sábado, 28 de enero de 2017

Informe meteorolóxico 2016

TEMPERATURA
  2016 foi un ano cálido: 0,4ºC por riba da media considerada da serie 1981-2010. Foi tamén un ano con grandes variacións.
  Xaneiro resultou extremadamente máis calido do normal, especialmente a segunda quincena do mes. Marzo, en cambio, foi moito máis frío do normal (de feito foi o máis frío en 30 anos) e abril tamén frío pero máis próximo ao promedio normal.
  O verán foi cálido: xullo e agosto foron moi cálidos. Agosto foi o máis cálido desde o ano 2003. O día 7 dese mes rexistrouse na localidade de Leiro (Ourense) unha temperatura de 44,2ºC que segue sendo a máis alta da historia.
  Setembro foi máis cálido do habitual e outubro volveu ser moi cálido. Decembro tamén foi algo máis cálido do normal.
 
PRECIPITACIÓNS
  Foi un ano bastante chuvioso, un 16 % máis do habitual considerando a serie 1981-2010. Na nosa comarca superáronse os 1600 mm anuais e no oeste dos concellos de Trazo e Tordoia superaron os 1800 mm.
  
  As precipitacións, sen embargo, estiveron moi desigualmente repartidas: Unha primeira metade do ano sumamente chuviosa fronte a unha segunda sumamente seca.
  Xaneiro e febreiro foron extremadamente húmidos. Xaneiro superou en máis dun 140 % os promedios normais coa consecuencia de que unha gran cantidade de ríos e regatos da comarca andaron desbordados. Febreiro superou un 130 % os valores normais. Marzo (máis de 40 % por riba), abril e maio (máis de 50 %) seguiron sendo máis húmidos do normal.
  Xullo, en cambio foi moi seco, un 90 % máis baixo do normal (de feito foi o máis seco desde 1986) e agosto seco. Setembro tivo valores normais pero concentrados en só tres días de precipitacións. Tamén hubo días tormentosos destacando o 24 cunha gran proliferación de lóstregos. Outubro volveu ser moi seco e decembro o mesmo, de feito foi o máis seco dende o ano 2001.

martes, 24 de enero de 2017

Higinio Cambeses Carrera

  Aínda que non naceu en Ordes e só pasou dous anos na nosa vila, o músico Higinio Cambeses é un personaxe destacado da nosa historia.

  Naceu no ano 1900 en Antas (A Lama) nunha familia humilde, dotado dun talento innato para a música, que aprendeu a executar e compoñer de maneira autodidacta. Tocaba a maioría de instrumentos bandistas, aínda que destacaría especialmente polo dominio do bombardino.
  Isto ía acompañado dunha gran intelixencia e dun carácter sensible pero inestable.
  En Antas fundou en 1926 a Banda CELTA e comezou a súa lenda como compositor, pois a maioría das pezas que tocaban eran súas. Unha en especial sería moi famosa: "Ard'o eixo carballeira".

  Tamén se dedica á política. En marzo de 1931 publica o artigo "¡La aldea despierta!" e preséntase ás eleccións municipais como radical-socialista. Isto parece que ocasionou que a súa banda non fora vista con bos ollos polos dereitistas.
 
  No mesmo ano 1931 ven a Ordes como ensinante e director da recén creada banda Agrupación Musical de Órdenes. Na súa directiva estaban os dous líderes políticos do concello: Antonio Concheiro Iglesias e Manuel García Gerpe. Ensaiaban no antigo matadeiro e na fábrica de curtidos.
 

  O 31 de xullo de 1932 debutan no coliseo ante moito público e tocan composicións de Cambeses. Logo tocarán de novo con moito éxito nas festas patronais. O 11 de setembro de 1932, o Concello de Ordes rendeulle unha cálida homenaxe en recoñecemento á súa labor artística.

  Marchou para Viveiro onde  deu clases no conservatorio e dirixiu a súa banda municipal. Alí sorprendeuno o Alzamento de 1936. Participou nunha comisión de axuda aos presos políticos capturados polas forzas nacionais, por iso foi detido e posteriormente ingresado no cárcere. Aínda que algunhas fontes din que foi á illa de San Simón, parece confirmado que estivo na prisión de Monforte. Unha vez rehabilitado polo Réxime franquista trasladouse a Cuntis, entre 1943 e 1948, e logo a Padrón, onde dirixiu a súa banda municipal e compuxo o seu derradeiro traballo: "Noches del Santo Cristo".

  Dende novo acompañárono as depresións e desequilibrios, aos que non axudou a súa traumática experiencia no cárcere. En Padrón agudizouse a súa enfermidade ata sufrir mania persecutoria. En 1949, logo de facerse un profundo corte na gorxa, saltou do balcón. Gravemente ferido, uns veciños conségueno trasladar ata o hospital de Pontevedra, onde quedaría ingresado. Non valeu de nada: poucos días despois, o 21 de febreiro, aparecería aforcado, colgado da saba da súa cama do hospital.

  Higinio Cambeses deixou escritas máis de douscentas composicións musicais. En agosto do 2009, a Agrupación Musical de Ordes rendeulle unha homenaxe dentro da décima Xuntanza de Bandas Populares de Galicia celebrada na nosa vila.
  Podes oír un vals seu premendo nesta ligazón (e logo na cara B).

sábado, 21 de enero de 2017

O xuízo de Francisco Liste

  En outubro de 1903 comezou na Coruña o xuízo contra Francisco Liste Areosa que, o ano anterior, roubara, asasinara e roubara novamente a Joaquina Obelleiro, coa propina engadida de queimarlle a casa, tentando destruír as probas do asasinato. O crime tivera lugar na parroquia de Numide (Tordoia), aínda que a prensa denominárao "El crimen de Órdenes".
  Fora un suceso tan comentado que o xuízo espertou unha expectación brutal. A sala estaba chea a rebordar de publico desexoso de ver a Liste e non perderse unha palabra.
Tamén era xulgada a súa irmá maior, Filomena, por presunto encubrimento, aínda que as probas eran débiles. Francisco, en cambio, tíñao moi complicado.
  Diso era moi consciente o seu avogado, Luís Cornide Quiroga, así que se decidiu pola única estratexia posible: tentar introducir no xurado a idea de que Francisco era un suxeito moi supersticioso e básico.
  Aferrouse á historia (aínda que só fosen rumores) de que Joaquina botara un cuartillo na lámpada de aceite do Santísimo e, segundo a superstición popular, a medida que este se consumise consumiríase a persoa maldicida.
  Naqueles tempos a corrección política non existía así que utilizou expresións como reo de crasa ignorancia, imbécil, zafio e outras similares referíndose a Francisco. Segundo esta interpretación, este empezara a ter dores de cabeza e, ante o temor de morrer, viuse obrigado a cometer o crime.
  Non esqueceu deslizar tamén posibles móbiles sentimentais.
  O acusador privado Alfredo García Ramos atacouno vehementemente:
- ¡Es una injuria! ¡Este hombre no es un imbécil!

  O xurado deixouse seducir pola teoría do defensor. Así que finalmente a sentenza que impuxo o xuíz Francisco Ruíz de Andrés foi de 17 anos de condena polo crime máis outros 5 polos diversos roubos e unha indemnización de 4.057 pesetas (as 57 polo roubo).
  A súa irmá Filomena foi absolta.
 O resultado foi considerado, con toda a razón, un gran triunfo do defensor Luís Cornide ao que todo o mundo felicitou.

   E que foi de Liste? O "imbécil" participou en dous intentos de fuga no cárcere da Coruña que saíron mal de casualidade. Quizais non era tan parvo.   

lunes, 16 de enero de 2017

Mapa de Oroso

Preme na imaxe para ver máis grande.

  Poderiamos dicir que Oroso ten forma de "u". Na súa parte sur o río Tambre, ao comezo do seu curso medio, sérvelle de fronteira co concello de Santiago. Loxicamente son as terras máis baixas (uns 220 m. de altura).
  O terreo en gradual descenso desde o norte (O Petón na parroquia de Senra con case 370 m. é o lugar máis elevado) ten amplos e abertos vales en dirección N-SO polos que discorren catro afluentes do Tambre.
  De leste a oeste son: o Maruzo, Samo, Carboeiro (9,5 km) e Lengüelle que lle serve de fronteira co concello de Trazo.
  Esta densa rede hidrográfica discorre sobre materiais de tipo xisto, facilmente erosionables pola acción fluvial, o que dá lugar a unha paisaxe suavemente ondulada. Só ao oeste das parroquias de Trasmonte e Oroso hai algúns afloramentos de gneis.

  O clima, como no resto da comarca, é oceánico hiperhúmido con temperaturas suaves e altas precipitacións.
  Hai 84 lugares habitados repartidos en 11 parroquias. A poboación medrou de forma espectacular durante o século XXI (máis de 2.000 habitantes). Actualmente pasa dos 7.500 habitantes, a maioría en Sigüeiro, capital desde 1975, a vila máis dinámica da comarca nos últimos anos.

  Conta con paisaxes de gran beleza, como a área Recreativa do Cachopal na ribeira do Maruzo ou O Refuxio na do Tambre, e un rico patrimonio artístico.

viernes, 13 de enero de 2017

Gerardo Abad Conde

  Gerardo Abad naceu o 8 de agosto de 1881. Era fillo do comandante da Garda Civil destinado en Ordes, así que naceu na nosa vila por casualidade e apenas estivo nela. 
  A familia marchou de Ordes, emigrou a Cuba e regresou a España cando el tiña 8 anos de idade.

  Nunha entrevista de 1931 en "Vida Gallega"  o xornalista coméntalle:
- Yo le creía a usted natural de La Coruña ...
- Nací en Órdenes. En la montaña. No soy lobo de mar ... ¡Pero soy lobo de montaña! Y gallego por todos los costados ...

  O seu pai morreu cando el era moi novo e tivo que manter aos seus irmáns menores. Na Coruña licenciouse en Dereito e comezou unha próspera carreira académica que o levaría a ocupar a Cátedra de Dereito Mercantil e Marítimo da Escola de Comercio da Coruña e posteriormente a dirección da Escola Náutica da mesma cidade. Casou cunha das fillas de Francisco Sevilla García, coruñés de boa posición.

  Con 27 anos comezou a súa carreira política por diferentes partidos minoritarios ata que se integrou no Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux. Aos 37 anos, chega a ser alcade da Coruña nos anos 1918 e 1919.
  Pouco despois foi iniciado na Masonería.
  En 1931 logra saír deputado ao Congreso por Lugo e ocupa o escano ata o 9 de outubro de 1933. Dunha maneira interina en varias curtas ocasións desempeña as funcións de Ministro de Comunicacións durante a primavera do 1931. En decembro de 1933 é nomeado presidente do Consello de Estado. No ano 1935 chega ao cume da súa carreira: logra ser Ministro da Mariña, cargo que desempeñou desde o 24 de xaneiro ao 3 de abril de 1935.
  En agosto de 1935 é nomeado  catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de La Laguna en Tenerife, pero tivo que renunciar polas presiones recibidas.
 En febrero de 1936 presentouse novamente ás Eleccións xerais pero non saiu elixido.
 Despois do alzamento do 1936 é detido en Madrid e enviado ao cárcere de Porlier onde é asasinado o 10 de setembro por gardas de asalto e milicianos.
  O seu fillo Gerardo Abad-Conde Sevilla (1909 - 1988) foi tamén un notable avogado.

   Gerardo Abad é unha das figuras máis esquecidas da historia, incómoda tanto para a dereita como para a esquerda. Pero aí queda o seu logro: é o ordense (aínda que sexa un ordense "accidental") que máis alto chegou en política. 

martes, 10 de enero de 2017

Poboación da comarca (século XX)

  Costa agora imaxinar a Galicia como unha potencia demográfica, pero resulta que o foi. Na segunda metade do século XVII e no XVIII, o entón reino de Galicia, rexistrou unha gran expansión poboacional. Segundo a historiadora Ana Cabana, a finais do XVIII, había 1,4 millóns de galegos, case o 13% do total español. Galicia era un dos territorios máis poboados e a súa densidade (47,6 habitantes por quilómetro cadrado) duplicaba a taxa española. Algunhas comarcas, como as Rías Baixas, chegaban mesmo aos 100 habitantes por quilómetro cadrado.
  Ese dinamismo poboacional, segundo o historiador Ramón Villares, era debido a tres razóns fundamentais:
- A propiedade da terra. A maioría dos campesiños eran propietarios aínda que fora de terreos minúsculos. Iso fomentaba o aumento das familias.
- A introdución do millo que aumentou os recursos nutricionais.
- A superación en parte das mortalidades catastróficas.

  No século XIX, o crecemento da poboación galega, aínda que algo máis moderado, situou o censo entre os 1,7 e os 1,8 millóns de habitantes. Houbo un repunte para mediados dese século e a Galicia interior cobrou forza, probablemente pola difusión do cultivo da pataca, que se fixo común nas labranzas de Lugo e Ourense. O ano da fame (1853) marcou un antes e un despois. Comezou a emigración a gran escala pero aínda así, a taxa da poboación galega respecto da española era do 11% ao comezar o século XX e mantívose no 10 % durante o primeiro terzo do século.

SÉCULO XX
  Galicia medrou no século XX en 760.000 persoas, un 38% de aumento, porcentaxe moi baixa se se compara co 120% da media española, e a anos luz do 672% de Madrid ou o 257% de Cataluña.
  O principal motivo foi a emigración: Galicia perdeu ao longo do século máis de 825.000 persoas na diáspora. O 72% (unhas 600.000) quedaron noutras provincias españolas (sobre todo Barcelona, Madrid e Bilbao) e o resto, ou ben cruzaron o Atlántico a principios de século ou se desprazaron a Centroeuropa durante os anos 60. Este case millón de galegos que saíron da súa terra sería o 40% da poboación que tiña a comunidade a principios de século.
  É certo que algúns tamén volveron, pero agás nos anos 20 (106.000 retornados) e a finais de século (apenas 25.500), nunca foi en gran cantidade.
  Con todo, ata os 50, Galicia aumentou en 620.000 habitantes grazas a unha alta natalidade (propia do 3º mundo) superior sempre ao 22(era de case 33‰ a principios de século).
  A caída da natalidade e o repunte migratorio fixeron que o aumento se estancase e a poboación envellecese. Se en 1900 os menores de 16 anos eran o 36%, no 2000 pasaron a ser o 13%, e os maiores de 65 anos pasaron dun modesto 6,5% ao 20%.
  Desde 1990 Galicia xa non é que medrara pouco, é que directamente perdeu poboación. Dos 2,76 millóns pasamos no ano 2000 a 2,74 millóns de habitantes, o 6,7% do total español.


COMARCA DE ORDES
  A comarca seguiu un pouco a mesma senda de Galicia. Comezamos o século con case 30.200 habitantes (o 1,5% de Galicia). A pesar da emigración, a alta natalidade fixo que a poboación subira, especialmente dos anos 20 aos 40 (case 10.000 persoas máis). Dos 40 aos 60 a subida aínda é forte, superior á media galega. Os 46.200 habitantes do ano 1960 (1,76% de Galicia) son o noso tope.
  Desde ese momento comenza un forte descenso coa emigración ás cidades e a Europa que é menos pronunciado a partir dos anos 70 pero que non se detén. A comarca tamén ten trasvases internos: Ordes e Oroso (en menor medida) medran porque absorben xente dos outros concellos.
  Se Galicia perdeu peso demográfico con respecto a España, a comarca tamén o perdeu con respecto a Galicia: de ser o 1,5% en 1990, os 38.000 habitantes do ano 2000 pasaron a ser o 1,38% do total galego. 

viernes, 6 de enero de 2017

El Terruño


  Nace en Ordes en outubro de 1903 con frecuencia semanal. O seu subtítulo era Ecos y canglores de la Montaña (supoño que "canglores" é un erro e que querían poñer "clangores" -redobres de tambor-) e no interior declarábase Semanario Político de Órdenes.
  Imprimíase nos obradoiros de El Eco de de Santiago e, a partir do Nº 9, nunha tipográfica do Toural. Era un prego dobrado (catro páxinas) que custaba 10 céntimos e saía os sábados.

  A liña editorial mesturaba crítica e sátira. A súa principal obsesión era o caciquismo. Deste xeito arremetía en numerosas ocasións (ás veces cunha enorme agresividade verbal) contra o cacique local Saturnino Aller e membros de coñecidas familias que ostentaban o poder político naqueles anos. 
  A dureza dos termos quedaba enmascarada polo humor. Poemas, panxoliñas, uso do latín macarrónico ... servían para adornar unha mensaxe corrosiva ata para os tempos actuais.  
  Aínda que tamén aparecían noticias, a maior parte de El Terruño estaba ocupada por artigos de opinión, moitos escritos polo director. Este personaxe, descoñecido para nós, conservador e xermanófilo, levaba o peso do xornal, pero tiña colaboradores tan populares como Heraclio Lacer ou o famoso xornalista ordense Vicente Carnota, cuñado de Antonio del Río (declarado inimigo político de Saturnino Aller, polo que moitos sospeitaban que era el o responsable da aparición do xornal).
  Tamén estaban Cuco Rouco, correspondente en Mesía, e Chaparro que dedicaba longas misivas ás "recuas municipales", ademais de artigos asinados por "X" ou "M". Non se pode descartar que algúns destes escritores fosen un alter ego do director (ou de Carnota) e non existisen na realidade.
    Como curiosidade, no Nº 3 (24 de outubro) aparecen as relacións de intercambio entre El Terruño e outros xornais da época: El Noroeste, La Tierra Gallega e Revista de Galicia de Coruña; El Áncora e Correspondencia Gallega de Pontevedra; El País de las Rías de Vilagarcía de Arousa; El Demócrata de Caldas de Reis e El Eco de Mugía.

  El Terruño foi o último xornal "profesional" de Ordes e un dos máis recordados. Non volveu haber ningunha publicación na comarca ata os anos 70 en que a Asociación Cultural "O Terruño", denominada así precisamente polo antigo xornal, sacou unha revista que durou poucos números. Logo outras asociacións ou partidos tamén editaron revistas pero sen continuidade.

domingo, 1 de enero de 2017

A familia del Río (farmacia)

  Xa temos comentado que a familia del Río Castro foi moi importante no Ordes do século XIX: Antonio del Río y Castro foi deputado provincial polo distrito e o seu irmán Ángel José alcalde do concello. 

  Do matrimonio de Ángel (1842-1897) e Josefa Boo Conde (m. 1932) naceu Manuela del Río Boo (m. 1948) que foi mestra. Casou cun dos seus antigos alumnos, Ricardo Rama Blanco (tamén mestre) e morreu sen fillos. Ricardo casou logo coa tamén mestra Belia Ángela Fernández Fuentes, irmá do párroco, e tiveron un único fillo: Ricardo.
  Outro dos irmáns máis novos, Higinio del Rio y Castro (1852-1917), foi médico e chegou a ser director do Hospital de leprosos que había en San Lázaro (Santiago). Casou cunha dama da boa sociedade compostelá chamada Luisa Seoane Castrillón (m.1930) e tiveron tres fillos: Elena, Manuel e Santiago.

  Este último, Santiago del Río Seoane, estudou farmacia e montou unha en Ponte Ulla pero namorado de Josefina Carballido Pol, fermosa moza ordense de distinguida familia -filla do farmacéutico José Mª Carballido (1854-1919), propietario da farmacia de arriba, e de Sofía Pol (sendo neta por tanto do notario Florencio Pol)-, veu a Ordes e casou con ela en setembro de 1912.
  Santiago foi un personaxe importante na vila de Ordes. No só foi farmacéutico, tamén foi  propietario e chegou a ser alcalde a principios da ditadura de Primo de Rivera, cargo que deixou en decembro de 1924 por non ser compatible co de inspector municipal e xefe do laboratorio químico.
  Durante a súa alcaldía o feito máis sobranceiro foi a creación da Rúa Directorio (hoxe Rosalía Castro). O procurador e futuro alcalde Manuel García Rivas e el mesmo pagaron do seu peto as expropiacións para a nova rúa. Este acto non é tan altruista como parece porque el era propietario de gran parte dos terreos (a zona norte).
  Morreu dous anos despois, en novembro de 1926 e o seu enterro foi unha gran manifestación de dó. A súa viúva deixou naqueles momentos a farmacia nas mans da licenciada María Ramos Gómez.

  O matrimonio só tivo fillas, concretamente seis: Luisa, Elena, Sofía, Mª Josefa, Blanca e Mercedes. Delas, Elena (m.1998) e Mª Josefa Maruja (m.1991), que sería a titular da farmacia desde 1947, permaneceron solteiras.
  Mª Luisa (m.2012) casou en 1941 con Valentín Beltrán Gudiel (m. 1976), un dos moitos gardas civís noviños que chegaron ás vilas con cuartel para reforzar a loita contra os foucellas, e que en Ordes eran alcumados "jaimitos". O seu único fillo, Santiago, morreu moi novo en 1963.
  Sofía (m.1996) casou co avogado Jaime Concheiro Iglesias (m. 1945), un dos varios irmáns do alcalde Antonio Concheiro, co que tivo un só fillo, Jaime.
  Blanca Margarita casou co tenente da Garda Civil Rafael Serrano Valls (fillo do tenente xeneral Serrano Montaner) e marcharon da vila cando el foi trasladado. Tiveron catro fillos: Rafael, Alberto, José e Jaime.
  Mercedes (m.2016) casou co veterinario Pedro Carrasco Arroyo (1927-2011) e tivo tres fillos: Mercedes (m.2022), Mª José  Maco e Pedro.

   Pedro Carrasco del Río estudou farmacia e foi o último titular da familia ata que a traspasou a Divina Pájaro Lago. Tamén foi concelleiro polo PP (mesmo soou como cabeza de partido en 2008) pero renunciou ao cargo en 2012.