Puga Pequeño, o seu sobriño Ramón Aller (sacerdote e ilustre matemático), o presidente da Depu­tación Ramón Vilas González, o inspector provincial de Sanidade Rafael Fernández e os seus amigos Luis Cornide e Jesús Santaló, director dos establecementos de beneficencia. Logo un nutrido grupo de personalidades de Ordes e comarca.

  Un xentío inmenso enchía a estrada. Á saída da vila foi depositado nun automóbil o cadaleito, levado aos ombreiros dalgúns caseiros do defunto ata alí. O coche fúnebre, seguido de varios autobuses e coches particulares, emprendeu a marcha ata a afastada parroquia de Castro en Mesía, onde foi soterrado. A misa foi oficiada polo párroco de Vilamaior D. Vicente Monteagudo, aínda que a oración fúnebre estivo a cargo de D. Nemesio Morgade. Outros 15 sacerdotes estiveron presentes, entre eles o de Gorgullos, D. José Varela Aller, sobriño seu. O seu irmán Pedro Aller, que vivía en Ponteceso, recibiu xunto a outros parentes as condolencias dos asistentes.

  Por suposto non faltou a elite de Ordes transportada para a ocasión en dous autobuses de "El Noroeste". Alí estaban o alcalde Manuel García Bermúdez, Antonio Concheiro, José Carnota, José Mariño, Anto­nio Verea, Juan Linares, Manuel Patiño, Ezequiel, Ramón e Ma­nuel Astray, Antonio Viqueira, José Romero, Fernan­do Liste, Manuel García Rívas, Ri­cardo Amor, Ignacio Castro, Ma­nuel Concheiro, Nicolás del Rio, Domingo Moar, Augusto Abella, José Sánchez Guisande, Elíseo e Jacobo Amor, Julio Pol, José Gar­cía e José Sánchez Somoza.

  Outros asistentes foron o propietario Balbino García del Valle e o mestre Julio Caamaño desde Parada, o alcalde Gumersindo Liñares e o secretario José Maceiras Fernández desde Trazo, Jaime Veiga, Emilio Sánchez Álvarez e o secretario Emilio Sánchez So­moza desde Oroso e Ángel Concheiro, Camilo Iroma, José Varela Varela, o mestre José María Lesta, o médico Jesús Gómez Aparicio e Ce­lestino Mosquera, sobriño de Aller, desde Mesía.


  Non esqueceu o correspondente de La Voz de Galicia o oco que quedaba na comarca e rematou deste xeito a súa crónica: «Descanse en paz tan buen amigo, y Dios quiera iluminar el “cónclave” de primates para elegir el nuevo jefe del distrito».
  Por suposto ignoraba que estaba asistindo ao fin dunha era. Apenas tres meses despois Miguel Primo de Rivera iniciaría a súa ditadura que poñería patas arriba toda esta clase política que medrara coa restauración.

lunes, 12 de noviembre de 2018

Carnívoros e ungulados

  Hai 12 especies da orde dos carnívoros na nosa comarca. Son en xeral moi discretos e de difícil observación.

  O mítico lobo -ou lobo gris- é o depredador de maior tamaño (se non contamos ao home, claro) da nosa comarca. Animal intelixente e adaptable, o seu número non é moi alto: hai poucos anos supoñíanse menos de 700 exemplares en toda Galicia, dos que hai algúns na comarca, nas zonas máis despoboadas e gandeiras. No centro, preto da vila de Ordes, os últimos avistamentos datan dos anos 70 do século pasado.
  Ás veces pode ser confundido con cans asilvestrados que tamén atacan ao gando.

  O raposo en cambio é numeroso. É outro animal sumamente intelixente e oportunista que busca optimizar recursos, así achégase a miúdo ás aldeas onde as aves de curral poden chegar a ser o 50 % da súa dieta. Tampouco lle dan noxo os animais mortos, calquera tipo de pequena presa ou mesmo vexetais (8 %).

  O gato bravo e a xeneta comparten hábitos forestais pero nada máis. Mentres o gato bravo prefere coellos e non se achega para nada ás zonas habitadas polo home, a xeneta consume preferentemente ratos e non rexeita aproximarse ás aldeas sobre todo en inverno. Ningunha das dúas especies é abundante pero está máis ameazado o gato bravo porque se cruza con gatos domésticos asilvestrados e a especie vólvese cada vez menos corpulenta e fera.

   Os outros carnívoros son mustélidos (animais similares á donicela -mustela en latín-), depredadores moi exitosos que abarcan case todos os hábitats posibles: 
  As especies de hábitos acuáticos son a nutria e o visón americano, mamífero alleo introducido a partir de exemplares escapados de granxas de cría. Os restantes son de hábitos terrestres aínda que o furón tamén ten querencia por zonas húmidas preto dos ríos, con canles de rego. O armiño prefire os lugares máis altos e fríos, a marta os bosques, o teixugo (que antes era considerado un manxar) os montes máis pedregosos, a garduña o campo aberto e a temida donicela é a que máis se aproxima ás zonas habitadas polo home.


  Os únicos ungulados localizados na nosa comarca son o xabaril e o corzo. O primeiro está aumentando considerablemente en número e non dubida en achegarse e dar paseos nocturnos mesmo polos arrabaldos de vilas e cidades. Causan grandes danos ás colleitas e son perigosos porque cruzan sen control pistas e estradas.
  O corzo tamén está aumentando a súa poboación, aínda que na nosa zona o seu número segue sendo escaso.

(Canis lupus)
lobo
(Vulpes vulpes)
zorro
(Felis silvestris)
gato montés
(Genetta genetta)
gineta
(Mustela erminea)
armiño
donicela, denociña
(Mustela nivalis)
comadreja
(Neovison vison)
visón americano
(Mustela putorius)
turón
(Martes martes)
marta
garduña, marturaña
(Martes foina)
garduña
(Lutra lutra)
nutria
teixugo, porco teixo
(Meles meles)
tejón
(Sus scrofa)
jabalí
(Capreolus capreolus)
corzo

domingo, 11 de noviembre de 2018

1923: Primo protagonista


  Os Estados Unidos seguían vivindo "os felices 20" e California era o eldorado cinematográfico: en 1923 naceu a Walt Disney Company e nos arredores de Los Ángeles colocábase o famoso letreiro "Hollywoodland" (en 1949 quitaríanlle o "land" final).

  Pero en Alemaña non había tanta felicidade. En xaneiro os aliados vencedores da 1ªGM, ao ver que non cumpría coas entregas de carbón acordadas, decidiron que tropas francesas e belgas ocupasen o distrito alemán do Ruhr. A economía do país estaba esnaquizada cunha inflación desbocada (en febreiro un dólar valía 47.500 marcos, en agosto 10 millóns!). Foi o caldo de cultivo adecuado para os extremismos: fundouse a Internacional das Mocidades Socialistas en Hamburgo e medrou o partido nazi (NSDAP) aínda que fracasou o Putsch de Múnic en novembro. Hitler resultou ferido, detido e condenado a prisión pero só foi unha parada no seu camiño.

  En Rusia, mentres tanto, Lenin tivo que abandonar o poder por culpa dunha enfermidade da que morrería en 1924. Stalin xa afiaba as súas poutas.
  Oriente Medio viviu unha transformación: o Tratado de Lausanne recompuxo as fronteiras da República de Turquía logo da disolución do Imperio Otomán. En setembro os británicos comezaron oficialmente o seu mandato en Palestina (aínda que xa levaban alí 4 anos) mentres os franceses facían o mesmo en Siria. Sorprendentemente sería unha época relativamente tranquila na rexión.

  En España, en abril, vivíronse as últimas eleccións dos anos 20, porque en setembro Miguel Primo de Rivera, Capitán Xeneral de Cataluña, deu un golpe de estado que atopou o apoio do rei Alfonso XIII. A pertinaz crise que padecía o país (desmoralización pola guerra de Marrocos, descontento do exército polo desastre de Annual, auxe dos nacionalismos periféricos e desorde pública ocasionada por organizacións proletarias) provocaron o golpe que foi recibido sen apenas resistencia, entre a indiferenza duns e a esperanza doutros.

  Para Ordes, 1923 foi un gran ano. O deputado Alfonso Senra fixo das súas e logrou unha choiva de miles de pesetas (150.000) que se traduciron en varias obras, a máis vistosa o empedrado da "Calle Real" realizado por obreiros portugueses baixo o mando do enxeñeiro Sr. Zarza e que duraría ata 1979 (cando se retirou en perfecto estado), pero non a única porque tamén se fixeron obras nas estradas a Carballo, Trazo e Ponte Carreira. Restaurouse ademais o teito da Igrexa de Santa María e cambiouse a muralla de entrada grazas a 4.000 pesetas de subvención adicional.
  A corporación municipal, agradecida, declarou a Alfonso Senra "Fillo adoptivo" de Ordes e deu o seu nome á "Calle Real" (tamén homenaxeou ao recén falecido cacique chamando "Calle Saturnino Aller" á actual Rúa do Recreo). E na Rúa dos Lagartos José Mariño abriu un almacén de patacas belgas para remediar a crise de tal tubérculo na nosa comarca.
  No campo continuou habendo moita axitación. Rexistráronse numerosos incidentes (ata unha bomba que foi lanzada ao tellado do consistorio de Mesía) que acabaron ese ano coa detención do cura de Papucín, un significado agrarista.

  Pero a gran noticia do ano foi a morte do cacique local Saturnino Aller que causou conmoción aínda que era previsible porque levaba tempo loitando coa enfermidade. Cando aínda non estaba claro quen sería o seu sucesor, a irrupción da ditadura supuxo outra conmoción e o cambio das regras de xogo político. 
  Tamén morreron ese ano José Castro Bao, cuñado de Juan Liñares, (enterro ao que asistiu o propio Alfonso Senra), o avogado santiagués José García Barros e o comerciante de Xavestre e ex-alcalde de Trazo Ramón Mosquera Iglesias.
  Doutra banda chegaron novos empregados públicos: Augusto Abella como secretario do xulgado, Donato Revilla Martín como xefe do posto da Garda Civil, e Jaime Concheiro Iglesias como auxiliar de Correos.
  De propina aí tedes a corporación e os maiores contribuíntes en febreiro dese ano.
 

lunes, 5 de noviembre de 2018

A familia Ramos (Mesón)

  Se o nacemento do Mesón do Vento está ligado á estrada, o mesmo sucede coa súa familia máis rica pois foron os propietarios do mesón, a pousada onde paraban as dilixencias.


  Andrés Ramos Arán foi o patriarca da familia no século XIX. Era un home adiñeirado que en política apoiaba ao romerista Antonio del Río. En 1910 foi alcalde de Ordes brevemente porque faleceu en xaneiro aos 58 anos de idade. Do seu matrimonio con Adelaida Insua lópez tivo varios fillos a finais do século XIX dos que chegaron a idade adulta cinco: Carmen, Antonio, Concha, Pura e Celsa Ramos Insua.


Carmen (1874-1946) casou co comerciante de Carral Andrés Barbeito Fernández (m.1943) co que tivo 7 fillos. Dous deles, Andrés e Manuel, foron mestres e nos anos 20 e 30, deron clase por Ardemil e Cerceda pero un rematou en Póboa de Trives e outro na Coruña. Genaro, Hipólito e Ramiro Barbeito Ramos quedaron en Carral onde eran moi coñecidos.

Antonio Ramos Insua (1876-1943), xunto coa súa irmá menor Celsa, quedou na casa familiar. Foi o personaxe máis importante do Mesón, chegando a ser concelleiro e formando parte da Unión Patriótica. Aumentou o seu patrimonio comprando numerosos terreos que conseguía a baixo prezo aproveitando a mala situación xeral, aínda que tamén aportou o soar para construír a escola do Mesón do Vento  no ano 1929.
Casou con Clotilde Vázquez Pedreira (1891-1959) con quen tivo tres fillos: Andrés, Antonio e Celsa Ramos Vázquez.
O fillo mediano, Antonio Ramos Vázquez, morreu en abril de 1964 aos 38 anos nun accidente de avioneta en Galán (Arteixo). Pilotaba o seu amigo de 35 anos Francisco de Asís Dorado, Marqués de Villanueva de la Sagra, un nobre andaluz representante na Coruña dunha firma de viños e directivo do RC Deportivo, que tamén morreu.
Andrés continuou rexentando a taberna e faleceu solteiro en 1986. Celsita (falecida en marzo de 2021), a menor, tampouco casou e viviu toda a súa vida practicamente sen saír do Mesón.

Concepción (1883-1969) casou en 1917, á elevada idade -para aqueles tempos- de 34 anos, con Francisco Liñares Iglesias (1882-1941), da rica familia Liñares, con quen non tivo fillos. Francisco estudou medicina e exerceu en Trazo e Frades antes de instalarse en Ordes en 1926. Tamén tivo afeccións políticas e foi o responsable da Unión Patriótica durante a ditadura de Primo de Rivera. Vivían no que hoxe é Alfonso Senra 111 (o Bar Gerardo).

Purificación (1889-1949) casou con Manuel García Mouriño (fillo de Francisco García Bermúdez -importante propietario de Carral- e sobriño do futuro alcalde de Ordes Manuel García Bermúdez). Manuel morreu moi novo en 1914 aos 25 anos de idade e Pura volveu casar con Alejandro Ruiz Nidáguila (m.1968) con quen tivo 6 fillos. A maioría dos descendentes viven na Coruña.

Celsa (1890-1977) non casou e viviu sempre na casa familiar do Mesón do Vento. A pesar de ser a muller máis rica do lugar non gozou de ningún luxo. Do mesmo xeito que Fernanducho en Ordes, nunca vendeu ningún terreo dos moitísimos que posuía, polo que se lle achacaba que a localidade non medraba pola súa culpa. Soamente se permitiu nos anos 60 ceder un terreo lindante co campo da feira para construír a igrexa e o cemiterio do Mesón e evitar ter que desprazarse a Cabeza de Lobo. Nese cemiterio está soterrada.

jueves, 1 de noviembre de 2018

Un San Xoán accidentado

   Esta historia aconteceu a comezos dos anos 50 na véspera de San Xoán.
  Un grupo de mozos de Ordes entre os que se atopaban Pepe de Rogelio, Pepe de Casabella, Víctor da Trapeira, Pepe de Ignacio, Fernando da Vidala, Manolo de Álvarez, Juan de Babila e varios máis, tiñan previsto facer unha cacharela fronte a casa de Antonio Rivas Couto Casabella na esquina do camiño que levaba ao cemiterio.
  Todos decididos, cando xa case era noite, foron buscar leña ao monte do Formigueiro que quedaba do outro lado do Rego da Braña. Sen darse conta cortaron algunhas árbores que estaban marcadas con chapapote, así que cando chegaron á vila xa tiveron o primeiro disgusto: traían a roupa manchada (e naqueles tempos a roupa era cara e tíñase moi pouca).
  Foron agochar a leña ata a hora de facer a cacharela a carón do cemiterio no que hoxe é unha explanada que serve de aparcamento aos coches. Como mozos que eran ían dando voces e rindo, contentos ante a perspectiva da troula, ignorantes de que no cemiterio estaba Ballesteros.
  Carlos Ramón Ballesteros (Ramón era o seu primeiro apelido, pero todos o coñecían como Ballesteros) que tiña uns 33 anos pola época, era un forasteiro que viñera a Ordes a traballar como funcionario de Abastos. Aquí coñeceu e casou coa única filla do antigo cacique local Domingo Antonio Moar Veiras. O matrimonio tivera un triste final porque Mª Jesús, a súa muller, morrera moi nova aos 28 anos, había pouco tempo.
  Desde ese fatídico día (11 de outubro de 1950), o melancólico Ballesteros ía a cotío ao cemiterio a chorar a súa pena, así que o balbordo dos mozos ofendeuno profundamente.
  Felizmente ignorantes dese tema, os mozos gozaron da festa de San Xoán. Ata contrataran aos gaiteiros de Buscás que subidos a un carro converteron a noite nunha verbena espectacular.


  Pero a festa trouxo resaca. Un par de días despois a Garda Civil foinos buscar ás súas casas con orde de presentarse no cuartel. Ballesteros tíñaos denunciado por "menosprezo aos defuntos".
  Así que alí foron unha ducia de mozos ao cuartel (que estaba no que agora e o supermercado Froiz) e os gardas deixáronos alí no patio. Se o denunciante fose outro, non lle terían feito caso, pero Ballesteros era alguén de alta posición.
  Ese encerro durou pouco tempo porque deu a casualidade que pasou un comandante de Santiago polo cuartel e, vendo aos mozos, estrañado, preguntou que pintaban alí. Cando lle explicaron a razón a súa reacción foi inmediata:
- ¡Qué se vayan a sus casas ... ya!
  Parecía que o tema rematara aquí e os mozos xa estaban tranquilos pero Ballesteros debeu insistir, así que nova sorpresa: agora terían que ir ao cárcere.
  Como se estaba construíndo a nova casa consistorial no lugar que antes ocupaba o cárcere, os presos agora estaban no vello consistorio (hoxe Edificio Rama, Alfonso Senra 50), así que alí se foron os nosos mozos e alí permaneceron dando a lata polos corredores un par de días ante a mirada comprensiva do carceleiro Javier Verea.
  O encerro non foi moi estricto: Pepe de Rogelio, o único dos mozos maior de idade (naquel tempo a maioría de idade era aos 21 anos), saía cando tiña que facer unha viaxe co autobús á estación da Pontraga para recoller o correo.
  Para o resto foron unhas vacacións algo aburridas. O máis fastidiado foi Juan de Babila que tiña moza no Mesón do Vento e non puido asistir á festa de San Pedro.

  Carlos Ramón Ballesteros (1917-2004) marchou coa súa sogra para Coruña. Anos despois vendeu as valiosas posesións de Moar (a esquina norte de Alfonso Senra coa Rúa da Canteira onde se fixeron as casas de Viriato). Volveu casar con Carmenchu López-Chaves Meléndrez coa que tivo tres fillos. Unha das súas fillas tamén está soterrada no cemiterio de Ordes.