O sábado 11
de setembro de 1954 entrou pola mañá na catedral a peregrinación conxunta
dos arciprestados de Berreo de Arriba e de Abaixo. A afluencia foi
extraordinaria, calculándose o seu número en 3.500 peregrinos.
O estandarte do grupo de mulleres do
Arciprestado de Berreo de Arriba foi portado por dona Ángela Stolle Ramos
(esposa do alcalde Juan Liñares), recollendo as cintas dona Clara Rivas
de Astray e a señorita Piedad Carnota*. O dos homes foi
portado polo xuíz de Instrucción Alfonso
de Navascués y de Pablos [moitas veces o seu apelido aparece escrito "Navasqüés"], recollendo as cintas o
notario de Ordes Alfonso Leirós Fernández e o rexistrador da propiedade
tamén de Ordes Emilio
Durán Corsanego.
O estandarte dos homes do arciprestado de
Berreo de Abaixo levouno o alcalde de Trazo.
Participaron na comitiva os compoñentes dos
concellos de ambos os dous arciprestados cos seus respectivos alcaldes,
presidindo o de Trazo o primeiro tenente de alcalde. Tamén ían na presidencia
os arciprestes señores D. Joaquín
Andrade Orza e D. Jesús Sánchez Verdeal (1905-1959), párroco de Numide e
Parada, coas representacións da Arquiconfraría do Apóstolo e Xunta do Ano
Santo, o concelleiro santiagués, señor López de Riego, e o arcipreste do Xiro
da Cidade, señor Louro.
Antes da misa o arcipreste Andrade Orza, que
fora profesor do Seminario Conciliar de Santiago, presentou a ofrenda ao
Apóstolo recibida polo señor cardeal, dando lectura a unha magnífica
invocación. O doutor Quiroga Palacios
contestou á invocación cunha alocución na que felicitou aos peregrinos por
render homenaxe ao santo Apóstolo, exhortándolles a manterse firmes nestas
manifestacións católicas.
Non faltou logo a habitual foto nas
escaleiras da praza da Quintana.
Os peregrinos animaron coa súa presenza as
rúas compostelás e á tardiña iniciaron o regreso en tren ou autobús ás súas
casas gratamente impresionados da xornada xacobea que viviron en Santiago.
* Piedad Carnota Soto, filla do procurador
José Carnota (irmán do xornalista Vicente Carnota) e da mestra Juana Soto Menlle doña Juanita, era a presidenta da Congregación das Fillas de María e vivía
onde agora están a xestoría Cristín e o Mira. Morrería só 7 meses despois, o 9
de abril de 1955.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario