miércoles, 29 de marzo de 2017

O Camiño Inglés

  Chamamos Camiño Inglés ou Camiño de Santiago dos Ingleses á ruta de peregrinación que vai desde Coruña e Ferrol ata Santiago e que foi usada maioritariamente polos peregrinos do norte de Europa.

  Como é ben sabido, o descubrimento da suposta tumba do Apóstolo Santiago no século IX atraeu durante toda a Idade Media a unha gran cantidade de peregrinos procedentes de toda Europa. A maioría usaban o Camiño Francés, pero moitos utilizaban unha ruta máis segura, chegando por barco a Coruña ou a Neda na Ría de Ferrol co que só tiñan que percorrer por terra ata Santiago uns 80 Km (ou 110 desde Ferrol). 


  Desde o século XVI a tradición das peregrinacións foi esmorecendo pero o Camiño Inglés ou Real seguía sendo a principal vía de comunicación provincial. No século XVIII, a partir de 1770, durante o reinado de Carlos III construíuse o Novo Camiño Real (O que hoxe é a Nacional 550). O camiño vello quedou só como vía local para comunicar poboacións cada vez máis decadentes. Pronto tramos enteiros quedaron en desuso.
  No século XX reemprendéronse as peregrinacións pero ao principio os peregrinos desde Coruña usaban a N-550. Foi na década dos anos 90 que comezou o interese por pisar o vello Camiño, o que trouxo como consecuencia a súa bastante rápida revitalización

   O Camiño Inglés cruza a comarca de norte a sur, practicamente polo centro, ao longo de pouco máis de 24 Km. Este tramo comeza na parroquia de Bruma (Concello de Mesía) e chega ata Sigüeiro (capital de Oroso). É bastante suave xa que descendemos desde os case 400 metros de altura de Bruma ata os 230 de Sigüeiro, pero por suposto, como é común en toda Galicia, hai continuos desniveis, o que os ciclistas denominan "terreo rompepernas".
  Se queredes ver fotos actualizadas de toda esta etapa premede en Pilgrimage Traveler,  en Más rutas y menos rutinas 4 ou en Más rutas y menos rutinas 5.

(Preme na imaxe para ver máis grande)

sábado, 25 de marzo de 2017

Fernando Liste Mosquera

  Quizais o seu nome  non nos diga nada, pero se precisamos que todos lle chamaban Fernanducho, a cousa cambia totalmente: estamos a falar dun dos ordenses máis coñecidos.
  Naceu nos albores do século XX, no ano 1901.
  Era fillo de Fernando Liste Caramelo (1855-1931) poderoso empresario e propietario que casou con Manuela Mosquera Barreiro (1876-1955), vinte anos máis nova ca el e tamén de familia moi rica, concretamente dos Mosqueiras de Vilaverde.
  Fernando Liste tiña moitísimas terras (parte dos terreos do campo da feira -actuais parques municipais- fóronlle expropiados a el en 1892) e tamén era o propietario da estación eléctrica que se fixo en Ordes no ano 1922 e da maquía, ambas na Rúa dos Lagartos. En política militou no Partido Liberal, sendo gran amigo e seguidor de Saturnino Aller. Chegou a ser alcalde de Ordes entre os anos 1918 e 1920.
  Tivo só tres fillos: Manuel Liste Mosquera, que morreu moi novo en 1918, Carmen (1900-1975), que casou con Manuel Bascoy Pereira (1893-1970), mestre nacional en Trazo, e o popular Fernanducho.
  Fernanducho foi todo un personaxe. Mozo e con diñeiro, un dos primeiros coches da vila foi o seu, o C-3484. De feito un día, vindo do Recreo, deu a curva do cruce con tanto ímpetu que subiu á beirarrúa do Bar Liñares e case mata a dous militares que alí estaban na terraza.
  Cando morreu Fernando pai en 1931 herdou a súa gran fortuna e continou aumentándoa grazas aos recibos da luz (ata que Fenosa se fixo cargo), á maquía, ás súas terras, ao seu gando (tiña cortes preto do que agora é a zapatería "Capitán") e á tenda que tiña na Rúa Alfonso Senra a 50 metros da igrexa e que mesturaba ultramarinos, artigos de caza (alí se lograban as licencias), ferraxería, cristalería e un longo etcétera.
  Nesta tenda atendía el xunto co seu sobriño Fernando Bascoy Liste (1927-2018), mentres que para a maquía e as terras e gando tiña tres irmáns da familia Barreiro do Casal (parentes da súa nai).


  Cóntanse moitas anécdotas sobre el:
  Unha é que a vila non medraba pola súa culpa. Non había onde edificar porque el non vendía ningunha das moitísimas terras que tiña (ademais do que hoxe é a Rúa República Argentina e a zona da maquía dos Lagartos, case toda a zona sur de Ordes ata as Casillas era súa).
  Outra, que un cliente, para vacilalo, lle pediu chupóns e el respondeulle que non os tiña, que fose á Casa do Concello (practicamente estaba en fronte) que alí había moitos.
  Outra máis -e desta dou fe que é real- é que deixou moitos produtos sen cobrar porque metía as "facturas" (anacos de papel cos prezos apuntados de mala maneira) nas potas que tiña nos estantes e cando o cliente ía pagar nunca as tiña a man (por outro lado non parecía importarlle moito) e sempre dicía un "xa me pagarás outro día"...
  Aínda que nos cotilleos do pobo lle colgaron algúns amoríos e ata un fillo ilexítimo, nunca casou e morreu sen fillos recoñecidos en maio de 1985.

  A súa irmá Carmen, en cambio, tivo cinco: Pilar (a que vivía con el e o coidaba), Manuel, Fernando, Enrique e Jaime. Só Pilar e Jaime casaron. Pilar con Ricardo Varela Uzal (o propietario da casa Maldonado en Poulo) e Jaime con Fanny Valiño López. Só estes tiveron descendencia: as súas tres fillas, Fanny, Carmen e Pilar, son as actuais herdeiras da fortuna dos Liste.

domingo, 19 de marzo de 2017

Autobuses "La Regional"

  Sobre o 1900 empezaron a funcionar os primeiros autobuses de vapor en Galicia facéndolle a competencia ás dilixencias. Había tres liñas: A Coruña - Santiago, O Ferrol - Betanzos e Ourense - Verín.
  Todas as empresas fracasaron en pouco tempo.
  Non obstante apareceu un home que cambiou a situación. Foi o innovador Antonio Sanjurjo Badía (Sada 1837 - Vigo 1922). En 1903 adquiriu nunha subasta os autobuses da empresa compostelá e despois os de Verín e Ferrol. Logo levounos aos talleres da súa fábrica de fundición "La Industriosa" en Vigo e alí someteunos a un proceso de transformación para melloralos e adaptalos.
  Tamén formou mecánicos e condutores galegos (non había ata o momento) e montou dous talleres en Santiago e Coruña para resolver as avarías máis sinxelas.
  Todos os autobuses concentráronse nunha soa liña, Santiago - Coruña, co que sempre había vehículos dispoñibles en caso de problemas.
  O 20 de xuño de 1906 inaugurouse o servizo que foi un completo éxito e que acabou coa obsoleta Ferro-carrilana.
  A compañía, dirixida polo seu fillo, Manuel Sanjurjo Otero, contaba en principio con 10 autobuses a vapor chamados "Coruña-Santiago", "Vigo-Pontevedra", "Mondoñedo-Lugo", "Orense-Verín", "Carral", "Órdenes", "Villa de Sada", "Tuy", "Ferrol" e "Galicia".

 
   Pero Sanjurjo non se conformou con iso. Seguiu investigando, viaxando ao estranxeiro e traendo novos autobuses en 1910, agora xa a bencina: "Augusto G Besada", "Patria", "España" e "Montero Ríos". Todos eles con 10 asentos máis 6 en berlina chegaban a facer a viaxe entre Coruña e Santiago en tres horas e cos seus 60 cabalos de forza posuían unha fiabilidade nunca vista ata entón.
 
 
 
  O garaxe de Santiago estaba na Praza das Penas (Plazuela de la Peñas) e no taller anexo traballaban uns 20 operarios. O de Coruña estaba na rúa Francisco Mariño e taballaban uns 15 operarios.  Para mellorar a calidade do servizo tamén había unha toma de auga en Ponte Lago e un restaurante en Ordes pertencente á compañía.
   Así foi como os autobuses empezaron a dominar a paisaxe ordense.

sábado, 18 de marzo de 2017

Malos tempos para Aller

  Un dos feitos máis sorprendentes en 1905 foi o triunfo electoral de Saturnino Aller no distrito de Ordes. Foi tal o impacto causado que excedeu as fronteiras galegas e chegou á prensa de Madrid.
  Lembremos que o candidato que o goberno quería triunfador en Ordes era o ancián (78 anos) Joaquín Peña Failde. Aller, o cacique local, o home que debía logralo, rompeu as normas e quedouse para si cos votos, argumentando que os electores da comarca non confiaban no candidato oficialista pola súa elevada idade.

  Por que o fixo? probablemente por ambición persoal. Indubidablemente sabía que iso lle aparellaría poderosísimos inimigos pero quizá contaba coa súa habilidade para dividilos e aplacalos ou confiaba na forza que tiña no distrito.
  Se iso era o que pensaba, estaba errado. 
  Os seus partidarios enchían os concellos locais. As eleccións do 12 de novembro non fixeron máis que ratificalo. Pero a principios de 1906 foron suspendidos os resultados e pasouse a nomear corporacións interinas onde foron marxinados os alleristas. Houbo rumores de que o presidente do goberno, Segismundo Moret, lle ofrecera a renuncia á acta de deputado para evitalo. Non sabemos se son certos pero en todo caso iso non sucedeu.

  Así que as eleccións municipais tiveron lugar en xullo de 1906 e non houbo sorpresas: os inimigos de Saturnino Aller saíron triunfantes.
  Aínda quedaba aprobar os resultados nunha Deputación dominada polos liberais. Moitos non estaban de acordo porque era regalar o distrito ao partido inimigo pero a presión do extraño matrimonio entre gassetistas* (liberais) e figueroistas (conservadores) foi intensa, así que as corporacións resultaron confirmadas nunha reunión da Comisión provincial en agosto de 1906.
  Explicouno con impresionante exactitude o xornal conservador da Coruña "El Noroeste": 
  Ayer le pusieron el inri al bueno de don Saturnino, el más sagaz de los políticos de la provincia, que un tiempo fue omnipotente en el distrito de Órdenes, pero que, últimamente, por haber perdido los estribos dio una costalada que le dejará maltrecho y de la que tardará en reponerse.


* Nos dous partidos dinásticos (os que sustentaban o réxime) -especialmente no Partido Liberal- había varias familias políticas que tanto colaboraban como disputaban entre si.
  O exemplo máis notorio é o clan de Eugenio Montero Ríos que extendía a súa influencia por toda Galicia pero que na provincia da Coruña só dominaba 4 dos 14 distritos (Muros, Ortigueira, Corcubión e Ferrol). A outra familia política liberal que gobernaba a maioría dos distritos coruñeses era a comandada por Rafael Gasset. Ordes era un punto de litixio pero houbera un pacto entre as dúas familias (Corcubión para os monteristas e Ordes para os gassetistas).
  A familia máis notable dos conservadores era a comandada por Juan de Armada, o Marqués de Figueroa que tiña o seu centro no distrito de Pontedeume.   

martes, 14 de marzo de 2017

Mapa de Trazo



    O concello de Trazo presenta un relevo suavemente ondulado que se explica pola composición do terreo: os xistos metamórficos precámbricos, coñecidos como xistos de Ordes, que son facilmente modelables, ocupan a maior parte do territorio (só na zona suroeste predomina o granito).
  O terreo vai en descenso desde o NO (Berdieiras co Cotón da Voutueira supera os 500 m. de altura) ata o sur por onde discorre o río Tambre, con varios vales en dirección norte-sur regados polos afluentes deste.
 Esta densa rede hidrográfica favorece unhas paisaxes de gran beleza onde abundan os prados e pastos naturais entre os que aparecen pequenos bosques de eucaliptos e piñeiros e, en menor grao, frondosas autóctonas.
  O clima, como no resto da comarca, é oceánico hiperhúmido.
  A poboación é escasa. En 1950 chegou aos 5.400 habitantes pero desde entón houbo un continuo descenso (agás nos anos 90). Na actualidade supera escasamente os 3.000 habitantes. Está repartida en 11 parroquias que contan cunhas 72 unidades de poboación -menos que o promedio comarcal-.
  Hai lugares de gran beleza e un interesante patrimonio civil e relixioso.

sábado, 11 de marzo de 2017

Vellos alcumes de Ordes (1)

  Os alcumes formaron parte de todas as sociedades desde a antigüidade, pero nas comunidades pequenas onde a xente se relacionaba moi estreitamente, é onde hai maior abundancia deles.
  Os alcumes máis habituais referíanse a un rasgo físico, á profesión, ao lugar de procedencia ou derivaban dun nome ou apelido familiar. Tamén podían ser negativos, pero non eran os máis numerosos.
  Nacían normalmente na infancia ou xa se herdaban igual cós apelidos.
  En lugares pequenos como Ordes onde había un gran número de apelidos compartidos e un limitado número de nomes, os alcumes eran máis definitorios que o propio nome (de feito moitos aínda aparecen nas esquelas fúnebres para clarexar definitivamente quen é o falecido).

  Agora vou mencionar algúns dos antigos alcumes de Ordes intentando explicar a quen pertencían.
  E nada mellor que empezar pola propia familia: os Faberos. Parece ser que unha tataravoa miña, en vez de millo, levou fabas ao muíño para moelas (ignoro se por simple despiste ou porque non rexía ben). O caso é que lle chamaron a Fabera, e o alcume pasou a designar á familia Ferreiro Recouso (do norte da vila, non confundir cos Ramechos do Recreo). Á miña avoa Babila Ferreiro Recouso chamábanlle habitualmente Babila da Fabera
  No fillo de Carmen, unha das irmás de Babila, Ricardo Barreiro Ferreiro, que era un bardalleiro, o alcume sufriu unha maliciosa modificación: era Ricardo o Pavero.
  Curmáns nosos eran os Ferreiro Eirín, os de Luis. Unha das fillas de Luis, Juana Ferreiro Eirín, tiña tan mal carácter que lle chamaban a Racha.
  José Villaverde Prego, de oficio carpinteiro, casado con Carmiña Pereiro Ferreiro, era o Pandareto, herencia da súa nai, a Pandareta.

  Dos alcumes non se libraba nin a xente de posición. Quizais o ordense máis coñecido lonxe da vila nos anos 70 fora o bailarín Juanjo Linares (en realidade Liñares). Pois ben, nos seus anos mozos era coñecido como Pocholo.
  Antonio del Río Sánchez Somoza, da familia propietaria do Pazo dos Somoza na parroquia de Marzoa (Oroso) e marido da profesora Inés Mª de Juan Verea era o Chulito e o seu irmán Emilio (ou Emilito), casado con Mª Luisa Liñares Martínez, que vivía nun chalé preto da Fonte Estrei, era o Carozo.

  Jaime Concheiro del Río, fillo de Jaime Concheiro Iglesias e de Sofía del Río, que é un avogado de prestixio e colaborador de "La Voz de Galicia", era coñecido nos seus tempos mozos como o Pastillas. Non era pexorativo, simplemente que vivía na farmacia coa súa nai (o seu pai morreu moi novo).

  Genaro González González, un médico forasteiro que chegou a ser alcalde en 1948 era tan pouco agraciado que lle chamaban o Drácula 
  A esposa de César Pol que era arxentina tiña un axeitado alcume: a Pampera. O mestre Lisardo Castro Amor, tamén casado cunha Pol e pai do coñecido avogado Julio Castro Pol, era coñecido como o Peseta
Continúa en Vellos Alcumes (2).

martes, 7 de marzo de 2017

Poboación da comarca 11-16

  No ano 1960 a comarca de Ordes superou os 46.000 habitantes. Foi o noso tope. Desde ese momento comezou unha costa abaixo imparable causada primeiro pola emigración e logo pola baixa natalidade.
  A primeira década do século XXI, os mellores momentos económicos de España, supuxeron un pequeno freo. Ordes e, sobre todo, Oroso compensaron con fortes subidas a perda de poboación dos concellos máis rurais. Pero a crise económica enviounos de novo aos grandes descensos.
  Centrándonos só nos últimos 5 anos, a comarca perdeu máis de 1.700 habitantes (un 4 % -ou case un 0,9 % anual-).
  Curiosamente a crise non afectou ao número de estranxeiros, que non só non descendeu senón que subiu en 246 persoas, pasando do 1,5 % ao 2,3 % da poboación. Esta poboación estranxeira está concentrada principalmente en Oroso e Ordes. Nos demais concellos é practicamente irrelevante.
  En canto á idade da poboación tamén Oroso e, en menor grao, Ordes teñen a poboación menos envellecida mentres os concellos rurais, especialmente Tordoia, superan o 30 % de habitantes con máis de 64 anos.
 

domingo, 5 de marzo de 2017

A moda en 1900

  A finais do século XIX o traxe rexional xa estaba completamente en desuso en toda España. Os campesiños de Galicia, a inmensa maioría da poboación, vestían pantalón longo (ás veces cinguido por unha faixa), camisa e almilla, chaleco, chaqueta e normalmente zocos ou zapatóns. A monteira xa fora substituída pola boina.
  As mulleres, en cambio, vestían dun modo máis parecido ao tradicional. Medias, saia ampla por enriba dos nocellos para poder traballar con comodidade, mandil, e, por enriba do mantón, pano cruzado atado á cintura e tamén pano na cabeza, que moi raramente abandonaban. 
  A roupa era cara. As teas usadas eran as máis baratas e había moita presenza da la e do liño (na súa variedade máis basta -a estopa-) que eran produtos autóctonos e por tanto accesibles.

  A xente de posición podía comprar máis roupa e de teas máis custosas como o raso, a xerga (sarga), o cheviot e mesmo o veludo (terciopelo) que xa empezaba a ter uns prezos máis "populares".

  Durante a primeira década do século XX, a moda feminina apenas variou con respecto ao século XIX. As mulleres burguesas seguiron usando vestidos con saias a ras de chan, cintura moi estreita e mangas en xeral avultadas. Tamén era imprescindible o sombreiro en exteriores.

  Destaquemos que unha parte moi importante da moda feminina estaba dedicada ao loito. A existencia de familias numerosas cunha esperanza de vida curta facía que moitas mulleres pasasen a maior parte da súa idade adulta con traxes de loito. Mentres os homes conformábanse en xeral con levar unha tira de gasa negra no abrigo e outra no sombreiro, as mulleres poñíanse de negro de pés a cabeza, aínda que o gran veo de crespón que tapaba a cara xa non se usaba ou se levaba unicamente cubrindo o pelo.

  Os homes, en cambio, vestían de forma moderna. Apenas hai diferenzas de vestiario entre un burgués de 1900 e un de 1950. Levar a cabeza cuberta era imprescindible en exteriores e o principal signo de status: os campesiños levaban boina, os obreiros e os mociños levaban gorra de viseira e os homes de posición sombreiro.
  E, como di este anuncio de 1903, os cabaleiros elegantes de verdade levaban sombreiros Rius!