jueves, 1 de diciembre de 2016

Campo de fútbol Vista Alegre

  O primeiro campo de fútbol que se usou na vila estaba no Laranxal, no que hoxe é a zona sur do cemiterio vello. Os primeiros partidos xogáronse na década dos 20. Logo usouse outro na estrada do Casal, ao lado da casa de Xende. Durante os anos 30 e 40 os diversos equipos afeccionados de Ordes xogaron neses lugares.
  Posteriormente, a finais dos 40, usouse un campo no lugar da Pinguela a carón do río Cabrón. Por certo que por alí tamén estaba o lugar chamado Maribalda, onde se ían bañar moitos rapaces da vila e dos arredores.

 
  Nos anos 50 decidiuse construír un campo de nivel e fíxose en Vista Alegre. Como curiosidade, ao lado estaba a chousa de Juanito de Lopas que tiña fama de ser un lugar encantado onde aparecía a estadea. En realidade o seu fillo maior, Alfonso Ruibal (alcumado o Canaima), logo emigrado a Uruguay, era un bromista que se dedicaba a disfrazarse cunha saba e poñer medo aos paseantes nocturnos.

 A corporación concedeu 200.000 pesetas da época e as obras do novo campo empezaron no ano 1952. No ano 1953 o campo xa estaba operativo aínda que sen rematar a tribuna cuberta para 300 persoas.
  Foi inaugurado (aínda en obras) o 15 de agosto de 1953, durante as festas patronais, cun partido contra o Bergantiños FC de Carballo que rematou 4-0 e que lle valeu ao Órdenes FC o 2º torneo "Viriato" (o industrial doaba o trofeo). Ao día seguinte o equipo derrotou ao Arzúa FC por 2-1 e gañou outro trofeo doado pola Casa Monplet. Destacou naquel equipo, dirixido polo adestrador Ignacio Castro Ramos, o xogador do Vista Alegre compostelán Chispa (Carlos Rodríguez Martínez).
 
  O primeiro partido oficial, non obstante, tivo lugar o domingo 6 de decembro de 1953 con bendición incluída do párroco D. Joaquín Andrade Orza. O Ordes empatou co Astano 1-1. Xogaron naquel partido Milucho, Janito, Nando, Vila, Astray, Cuca, Félix, Merrellas, Moncho, Álvarez e Toniño. O presidente do club era Antonio Concheiro.

  Dende a súa construción concitou a xeral admiración. O xornalista Henry que comentou o partido Ordes - Fabril en marzo de 1954 escribiu:
  Lo que nos impresionó fue ver el campo -recién construido- que aparte de su belleza como recinto deportivo, tiene un césped en unas condiciones maravillosas, pues a pesar de las lluvias no tiene un charco ni hay barro ni nada por el estilo. Una obra perfectamente hecha que es motivo de orgullo y satisfacción por parte de toda esa entusiástica y dinámica afición de Órdenes... Y no solo se ha logrado un rectángulo de juego -superior a cualquiera de Galicia- sino que los vestuarios son sencillamente magníficos, incluso superiores a muchos de Primera División Nacional. Una obra de gran envergadura lo que el municipio y el pueblo de Órdenes han llevado a cabo.

  Ao mesmo tempo naceu o equipo federado da SD Órdenes. Foi unha época dourada porque os equipos fortes de Coruña e Santiago cedían ás súas promesa para que se foguearan en Ordes e xa no 1956 acadouse o gran logro de subir á terceira división. Logo o equipo pasou épocas mellores e outras peores pero nunca chegou tan alto.
  O campo foi pisado por centos de xogadores. Mesmo o gran Amancio Amaro xa retirado xogou un partido de veteranos nel. Tamén nos anos 80, o Sevilla FC nunha pretempada que se aloxou no hotel "Os Carballos" empregouno para adestrar. Posiblemente na idea de vir a esta zona tivese influencia o betanceiro Paco Buyo, entón porteiro dese equipo.


  O campo mantívose máis ou menos igual durante case 30 anos. No ano 1982 foi posto a punto para ser sede do "Mundialito da Emigración". Xa no ano 2009, sendo alcalde Manuel Regos Boquete e concelleiro de Urbanismo e Obras Roberto J. González Santos, comezou a construción do que se chama agora "Cidade deportiva Vista Alegre", un complexo de 20.000 m2 que inclúe pistas de atletismo, dous campos de herba natural, un de herba artificial, outro para os nenos, vestiarios, bancadas renovadas e unha cafetería con vistas aos tres campos. As obras remataron en marzo de 2011.

No hay comentarios:

Publicar un comentario