sábado, 29 de febrero de 2020

Problemas de impostos

  En marzo de 1932 Facenda desestimou un imposto sobre viños que impuxera a Corporación de Ordes e que, obviamente, amolara aos comerciantes. Velaquí unha carta enviada por un deles ao xornal La Voz de Galicia e publicada o 12 de marzo.

LA JUSTICIA SE IMPONE. -A MODO DE COMUNICADO
Tiempo era que los caciques se den cuenta de que con el gobierno de la República no pueden triunfar sus anticuados métodos y caprichos, vulnerando y conculcando las leyes en perjuicio de los sufridos vecinos de esta villa.
  Nadie ignora en este término municipal cuales son los "señores" que a voluntad y en todo momento que deseaban hacer sentir al pueblo su mentido poderío, lanzaban contra el contribuyente sus iras. Pero, para que tras las fronteras de este municipio haya alguien que no conociese estos atropellos, daremos cuenta del intento de uno que no pudo prosperar porque la justicia se impuso y que pasamos a detallar.
  La Corporación municipal, queriendo hacer uso de tal cacareado recurso de enchufismo, inventó tres clases de empleados, denominados gestor y agentes del arbitrio de vinos para la exacción del mismo con el sueldo de cinco mil pesetas, que entraron en el ejercicio al día 1 de enero del año actual, y a los que, sin otros requisitos legales se les dotó con flamantes gorras de plato en cuyas frontes campeaban las iniciales A. M., sinónimas de "Arbitrio Muerto", como precursoras de lo que había de suceder. Y decimos que tales nombramientos fueron tres improvisaciones por cuanto el gestor es hermanos del segundo teniente de alcalde; uno de los agentes, hijo de un concejal y el otro jardinero del padre del alcalde*. Nada hablamos hoy de incompatibilidades que reservamos para otro artículo.
  Ahora bien ¿de dónde iban a salir las pesetas para el pago de estos tres cargos? La Corporación, previsora siempre y contando con los notables recursos del asesor no halló mejor medio que poner en práctica el único capaz y seguro de aniquilar al comercio de esta villa. Así que para ello en el presupuesto que confeccionó para el año actual, la consignación de 2.000 pesetas que como ingreso venían figurando como producto de arbitrios sobre introducción y consumo de vinos la eleva a la exorbitante suma de 12.000 pesetas. Se produce, pues, un aumento de 10.000 pesetas sin base ni fundamento legal, con grave daño para el comercio de Órdenes.
  Los caciques, como al principio decimos, no se dieron cuenta de que todo el pueblo cansado de sufrir (pues son siempre los mismos perros con distintos collares, ya que tan pronto son de la dictadura como republicanos) llega a romper las cadenas, y, con la justicia por bandera, hacer valer y respetar sus derechos. Así ocurre que, ante el insólito caso del aumento del citado arbitrio, varios industriales, amantes y defensores de los intereses del vecindario, que son los suyos, produjeron fundada reclamación ante el digno señor delegado de Hacienda, que estimándola justa y legal la resolvió en sentido favorable para el comercio de Órdenes, demostrando con su justiciero fallo a nuestros ediles que el absolutismo ha desaparecido y la justicia hay que acatarla.
  Repetidas veces hemos oído decir al cacique máximo:
-Mi misión está por terminar; mi misión termina con este o con el otro asunto.
  ¿Será esta la cierta? Aproveche la propicia ocasión que este asunto le da: dimita y dedíquese al ejercicio de la profesión y tal vez será más útil a la humanidad.
Un industrial suscriptor

* O alcalde desde 1931 era o médico Antonio Concheiro Iglesias. O seu pai era Antonio Concheiro Rodríguez, tamén médico.

martes, 25 de febrero de 2020

Mapa de mortalidade

  En febreiro de 2020 saiu á luz o Atlas Nacional de Mortalidad en España realizado a partir dos datos de case 10 millóns de falecementos entre 1989 e 2014, obtidos do Instituto Nacional de Estadística (INE).
  Aquí podedes ver o MAPA que saiu na versión web do xornal EL PAÍS.

  O resultado principal é unha estimación do risco de morte estandarizada e suavizada para 75 causas das 102 que tabula o INE (non se consideran aquelas para as que constan menos de 10.000 defuncións). A estimación axústase pola idade dos habitantes da localidade, para evitar que a mortalidade pareza máis alta onde a xente é maior. Ademais, para estimar o risco de cada municipio e causa, emprégase unha modelización espacial que asume que zonas próximas pareceranse máis entre si que as distantes.
  De cada causa e cada municipio repórtanse tres datos: a razón de mortalidade estandarizada e os valores mínimos e máximos que definen o seu intervalo de confianza ao 95%. No mapa, aparecen de cor vermella só as causas que teñen un risco polo menos un 5% superior ao esperado (con ese nivel de confianza). De verde aparecen as causas que teñen polo menos un 5% menos de risco.

  O mapa de mortalidade así obtido reflicte unha gran desigualdade norte-sur. Mentres de Toledo para arriba o risco de morte é baixo ou medio, no sur é medio ou alto, especialmente no sueste de Andalucía.
  No caso de Galicia predominan os concellos de risco medio e algo menos os de risco baixo (estes últimos sobre todo na provincia de Ourense). Só hai sete concellos con alto risco: Oleiros -o máis rico de Galicia!- (+12), Malpica (+14), Mondoñedo (+14), Vilamartín de Valdeorras (+16), Vilanova e a Illa de Arousa (+22) e Cabanas (+36).

  Os sete concellos da comarca de Ordes teñen un risco medio, pero destacan polas súas altas cifras en dous tipos de mortes: suicidios e accidentes de tráfico.
  Recordade que a cifra principal (o risco estimado) é a máis probable, pero o resultado pode estar entre as outras dúas cifras cun nivel de confianza do 95 %.


  Como podedes ver, Ordes é o concello cun risco de mortalidade máis alto, mentres que os outros dous concellos centrais e os dous occidentais teñen cifras moi similares. Tordoia e Trazo destacan polo seu baixo risco.

sábado, 22 de febrero de 2020

1932: Un mundo feliz

  En 1932 as cousas non pintaban ben. A xente estaba preocupada co rumbo que tomaba o mundo e Aldous Huxley publicaba Brave New World.

  E, desde logo, era para estar preocupados. Os comunistas gobernaban a URSS pero non podían evitar a gran fame de 1932-1933 que afectou ás maiores áreas productoras de cereais como Ucraína e Kazajistán. Os xaponeses seguían coa súa expansión en China obrigando ao emperador marioneta Puyi a proclamar a independencia de Manchuria. En Italia o fascista Benito Mussolini cumpría os 10 anos no poder e en Alemaña a situación ía a peor marcando en febreiro un récord no número de parados (6,13 millóns). Aínda así Paul von Hindenburg conseguiu derrotar na 2ª volta das eleccións de abril a Adolf Hitler.
  Nos USA, en cambio, a atención pública estivo posta no secuestro do fillo de Charles Lindbergh que rematou traxicamente.

  En España seguía o goberno da República agora presidido por Manuel Azaña. Continuando coa confrontación coa Igrexa Católica, en xaneiro disolveu aos xesuítas, nacionalizando os seus bens, e en febreiro sacou a lei do Divorcio. Tamén houbo confrontación social coa patronal e a CNT porque esta (ao contrario que a UGT, xa que os socialistas formaban parte do goberno) non renunciaba ás folgas e á violencia.
  Tampouco mellorou a cuestión militar, posto que Azaña despois dunha primeira medida moi intelixente para retirar aos militares máis conflitivos, tomou logo outras que os volveron alporizar. Como resultado, en agosto houbo un fallido golpe de Estado coñecido como a Sanjurjada. Ese fracaso foi bo para a popularidade do goberno (ata tal punto que existe a teoría de que o posterior Alzamento foi permitido para poder derrotalo e lograr dese modo maior simpatía para o goberno da Fronte Popular).

  En Galicia o Partido Galeguista (que tiña como deputados a Castelao, Otero Pedrayo e Suárez Picallo  -Villar Ponte, deputado pola ORGA, ingresaría en 1934)- participou xunto co Partido Republicano Gallego e Acción Republicana no Comité de Propaganda do Estatuto, que vería un parón co posterior goberno da CEDA.

  E en Ordes? Ademais de que fundou o seu comercio Antonio Pazos, que Modesto Fernández Vázquez (1916-1989) deu inicio á empresa funeraria "San Isidro" e que Rogelio Prado transformou un camión no seu primeiro autobús ...
XANEIRO comezou cunha estampa antes moi habitual: unha gran nevada no Mesón que case paralizou o tráfico. Segundo El Pueblo Gallego "El espectáculo que ofrecía la carretera desde Mesón del Viento hasta Órdenes era impresionante: toda cubierta de escarcha y numerosos autos detenidos". Foi aprobado o regulamento da "Sociedad Agraria de Villamayor, Olas y parroquias limítrofes". Morre o párroco don Manuel Vázquez Lens de un ataque repentino cando paseaba polas Casillas. Só levaba 3 meses na vila.
FEBREIRO: O orzamento municipal foi de 80.208 pesetas. Nova liorta en Ardemil: O músico Manuel Louro Raposo e José Campelo detidos por ferir gravemente a Andrés López Gómez, de 20 anos, por unha discusión sobre o pago aos gaiteiros que tocaron nun baile. Morreu José Viqueira Gómez en Pereira aos 74 anos de idade.
MARZO: O delegado de Facenda atende as reclamacións dos comerciantes e elimina un recente imposto municipal. Liorta nunha romaría de Mercurín. Atentado con bomba en Beán contra o mestre Martín Pan Atañes. Accidente de tráfico de Manuel Verea Remeseiro. Morre Gumersindo Ruíz Linares, fillo de Diego Ruíz Lago, emparentado coa familia Liñares.
ABRIL: Postos en liberdade 10 peóns detidos en Ordes por mor da folga de marzo. 
MAIO: Atentado en Lesta na estrada Ordes - Carballo. Constituída en Ordes a Federación Agraria e aprobado o regulamento da "Sociedad de Agricultores de Sta Marina de Parada". Leas na "Unión Mercantil".
XUÑO: Subasta para construír o camiño de Cerceda ao Mesón do Vento.
XULLO: Atentado con bomba en Parada contra a casa de José Moure Noya. Accidente de tráfico en Cambre dos veciños do Mesón Nicasio Gómez (o condutor), Andrés Bascoy López (40 anos) e a súa filla Manuela (11). Morreu en Poulo José Ferreiro Cancelada aos 71 anos.
AGOSTO: Festas patronais. Voda de María Gil Viqueira (filla do gandeiro de Poulo Evaristo Gil Calvo) en San Pedro de Mezonzo co mozo José Mª Botana Varela.
SETEMBRO: Mitin agrarista galeguista no que participa Castelao. Banquete de homenaxe ao director da banda Higinio Cambeses. Creación dun novo club de fútbol chamado "Progresista". Morre o industrial de Oroso, afincado en Ordes, Juan Raposo Mirás.
OUTUBRO: Destinado á escola de Ardemil o profesor Ángel Blanco Senra.
NOVEMBRO: Inauguración da escola do Canedo (Ardemil). O seu 1º mestre sería Ángel Sánchez Vázquez.
DECEMBRO: Próxima inauguración dun equipo de son no Salón Cine Troche.

martes, 18 de febrero de 2020

Superficie forestal 2018


  Segundo os datos oficiais do IGE, a superficie forestal da comarca de Ordes medrou no último decenio a un ritmo de 81,5 hectáreas anuais. Pasou de 37.658 hectáreas no ano 2008 a 38.476 no ano 2018, e en termos relativos de ocupar o 49,9 % da superficie ao 50,9 %.
  Consecuentemente as superficies catalogadas como de cultivo e prado van a menos (544 hectáreas na última década). No 2018 ocupaban 29.892 hectáreas, o 39,5 % do total comarcal.
  Esta evolución concorda con que, segundo un informe do Observatorio Galego de Mobilidade de Terras, os prezos do monte sexan na comarca máis caros que a media galega (0,81 euros por metro cadrado fronte a 0,64 euros), mentres que as terras agrarias son algo máis baratas (1,57 euros por metro cadrado fronte a 1,79).

  Por concellos destaca o feito de que só Mesía teña maior superficie de cultivos e prados que forestal (556 hectáreas máis). Con todo, tamén é Mesía onde máis medrou a área forestal  ao gañar 175 hectáreas no decenio.
  O resto dos concellos oscilan desde o 49,1 % de Ordes ao 59,2 % de Trazo, o concello con máis superficie forestal, que pola contra foi tamén dos que menos aumentou con 66 hectáreas na última década, só superado á baixa por Frades (52 hectáreas). Nos outros 4 concellos o incremento superou as 100 hectáres (118 en Oroso, 125 en Tordoia, 133 en Cerceda e 146 en Ordes).

  Como curiosidade, a comarca tamén variou de extensión a partir de 2012, presumiblemente pola posta ao día dos datos urbanísticos. Hoxe é oficialmente 86 hectáreas máis grande que en 2012, aínda que non a todos os concellos lles afectou igual: Mesía medrou 51 hectáreas e Oroso 50, Cerceda 35 e Tordoia só 2, mentres doutra banda Ordes perdeu 8, Trazo 12, e Frades (o máis perxudicado) ten agora 18 hectáreas menos.


  Aínda que os datos oficiais publicados non precisan a superficie que ocupan as distintas especies, unha simple ollada permite apreciar que o eucalipto, seguido do piñeiro, é a árbore preponderante. Para numerosas familias supón unha fonte de ingresos extra, da que botar man nun prazo relativamente curto grazas ao seu rápido crecemento. Non ven outra alternativa de uso que lle dea máis rendabilidade ás súas terras.

sábado, 15 de febrero de 2020

Fauna ordense

  Velaquí un artigo publicado na revista ARO nº 7 (1992) que pretendía ser o inicio dunha serie humorística sobre personaxes típicos da xuventude de principios dos 90 e que hoxe ten un certo valor etnográfico (doume coba a min mesmo). Tristemente o nº 7 foi o último e a serie quedou sen continuidade. A ilustración da revista era en B/N pero dinlle cor para a súa translación á web.

GUÍA de CAMPO da FAUNA ORDENSE
Polo doutor Hans Schmied (catedrático de psicoloxía animal pola prestixiosa Universidade de Berzasbourgh)

HOXE: "Rambarius agresivus"
1) O exemplar do que estamos a falar hoxe é bastante escaso pero moi ben definido. Mesmo os profanos poden recoñecer de xeito doado a un "Rambarius agresivus", se ben poucos especimes desta clase alcanzan a perfección, dándose unha profunda mestizaxe coas outras especies.
2) A principal característica do rambarius é a colocación no punto máis alto da súa escala de valores da forza e da violencia por enriba da intelixencia, lóxica e outras, pola sinxela razón de que carecen destas últimas. O cariño á forza non significa unha continua utilización dela. Moitas veces é substituída por un cerimonial de forte significación, complexas variantes xestuais e frases de carácter ritual tales como "Coidado chaval que estou indo ao ximnasio e dentro de pouco vouche dar unha malleira". Estes mecanismos de substitución son máis frecuentes na subespecie "Rambarius agresivus canijus". A outra subespecie "Rambarius agresivus bestiajus" adoita recorrer á violencia física case todos os sábados noite pero, curiosamente, sempre é provocado.
3) Por mor deste culto á forza, ao rambarius soe gustarlle a música heavy-metal (aínda que en moitos casos non lle guste ningunha) e os filmes de Stallone, Norris e Schwarz...etc, A calidade dos filmes mídena polo número de tiros que se oen e os litros de zume de tomate que se vexan (adicionalmente tamén contan os avións caídos, tanques esbourados e norvietnamianos mortos).
4) Extrañamente o rambarius é un animal urbano. Aínda que el diga que lle encanta saír ao campo e practicar supervivencia, as veces que fai isto son practicamente cero. As razóns son dúas: pode deteriorar o seu coitelo de monte e ... a quen llo ía ensinar logo? e unha definitiva, no medio do monte non hai bares e pódese rematar a cervexa.


HOXE: "Pijus repelens"
1) Ao contrario que o rambarius, a especie "Pijus repelens" é moi abundante e non se limita só a exemplares masculinos senón tamén a femininos en aproximadamente igual proporción. É moi ben definida, facilmente recoñecible, pero de difícil trato porque, dado o seu elevado número, relaciónanse entre si sen dar opcións á mestizaxe.
2) A principal característica do pijus é a súa total falta de criterio propio. Como se deduce do exposto no apartado 1, esta especie é gregaria e o que fai un fano todos e só lles gusta o que está de moda: en música os "40 principales" -fundamentalmente "Modestia Aparte"- pero se por acaso botan nesa emisora unha boa canción -cousa difícil pero non imposible- tamén lles gusta (documentado está que exemplares da especie son fans de "Nirvana" ou de "Guns & Roses" e isto é rigorosamente certo). Non teñen un xénero cinematográfico definido pero, en cambio, a femia da especie é unha feroz lectora sobre todo de biografías que aparecen en revistas de gran calidade con títulos tan científicos como "Super Pop", "Vale", etc.
3) Como o seu propio nome indica, o "Pijus repelens" é odiado polo resto da fauna. Iso é debido, non ao seu carácter que en xeral é pacífico, tranquilo e moderadamente repunante, senón á envexa polo seu éxito coa pijus femia pois esta normalmente é guapa, alta e de bo porte, fisicamente moi apreciada polo resto das especies -aínda que de boquilla falen mal dela- pero altamente refractaria aos contactos e intercambios culturais.
4) Pijus tamén é animal urbano pero non sedentario porque soe nomadear na súa motoreta, prolongación natural dos seus pantalóns de marca, pero sen abandonar nunca os límites da vila por non se sabe que atávicos temores.  

miércoles, 12 de febrero de 2020

O mitin de Matos

  A chegada da República supuxo (entre outras moitas cousas) un florecemento das organizacións agrarias comparable ou superior ao que se produciu na primeira década do século XX. Chegaron a coexistir sindicatos, sociedades ou federacións de inspiración católica, republicana, galeguista, socialista ...
  Tamén houbo un auxe dos sindicatos obreiros aínda que estes non tiñan tanto potencial de crecemento porque Galicia, salvo contadas excepcións, seguía sendo eminentemente rural. Aquí as dúas tendencias maioritarias eran a anarquista e a socialista.

  Os anarquistas, que crearan a Confederación Regional Galaica en 1923 con José Suárez Duque como primeiro secretario, sufriron coa ditadura de Primo de Rivera unha enorme presión (varias suspensións dos seus sindicatos, desterro dalgúns militantes, prohibición de reunións, peche de xornais e mesmo o proceso do seu secretario xeral Ricardo García Lago en relación co asasinato do presidente da patronal ferrolá). Isto obrigounos a trasladar o comité rexional a Santiago de Compostela onde, con maior permisividade das autoridades, desenvolveron as súas actividades ata 1930.
  Coa chegada da Dictablanda e despois da República, a CGR experimentou un rápido crecemento e a mediados do ano 1931 xa recuperara practicamente a implantación anterior a 1923, competindo coa UGT socialista que estaba preto dos 20.000 afiliados en Galicia.

  É neste contexto de competición por intentar aumentar a afiliación que se achegou a Ordes Manuel Rodríguez Matos, natural de Vilaboa e destacado membro da CNT coruñesa, afiliado ao Sindicato de Peones, organizador de sociedades agrarias en Culleredo e destacado conferenciante e propagandista, que tiña 36 anos de idade naquel momento.
  O obxectivo eran os traballadores do ferrocarril que se asentaban na vila en gran número. O mitin tivo lugar loxicamente un domingo, día de lecer, o 29 de novembro de 1931 no Salón Troche. A prensa convencional non fixo ningunha referencia pero podemos atopar unha reseña no semanario coruñés anarcosindicalista Solidaridad Obrera:
 «A las dos de la tarde dio comienzo el acto, previa una arenga que el camarada Rodríguez Matos lanzó desde uno de los balcones del Salón Cine a los agricultores que merodeaban por aquel lugar, mirándonos con recelo y prevención injustificada, debido a la defecación que el caciquismo había lanzado sobre nosotros».
  Logo de acadar que entrara o público, falaron Gerardo Pazos Maceira e José Láuzara García, dous militantes que o acompañaban. Para rematar volveu falar Rodríguez Matos.
  «Hizo un breve resumen de los expuesto por sus dos camaradas de tribunas y entró de lleno en el terreno de la lucha de clases. Expuso los fines bastardos que persiguen todos los partidos políticos y los ideales redentores de la organización obrera. Con trazos ligeros perfiló la estructura orgánica de la C.N.T. y la posición que deben ocupar en ella los Sindicatos agrarios.
Al concluir criticó acerbamente al cacique máximo de aquella localidad, Concheiro Rodríguez, y a los curas párrocos de Tordoya, Oroso, Santaya y Gorgullos, dueños de vidas y hacienda bajo el pendón republicano».

  Non sería a última vez que Matos pisase as terras da comarca. Volvería tres meses despois a petición do Sindicato de peóns.
  A pesar dos seus esforzos, Ordes non sería especialmente proclive aos anarquistas, aínda que, segundo Dionisio Pereira, había militancia anarquista en Ardemil, probablemente no Mesón do Vento.
  Tamén da comarca foi Francisco Raña Boquete (parece ser que de Cerceda) que foi alcalde de barrio na parroquia de Lesta en xullo de 1922. Emigrado á Coruña, viviu en San Andrés e foi vicepresidente do Sindicato de panadeiros La Nueva Unión, morrendo paseado en agosto de 1936.

miércoles, 5 de febrero de 2020

ARO

  A chegada da democracia foi unha especie de ano cero para a lingua galega. Había que crear unha normativa que contentase á maioría dos galegos a partir das numerosas variantes existentes. En canto á lingua escrita, as principais opcións eran dúas: estaban os partidarios dunha grafía similar á castelá -despectivamente chamados isolacionistas, e os que querían reintegrar o galego na órbita portuguesa, que se chamaban a si mesmos reintegracionistas -pero eran máis coñecidos, tamén despectivamente, como lusistas-. Esta encarnizada guerra (que doutra banda tiña lugar baixo o descoñecemento e indiferenza da inmensa maioría da xente) recruouse na década dos 80 coa aparición de AGAL (Associaçom Galega dá Língua) en 1981. Baixo o seu paraugas foron nacendo outras pequenas agrupacións reintegracionistas locais.


  Neste contexto ten lugar o nacemento da ARO (Associaçom Reintegracionista de Ordes). O caldo de cultivo foi o instituto -hoxe IES Nº 1- onde varios profesores que usaban a normativa reintegracionista nas súas clases causaron gran efecto e influencia nun grupo de alumnos con fortes inquietudes culturais e ideas políticas nacionalistas.
  Así, en xuño de 1988 constituíuse oficialmente a ARO, que segundo os seus estatutos tiña como obxectivo fundamental a "Normalización do galego-português na Galiza". 
  Os membros de máis idade eran o matrimonio de profesores Rosário Fernández Velho* Charo e Francesco Traficante e o licenciado en Maxisterio Manuel Paços -o futuro fundador do Obradoiro da Historia en 1996-. Xunto a eles un grupo de ex-alumnos do instituto que roldaban entón os 18 anos entre os que estaban Rosa Gonçález Carvalhido (presidenta desde 1990), Antom Juncal Costa (encargado da revista) ou Fernando do Rio, que foi o representante da asociación no Padroado.

  A súa presentación pública foi o 13 de xaneiro de 1989 no salón de actos da Cámara Agraria (presentación que acabou cun viño no Bar Corzo). Durante tres ou catro anos relizaron un intenso traballo con múltiples actividades: cursos de galego baixo a normativa reintegracionista, conferencias a cargo de lingüistas (normalmente membros da AGAL), encontros con outras asociacións, Magostos populares, recitais poéticos, exposicións de libros, participación na obra "História da Língua en Banda Desenhada", participación no Padroado Municipal de Cultura ... Ata lograron unha felicitación do erudito local Manuel Astray.
  Tamén editadon dúas publicacións: a revista "ARO" e o xornal "O MÊS".

ARO
  Entre os anos 89 e 92 apareceron sete revistas que custaban 250 pesetas. As primeiras eran simplemente un grupo de folios A4 fotocopiados e grampados. A última, máis profesional, con portada de cartolina e maquetación máis traballada custaba xa 300 pesetas.
  Loxicamente había moitos artigos que tiñan que ver coa lingua (a súa defensa, normalización, a normativa ...) e que eran os máis aburridos para os lectores ocasionais, pero logo había tamén bastante variedade, respondendo aos distintos gustos dos membros (que, para dar impresión de maior número, ás veces usaban dous ou tres pseudónimos diferentes).
  Francesco Traficante, que tiña varios pseudónimos, era o que máis escribía sobre cuestións políticas, Manuel do Rio Gômez -futuro profesor do instituto de Ordes- adoitaba facer artigos de divulgación científica, Joám Carlos Miranda -moi afeccionado á música- falaba dela nunha excelente sección chamada "A Terra das mil danças" e Daniel Pereiro -futuro profesor e membro do Obradoiro da Historia-, que era o narrador máis dotado, escribía baixo o pseudónimo de R. Vestilheiro pequenos contos moi entretidos. Había poemas de Reme Liste e de Fernando do Rio Igrejas "Guilhim", baixo o pseudónimo de "Guilhao". Este último tamén facía ilustracións e cómics. A partir do número 5 colaborou Xan Ferreiro* (que non era reintegracionista pero si amigo de varios membros da asociación) con páxinas do seu cómic, aínda non publicado, "Valadouro & Co".
  Como anécdota curiosa, un dos primeiros números que tiña na portada unha muller en bañador (debuxada con trazos xeométricos) foi duramente atacado por unha organización irmá, as MNG (Mulheres Nacionalistas Galegas) que tamén eran reintegracionistas e que vetaron a súa venda nalgúns locais. A portada do número 4 é salientable por estar inspirada no famoso anuncio publicitario "1984" de Apple Macintosh.

O MÊS
  ARO cambiou de estratexia e decidiu facer un xornal mensual que comezou a saír en novembro de 1991 e rematou en outubro de 1992. Os dous primeiros números custaban 50 pesetas e os demais subiron a 75. Tiña como subtítulo "Vozeiro comarcal" porque non só traía novas de Ordes senón tamén doutros concellos. Este formato seguía tocando temas de cultura e lingüistica pero profundaba máis na crítica e na política.

  O "conselho de redacçom" incluía a Manuel Paços, Maria Regos, Manuel Belho e Jorge Pulheiro (si, o da tenda ATX) ademais doutros xa mencionados (Charo, Francesco, Guilhim, JC Miranda, Manuel do Rio e Dani Pereiro).
  A tirada era duns 200 exemplares pero houbo algún número (o que falaba dos problemas laborais en Viriato) que superou esas cifras e foi un gran éxito de vendas.

  Pouco tempo despois constituíuse a asemblea local do BNG en Ordes. A gran maioría de membros da asociación integráronse nesta formación politica á que dedicaron as súas enerxías e deste xeito desapareceu a ARO.

* Os nomes e apelidos están escritos en galego reintegrado.
   Xan Ferreiro: ou sexa, eu.

sábado, 1 de febrero de 2020

Informe meteorolóxico 2019

TEMPERATURA
  2019 foi un pouco máis cálido do normal (+0,4º C) principalmente no leste de Galicia e nalgunhas comarcas do litoral como a da Coruña. En cambio na Costa da Morte e a Ría de Arousa as temperaturas foron máis frías (-0,7º C). O que si houbo foi grandes oscilacións, mesmo de día a día, con repentinas baixadas e subidas de ata 10 graos.
  Febreiro foi un mes moi cálido (desde 2008 non se alcanzaban tales temperaturas nese mes) e tamén maio. De feito neste último mes, o día 31, rexistrouse o récord anual superando os 33º C.
  Pola contra, en xuño sucedeu ao revés (para atopar outro xuño tan frío hai que remontarse a 1997) e tamén foi húmido. Especialmente notable foi o día 6 que viu o paso de Miguel, unha borrasca moi profunda e de tipo explosivo que mesmo levou neve á montaña de Lugo e Ourense.
  No que respecta á insolación, 2019 estivo por encima da media anual das tres últimas décadas. Rexistráronse máis de 2.200 horas de sol, algo máis do 50 % das posibles, valores que tan só se superaron nos anos 2005, 2016 e 2017. Con todo, como no último trimestre non chegaron a 250 horas de sol, a impresión que deixou o ano foi a de que estivo cheo de días grises e húmidos.


PRECIPITACIÓNS
  Coa choiva deu a mesma impresión. De xaneiro a setembro, recolléronse preto de 900 litros por metro cadrado en Santiago, mentres que no último trimestre case chegaron a mil, polo que a xente rematou crendo que foi un ano máis chuvioso do que en realidade foi.
  Na comarca de Ordes, a zona central superou os 1.600 mm de precipitacións, Mesía os 1.800 e o oeste de Tordoia e Trazo, como é habitual, pasou dos dous mil milímetros.
  Maio foi un mes bastante máis seco (e cálido) do normal, mentres que febreiro e xuño tamén foron bastante secos. En cambio abril, cunha sucesión de varias borrascas, foi moi húmido e o xa mencionado último trimestre tamén. Novembro foi moi húmido, ademais de rexistrar o temporal máis forte da última década na nosa comarca o día 14. Decembro non o foi tanto polos días de choiva (os habituais), como pola gran intensidade destes, o que provocou inundacións en diversos lugares da comarca.