domingo, 22 de mayo de 2016

Toponimia da comarca

CERCEDA, segundo Cabeza Quiles, provén de cereceta, abundancial en -eta de cerasus (cerdeira). Por tanto, significaría "lugar plantado de cerdeiras". Para Gonzalo Navaza, en cambio, provén de cercêta (variante de quercêta), colectivo derivado de quercus "carballo".
As Encrobas está relacionado coa palabra gótica groba (fondal, depresión). De feito esta parroquia é un gran fondal.
Rodís viría de *(villa) Roderici, unha explotación agrícola medieval "vila de Rodericus -Rodrigo-". Como moitos destes topónimos primeiro remataría en "iz" para logo evolucionar a "is".
A Silva ven do latín silva (selva, bosque). Aínda que en galego actual silva é o nome dunha planta, o topónimo máis ben significaría "lugar cheo de maleza".
Xesteda é, obviamente, "lugar poboado de xestas".
FRADES provén da palabra latina fratre (irmán). Por tanto, "lugar onde hai monxes".
Añá viría dunha *(villa) Aniana, é dicir "vila de Anius".
Céltigos significa "célticos".
Gafoi podería vir de *(villa) Gafoi (gab +oi). A partícula gab significa "rico" e forma parte do nome xermánico Gabila "próspero".
Galegos sería un topónimo que se contrapoñía ao doutro lugar próximo (Céltigos?) para resaltar a antiga orixe dos seus habitantes.
Mesos posiblemente signifique "lugar alto e chan".
Moar viría de *(villa) Modarii, propiedade dun tal Modarius, nome xermánico composto de mod "coraxe, valor" e hari "exército, hoste".
Vitre podería vir de*(villa) Vitri, é dicir "vila de Vitrus", nome composto da forma withr "opoñente, contrario".
MESÍA. Aínda que non atopei referencias, penso que tanto Mesía como Mesos, lugar de Frades, ambos sitios altos e chans, poderían vir da palabra meso (banco de tres patas) ou mesa na súa acepción xeográfica de "meseta".
Bascoi viría dunha *(villa) Velasconi, é dicir "vila de Velasco".
Castro ven do latín castru "asentamento fortificado", palabra que debeu substituír ao céltico brig "altura fortificada".
Lanzá podería vir dunha *(villa) Lantiana, ou sexa "vila de Lantius".
Xanceda, a pesar do que poidera parecer non ten que ver co nome Xoán. Segundo Manuel Ferreiro o topónimo, que transformou un "S" en "X", viría de saliceta, abundancial de salicem (lugar abondoso en salgueiros).
OROSO procede probablemente dunha base pre-romana or ou oro (monte, altura, sitio costento) relacionada tamén co grego óros (monte, altura). Sería por tanto "lugar alto".  Paulo Martínez Lema propón o significado "hedroso, lugar con moita hedra".
Calvente procedería dunha *(villa) Calventii, pertencente a un tal Calventius.
Cardama quizais teña relación coa partícula xermánica karth "carruaxe".
Senra podería vir da palabra céltica senara (campo labrado) que posteriormente se aplicou a "campo de cereais".
Sigüeiro ven do latín Ponte Sequarii -verbo sequor- (ponte seguinte ou ponte secundaria).
Vilarromariz procede de *(villa) Romarici, é dicir "vila de Romaricus".
TORDOIA podería vir, segundo Moralejo, dunha antiga Turodobriga, coa forma céltica briga (altura fortificada, castro, fortaleza).
Anxeriz sería antes *(villa) Anserici, é dicir "vila de Ansericus", nome xermánico.
Cabaleiros procede do latín vulgar caballus (cabalo). Pero non se refire ao seu xinete senón a pedras cabalares, é dicir a un "lugar onde hai pedras cabalares, dolmens" como efectivamente sucede aquí.
Castenda sería lugar abundante en castiñeiros.
Gorgullos, parroquia sucada por varios ríos dos que as súas augas inquedas producen innumerable gurgullos, borbollóns ou burbullas. Este topónimo aparece como "Sca Eolalia de Gorgolis" nun escrito do ano 1228.
Numide podería vir dunha *(villa) Numitii -"vila de Numitius".
Leobalde viría dunha *(villa) Leovaldi -de Leovaldus, nome composto das partículas leov e walth "príncipe amado"-.
TRAZO procede probablemente de Taracio ou Toracio, nomes que levan as partículas pre-romanas tara ou tor (altura rochosa).
Berreo podería vir da partícula pre-latina berr "lugar húmido".
Restande sería unha *(villa) Restenandi -de Restenandus, nome composto de rest "resucitar, restaurar" e nanth "valor, coraxe"-.
Vilouchada procede do latín villa ustulata (vila ou aldea queimada). De feito podemos ler nun documento do ano 947 "...uilla quam dicunt ostulata".
Xavestre viría de *(villa) Labestri, ou sexa "vila de Labestre", nome formado polas partículas xermánicas geb "regalo, presente" e wistr "oeste, occidente".
FONTE: "Topónimos de Galicia"  de Fernando Cabeza Quiles, Cossue e outros.

Para profundar na toponimia da comarca, é recomendable ALDEIAS de ORDES, blogue de Carlos Calvo Varela.

sábado, 21 de mayo de 2016

Estorniños en Ordes

  Moitos ordenses recordarán aquelas tardes de finais do verán cando se vían enormes bandadas de paxaros nos ceos da vila. Esas nubes negras que de súpeto cada poucos segundos cambiaban de forma e dirección de xeito aparentemente aleatorio son uns dos espectáculos máis impresionantes e entretidos que pode ofrecer a natureza.

  Non obstante non todo é bonito: tamén trae aparellado indisolublemente uns niveis de ruído tan altos que poden chegar a ser intolerables, sobre todo se se prolongan durante a noite, e enormes cantidades de excrementos nos lugares onde repousan estes paxaros.

Quen era o responsable?  
  O estorniño, ou mellor dito os estorniños, porque hai dúas especies moi parecidas: o pinto (europeo) e o negro (exclusivo de España). É un paxaro de cabeza pequena, pico cónico, amarelo, corpo esvelto con plumaxe negra de reflexos verdes e morados e pintas brancas, ás e cola longas e pés avermellados. Mide uns 22 cm desde o peteiro ata o extremo da cola, e 35 de envergadura. Esta ave tan familiar vive en bandadas e aliméntase no chan, metendo o pico entre a herba para localizar insectos e miñocas.
  Son aves omnívoras que se alimentan de invertebrados e froitas. Durante a primavera e o verán a súa alimentación baséase nos invertebrados que poden atopar en campos, bosques e xardíns, o que contribúe ao control de pragas nos cultivos polo que en Centroeuropa é unha ave moi consentida e a súa nidificación é alentada con gran cantidade de caixas-niño.

  A migración do estorniño prodúcese en dúas etapas: a finais de verán as aves desprázanse un pouco cara ao sur da súa distribución estival, cara a uns puntos chamados cuarteis de final de verán; desde estes puntos inician posteriormente a verdadeira migración invernal que os trae ás nosas latitudes.
  O seu lugar preferido en Ordes eran os plátanos da alameda e os do parque Félix Rodríguez de la Fuente. O problema chegou a ser tan grave que no ano 2008 o concello encargou un estudo ao enxeñeiro técnico agrícola Miquel Cols i Obradors e ao biólogo Josep Costa i Fernández. Dito estudo concluíu que había case 108.000 estorniños! neses dous lugares. Para que vos fagades unha idea, tendo en conta que cada estorniño pesa uns 80 gramos, habería uns 8.600 kg (como 86 porcos de bo tamaño) en total.
  Para a súa eliminación usouse un equipo de reprodución de sons, "mesturando berros de alarma do estorniño con berros de aves rapaces e córvidos" e con 80 vatios de potencia. A instalación empezou a funcionar o día 14 de febreiro e pouco a pouco os estorniños foron marchando.
  Durante anos non volveron á vila, non obstante co paso do tempo foron vistos algunha outra vez, por exemplo no ano 2021 e 2022 apareceron de novo e houbo que volver a poñer en funcionamento o equipo de son.

sábado, 14 de mayo de 2016

O Río Cabrón

  Se temos que falar do río ordense por excelencia, ese é o Cabrón. De feito 10 das 13 parroquias ordenses aportan auga á súa cunca. Só Lesta, Vilamaior e Beán desaugan noutros ríos (directamente no Lengüelle, ou no Samo).


  O río Cabrón nace na parroquia de Ardemil, preto da Salgueira, cruza a N-550 e discorre  paralelo a esta cara ao sur durante pouco máis de 11 km. Volverá a cruzala ao lado do "Marisans" (A casa da Pradera) en dirección ao Lengüelle onde desembocará case 4 km despois, preto da estación ferroviaria de Fosado. A súa lonxitude total é duns 17 Km.

  Pola esquerda (leste) ten dous afluentes importantes, o rego do Cabo que nace preto de Faramilláns (Buscás) e o rego da Ponte Ribeira que baña as parroquias de Poulo e Pereira.
  Pola dereita ten outros dous, o regato Mercurín ou rego da Fraga (o que pasa pola vila de Ordes) e o rego do Balado que tamén aporta as augas do rego de Cestaños.
 

  Unha anécdota curiosa é que nos últimos anos está medrando o número de persoas (especialmente en Ordes) que cren que o río Cabrón é o que pasa pola vila. Idea á que puido contribuír este artístico (pero errado) cartel que había a carón da ponte do Recreo.

  Se mirades o mapa, podedes constatar que o río que pasa pola vila é o que nace na parroquia de Mercurín e que preto de Ordes sempre se lle chamou rego da Fraga ou río da Braña e tamén -sobre todo nos anos 80- río Mirón. O río Cabrón é o que na vila se coñece como río de Buscás.


  Outra anécdota, esta máis tráxica, é que o lugar por onde cruza a N-550 é un punto negro. En xaneiro de 1972 morreron dous mozos de Parada e Mercurín. En abril de 1993 pasoulles o mesmo a dous mozos da vila. O último accidente, en marzo de 2016, sufríuno un rumano de 35 anos, Catalin Onofrei, que rematou a súa vida nas frías augas do noso río.
  En 2017, Hipólito Juncal, un veciño de Guindibóo de 65 anos, tamén foi atopado flotando no río, pero neste caso saíra pasear a pé, sen coche de por medio.

viernes, 13 de mayo de 2016

Manuel Candal Candal

  Naceu en Leira nos duros anos 30, concretamente o 4 de agosto de 1935. Cando era aínda novo perdeu o brazo dereito nun accidente agrícola. Esta desgraza que lle valeu o alcume de "o manco de Gouzón" tamén tivo o seu lado positivo porque, imposibilitado para traballar, acadou a oportunidade, rara naquela época, de estudar.

  Pero aínda que nunca perdeu de todo o contacto con Ordes, a maior parte da súa vida desenvolveuse no pequeno concello de Vilamartín de Valdeorras onde casou con Julia Jarrín Matía coa que tivo dous fillos: Mª Jesús e Ignacio.

  Chegou alí en 1956 con 21 anos e en xullo do 1957 comezou a exercer de secretario na Irmandade Sindical de labradores e gandeiros do concello. En 1972, época pre-democrática, aos 37 anos, alcanzou a alcaldía por 1ª vez e xa non a soltou en 36 anos!
  Foi un deses políticos de raza que non prestaba moita atención ás siglas. Nas primeiras eleccións municipais de 1979 era candidato pola UCD. Nas de 1983 por Coalición Galega. Logo, en 1987 pasouse a Alianza Popular (futuro PP).
  E así ata o ano 2008. Nese momento era o alcalde máis lonxevo cando chegou o fin, pero non foi derrotado pola oposición senón, coma un novo rei Lear, por unha rebelión de concelleiros do seu partido encabezados pola súa propia filla: Mª Jesús Candal!
  Parece que as presións do seu amigo Baltar foron as que o convenceron para dimitir pero non sen antes lanzar perlas como: "Mi hija no será una buena alcaldesa. Quien haría un buen alcalde es mi hijo, porque tiene peso y es muy servicial".  Ou tamén: "La idelogía es un cuento (...) En las próximas elecciones hay que apostar por Rosa Díez, que es muy valiente, o por el BNG".
  Como todo bo político foi denunciado por prevaricación urbanística, cousa que non parece que lle preocupara moito.
  O 11 de novembro do 2009 morreu dun infarto. O seu enterro foi unha gran manifestación de dó con 600 veciños ovacionándoo. Foi nomeado "Alcalde de honra" e "Fillo adoptivo" de Vilamartín polos mesmos que o botaron un ano antes. 
  Sic transit gloria mundi. Aquí tedes un vídeo onde podedes escoitalo cando tivo que dimitir.
 

sábado, 7 de mayo de 2016

O Encoro de Vilasenín


  O encoro de San Cosmade ou Vilasenín construíuse no ano 1979 para abastecer de auga á Central Térmica de Meirama. Aliméntase dos regatos Fonte de Pedra e Uceira.
  A presa é de gravidade, de 18 metros de altura sobre o leito do río. O volume teórico do encoro é de 1,4 hm3 e a superficie de 38 hectáreas. A profundidade máxima teórica (nas proximidades da presa) é de 12 metros e a media de 3,6 metros. Con todo, estas cantidades poderían ser menores por aterramento. A cubeta do encoro é moi aberta cos noiros de moi escasa pendente. Tanto nas beiras como no fondo dominan os limos. As achegas naturais da conca a este encoro son escasas (da orde de 250 l/s), pero son suplementadas cos caudais bombeados desde a estación de Vilagudín na estación seca. Na foto de abaixo podedes ver a canle por onde se travasa a auga.
  A taxa de renovación do encoro é elevada: complétase xeralmente entre un e dous meses, o que limita o desenvolvemento algal, mantendo as augas razoablemente limpas.
  Tanto este encoro como o de Vilagudín, construído pouco despois, son un refuxio para numerosas aves. Pica nesta ligazón se che interesa o tema:

 

viernes, 6 de mayo de 2016

Nicolás del Río Castelo

  Nicolás del Río naceu en Santiago o 1 de agosto de 1874. Era un dos sete fillos de José Ramón del Río Correa, xastre cortador no Hospicio Compostelán, e de Jacoba Castelo García, pais que lograron a base de sacrificios que estudaran todos os seus fillos. 
  Nicolás cursou varios anos no seminario, pero aínda que ao longo de toda a súa vida sería profundamente relixioso, non tiña vocación sacerdotal, así que abandonouno e comezou novos estudos na Facultade de Medicina. Tampouco lle gustou e deixouna a pesar do desgusto dos seus pais. Rematou por estudar Maxisterio que lle resultou moi doado e realizou as prácticas docentes en Sada onde coñeceu á súa muller, Dolores Barros Barbeito, con quen tería 8 fillos (máis 6, mortos prematuramente).
 
  Pasou de Sada a Laza, que permutou por Cedeira. Alí botou un total de 18 anos (de 1898 a 1916). Nalgúns cursos chegou a ter ata 100 rapaces. Para redondear o escaso soldo tiña que dar pasantías. Coa intención de que os seus fillos tivesen a opción de estudar en Santiago marchou de Cedeira e veu a Ordes.

  En Ordes botou dando clase 28 anos (de 1916 a 1944). Instalouse nunha casa na "Calle Real" -onde hoxe está Gadis, pero máis lonxe da estrada- e comezou a dar clases de primaria nunha casa que hoxe é o edificio Nº 67 da Rúa Alfonso Senra. A esas clases engadía un lote de horas de pasantías. Polas súas mans pasaron varias xeracións de varóns ordenses que sempre o recordaron con agarimo.
  De paso tamén tivo tempo para ser concelleiro, tenente de alcalde, corresponsal en Ordes do xornal El Compostelano, militante na Unión Patriótica (o partido que apoiaba ao dictador Primo de Rivera) e, despois da guerra, ser inevitablemente xefe da Falange Tradicionalista y de las JONS en Ordes.
  Desde a súa xubilación botou 4 anos máis na vila pero no verán de 1948 mudouse a Sada, enfermo, para ser coidado por un fillo. Só viviu ata o 11 de setembro dese mesmo ano.
 
  Don Nicolas foi o mestre máis notable que tivo Ordes. Os seus ex-alumnos, encabezados por Manuel Astray Rivas, sempre lle quixeron render homenaxe. No ano 1979 lograron que a principal rúa do barrio do Paraíso (onde están o CEIP Castelao e o IES Nº1) levase o nome do seu admirado mestre. Tamén a vila de Cedeira o honrou poñendo o seu nome ao colexio de primaria.


  A maioría dos seus fillos (Mª Carmen, Dolores, Nicolás, José Ramón...) seguiron os seus pasos e foron mestres.
  Quizais a de vida máis interesante foi Mª Carmen del Río Barros (1901-2005) que naceu en Sada pero pasou a súa infancia en Cedeira. Aos 14 anos rompeu unha cadeira, problema que a martirizou na vellez. Chegou a Ordes con 15 anos e participou na vida local xunto a outras mozas da boa sociedade. Cando se converteu en mestra comezou a súa vida laboral que incluíu ser profesora do orfanato de Pontedeume e delegada da sección feminina da Falange. Casou pero non tivo fillos, cousa que non lamentaba polo temor a que herdaran a esquizofrenia do seu marido (que morreu internado nun sanatorio mental). O seu último destino foi o colexio da Silva. Logo residiu sempre na Coruña. A pesar dos seus achaques chegou a centenaria. 
FONTES: Obradoiro da Historia, El Compostelano, La Voz de Galicia.

* Non debemos confundir a Nicolás del Río -mestre en Cedeira e Ordes- con Nicolás María del Río, un poderoso banqueiro e navieiro coruñés, morto en 1892, que foi diputado polo distrito de Ordes no periodo 1879-81.

miércoles, 4 de mayo de 2016

Mapa da comarca de Ordes

  Velaquí uns sinxelos mapas: un físico e outro que inclúe as principais vilas. De propina, un gif animado. Como sempre, para ver os mapas máis grandes, preme neles.

COMARCA DE ORDES
Extensión: 755,71 km2
Expl. Gando bovino: 1.703 (2018)
PIB/hab: 22.634 € (2016)
Renda bruta: 12.255 € (2016)
Poboación: 36.237 (2020)
Pob. relativa: 47,9 hab/km2  (2020)
Natalidade: 7,29 ‰ (2017)
Mortalidade: 12,28 ‰ (2017)
Parados: 1.631 (2018)
Alumnado ata ESO: 3.550 (2019)
Empresas: 4.313 (2018)
+ de 20 empregados: 48
+ de 50 empregados: 14
De 100 a 250: 4

martes, 3 de mayo de 2016

A Estación da Pontraga


  A antiga estación de Ordes - A Pontraga (Parada), no trazado orixinal da liña Zamora-A Coruña, data de principios dos anos 30. Sabemos que xa estaba construída en 1935 porque en setembro dese ano a unha excursión de notables serviúselles un banquete nela. Por certo que a empresa encargada do xantar foi a "Fonda Mariño".
  O edificio principal foi obra do arquitecto vasco Ramón Cortázar de Urruzola, que tamén proxectou outros edificios como a Casa do Concello de Eibar, o Palacio de Belas Artes de San Sebastián ou a Caixa de Aforros de Zaragoza.
  Está inspirado na tradición construtiva vasca. Destacan sobre todo a alternancia de arcos de ferradura e apuntados nas portas da planta baixa, os arcos apuntados das fiestras da 1ª planta e os falsos armazóns de madeira na fachada. O tellado é a catro augas con pináculos de adorno nas esquinas.

  Un bonito edificio pero que non lle custou ningún esforzo ao arquitecto porque simplemente “fusilou” un traballo seu anterior. Copiou de forma case total a estación de Azpeitia (Guipúscoa), edificio que hoxe alberga o Museo do Ferrocarril. Nas fotos seguintes podedes comprobar o parecido.


  A estación da Pontraga nunca tivo un gran tráfico de persoas por estar tan lonxe da vila, aínda que había autobuses da empresa Rogelio para levar os pasaxeiros e o correo ata Ordes (de feito Rogelio morreu nun accidente nese traxecto no ano 1966). Pouco a pouco foi esmorecendo e quedou case sen uso.
 

  A construción da nova liña deixouna definitivamente fóra de xogo. Posteriormente toda a área foi restaurada quedando un bonito lugar para gozar dun paseo á beira do río Lengüelle.